main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/07/201709:30
VI Edición do Programa Axudas a Proxectos Inclusivos.
Santiago de Compostela

A Fundación Universia e a Fundación Konecta lanzan a VI Convocatoria de Axudas a Proxectos Inclusivos

  • Esta iniciativa ten como obxectivo promover a empregabilidade das persoas con discapacidade a través de proxectos inclusivos desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro e universidades españolas
  • Como novidade este ano, o apoio económico ascende a 50.000 euros, un 67% superior á edición anterior, pola ampliación das categorías: Educación, Emprego, Investigación, Cultura e Deporte
  • Fundación Universia, co apoio de Banco Santander, desenvolverá un Ecosistema de Apoio entre as entidades participantes acompañado dun proceso de mentoring para fortalecer a presentación dos proxectos

 

Fundación Universia, co apoio de Banco Santander, e Fundación Konecta presentan a VI Edición do Programa Axudas a Proxectos Inclusivos.

Esta iniciativa promove a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade dentro do territorio nacional, e serve como canle directa para coñecer as necesidades das organizacións do Terceiro Sector. Fundación Konecta participa por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa consolidada da Fundación Universia.

Como novidade, neste ano a dotación económica ascende a 50.000 euros, un 67% superior á edición anterior, cuxa dotación era de 30.000 euros.

Esta inxección de capital é mostra dun aposta firme polo proxecto, en atención a todos os ámbitos de actuación da Fundación Universia para impulsar proxectos dirixidos á mellora da empregabilidade, a autonomía e o empoderamento das persoas con discapacidade.

As entidades participantes, organizacións sen ánimo de lucro e universidades españolas poden presentar proxectos que se encadren nalgunha das cinco categorías que se propoñen: Educación, Emprego, Investigación, Cultura e Deporte.

Isto supón dous cambios respecto ao pasado ano: 1. Apostar polo deporte como medio de inclusión laboral e de adquisición de competencias profesionais das persoas con discapacidade. 2. Desdobrar a categoría ‘Emprego e Formación' pasada, incluíndo nesta ocasión: Educación (proxectos formativos centrados no desenvolvemento profesional en relación co potencial e o talento das persoas con discapacidade como elemento de diferenciación), e emprego: proxectos orientados ao impulso do emprego ordinario a través da incorporación laboral e profesional e/ou relacionados co autoemprego e o emprendemento das persoas con discapacidade.

 

Ecosistema de apoio e rede inclusiva

Outra novidade nesta edición, a Fundación Universia desenvolverá un Ecosistema de Apoio con outras organizacións participantes do programa, que sirva para conectar necesidades-proxectos-oportunidades, e como ponte para xerar unha rede de contactos.

Dentro do Ecosistema de Apoio ofreceranse ademais sesións formativas ‘mentorizadas' por expertos ás entidades que participen nos proxectos inclusivos, para mellorar ou reforzar a innovación das súas iniciativas.

 

O programa admite solicitudes ata o 1 de setembro

As persoas interesadas nestas axudas poden presentar a súa solicitude ata o 1 de setembro de 2017 a través da ligazón onde poden consultar as bases. Os proxectos gañadores serán seleccionados por unha comisión evaluadora que terá en conta a súa repercusión e impacto, o carácter innovador, a viabilidade do proxecto, o plan de difusión e resultados, etc.

O fallo publicarase o 2 de outubro.

 

Case dous mil candidaturas nun lustro

Durante os cinco anos de vida do Programa de Axudas a Proxectos Inclusivos, recibíronse 1.730 candidaturas de toda España. En pasadas edicións premiouse a universidades, fundacións, asociacións, federacións, confederacións e cooperativas sen ánimo de lucro, con localizacións xeográficas dispersas dentro do territorio español: A Coruña, Asturias, Navarra, Burgos, Segovia, Madrid, Barcelona e Almería.

14/07/201709:19
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

A Xunta aposta por 14 proxectos de innovación sanitaria para abordar os retos do envellecemento

A Consellería de Sanidade presentou, recentemente, as 14 propostas tecnolóxicas innovadoras polas que aposta para desenvolver, no marco do programa Código 100 que conta cun orzamento de 13 millóns -e con fondos europeos- e que está dirixida a optimizar a resposta do sistema sanitario público ante o reto do envellecemento poboacional.

 

Código 100 está orientado a captar ideas de cidadáns, profesionais e empresas do sector agrupadas ao redor de tres liñas principais: o empoderamento dos pacientes, as terapias avanzadas e a xestión do coñecemento. Comezou cunha primeira etapa de consultas ao mercado, na que se recolleu información coa que lanzar proxectos dirixidos a retos sanitarios, e posteriormente realizáronse reunións con clínicos, profesionais e asociacións de pacientes para a detección de necesidades asistenciais concretas.

 

Tras estas primeiras fases a Xunta recibiu 210 propostas de solucións innovadoras, que se concretaron en 14 iniciativas, que se expuxeron hoxe na xornada de presentación do mapa de demanda temperá do plan. Nela, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que o obxectivo da Administración con iniciativas como esta é buscar un medicamento cada vez máis personalizado e de maior precisión, á vez que se dá continuidade aos avances nas tecnoloxías que facilitan o autocoidado do paciente.

 

O plan promove solucións que acheguen un beneficio asistencial e, ao mesmo tempo, actúa como catalizador da innovación no sector da saúde. Os seus proxectos desenvólvense a través da compra pública innovadora, modalidade que mobilizará o 70% do orzamento do programa. Isto, segundo Almuiña, achegará beneficios tanto ao sector público como ao privado, polo que é unha ferramenta que beneficia a todos, principalmente aos pacientes e ás súas familias.

 

Obxectivos dos proxectos

Das 14 iniciativas, sete encádranse no campo das terapias avanzadas, e están orientadas a sistemas de detección baseados en biomarcadores para o diagnóstico temperán de pacientes con enfermidades reumatolóxicas, con doenzas neurolóxicas e con cancro de páncreas; estudo de alteracións xenéticas en pacientes con cancro de pulmón; diagnóstico precoz do cancro de mama; e dispositivos multicanle para a realización de endoscopias.

 

Cinco iniciativas enmárcanse na liña estratéxica do empoderamento dos pacientes, e céntranse na implantación de dispositivos para o control da diabetes e para a xestión de alertas; na creación dunha app de recoñecemento de patróns faciais para persoas con trastornos do espectro autista ou enfermidades neurodexenerativas; e no desenvolvemento dunha plataforma de Big Data para xestionar a interacción dos usuarios co sistema de saúde e doutra para a homologación e integración dos dispositivos e as aplicacións xa existentes.

 

As últimas dúas iniciativas seleccionadas céntranse nun sistema de xestión de profesionais baseado en competencias e nun sistema de recomendación do coñecemento sanitario e de xeración de contidos.

 

47% das propostas, de Galicia

Das 210 propostas recibidas o 47% procederon de Galicia. As iniciativas chegaron desde 10 comunidades autónomas. O 53,3% do total de candidaturas enmarcábanse na liña de acción de empoderamento dos pacientes, o 24,3% na de terapias avanzadas e o 22,4% na de xestión do coñecemento.

 

Máis da metade das solucións procederon de empresas do sector das TIC, mentres que outras chegaron de campos como a biotecnoloxía, o ámbito sociosanitario, o audiovisual e a consultoría, entre outros. Da totalidade das propostas o 73% foi clasificada como de interese para o programa Código 100 e un 19% adicional clasificouse como de interese para outras iniciativas promovidas polo Sergas.

 

O Sergas conta para esta iniciativa co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, que achegará 10,4 millóns de euros dentro do Programa Operativo Plurirrexional Feder de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCint). Os 2,6 millóns restantes asúmense ao 50% entre o Sergas e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

14/07/201709:09
App WhatsCine.
Santiago de Compostela

Ir ao cinema con audiodescripción e subtitulado grazas a WhatsCine e Ilunion

  • Ir ao cinema para gozar dunha película co apoio de audiodescrición, de lingua de signos ou de subtítulos é posible grazas á aplicación WhatsCine

 

Deste contido de apoio, Ilunión, o grupo de empresas da ONCE, leva a cabo a audiodescrición e subtitulado das películas para que persoas con discapacidade visual ou auditiva poidan ir a calquera cinema para gozar das películas.

A última película na que traballou Ilunion é ‘Cita a cegas coa vida', o filme de Marc Rothemud que se estrea este venres.

Para poder utilizar estas axudas, os usuarios teñen que descargarse a aplicación WhatsCine e o tipo de contido que queren utilizar, xa sexa audiodescrición, lingua de signos ou subtitulado.

A continuación, a aplicación sincronizarase automaticamente coa película a través do son e xa estará listo.

14/07/201708:56
Presentación de TEK-FEST.
Pontevedra

O TEK-FEST xuntará memoria e tecnoloxía na súa segunda edición

A II edición do TEK-FEST será un Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio que conectará a memoria da cidade cos tecnoloxías emerxentes a través de distintos obradoiros e actividades que se realizarán en lugares emblemáticos de Pontevedra, do 25 ao 30 de setembro. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, xunto co concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, e o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal , acompañados polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, e a directora de Esdemga, Lola Dopico, avanzou esta mañá as catro liñas de contido para esta edición do encontro e destacaron a integración dos «novos socios» que colaboran este ano no TEK-FEST.

A incorporación de Esdemga á organización do festival é unha das principais novidades deste ano nun TEK-FEST que quere mirar a distintos aspectos do patrimonio da cidade dende a perspectiva tecnolóxica e a artesanía dixital. E para iso proponse «crear sinerxías sumando novos axentes á organización deste encontro, como a Deputación de Pontevedra ou a Universidade de Vigo», subliñou Anabel Gulías. Pola súa parte, Xosé Leal destacou «a procura de novos públicos que buscan iniciativas como o TEK-FEST, coa misión de democratizar a tecnoloxía e facela accesible, ao tempo que se pon en valor un patrimonio moi vivo» como é o de Pontevedra. O concelleiro Alberto Oubiña manifestou a oportunidade que volve supoñer este evento para «situar a Pontevedra no mapa das tecnoloxías emerxentes a través do noso patrimonio, para demostrarlle ao mundo que somos potencia como país».

Lola Dopico insistiu na idea de poñer a colaborar distintas entidades en proxectos coma este e, no que respecta á Universidade, integrar actividades dirixidas ao estudantado pero tamén á comunidade investigadora. Nesta liña o grupo de investigación DX7 vén traballando dende hai un tempo nas conexións entre os procesos artesanais da moda e máis a tecnoloxía, un tema que estará presente no TEK-FEST deste ano a través do taller Calor+Memoria que impartirá Arantza Vilas de Pinaki Studios.

En canto ao concepto que preside este ano o festival, o seu director Toño Cabanelas, explicou que «se na súa primeira edición o lema do festival foi A cidade do futuro este ano o TEK-FEST quere realizar unha viaxe na outra dirección, do futuro ao pasado, que complete e enriqueza a experiencia do 2016, volvendo a mirada á memoria da cidade para seguir situando a Pontevedra na vangarda tecnolóxica».

A continuidade virá dada pola presenza da realidade virtual e aumentada, tecnoloxías que xa estiveron presentes na primeira edición do TEK-FEST, e que volverán protagonizar esta edición, nun momento de madurez no que «xa non se primará a tecnoloxía só, senón que os protagonistas serán os contidos. Queremos que a xente de Pontevedra poida acceder aos mellores contidos internacionais, tanto películas experimentais como contidos relacionados co patrimonio e a moda, e tamén imaxes en 360º producidas o ano pasado no propio TEK-FEST.». Será na Mostra VR que porá este ano en marcha o festival, outra das novidades desta edición.

 

Catro liñas de actividades

O festival este ano terá así catro liñas fundamentais de actuación. En primeiro lugar, un obradoiro de VR + Patrimonio, impartido por Bermudas Land, ofrecerá aos participantes a posibilidade de reconstruír imaxes antigas da cidade pasándoas a un formato inmersivo en 360º. O segundo obradoiro, coordinado por Esdemga, leva por títuloCalor+Memoria e achegarase á memoria téxtil da cidade a través dos novos procesos de tratamento de superficies. Será impartido por Arantza Vilas, deseñadora e investigadora galega afincada en Londres, onde creou Pinaki Studios, e que destaca pola súa investigación en novas materias téxtiles. Tamén é coñecida por ter deseñado parte do vestiario da serie Game of Thrones.

Outro dos pratos fortes deste ano será a Homenaxe aos Tekis do século XX, coa que o TEK-FEST quere reivindicar o patrimonio dos inventores galegos. Os protagonistas desta homenaxe serán este ano os irmáns Portela Seijo, de Santiago de Compostela, que foron pioneiros na enxeñaría acústica e audiovisual patentando inventos como o magnetófono de cable de aceiro, que quixo comprar Philips en 1942, ou o Organ Sound , o mítico altofalante feito a base de cilindros e inspirado nos tubos do órgano da Catedral de Santiago. Precisamente o Organ Sound será obxecto durante o TEK-FEST dunha reconstrución a cargo do artesán dixital Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz, que xa o ano pasado participara no TEK-FEST coa instalación Light Kinetics inspirada na ponte do Burgo de Pontevedra.

A reconstrución do Organ Sound permitirá volver á vida a este singular aparello e reconvertelo nun instrumento de música electrónica, un modular synth, co que se fará unha acción sonora e audiovisual no TEK-FEST que servirá de homenaxe pública aos Portela Seijo, coa presenza dos seus herdeiros.

Por último, a mencionada Mostra VR traerá a Pontevedra unha selección internacional dos mellores contidos en realidade virtual, co foco posto nos contidos experimentais e naqueles relacionados coa moda e co patrimonio. Esta mostra está patrocinada por Samsung, que proporciona varios equipos e gafas de VR para que todos os pontevedreses que o desexen poidan acudir a ver en exclusiva estes filmes.

Todas as actividades do TEK-FEST deste ano serán gratuítas, incluídos os obradoiros de VR + Patrimonio e de Memoria téxtil de Pontevedra, que teñen prazas limitadas. Estes obradoiros están dirixidos a estudantes de Belas Artes, Moda e Comunicación Audiovisual, e tamén a profesionais dos ámbitos do deseño, a artesanía, a imaxe e a cultura dixital. Nas próximas semanas faranse públicas as convocatorias para que as persoas interesadas poidan inscribirse nos procesos de selección de participantes. A inscrición poderá facerse a partires da última semana de xullo a través da web do festival.

13/07/201718:15
Palacio de la Magdalena en Santander.
Santander

Mar Pereira destaca que a Axenda Dixital de Galicia investiu máis de 324 millóns de euros entre 2015 e 2016 para contribuír ao crecemento económico e á mellora social a través das TIC

  • Lembrou que Galicia está a desenvolver esta estratexia baixo un modelo de cooperación e participación continua de representantes do sector empresarial, do sector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou hoxe que a Axenda Dixital de Galicia 2020 investiu máis de 324 millóns de euros, 51 deles de capital privado, entre 2015 e 2016 para contribuír ao crecemento económico e á mellora social da Comunidade aplicando as vantaxes da tecnoloxía.

A responsable autonómica participou hoxe no I Encontro Red.es para a Cooperación Interterritorial en Servizos Públicos e Transformación Dixital, que se celebra na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en Santander. Neste foro, Mar Pereira expuxo a experiencia de Galicia para impulsar a transformación dixital da economía na Comunidade.

Pereira destacou a posta en marcha en 2012 da Amtega como instrumento estratéxico e executivo para impulsar a modernización da administración pública e o desenvolvemento económico e social de Galicia. Desde a Axencia estase a desenvolver a segunda estratexia dixital do actual Goberno autonómico, a Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020) baixo un modelo de cooperación e participación continua de representantes do sector empresarial, do sector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.

 

Obxectivos

Neste proceso de transformación dixital, a responsable autonómica apuntou entre os retos o fomento do talento TIC e a adaptación da formación actual a un mercado que demanda perfiles cada vez máis especializados, tamén en Galicia.

Neste sentido sinalou a importancia do sector sector TIC galego no desenvolvemento da Axenda Dixital e destacou que en 2015 experimentou o maior incremento en número de empresas dos últimos cinco anos e que en 2016 superou, por primeira vez, os 16.000 empregados.

A dixitalización empresarial é outro dos eixos chave da transformación dixital, especialmente entre as pequenas e medianas empresas. Mar Pereira incidiu na importancia de facilitarlles este proceso con medidas específicas como os programas da Xunta formar a directivos de pemes e os de asesoramento especializado para a autónomos e pemes para aplicar solucións dixitais e de industria 4.0.

Tamén abordou a transformación dos servizos públicos, un proceso, no que recalcou, entran en xogo outros factores como as reformas normativas que se están a levar a cabo para conseguir a Administración que esperan os cidadáns do futuro. Neste ámbito, en Galicia incrementáronse os servizos online e puxéronse en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico.

Respecto á conectividade, sinalou que xa Galicia ten en marcha un Plan para levar as redes ultrarrápidas a toda a Comunidade. As primeiras actuación en marcha están dirixidas a dotar a máis de 80 polígonos industriais de redes de ata 350Mpbs e unha liña de axudas para que empresas illadas do rural teñan acceso a internet de máis de 30 Mbps.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS