main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/07/201708:53
App RompeBullying.
Santiago de Compostela

Tokapp lanza ferramenta para converter as mensaxes vexatorias do ciberbullying en mensaxes amigables

Tokapp, empresa galega desenvolvedora da plataforma docente do mesmo nome, segue a engadirlle ramificacións á súa aplicación no camiño de mellorar o funcionamento dos centros educativos pero, tamén, de facelos mellores lugares para aprender e para vivir.

Nesta liña insírese a iniciativa RompeBullying, unha proposta anti-acoso de Tokapp que converte as mensaxes ofensivas en textos agradables entre vítima e acosador. Trátase dunha aplicación de balde que se lanza a combater o dito problema social alí onde adoita xurdir e acrecentarse: nas redes sociais. O seu funcionamento? Transformar a violencia en adhesivos de amizade. 

Para Tokapp, cumpría aproveitar as novas tecnoloxías, e agora máis ca nunca, para loitar contra a lacra do ciberbullying, unha práctica que a día de hoxe abrangue xa un de cada catro casos de acoso escolar, causando secuelas psicolóxicas no 92% das vítimas (consonte un estudo da Fundación ANAR en colaboración con Mutua Madrileña). Segundo lembra a empresa galega, o medio máis empregado para o acoso virtual é precisamente as mensaxes de texto. “Neste punto, a única e última defensa que lle resta á vítima é o bloqueo do contacto”, explican dende Tokapp, engadindo que, malia todo e malia seren bloqueados, “os contidos fican e a persoa acosada convive con eles, algo que lle xera tensión e ansiedade”.

Para reverter o devandito e converter en positivo o negativo xurdiu precisamente RompeBullying, unha aplicación de colantes (adhesivos) para substituír e converter as mensaxes desagradables e ferintes en conversas amables que utilizan o novo sistema de stickers de Apple.

O sistema, unha vez que a persoa acosada recibe unha mensaxe que non é do seu agrado, comeza a funcionar en canto esa persoa abre a ferramenta RompeBullying?, selecciona un adhesivo e arrástrao sobre a mensaxe cubríndoo totalmente. A mensaxe orixinal, desta maneira, fica oculta tanto para a vítima como para o seu acosador. “Con isto, o adhesivo xera unha nova conversación diferente e afastada da violencia”, sinalan dende Tokapp, que logo da súa longa experiencia traballando no eido educativo e dixital puido constatar a alta frecuencia coa que se dan este tipo de prácticas vexatorias por mensaxería. “Aproveitando esta experiencia e o uso de Tokapp nas comunidades escolares”, sinalan, “investigamos como poderiamos achegar o noso gran de area para axudar a emendar o problema”. 

A aplicación, dispoñible para iOS, está xa na Apple Store. É totalmente de balde para pais e alumnos, e ten unha media de uso de 50 usuarios ao día. TokApp informou de que está a traballar para que en datas vindeiras estea dispoñíbel para Android. Tamén pendurou en YouTube un vídeo ilustrativo sobre a ferramenta.

18/07/201708:45
WebVR, WebGL, A-Frame.
Santiago de Compostela

Compostela acollerá unha quedada sobre realidade virtual

A realidade virtual é un ámbito que chama a atención tanto de consumidores como desenvolvedores, e para que estes últimos poidan afondar algo máis na materia o vindeiro 29 de xullo o local de Recuncho Maker acollerá o primeiro Meetup Virtual Reality Santiago, un encontro de verán que terá importantes limitacións de aforo (só poderán asistir 15 persoas) de xeito que os interesados deberán inscribirse o antes posible.

Este meetup estará composto por charlas áxiles e lixeiras para permitir que os asistentes poidan conversar de xeito distendido e probar as tecnoloxías de realidade virtual valéndose dalgúns cascos e cartóns.

Abrirá o encontro o seu organizador, Diego F. Goberna, ás 11:00 horas, cunha presentación e un repaso do estado actual da realidade virtual (dispositivos, plataformas, aplicacións...); seguirao Salvador de la Fuente de Mozilla, quen introducirá ao framework A-Frame; e completarán a xornada cunha charla distendida e probas en vivo.

17/07/201712:07
Presentación de CoToVía.
Santiago de Compostela

O Centro Ramón Piñeiro achega a versión definitiva de CoToVía, o conversor de texto-voz

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) presentou hoxe a versión definitiva do sintetizador de voz CoToVía. Segundo fixo saber o director científico do centro, Manuel González, trátase da versión definitiva dun sistema que fai posible a conversión automática texto-voz para a lingua galega. Ou sexa, que é quen de transformar en cadea oral as palabras escritas. CoToVía, engadiu González, será fundamental para automatizar as comunicacións da información e as relacións sociais. Estivo acompañado no acto de presentación polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen explicou que o CRPIH foi “pioneiro en desenvolver proxectos de tecnoloxía lingüística en galego coma o CoToVía”.

CoToVía é un proxecto interdisciplinar do CRPIH no que traballou un equipo integrado por enxeñeiros superiores de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (baixo dirección de Eduardo Rodríguez Banga) e de lingüistas da Universidade de Santiago de Compostela (baixo a dirección de Manuel González González). O seu obxectivo foi “construír un sistema de conversión automática texto-voz para a lingua galega”. Segundo lembraron no acto, ao longo dos últimos anos foron presentándose distintas versións até chegar “a esta definitiva”, a dada a coñecer hoxe, “construída con unidades pregravadas extraídas da lingua natural”.
 

Que é un sintetizador de voz?
González e García explicaron que os sintetizadores de voz serven para garantir a accesibilidade web a persoas con discapacidades visuais, pero son tamén fundamentais en todas as linguas no mundo da automatización das comunicacións, da información e das relacións sociais: en postos de información automatizados (servizos de banca, reservas de billetes, lectura de mensaxes por vía telefónica...), no ensino de idiomas, no ensino de lectura a nenos con dislexia, nas alarmas orais, na verificación de texto etc.

A versión definitiva de CoToVía púxose ao libre dispor de toda a comunidade como Creative Commons, cunha licenza GPL 3.0+, de maneira que pode ser utilizada libremente por calquera empresa ou usuario, coa única condición do recoñecemento de que os seus autores son o CRPIH e a Universidade de Vigo. O enderezo para a descarga é ftp.net-snmp.org.

17/07/201712:04
Logo Axuda en acción.
Santiago de Compostela

Axuda en Acción impulsa un plan de innovación tecnolóxica para mellorar os resultados dos seus proxectos solidarios

Axuda en Acción impulsou un plan de innovación tecnolóxica no seu sistema de xestión, co obxectivo de mellorar os resultados dos máis de 120 proxectos solidarios nos que traballa actualmente en todo o mundo, segundo informou a ONG.

Grazas a este plan, a organización poderá determinar en tempo real o estado da actividade que leva a cabo e controlar a súa planificación e grao de desenvolvemento.

Entre outras iniciativas, Axuda en Acción apoiouse no uso de ferramentas de análise Big Data, como a solución SAP S/4HANA, que dota ao sistema de escalabilidade tanto funcional como xeográfica e ofrece soporte de forma "áxil" e "rápida" aos volumes de procesamento de información.

Este sistema de xestión, no que colaborou a consultora Stratesys para a súa implantación, garante un maior seguimento e control dos fondos destinados a cada unha das áreas de actividade.

Así mesmo, asegura a trazabilidade das subvencións recibidas tanto de entidades públicas como privadas, e permite unha visión completa ou desagregada dos distintos proxectos realizados segundo a tipoloxía dos traballos.

O plan de innovación tecnolóxica, ademais de en España, ten alcance en Ecuador, O Salvador, Nicaragua, Paraguai, Colombia, Bolivia, Honduras, Perú ou México, países onde a organización está presente a través dos seus proxectos de cooperación.

17/07/201712:01
Luis Barros.
Santiago de Compostela

'Encántanos innovar porque é divertido e rendible, e porque nos facer soñar con poder mellorar as cousas'

  • Entrevista a Luís Barros, Director de Innovación de Atendo

Pregunta.- Unha das iniciativas nas que están implicados actualmente en Atendo é o proxecto Rising. ¿En que consiste?

Resposta.- En soñar cun mundo mellor onde a tecnoloxía chegue para axudar ás persoas maiores a ter “vida”, sen condicionantes de idade ou enfermidade. Onde os profesionais e os familiares teñamos as facilidades tecnolóxicas para dedicar todo o tempo ao máis importante, á persoa.

 

P.- A partir de Rising preténdese crear a ferramenta NETA. ¿Con que obxectivo naceu esta idea?

R.- NETA é a futura ferramenta que queremos desenvolver e que xorde da necesidade de manter o maior tempo posible a capacidade das persoas para resolver as situacións expostas na súa vida diaria, a pesar da deterioración cognitiva. É unha ferramenta de empoderamento, de independencia, de vida. 

 

P.- Nunha sociedade galega envellecida, que beneficios pode achegar NETA? 

R.- Desde a RIS3 Galicia (Estratexia de Especialización Intelixente) e o Esgaen (Extratexia Galega de Envellecemento Activo) ínstannos a situar a Galicia como “rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e vida saudable e na promoción da autonomía persoal”, así que poucas escusas quedan para non innovar, porque realmente o risco será non facelo.

 

Ademais, as debilidades detectadas tras o diagnóstico da situación socioeconómica actual da nosa comunidade xustifícano aínda máis: Galicia está no grupo das economías cun compoñente innovador moderado; baixo nivel de innovación e de transformar o esforzo en I+D+i en modelos de negocio; falta de cooperación e sinerxias entre a pemes para o desenvolvemento de proxectos e actuacións colaborativas en I+D+i; baixa capacidade de atracción de talento; escasa atracción de capital foráneo; baixo número de empresas innovadoras en sectores de media e alta tecnoloxía; envellecemento da poboación e sobreenvellecemento, que repercute sobre o sistema sanitario; alto e crecente gasto por cama; e incremento da poboación en situación de dependencia.

 

Penso que o reto debe de ser máis ambicioso, e non só quedarnos en innovar por separado, senón en cooperar, especialmente as pemes, que seguimos moi desconectadas. Debemos xerar mellores alianzas e pontes coas universidades, cos centros tecnolóxicos e os seus recursos para a innovación, con empresas de todos os sectores que teñan á Silver Economy entre os seus obxectivos estratéxicos e coa Administración como facilitadora do proceso.

 

A partir de aquí, o demais é soñar e traballar para facelo posible. Soñar con xerar un sector en Galicia que achega ao PIB, xerador de ilusión e emprego, atracción do talento, atracción de capital, desenvolvedor de produtos e servizos que faciliten o envellecemento saudable e a vida activa... Un sector que fortaleza o tecido empresarial galego e mobilice o investimento privado, facendo de Galicia uno dos lugares máis especializados e innovadores do mundo.

 

O foro económico de Galicia informa estes días que debemos elixir en Galicia tres ou catro sectores polos que apostar e penso que, co que nos vén demográfica e socioeconomicamente, temos unha grande oportunidade na Silver Economy. Creo que merece a pena tentalo, e NETA é o inicio da nosa achega, o noso primeiro gran de area.

 

P.- Tras máis dun ano traballando no proxecto Rising, cales son as primeiras conclusións que puideron ir sacando do mesmo?

R.- A experiencia e o coñecemento do mercado e das necesidades das persoas maiores do noso equipo, xunto aos enxeñeiros de Balidea que nos debuxan o futuro e os enxeñeiros de Frutods que lle dan a mellor forma, e apoiados polos neurólogos da Fundación Ramón Domínguez e os matemáticos do Itmati, fan de Rising un proxecto potente e cun reto moi ambicioso. 

 

É un luxo liderar este equipo de bos profesionais e de boas persoas. Quédanos este medio ano e case todo 2018 e esperamos ir resolvendo todas as dificultades que o proxecto nos vai expondo.

 

Ademais, polo camiño, e froito desta asociación, saíu algunha idea que presentamos ao Código 100, como achega á parte de empoderamiento de pacientes.

 

P.- En Atendo sinalan a innovación como unha das súas liñas de traballo. Neste sentido explican que desenvolveron un método de atención que une o tradicional coas novas tecnoloxías. Como realizan esta combinación? 

R.- A innovación sempre estivo no noso ADN e sobre todo en ir implementando as novas tecnoloxías no noso sector, pero quizais dunha forma máis pasiva. Agora damos un paso cara adiante porque xa coñecemos as necesidades das persoas que coidamos, dos seus familiares e dos profesionais que prestan os servizos. A nosa xeración é a responsable de deseñar os servizos e recursos do futuro, os que nós imos utilizar,  e é unha responsabilidade facelo poñendo á persoa no centro da atención.

 

Hai moito talento en Galicia e en España. Ademais temos na nosa terra un lugar fantástico para xerar ese ecosistema, así que a innovación seguirá en Atendo e sabemos que en moitas empresas do noso sector e doutros están a facer cousas moi interesantes para este futuro. 

 

P.- ¿Que retos de futuro exponse en Atendo en materia de coidado a persoas maiores e innovación?

R.- Sabemos que o futuro está na cooperación. Gozamos co noso traballo e ilusiónanos os grandes cambios que xa se están producindo e estamos preparados para convertelos en oportunidades. 

 

Vemos moitas sinerxias co sistema sanitario e encántanos atoparnos coa Axencia de Coñecemento en Saúde e cos seus profesionais de innovación porque nos enfrontamos aos mesmos retos de envellecemento e cronicidade e ademais desde a innovación social e co foco na persoa. 

 

Encántanos movernos no mundo das TIC porque dan forma aos nosos soños; estar preto das universidades porque vemos oportunidades no seu coñecemento; e gústanos o norte de Portugal porque teñen nosas mesmas necesidades e porque as súas universidades, centros tecnolóxicos e empresas teñen as mesmas ganas que nós de xerar este ecosistema. Tamén nos agrada compartir coñecemento e cooperar con outros profesionais de España e Europa porque nos fan crecer e ver formas diferentes de enfrontarnos aos mesmos problemas. 

 

En definitiva, encántanos innovar porque é divertido e rendible, e porque nos facer soñar con poder mellorar as cousas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS