main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/09/201712:43
La Molinera, Ourense.
Ourense

La Molinera achega 16 actividades TIC para este mes de setembro

O Centro La Molinera de Ourense vai enfiar con listón ben alto o mes de setembro. Tanto no que se refire ao número e calado tecnolóxico das súas actividade formativas coma á variedade do público potencial ao que se dirixen. En total, serán 16 obradoiros e accións de divulgación e formación a desenvolver ao longo deste mes. A oferta abrangue un curso de iniciación á informática, tres talleres Maker (sobre reciclaxe de compoñentes electrónicos, sobre fabricación de impresoras 3D e sobre robótica elemental), catro xeiras para escolares, catro novas sesións de xoves inspiradores, outros tantos relatorios da Escola de Organización Industrial e, tamén, un encontro de redes sociais. 

No que atinxe ao Espazo Maker, acolle como dixemos tres obradoiros sobre autocreatividade e sobre tecnoloxías abertas, colaborativas e democráticas. Por unha banda Introdución da economía circular dende a perspectiva da reciclaxe de compoñentes electrónicos, a desenvolver dende o 26 de setembro até o 14 de novembro. Ao longo das sesións procederase á identificación de compoñentes de materiais electrónicos en desuso, recuperación, precaucións, técnicas, probas dos compoñentes recuperados, catalogación e reutilización en fabricación de robots, impresoras 3D e demais tecnoloxías da Industria 4.0. En segundo lugar, o Espazo Maker acollerá o obradoiro Taller de fabricación de impresora 3D, os mércores dende o 27 de setembro até o 22 de novembro, xirando a actividade arredor dos recursos principais para fabricamos, calibrarmos e pór en funcionamento unha impresora 3D a partir de compoñentes autofabricados. Por último, o Espazo Maker tamén dará acubillo ao Taller de fabricación de robótica elemental e Internet das Cousas. Será os xoves dende o 21 de setembro até o 9 de novembro. Aprenderásenos a dar forma a robots e aos diferentes elementos dos trebellos móbiles, mecánica, electrónica, comunicacións, ensamblado, axustes e programación. 

Polo que se refire á Aula CeMIT, do 18 ao 27 de setembro celebrarase un Obradoiro de iniciación á informática, co obxectivo de facilitar ao público en xeral “a oportunidade de capacitarse e adquirir uns principios básicos de achegamento que faciliten compartir información, a interoperatividade, o deseño centrado no usuario e a colaboración en liña”.

No Espazo Kids, para nenas e nenos de 8 a 15 anos, haberá tres talleres. Primeiro, Creatividade aplicada ao emprendemento infantil e educación financeira, os martes do 19 de setembro ao 12 de decembro, centrándose o seu programa en introducir á rapazada no espírito emprendedor e no uso das moitas capacidades de cada quen para poñer unha idea innovadora en funcionamento. Segundo, Obradoiro Arquimakers III, Os mundos da auga a través de Minecraft, a desenvolver os mércores dende o 22 de setembro até o 29 de novembro e orientado a facilitar que as nenas e nenos entendan os conceptos básicos da auga nos diferentes estados, na nosa contorna e empregando as “enormes posibilidades deMinecraft, creando cidades dixitais e resolvendo desafíos de maneira colaborativa”. E en terceiro lugar, o Obradoiro de programación orientada a videoxogos a través de Scratch. Levarase a cabo os xoves dende o 21 de setembro ao 30 de novembro, dirixíndose a fomentar as habilidades cognitivas, o pensamento crítico, a concentración e o coñecemento das novas tecnoloxías a través da popular ferramenta de programación Scratch. 

No que respecta ao Taller Team Maker For Kids céntrase na Programación de aplicacións de robótica e youtubers. Será os venres de setembro a novembro, para que as nenas e os nenos se introduzan nas metodoloxías de traballo dun proxecto multidisciplinar, fomentando a creatividade arredor das tecnoloxías e desenvolvendo as súas habilidades de comunicación. 

Amais de todo isto, ao abeiro do programa Xoves Inspiradores o centro municipal desenvolverá o Obradoiro do informática para superheroes ao alcance de simples mortais, os xoves pola tarde, con sesións tituladas O Produto es ti: De que viven Google e FacebookÁbrete sésamo: como crear contrasinais pésimas, regulares e indestrutibles e Navegar como Snowden… apelidándose García.

Por outra banda, o programa da Escola de Organización Industrial achega catro relatorios, para todos os público, os mércores pola tardes: · Customer Development II (6 de setembro)· Contabilidade para StartUps (13 de setembro) · Pactos de socios e acordos parasociais (20 de setembro) · Como construír o equipo dunha StartUp (27 de setembro). Finalmente o 13 de setembro celebrarase un meetup de 20:00 a 21:30 horas. Segundo lembran dende La Molinera, un meetup é unha plataforma de redes sociais que permite a quen a integran reunirse na vida real a grupos unidos por un interese común.

05/09/201710:58
Crowdfunding.
Santiago de Compostela

Campaña de Impulsa para micromecenazgo

Impulsa puxo en marcha unha nova campaña de micro mecenado cunha dotación máxima total de 16.000 euros que se repartirán entre oito proxectos seleccionados con propostas de innovación social. Impulsa orientou a súa convocatoria cara a proxectos con impacto social positivo. Os proxectos seleccionados van desde unha aplicación capaz de detectar o bullying en estados temperáns, a un libro sobre Jovellanos con pictogramas para nenos con autismo, un proxecto para visibilizar o alzhéimer desde metodoloxías artísticas e participativas ou un calendario que propón retos para coidar o medio ambiente e a saúde.

05/09/201710:55
Logo da fundación.
Santiago de Compostela

Convocan Historias en rede, proxectos de voluntariado creados por mozos

A Fundación "Lo Que De Verdad Importa" (LQDVI) e Bankia lanzan a cuarta convocatoria do proxecto Historias en Rede dirixido a mozos que queiran poñer en marcha un proxecto de voluntariado na súa comunidade.

Os interesados teñen que nacer entre 1992 e 2001, formar un grupo de polo menos tres persoas e contactar cunha ONG coa que levar a cabo o proxecto, segundo unha nota dos promotores.

Axudar ás persoas que máis o necesitan na contorna máis próxima e impulsar accións de voluntariado a nivel nacional é o obxectivo do programa.

As iniciativas pódense presentar desde hoxe e ata o 8 de decembro deste ano na páxina web de Historias en Rede.

Unha vez pechado o proceso de inscrición, un equipo técnico elixirá as sete iniciativas gañadoras.

"As propostas máis orixinais e mellor integradas na contorna social recibirán, por parte da entidade bancaria, unha axuda económica de 3.000 euros para levar a cabo o proxecto", explica o director de Responsabilidade Social Corporativa de Bankia, David Menéndez.

Os grupos seleccionados poderán iniciar o Reto en Rede para conseguir unha maior difusión das súas actividades a través das redes sociais.

Os equipos que mellor difundan e compartan o seu proxecto conseguirán ata 1.000 euros adicionais.

Desde que se creou Historias en rede no ano 2015, puxéronse en marcha 38 proxectos sociais de voluntariado en toda España e conseguiuse un total de 155.000 euros.

Na pasada edición, celebrada en 2017, participaron 46 mozos, cuxas propostas beneficiaron a un total de 9.690 persoas en sete cidades españolas.

05/09/201710:47
Logo ENS.
Santiago de Compostela

O CPETIG e a Amtega organizan un curso de auditoría no esquema nacional de seguridade

O CPETIG, en colaboración coa Amtega, organiza un curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que capacitará ás persoas asistentes para levar a cabo as auditorías previstas no marco do RD 3/2010 de implementación do ENS no ámbito da administración pública.

O curso, de 20 horas de duración, será impartido por Juan Luis García Rambla e Diego Cordero Domenech, de Sidertia. Está estruturado en catro sesións que terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de setembro no GH Los Abetos, de Santiago de Compostela. Os contidos teóricos estarán centrados nos fundamentos da implementación do ENS e nas medidas para cada un dos marcos que constitúen a norma de seguridade. E veranse complementados con sesións prácticas de revisión das medidas aplicables e da súa adecuación para o nivel establecido.

O prezo da matrícula é de 325€, establecendo unha inscrición especial de 95€ para colexiados e precolexiados de enxeñaría técnica e enxeñaría en informática (solicitar código de desconto no Colexio) e os non colexiados que soliciten colexiación no CPETIG. No prezo da matrícula inclúese o xantar dos sábados.

As persoas participantes no curso sairán cualificadas para realizar as auditorías establecidas no real decreto, que deben levarse a cabo ao menos cada dous anos, dirixidas a asegurar o cumprimento do ENS. O informe de auditoría deberá dictaminar sobre o grao de cumprimento, identificar deficiencias e suxerir as posibles medidas correctoras ou complementarias necesarias, así como as recomendacións que se consideren oportunas.

O ENS está deseñado para garantir o acceso, integridade, disponibilidade, autenticidade, confidencialidade, trazabilidade e conservación dos datos e informacións utilizadas en medios electrónicos xestionados polas administracións públicas no exercicio das súas competencias.

Máis información do curso e inscricións.

04/09/201709:46
Cartel da andaina.
Santiago de Compostela

Fagal inicia a campaña polo Día Mundial do Alzheimer baixo o lema 'Recorda quen son'

A Federación Alzheimer Galicia (Fagal) deu xa o pistoletazo de saída á súa campaña para o Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o próximo 21 de setembro. O lema que utilizarán a federación e as trece asociacións galegas para este mes é “Recorda Quen Son”. Este lema nace da necesidade de centrar a mensaxe na persoa afectada polo alzhéimer ou outra demencia, así como mostrar a importancia de todas aquelas persoas que traballan para mellorar a vida das persoas cunha demencia (familiares, traballadores das AFAs, investigadores, médicos, etc). 

 

Así, a través desta campaña, a federación quere facer máis visibles aqueles aspectos que considera que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer: a defensa da dignidade da persoa con Alzheimer, respectando sempre a autonomía da persoa ao máximo; o recoñecemento dos dereitos das persoas con Alzheimer; o recoñecemento da figura da persoa coidadora e dos seus dereitos, recoñecendo o seu valor e visibilizando o seu labor ante a sociedade; e o recoñecemento do 33% de discapacidade de maneira automática para as persoas ás que se lles diagnostique Alzheimer ou outra demencia.

 

#RecordaQuenSon

A través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) pódese seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #RecordaQuenSon. Desde a Federación Alzheimer Galicia quérese animar aos usuarios das redes sociais a que publiquen unha fotografía da persoa que non quere esquecer ou ben unha fotografía imitando ao cartel da campaña, onde diante sitúese a persoa con demencia e detrás o resto de persoas. Así mesmo, para aquelas persoas que non desexen publicar unha fotografía propia, estará dispoñible na páxina web un persoal descargable coa fotografía de campaña para apoiala.

 

Doutra banda, estará dispoñible na súa canle de Youtube un vídeo realizado con motivo desta campaña, que contou coa colaboración desinteresada de actrices e actores profesionais.

 

II Andaina Solidaria

Como acto central da campaña, Fagal organiza a II Edición da súa Camiñada Solidaria, que terá lugar o próximo 16 de setembro en Santiago. Esta actividade empezará ás 11 horas no Monte do Gozo e percorrerá o último tramo do Camiño ata o Parque de Bonaval, onde se realizará un acto no Espazo da Memoria, emprazamento inaugurado o pasado ano en recordo das persoas con alzhéimer e as súas familias. Esta camiñada, á que acudirán traballadores das AFAs e coidadores, está aberta á cidadanía, que pode inscribirse no teléfono 981 595 121 ou na web "www.fagal.org".

 

Esta campaña, así como os datos da situación do alzhéimer en Galicia, presentarase nunha rolda de prensa que terá lugar o martes 12 de setembro no Auditorio da sede de Afundación, en Rúa do Vilar, ás 11 horas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS