main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/07/201709:03
Firma do convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta colabora con Cruz Vermella e Televés no desenvolvemento de servizos de teleasistencia avanzada na Comunidade

  • No marco do proxecto europeo Activage, que se leva a cabo en 7 países durante 42 meses, para crear solucións que favorezan a autonomía das persoas maiores
  • En Galicia permitirá a pilotaxe de novas prestacións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios
  • A Administración autonómica definirá con ambas entidades o perfil dos usuarios da pilotaxe e as necesidades dos mesmos
  • A Xunta aposta por un modelo de teleasistencia avanzada que permita prestar tanto servizos asistenciais a pacientes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar

 

A Consellería de Política Social e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colaborarán con Televés e Cruz Vermella na pilotaxe de novas prestacións de fogar dixital sociosanitario no marco do proxecto europeo Activage, que busca crear solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e autonomía das persoas maiores.

No marco deste proxecto en Galicia desenvolveranse e probaranse solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios, 100 deles con necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.  

A pilotaxe de diferentes solucións en función dos perfís permitirá sentar as bases dunha futura carteira de servizos sociais prestados desde o fogar (coidado integral para os adultos de idade avanzada con enfermidades crónicas, a monitoraxe da actividade diaria, solucións de seguridade e confort en casa, de estimulación cognitiva ou de prevención do illamento social, etc)

A Consellería de Política Social, e Cruz Vermella achegarán á iniciativa o perfil e as necesidades dos posibles usuarios do ámbito social mentres que Televés proporcionará o desenvolvemento das solucións tecnolóxicas a través de tecnoloxía IoT (internet das Cousas) 

Así se recolle no convenio de colaboración asinado hoxe entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey; a directora da Amtega, Mar Pereira; o director xeral da Corporación Televés, Santiago Rey  e a presidenta autonómica de Cruz Vermella, María del Carmen Colmeiro.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou o compromiso da Xunta de Galicia en seguir avanzando nunha rede de servizos sociais que contribúan a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, motivo polo cal saudou a sinatura deste convenio que permitirá a ampliación de beneficiarios coa posta en marcha da teleasistencia avanzada. Ademais, “esta medida afondará na mellora da colaboración e coordinación entre administracións e empresas en beneficio dos galegos e galegas”, declarou o conselleiro.

O titular autonómico lembrou que na actualidade, a Xunta de Galicia oferta a través de Cruz Vermella 5520 dispositivos de teleasistencia e 240 dispositivos xeolocalizadores. “A tranquilidade do usuario ou da súa familia sabendo que pode ser atendido nunha situación crítica a través dun botón de alarma, é impagable, por elo hoxe aunamos forzas e garantimos a prestación do servizo de teleasistencia”, afirmou Rey Varela.

Cómpre destacar que a Consellería de Política Social ofrece un amplo abano de servizos para os maiores que viven sos. Neste sentido, Rey Varela fixo alusión ao programa Acompaño, dirixido a fogares nos que, como estilo de vida libremente elixido, residan persoas de máis de 65 anos de idade e amosen o seu interese en que unha persoa voluntaria poida acompañalas nos seus fogares durante un determinado período de tempo.

Así mesmo, para facilitar a permanencia das persoas maiores con algún tipo de dependencia no seu domicilio, ponse a disposición das mesmas o programa Xantar na casa, un recurso que amplía o servizo de axuda domiciliaria e permite garantir un control dietético axeitado adaptado ás necesidades e ao estado nutricional das persoas usuarias.

Por último, Rey Varela lembrou que o ano pasado, a Xunta de Galicia incrementou nun millón de horas o Servizo de Axuda no Fogar.

 

Modelo de teleasistencia avanzada

Coa sinatura deste convenio formalízase a adhesión da área social autonómica ao proxecto europeo Activage, do que xa é partícipe o SERGAS, para avanzar en solucións tecnolóxicas que dean resposta ao modelo de teleasistencia avanzada no fogar polo que aposta a Xunta de Galicia.

A Administración autonómica está a traballar nun modelo de teleasistencia avanzada para prestar tanto servizos asistenciais a pacientes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telemáticamente aos seus coidadores ou prestadores de  servizos.

Este modelo modelo baséase nun único sistema tecnolóxico para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos.

 

Proxecto europeo

ACTIVAGE é un proxecto financiado pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020, que se levará a cabo en 7 países. Cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses, o seu obxectivo é facer fronte ao reto que supón o envellecemento da poboación.

En Galicia a iniciativa está liderada por Televés, unha das 50 empresas europeas que participan no proxecto ACTIVAGE para construír unha plataforma aberta e interoperable baseada na internet das Cousas (IoT) para crear de solucións que favorezan a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores. Na iniciativa colaboran coa compañía como socios do proxecto Cruz Vermella, Fundación Vodafone, Fundación Tecsos, Universitat Politècnica de Valencia e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

O piloto, que lidera Televés, servirá para incrementar a interoperabilidade das solucións desenvolvidas coas principais plataformas da internet das Cousas, reforzando aspectos como a seguridade, o intercambio de información entre os fogares das persoas que necesitan coidados e os centros asistenciais, a mellora da facilidade de uso dos dispositivos, ou a integración coas redes de telecomunicación despregadas no fogar.

19/07/201708:55
Entrega de diplomas en Narón.
Narón

Narón entrega os diplomas dos seus cursos TIC

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Formación, Novas Tecnoloxías e Mocidade, Natalia Hermida, entregaron o pasado venres, no consistorio, os diplomas correspondentes a media ducia de accións formativas das devanditas áreas. Estas convocatorias, impulsadas desde o Concello, dirixíronse a achegar coñecementos e habilidades a un total de noventa persoas. O alcalde e a edil naronesa felicitaron ás persoas que recibiron os seus diplomas por rematar con éxito cadansúas accións formativas. No que atinxe á área de Novas Tecnoloxías, concedéronse os diplomas ás persoas que remataron os cursos de Marketing dixital: promoción comercial a través das redes Sociais,Trámites en liña e administración electrónica e A utilidade das TIC.

Cada un dos devanditos obradoiros TIC achegou coñecementos a un total de doce persoas, impartíndose na Aula CeMIT de Xuvia, entre os meses de abril e xuño deste ano. Así mesmo, entregáronse na área de Formación os diplomas de dúas convocatorias dunha acción formativa sobre Certificacións UNE Carretilleiro + PEMP (para doce persoas en cada quenda), ambas desenvolvidas en maio e xuño, e de Preparación Competencias Clave Nivel 2 (unha edición para quince alumnas e alumnos), que se desenvolveu entre abril e maio.

Por último, procedeuse a dar os diplomas dunha acción formativa da área de Mocidade, sobre Xestión de vendas e atención ao público, con quince prazas e impartido entre maio e xuño deste ano.

Natalia Hermida salientou a importancia de ofrecer desde o Concello formación en todos os ámbitos, “facendo especial incidencia naqueles sectores que poden ter maiores posibilidades de inserción laboral” e indicou tamén que se convocan ao longo do ano obradoiros dirixidos a persoas de diferentes idades e, na maior parte dos casos, “dándolle prioridade á participación nos mesmos de persoas desempregadas”.

19/07/201708:48
Cartel de Conectadas 2017.
Pontevedra

A Deputación de Pontevedra pon en marcha os obradoiros de Conectadas 2017

A Deputación de Pontevedra vén de pór en funcionamento os cursos formativos do programa Conectadas 2017, promovido polo seu Servizo de Igualdade co obxectivo de mellorar a formación básica das mulleres e loitar contra aquelas cousas que lastran a súa empregabilidade, a súa plena inserción, seu desenvolvemento persoal e o seu manexo integral das ferramentas tecnolóxico-dixitais. Os concellos da Lama e Vigo serán os primeiros en acoller accións formativas ao abeiro da nova edición de Conectadas. En concreto, as persoas que asistan a estes primeiros cursos recibirán formación relacionada coa cultura musical tradicional e o deporte e a saúde.

O programa arranca na Lama cun obradoiro de Pilates que terá lugar desde este martes 19 de xullo no local da Casa do Pobo da Xesta, da man da Asociación de Veciños de San Bartolomé da Xesta. O segundo dos obradoiros que se inician esta semana terá lugar o venres na Asociación Cultural Traspés de Vigo e versará sobre Percusión e Canto Tradicional.

Segundo lembra a Deputación, Conectadas 2017 ten por finalidade "mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías". A través deste programa preténdese tamén "potenciar a participación e a promoción das mulleres e tamén así favorecer a súa posición na sociedade". O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento e maila igualdade de oportunidades. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: Muller emprende(emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoai".

A Deputación de Pontevedra, que inviste nesta edición do programa 324.000 euros, agarda que esta nova convocatoria "supere a alta participación do ano pasado", cando foron máis de 5.000 as persoas que se sumaron a estas accións formativas.

18/07/201709:18
Construción dun robot.
Santiago de Compostela

Os nosos escolares poderán afianzarse na robótica e na programación a través da Semana STEM

O vindeiro curso a nosa comunidade escolar e docente vai estar máis preto das tecnoloxías e da ciencia. Polo menos, durante sete días que non serán, no senso estrito, exactamente iguais cás restantes semanas do ano académico: terán un punto máis de innovación. Estamos a falar da Semana STEM unha iniciativa que vén de ser impulsada pola Consellería de Educación e Cultura e cuxa estrea, este curso, ten que ver cun interese cada vez maior polo ensino tecnolóxico: tanto na forma, como no fondo como nos recursos mesmos aplicados na aprendizaxe. 

En palabras da Consellería, a Semana STEM diríxese a fomentar o espírito científico e tecnolóxico do alumnado galego. E para quen a estas alturas non saiba de que se lle fala cando se lle fala de “STEM”, sinalar que son as siglas que en inglés aluden directamente ás catro patas dunha mesma cadeira: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas. 

A Semana STEM chega á súa primeira edición con 300 prazas destinadas a alumnado de quinto e sexto curso de educación primaria, así como de 1º e 2º curso de ESO de centros docentes públicos. Incluíra estadías dunha semana en réxime de internado e realizaranse en seis quendas durante os meses de outubro, novembro e decembro. A Consellería destinará 210.540 euros a sufragar os gastos das actividades. O prazo para a presentación de solicitudes comezou xa e rematará o 15 de setembro de 2017. 

A iniciativa insírese na vindeira Estratexia galega de educación dixital 2020, que se presentará en breve. Un dos principais obxectivos deste plan pasa por fomentar as vocacións STEM. Isto, segundo informa a Consellería, “xa se está a impulsar a través das materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación e Identidade Dixital, esta última de nova implantación o curso que vén”. O departamento da Xunta tamén explica que a a Semana STEM axudará a reforzar estes ámbitos de coñecemento no eido educativo, “necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro”.

Nas súas palabras, as estadías proporcionarán “ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dun convite aos achados, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos eidos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía”. As actividades serán académicas pero tamén lúdico-recreativas, servindo “de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas”. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo de lecer e deportivas. A finalidade do programa é “promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, a aprendizaxe cun enfoque Maker, a creatividade e a motivación para mellorar a competencias STEM”.

18/07/201709:03
Logo É-Saúde.
Santiago de Compostela

É-Saúde xa conta cunha comunidade de 26.000 persoas

A Consellería de Sanidade vén de facer reconto das persoas que arestora son usuarias da plataforma dixital É-Saúde, dirixida a poñer ao alcance da cidadanía as vantaxes da Administración Electrónica en materia sanitaria (achegando servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende os seus dispositivos conectado a Internet). Segundo explica a Consellería, a dita “comunidade” está formada xa por máis de 26.000 persoas. Ademais, conéctanse cada día entre 2.500 e 3.500 usuarios.

A plataforma, nun ámbito máis concreto, fornece á cidadanía de cousas como consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos ou recibir os informes de TAO, de alta, de probas diagnósticas ou do calendario de vacinacións infantís. Tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais. A plataforma, ademais, brinda acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes. Asemade, permite que as familias (nais, pais, titores), no caso dos menores de idade, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo (trátase do acceso delegado, que xa foi solicitado por 477 pacientes, e que fai realidade a xestión directa e áxil dos procesos de saúde dun persoa a través dun terceiro autorizado para o efecto).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS