main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/09/201709:34
TEDxGalicia.
Santiago de Compostela

As novas charlas TEDxGalicia celébranse no Gaiás o 2 de decembro

Xa se albisca ao lonxe un dos eventos divulgativos e formativos que máis tocan de preto a quen ande cun pé nas novas tecnoloxías e outro na creación de contidos de toda índole. Falamos das novas charlas TEDxGalicia, que se celebran o sábado 2 de decembro no Museo Centro Gaiás e que nesta edición terán como lema Ultreia. Ánimo para ir máis alá. A edición galega virá novamente (logo de dúas convocatorias consecutivas) da man da Cidade da Cultura, respondendo ao seu obxectivo de “apostar por promover a difusión de ideas innovadoras”. 

As charlas desenvólvense en todo mundo coa arela de situarnos aos usuarios das novas tecnoloxías máis alá (moito máis alá) do noso papel de usuarios. As sesións TEDxGalicia queren amosar a innovación da innovación e, a maiores, converternos a todos en innovadores e creadores. 

Segundo nos recordan dende a Cidade da Cultura, as xeiras de divulgación e debate TED creáronse en 1984 en California como un evento para a transmisión “daquelas ideas que pagan a pena ser difundidas”, sendo TED o acrónimo de Tecnoloxía, Entretemento e Deseño, as súas tres grandes áreas temáticas. O seu formato áxil (duración máxima de 18 minutos), así como a escolla de relatores e temas fixo que axiña se convertesen nun fenómeno viral con millóns de visualizacións a través de YouTube. Teñen pasado polas sesións persoeiros da tecnoloxía, as artes, o activismo e a política como Bill Clinton, Bill Gates (o creador de Microsoft), Jane Goodall, Frank Ghery ou Bono (U2).

Co lema Cara unha sociedade movida pola talento, a primeira edición dos TEDxGalicia celebrouse no ano 2010. Desde 2015, a Cidade da Cultura acolle este evento no marco de seu programa de apoio ao emprendemento e a innovación.

A organización de TEDxGalicia anuncia que os nomes de conferenciantes non se darán a coñecer ate principios de novembro, pero que as entradas para asistir como público sairán a venda o 1 de outubro en tedxgalicia.com ou en cidadedacultura.gal.

22/09/201709:29
Presentación do TEK-FEST.
Pontevedra

A semana que vén Pontevedra celebrará a segunda edición do TEK-FEST

O Museo de Pontevedra, sede principal do festival TEK-FEST, acolleu a presentación da segunda edición deste encontro de tecnoloxía e patrimonio que desenvolverase entre os días 25 e 30 de setembro cun completo programa de actividades. No seis días que dura esta iniciativa impartiranse obradoiros e conferencias, realizaranse encontros e incluso poderase asistir a performances sonoras no que será unha mostra das disciplinas que tocará o TEK-FEST este ano: a realidade virtual, a artesanía dixital, a fotografía inmersiva e a innovación aplicada aos tecidos. Estes ámbitos conectarán coa memoria da cidade de Pontevedra para amosar ao mundo a potencialidade de pór en valor o patrimonio a través de tecnoloxías emerxentes.

No acto de presentación, o concelleiro de Xuventude e Tecnoloxía, Alberto Oubiña, destacou que «se o ano pasado o lema do TEK-FEST era “a cidade do futuro”, este ano facemos unha viaxe inversa para conectar o pasado e o presente, sempre con esa idea de proxectar o futuro». Pola súa banda, o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, destacou «a necesidade de situarnos na vangarda para comprender o tempo que vivimos», salientando que a súa entidade aposta polo TEK-FEST como «unha iniciativa con percorrido que axude, a través da tecnoloxía, a estreitar a relación que a cidadanía ten co patrimonio cultural».

O director artístico do certame, Toño Cabanelas, subliñou a potencialidade que ten o uso do patrimonio nas tecnoloxías emerxentes. Cabanelas tamén é responsable do obradoiro de realidade virtual e patrimonio fotográfico que ten lugar no TEK-FEST, e do que sairá unha peza artística que se enviará a festivais internacionais especializados neste novo medio.

O TEK-FEST tamén achegará a Pontevedra a primeira Mostra Internacional de VR e Patrimonio, cunha selección de 6 pezas de realidade virtual, ás que sumaranse os resultados do obradoiro con imaxes 3D de Pontevedra.

O festival tamén renderá homenaxe aos pioneiros da tecnoloxía en Galicia, de xeito que este ano terán como protagonista ao finado inventor compostelán Juan Portela Seijo, inventor de aparellos electroacústicos como o Organ Sound, altofalante modular inspirado nos órganos da catedral de Santiago de Compostela.

22/09/201709:16
Cartel do evento.
As Pontes

Este sábado 23 os Amigus Labs converten As Pontes en laboratorio argalleiro

Esta semana a asociación Amigus, con centro de operacións nas Pontes, retoma o fío dos seus Amigus Labs. Isto que significa? Pois basicamente que imos ter unha nova oportunidade de abrir as portas da creación tecnolóxica: sermos algo máis que simples usuarios. A cita, que é de balde, será o sábado 23 no Mercado Vello das Pontes. Trátase, máis en detalle, dunha serie de Obradoiros Tecnolóxicos que xirarán arredor de diferentes ferramentas TIC de arte e creación dixital. 

Cousas como impresión 3D, fabricación dixital, robótica, programación, realidade virtual, drones, radio control e videoxogos, entre outras cuestións. Amais dos obradoiros sobre robótica ou fabricación de kits electrónicos, tamén se achegará a posibilidade de pilotar drones ou de viaxar, como sinala Amigus, “a mundos virtuais en primeira persoa”. 

Por se isto fose pouco, habilitarase un recanto onde se mostrarán algunhas das creacións materializadas ao longo dos últimos anos ao abeiro de Amigus Labs. Esta exposición ficará de portas abertas dende as 11.00 até as 14.00 horas, e dende as 17.00 até as 20.00 horas. 

Estes son os piares temáticos dos Amigus Labs deste sábado 23:

  • Fabricación dixital
    • Exposición de máquinas de fabricación dixital: Impresoras 3D, CNC, fresadora, así como exemplos de ferramentas construídas en Amigus Labs e materiais utilizados.
  • Xogos retro
    • Máquinas recreativas feitas por usuarios de Amigus Labs, deseñadas e programadas nos obradoiros.
  • Minecraft
    • O popular xogo de Minecraft, hackeado vía Scratch, co que os máis pequenos poden xerar o seu mundo e manipulalo vía programación.
  • Dron e Radio Control
    • Exposición de drones e vehículos teledirixidos. Mediante simuladores de voo, os asistentes poderán aprender a manexar vehículos aéreos non tripulados.
  • Laboratorio sonoros
    • Oportunidade para introducirnos nas novas tecnoloxías aplicadas á creación musical, en palabras da organización o xermolo “dunha autentica revolución nas maneiras de acceder, crear e transformar o mundo dos sons”.
  • Escornabots 
    • Introdución teórico-práctica ao proxecto Escornabot: robot educativo aberto para iniciar aos nenos e nenas máis pequenos no eido da robótica e da programación. Os rapaces terán a oportunidade de fabricalos ou ben manexalos a través de taboleiros.
  • Robótica Lego
    • Neste obradoiro os asistentes poderán construír, programar e controlar os teus propios robots Lego do xeito máis intelixente, rápido e divertido.
  • Experimentos Arduino
    • Os participantes coñecerán diferentes proxectos creados con Arduino, a placa libre de creación tecnolóxica e robótica. 
  • Realidade Virtual
    • Oportunidade de vivir en primeira persoa distintas experiencias de contornas de realidade virtual.

 

Organizadores e colaboradores

A cita vén da man da Asociación Informática Amigus, de Amigus Labs e de Merca Nas Pontes. Colaboran, entre outras moitas entidades, o Concello das Pontes, a OMIX local, a Concellería de Cultura, COHEMPO, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital ou Triade.

22/09/201709:14
Logo de ‘Moviliza-t’.
Toledo

Cecap presenta a primeira app en Europa que une as ofertas de voluntariado coas persoas interesadas en participar

Cecap Joven presentou este mércores a app ‘Moviliza-t’, unha ferramenta de innovación social, a primeira deste tipo en , que permite a través do ordenador ou de dispositivos móbiles conectar a oferta de  das entidades sociais e tamén a existente a nivel europeo e internacional con todas aquelas persoas interesadas en tomar parte en calquera destas accións.

Un proxecto que se xestou durante os últimos tres anos e que impulsou Cecap Joven, a entidade prestadora de servizos á xuventude do Grupo Cecap, co apoio e financiamento da "Consejería de Bienestar Social" e da  a través da Cátedra Santander de Responsabilidade Social, segundo informou en nota de prensa a confederación.

Trátase dunha ferramenta para fomentar a participación activa da sociedade en accións de voluntariado, que promove o traballo en rede das entidades de voluntariado da rexión e que, ademáis, permitirá un seguemento e evaluación das prácticas realizadas, así como obter unha certificación das competencias e aprendizaxes obtidas polo voluntario.

Esta app, que pode consultarse a través do ordenador — www.movilizat.org — ou descargarse para ser utilizada en dispositivos móbiles, permite ao usuario mediante un mapa coñecer que ofertas de voluntariado están activas na súa zona de residencia ou interese, ou ben consultar a relación de ofertas de cada unha das entidades, así como as accións do  (SVE), intercambios xuvenís e outros proxectos de carácter europeo ou internacional.

No caso de inscribirse nalgunha delas, a entidade recibirá de maneira inmediata a dita solicitude, debendo contestar ao voluntario nun prazo máximo de seis días. Ao finalizar a acción de voluntariado, a entidade estará obligada a acreditar as competencias e aprendizaxes recibidas.

Na fase actual do proxecto ‘Moviliza-t’, de implementación e desenvolvemento, son oito as entidades que poden colgar as súas ofertas de voluntariado: Cecap e a propia Universidade de Castela-A Mancha, así como Cáritas, a , Familiares e Persoas con Enfermidade Mental en  (Atafes), a  (ACCEM), , Asociación socio-educativa Llere e Proxecto Kieu.

A app foi presentada nun acto celebrado no Edificio Sabatini do campus da Fábrica de Armas, que foi presidido polo presidente do Grupo Cecap, ; o director da Cátedra Santander da Universidade de Castela-A Mancha, Pedro Estévez; a coordinadora da Plataforma de Voluntariado da Universidade rexional, ; e o responsable do  Europeo na "Consejería de Educación, Cultura y Deporte", Francisco Lucena.

Durante as exposicións interviron tamén a directora do , que xestionou o proxecto; así como  e Pablo Morcillo, da empresa ImediaComunicación, encargada do deseño e implementación da app.

21/09/201708:42
Unha nena debuxa á beira dun reloxo Time Timer.
Santiago de Compostela

Reloxos para axudar a materializar o tempo para nenos con TEA

  • Os reloxos temporizadores deseñados especialmente para axudar aos pequenos con trastorno do espectro autista (TEA) a materializar o paso do tempo supoñen unha axuda moi importante no seu desenvolvemento xa que lles permite mellorar a súa autonomía, organizarse e anticipar accións

 

A variedade destes dispositivos é enorme, nós traémosvos a gama que comercializa Hop'Toys, pero son moitas outras as posibilidades para adquirir un dispositivo similar.

No caso de Hop'Toys, estes reloxos chámanse ‘Time Timer' e están dispoñibles é distintos tamaños e cores, así como en versión dixital ou analóxica.

O básico chámase Time Timer Clásico e está dispoñible en tres tamaños (7,5, 20 e 30,5 centímetros). O tempo que establecemos mídese cun disco vermello que vai diminuíndo en tamaño a medida que pasa o tempo ata que se esgote, entón soa unha campá.

Existe tamén a opción Plus, que sobre a base do Clásico incorpora unha portada transparente protexendo o disco vermello, unha manecilla amovible para evitar que o pequeno cambie o tempo establecido, unha opción de control do volume e modo silencioso, e un deseño con asa para facilitar o seu transporte.

Sobre estas versións están dispoñibles tamén Time Timers en formato dixital, con discos azuis no canto de vermellos, ou en versión de boneca, tanto para pequenos como para maiores.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS