main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/09/201709:44
Ximnasio.
Santiago de Compostela

Xa poden solicitarse subvencións estatais correspondentes á X Solidaria do IRPF

  • As novas subvencións para a realización de actividades de interese xeral con cargo á asignación tributaria do IRPF xa poden solicitarse durante este mes de setembro

Segundo a resolución publicada pola Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, o importe da convocatoria de axudas ascende a 48,17 millóns de euros.

Os beneficiarios serán Cruz Vermella Española e as entidades ou organizacións non gobernamentais. Non se entenderán incluídas dentro da tipoloxía de entidades do Terceiro Sector de Acción Social os organismos ou entidades públicas adscritos ou vinculados a unha Administración Pública, as universidades, os partidos políticos, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins.

A convocatoria establece que o prazo de solicitudes será dun mes para partir do día seguinte á súa publicación no BOE, que foi o pasado 31 de agosto.

06/09/201709:40
Envellecemento activo.
Santiago de Compostela

Confemac crea o concepto de “envellecemento activo emisor”

  • Co obxectivo de pasar dun envellecemento activo “Receptor” de actividades e servizos a un envellecemento activo “Emisor” de alternativas

Existen moitas propostas para mellorar o benestar das persoas maiores. Algunhas sempre presentes en ámbitos especializados, por exemplo, realizar exercicio físico, ou optar por unha dieta saudable. Esta oferta, é aínda necesaria e útil, pero este perfil de persoa maior “receptora” de servizos, está a cambiar progresivamente a pasos axigantados. Cada vez existen máis persoas maiores que se expoñen como prioridade, participar activamente, realizar unha achega eficaz e construtiva na sociedade na que se integra, constituíndo o que a Confederación de Maiores Activos (Confemac) denomina “Envellecemento Activo Emisor”.

 

“Estas persoas dan un paso máis no concepto de benestar porque non só traballan para estar ben fisicamente, senón que ademais, buscan o equilibrio que parte desde o seu propio interior” explican desde da asociación, e “o desenvolvemento de recursos e habilidades persoais que lles acheguen, o máximo confort a elas mesmas e que acheguen benestar á contorna”.

 

Para que este proceso sexa exitoso, matizan, “debe partir do propio interior, buscar o benestar de dentro cara a fóra, e non ao revés”. 

 

Para Confemac neste contexto, o modelo de envellecemento activo dos últimos anos consistiu principalmente en ofertar unha ampla gama de talleres, na que había e hai varios papeis moi diferenciados: o da entidade facilitadora de alternativas, o da persoa experta (monitor ou monitora) e o das persoas maiores, receptoras dos coñecementos e habilidades. Este modelo é o que denomina envellecemento activo “receptor”. 

 

O resultado deste modelo, asegura a entidade, aínda segue sendo válido e ten excelentes resultados pero a situación económica e os perfís das novas xeracións de persoas en idade de xubilación “convídannos a facer un replantexamento alternativo non para substituír, senón para complementar o modelo dos últimos anos”.

 

As persoas maiores “cada vez están máis preparadas e máis dispoñibles para exercer unha verdadeira participación activa” subliñan, “actuando non só como receptoras de servizos senón tamén como xeradoras de ideas, actividades e programas cara ás persoas da súa propia xeración e a nivel interxeracional”.

 

Xeracións sénior creativas

A agrupación entende que “xa están a xurdir espontaneamente algunhas iniciativas nesta dirección, pero serán moito máis visibles se se estimulan intencionadamente, fomentando o empoderamento destas persoas”. Nas circunstancias actuais, sinala, “pode ser moi oportuno prestar atención a estas novas tendencias, estimulando unha participación activa e comprometida co propio colectivo e coa sociedade en xeral”.

 

Así, desde Confemac, programas como “Maiores Solidarios”, “Mostrando outros horizontes”, “Voluntariado para educar en participación e solidariedade desde a experiencia”, o “Taller de experiencias interxeracionais” ou “Experiencia e mocidade, fomentando o emprendemento” desenvólvense, explican “como pioneiros dun envellecemento emisor que convidamos a coñecer para traballar xuntos en iniciativas creativas en prol da participación e o benestar de toda a cidadanía”. 

 

Por todo iso, o modelo de envellecemento activo “receptor” de alternativas para a ocupación do tempo libre “segue sendo válido” opinan, pero, “as circunstancias convídannos a apostar á vez por un envellecemento activo, creador e emisor de alternativas para a sociedade actual e de futuro. As capacidades están aí pero hai que espertalas, iluminalas, axudar a evidencialas de forma que estas persoas maiores tomen conciencia da súa propio potencial”.

 

O empoderamento das persoas maiores, conclúen, “debe compaxinar o enfoque individual e o colectivo”. Por iso, propoñen ás entidades que traballan con maiores que “estimulen a súa capacidade de análise confiando na súa creatividade e que en que fomenten e potencien as súas iniciativas. Máis que traballar “para” trátase de traballar “coas” persoas maiores na procura do seu desenvolvemento persoal e colectivo integradas no acontecer cotián da sociedade” conclúen.

06/09/201709:30
Ironhack.
Santiago de Compostela

A Fundación Universia e Ironhack lanzan un programa de bolsas para formar en tecnoloxía a persoas con discapacidade

  • A Fundación Universia e a escola internacional de programadores, Ironhack ofrecen 18.200 euros en bolsas para potenciar a inclusión de todas as persoas na industria tecnolóxica
  • A formación realizarase de maneira presencial nas sedes de Ironhack en Madrid e Barcelona

A Fundación Universia, co apoio de Banco Santander, e Ironhack convocan 4 bolsas, valoradas en 18.200 euros, para cursar no centro de estudos de Ironhack de Madrid e Barcelona, a partir do próximo mes de outubro.

Estas bolsas están dirixidas a persoas con certificado de discapacidade interesadas en aprender, en especial, sobre deseño web e programación.

Na súa primeira edición estas Bolsas IT perseguen aumentar o interese por estas profesións, así como un maior acceso das persoas con certificado de discapacidade a profesións que hoxe en día reflicten taxas de empregabilidade do 90%, segundo datos facilitados por Ironhack.

No caso dos cursos de Ironhack sobre “Web Development bootcamp” e “UX/UI Design bootcamp”, as persoas interesadas poderán optar a un financiamento do 70% do custo total do programa, que se desenvolverán presencialmente e cunha duración de 8 a 9 semanas.

As inscricións están abertas ata o 17 de setembro. As persoas que presenten a súa candidatura deben encher un formulario, e explicar a razón pola que queren realizar o curso e como a bolsa lles axudaría a alcanzar os seus obxectivos profesionais.

Máis información e inscricións en www.fundacionuniversia.net #palabradeCODER.

06/09/201708:27
Formación Cogami - Fundación Vodafone España.
Santiago de Compostela

A formación TIC de COGAMI acada unha taxa de inserción laboral do 52%

A organización galega COGAMI vén de facer balance dos éxitos acadados a través do seu programa de emprego para persoas con diversidades financiado a través da Fundación Vodafone España, máis concretamente a través do programa de inserción Participa coa dis-capacidade, impulsado pola operadora para loitar contra a exclusión social e laboral a través das novas tecnoloxías da información (recursos para atopar emprego, mellorar currículo e rendibilizar as capacidades de cada quen). O programa, que se iniciou coa entrada de 2017 e que remata co ano, cumpriu e mesmo superou as expectativas da área de emprego de COGAMI, que eran de acadar unha taxa de inserción do 49% sobre o total das persoas participantes (150). As cifras finalmente conseguidas roldan xa o 52%. Ou sexa, 78 persoas inseridas. 

Polo que respecta ás persoas que se están a beneficiar da iniciativa teñen perfís semellantes e comparten alicerces de partida: son homes e mulleres en risco de exclusión social e laboral, con diversidades funcionais ou cognitivas e sen contrato laboral previo. Segundo o lugar do que proceden, 24 dos participantes son de A Coruña, outras 24 son de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 proceden de Vigo. Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas principais cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Amais de asesoramento, o programa ofrece información, formación e capacitación en TIC baseadas en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co “propósito de facilitar a busca de emprego e poder acceder ao mercado laboral”. Para isto, desenvolvéronse 5 obradoiros grupais explicativos (encamiñando aos participantes na busca dunha actividade laboral) nos que participaron 102 persoas do programa; xestionáronse 33 prácticas en empresas; impartíronse obradoiros sobre novas tecnoloxías nos que participaron 105 persoas; asesorouse na elaboración do curriculum 2.0 ou audiovisual dende a preparación do guión ata a presentación e gravación; impartíronse 11 círculos de emprego (compartindo experiencias e estratexias seguidas durante a busca de emprego) e, por último, impartiuse formación para explicar as ferramentas ou aplicacións móbiles que existen especializadas na busca de emprego e que se poden descargar nun smartphone.

Por outra banda, visitáronse 176 empresas novas, fíxose seguimento a 243 firmas coas que xa se mantén o contacto. Finalmente, abríronse un total de 427 ofertas de emprego.

06/09/201708:07
Castro de Viladonga.
Castro de Rei

O Museo do Castro de Viladonga dáse a coñecer ao detalle na Rede

O Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) vén de estrear presenza na Rede, viladonga.xunta.gal. Trátase dun portal que nos achega, entre outras cousas, a posibilidade de facermos unha visita virtual polas salas de exposición permanente e termos acceso ás pezas máis salientables da colección. Por certo que boa parte delas podemos velas en formato tridimensional e en movemento (foron tratadas mediante fotogrametría ou xiro 360 graos). Detrás destes traballos atópase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura e Educación. O seu obxectivo foi “enriquecer a experiencia da visita ao complexo, ofrecer información completa sobre os seus contidos e dar a coñecer o labor que vén realizando o museo”.

AMTEGA e Cultura salientan do portal (entre outras cousas) o seu deseño adaptable e accesible e o seu apartado multimedia, con vídeos sobre a historia do castro, a súa contorna natural e as escavacións realizadas en anos previos. O material audiovisual complétase cunha galería fotográfica coas actividades do castro e co flora e fauna do mesmo. 

O portal tamén inclúe un enlace que dá acceso ao catálogo dixital das coleccións do museo xestionado pola Xunta de Galicia, na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España (Ceres).

Sinalar que a web está feita para facilitar a navegación desde móbiles e tabletas, cun deseño responsive baseado en “estruturas e imaxes fluídas que se adaptan ao tamaño da pantalla desde a que se visita a páxina”, informan AMTEGA e Cultura e Educación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS