
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, asistiu hoxe á XIV Xuntanza dos Maiores que tivo lugar no concello lucense de Xermade, onde destacou “o importante papel que xogan os maiores na sociedade”.
Así mesmo, a directora xeral referiuse aos múltiples servizos que o departamento autonómico pon a disposición das persoas maiores para fomentar tanto o envellecemento activo como os hábitos de vida saudables, lembrando que a Xunta está a desenvolver da man das entidades sociais e dos propios colectivos de maiores a Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020, que constitúe o marco de actuación co que dar resposta ás novas necesidades asociadas ao aumento da esperanza de vida en Galicia.
A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 44 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca de Pontevedra, incluíndo Marín, de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou que se trata dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.
Cores Tourís informou de que nestes cursos invístense preto de 11,6 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 1,8 corresponden á comarca de Pontevedra.
Estas accións formativas di¬rixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD) son sufragadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovidas por institucións, entidades sen ánimo de lucro e empresas. A Xunta de Galicia impulsa este ano a formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá poñer en marcha a nivel galego 750 cursos para 11.250 alumnos e alumnas, con axudas por valor de 40,7 millóns de euros para financiar cursos, que se veñen a sumar a outros 7 millóns para becas que teñen como obxectivo facilitar a asistencia dos beneficiarios financiando gastos de transporte, manutención e conciliación.
Na comarca de Pontevedra están programados 44 cursos, 10 dos cales están organizados por concellos (A Lama e Vilaboa) e a Deputación de Pontevedra (7 cursos) e 34 organizados por empresas e diversas entidades sociais. Como todos os anos, engadiu o delegado territorial, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.
O obxectivo destas accións formativas, afirmou Cores Tourís, “é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, xa que no actual contexto resulta imprescindible reciclarse e formarse en novas materias; adaptarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”.
Ao respecto, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra valorou “a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio ou da comarca, e polo tanto máis próxima ás necesidades reais das empresas”.
José Manuel Cores Tourís incidiu en con este plan preténdese atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan nos novos viveiros de emprego.
Por iso, subliñou, un ano máis abundan as accións formativas relacionadas coa atención sociosanitaria, o turismo e as operacións de xestión administrativa, aínda que tamén se ofertan cursos de linguas estranxeiras, sistemas informáticos, equipos eléctricos, socorrismo, servizos financeiros ou montaxe de infraestruturas, entre outros.
As axudas dirixidas a empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro inclúen novidades con respecto a anos anteriores. En primeiro termo, a convocatoria é por primeira vez bianual (2017-2018) e esta característica posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración. A extensión do período de execución das accións formativas ao longo de dous exercicios orzamentarios achega ás entidades unha maior flexibilidade para a súa programación e permite excluír os períodos estivais e outros cunha alta porcentaxe de contratacións temporais nos que as persoas desempregadas teñen máis dificultades para asistir ás accións formativas. Tamén se establece unha reserva de crédito para solicitudes de financiamento para accións formativas en competencias crave, para facilitar o acceso á formación en certificados de profesionalidade a aquelas persoas sen estudos básicos.
Teñen preferencia para a participación nos cursos os seguintes colectivos de persoas desempregadas: mulleres (especialmente vítimas de violencia de xénero), parados de longa duración, menores de 30 anos, persoas con discapacidade, persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas a condición de que as prazas non se cubran por desempregados.
Málaga acollerá do 27 ao 29 de setembro o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas organizado por a Fundación ONCE, un encontro que mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos ou servizos melloran a vida de todas as persoas.
Como facer que os destinos vacacionais sexan máis intelixentes para que se adapten mellor ás necesidades dos seus usuarios e como conseguir que a robótica sexa útil para persoas maiores ou con alzhéimer serán dúas dos temas que se abordarán neste II Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas, que terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga. Baixo o lema ‘Accesibilidade 4.0', o encontro volve fusionar por segunda vez consecutiva o VII Congreso de Deseño, Redes de Investigación e Tecnoloxía para Todos (DRT4ALL) e o VI Congreso de Turismo para Todos nun único evento.
Entre os temas que se abordarán durante a celebración do encontro internacional figuran as tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación; a interacción persoa máquina; os produtos de apoio, e a teleasistencia e o telecoidado como consecuencia da prolongación da vida activa. Tamén haberá tempo e espazo para mostrar as vantaxes dun fogar dixital, que entre outras son as de posibilitar a vida independente; para falar do emprego da robótica como favorecedora da autonomía persoal, e para debater sobre a innovación como mellora do transporte de todas as persoas. Así mesmo, abordarase o uso das tecnoloxías para promover as Smart City, mellorar a aprendizaxe e para buscar solucións a cuestións como o turismo accesible. Desde esta perspectiva, o evento poñerá sobre a mesa aspectos relacionados, por exemplo, coa importancia do fogar dixital para facilitar a vida a todos os seus habitantes, teñan ou non discapacidade, ou do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas na robótica.
A este respecto, o congreso contará coa intervención de George I. Fomitchev, fundador e CEO Endurance Robots, unha startup dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en robótica. No seu relatorio abordará como dar asistencia a persoas maiores e pacientes de alzhéimer con chatbots, un software de intelixencia artificial capaz de levar a cabo diversas tarefas autónomamente. Endurance Robots aproveitou esta tecnoloxía para desenvolver unha solución innovadora e intelixente que asiste a persoas maiores, incluídas as que teñen alzhéimer, e que pode personalizarse en función das necesidades de cada usuario.
Organizado por a Fundación ONCE, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas conta coa colaboración do Concello de Málaga, Organización Mundial do Turismo, European Network for Accesible Tourism (ENAT), Deputación de Málaga, Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), ONCE, ILUNION e Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Ademais, figuran como colaboradores tecnolóxicos eSmartcity, Fundación Vodafone España, Casadomo e Samsung. E como patrocinadores, ILUNION Hotels, Renfe e Fundación ACS.
Máis información na Web do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para Todas as Persoas.
A asociación TADEGa, plataforma galega a prol das novas tecnoloxías diversas e inclusivas, vén de achegar máis datos (programa, obradoiros) sobre a que será unha das grandes xuntanzas tecnolóxicas da tempada: a quinta edición do Congreso TADEGa, a celebrar os días 20 e 21 de outubro baixo o obxectivo de visualizar e defender metodoloxías e recursos para acadarmos un panorama educativo-dixital que non deixe a ninguén fóra. Haberá, entre outros moitos, obradoiros sobre gamificación, sobre creación de contidos coas tabletas ou sobre robótica nas aulas. O nexo común de todas estas actividades será un compromiso conxunto a prol das capacidades de cada quen: diferentes pero complementarias maneiras de reivindicar o espírito do “faino ti mesmo”, ou sexa, o espírito maker.
Como sinalamos recentemente, a nova edición do evento será unha edición especial. De feito, TADEGa celebra este ano 2017 o seu décimo aniversario (foi constituída como tal en 2007, establecéndose xa dende ese intre o seu firme compromiso a prol de non deixar a ninguén fóra da Sociedade do Coñecemento). Para celebralo, os seus integrantes queren rematar o ano convocando unha serie de festexos-actividades, entre as que se inclúe o devandito congreso.
O roteiro de celebracións comezará polo tanto en outubro, entre o 20 e o 21, da man da quinta edición do Congreso TADEGa (décimo aniversario), que se vai celebrar na Facultade de Educación da Universidade da Coruña baixo o lema Destino: inclusión educativa e dixitale desenvolvendo o seu programa a través de múltiples obradoiros, todos eles abrindo novos vieiros para facilitar a chegada e afianzamento de tecnoloxías para todas e todos, dende as escolas até os ámbitos académicos e profesionais.
O Congreso TADEGa comezará o venres 20 ás 16.30 horas, coa recollida de documentación, e proseguirá ao día seguinte durante toda a xornada. Incluiranse os seguintes obradoiros:
Máis citas para conmemorar os dez anos de actividade
A segunda parada de TADEGa este ano será a oitava convocatoria co Congreso TecnoNEEt, que se celebra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro, en Murcia, xirando arredor da tecnoloxía accesible e inclusiva e facendo fincapé nos logros e nos desafíos que esta loita a prol da accesibilidade implica. A terceira parada será a segunda edición do II Startup Weekend EDU Galicia, previsto para os días 15, 16 e 17 de decembro, en Santiago, baseándose boa parte do seu programa en mostrar as achegas máis innovadoras das nosas novas empresas en materia de novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito docente.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe a aposta da Xunta por contar cun modelo de orientación laboral aberto e apoiado nas novas tecnoloxías durante a inauguración do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, que se realizou no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia esta iniciativa formativa dentro do escenario da Axenda 20 para o Emprego en Galicia co obxectivo de impulsar unha mellora da orientación e os servizos para as persoas demandantes de emprego e as empresas. Trátase de ir cara a un modelo de orientación laboral aberta, moi centrada no uso das TIC como ferramenta esencial tanto para o traballo en rede do persoal como para a interacción coas persoas orientadas na súa procura de novas oportunidade de emprego. Tal e como explicou Marnotes, a Xunta potenciará tamén a atención personalizada a empresas e a formación continua do persoal técnico.
Durante este curso, impulsado polo Consorcio para o desenvolvemento de aplicación de xestión universitaria, as 60 persoas matriculadas accederán a 650 horas de formación tanto presencial como teleformación nas que coñecerán os conceptos e metodoloxías de traballo máis importantes e novidosos aplicables á orientación laboral.