main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/09/201708:27
Logo do evento.
Santiago de Compostela

O Instituto Galego do Consumo pon en marcha unha nova edición do ciclo “Educación para o consumo responsable” a través da rede CeMIT da Amtega

  • Son nove sesións informativas, que se emitirán por videoconferencia a concellos con aula CeMIT os primeiros luns de cada mes desde o 2 outubro e ata o 4 de xuño
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na web da rede CeMIT

 

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega de Consumo, pon en marcha en outubro a iniciativa “Educación para o consumo responsable CORES”, un ciclo de charlas informativas, que se retransmitirán por videoconferencia en aulas da rede CeMIT, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Son nove sesións, que comezarán o luns 2 de outubro e se celebrarán os primeiros luns de cada mes ata o mes de xuño. Cunha duración aproximada de hora e media están orientadas ao público en xeral e abordarán temas de actualidade que nos afectan en gran medida como consumidores habituais: a resolución de conflitos de consumo, a factura da luz ou do gas, a telefonía móbil, os dereitos nos talleres de reparación de vehículos, a contratación de viaxes, a etiquetaxe dos alimentos ou o consumo responsable e todo o relacionado co aluguer e a vivenda.

Para facilitar a divulgación desta iniciativa e chegar ao maior número de persoas interesadas, estas actividades emitiranse desde a Escola Galega do Consumo a diversas localidades de Galicia que contan con aula da rede CeMIT a través do sistema de videoconferencia, en sesións de mañá ás 11:00 horas.

O único requisito para poder asistir a estas charlas gratuítas e abertas ao público en xeral é ser usuario da rede CeMIT e solicitar praza na localidade de interese, que se poderá realizar ben presencialmente co responsable da aula da nosa localidade ou a través da web http://cemit.xunta.gal

 

Calendario de actividades

2 de outubro

Consumo responsable

6 de novembro

Resolución de conflitos

4 de decembro

Dálle luz a túa factura

8 de xaneiro

Telefonía móbil

5 de febreiro

Etiquetado

5 de marzo

Talleres de reparación de vehículos

9 de abril

Aluguer e vivenda

7 de maio

A factura do gas

4 de xuño

A contratación de viaxes

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria que ten atribuídas as competencias en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro do Instituto, a Escola Galega do Consumo realiza de xeito permanente ao longo de todo ano diversas actividades educativas, formativas e divulgativas en materia de consumo responsable, dirixidas a todos os sectores da poboación. 

 

25/09/201708:18
Mar Pereria e Ethel Vázquez.
Santiago de Compostela

A Xunta salienta que case 40.000 menores de 19 anos dispoñen da tarxeta Xente Nova coa que realizaron 1,6 millóns de viaxes gratuítas no transporte metropolitano interurbano no último ano

  • Vázquez Mourelle salienta o investimento de 1,5 millóns de euros nesta iniciativa que permitiu que un de cada sete viaxes metropolitanas pagadas con tarxeta foron para os máis novos e de balde
  • A Coruña é a área metropolitana con maior número de mozos beneficiarios, xa que se teñen distribuído máis de 14.000 tarxetas e Vigo é o concello de Galicia con máis titulares do dispositivo, con 4.200
  • A conselleira indica que os datos reflicten que esta iniciativa social, educativa e de concienciación, esperta o interese das familias e da mocidade galega
  • A directora da Amtega sinalou que a aplicación, que notificará ao usuario as novas recargas e a súa caducidade, está xa dispoñible para os sistemas operativos Android e IOS
  • Mar Pereira avanza que se está a traballar nunha seguinte versión desta aplicación, que permitirá pagar desde o dispositivo móbil ou coñecer a situación do autobús en tempo real

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron hoxe a nova aplicación para a mellora da utilización do Plan de transporte metropolitano, cuxo programa Xente Nova xa beneficia a case 40.000 menores de 19 anos que realizaron 1,6 millóns de viaxes gratuítas no transporte metropolitano interurbano no último ano.

Vázquez Mourelle concretou que o Executivo autonómico investiu 1,5 millóns de euros para ofrecer transporte público de balde aos máis novos. Engadiu que unha de cada sete viaxes metropolitanas pagadas con tarxeta foron para os mozos e ademais de xeito gratuíto.

A Coruña é a área metropolitana con maior número de mozos beneficiarios, xa que nesta zona téñense distribuído máis de 14.000 tarxetas e Vigo é o Concello de Galicia con máis titulares do dispositivo, con 4.200. Así, a titular de Infraestruturas sinalou que estes datos reflicten que esta iniciativa social, educativa e de concienciación, funciona e esperta o interese das familias e da mocidade galega.

O Goberno galego activou en agosto do ano pasado unha nova medida social, no marco do Plan de transporte metropolitano de Galicia, que ofrece máximas vantaxes para a mocidade: a tarxeta Xente Nova, iniciativa para nenos e mozos con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, ambos incluídos. Isto supón a implantación dunha nova tarifa que é de cero euros para os viaxes de carácter interurbano que realicen dentro das cinco áreas de transporte metropolitano establecidas: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo, tendo tamén transbordos gratuítos entre o autobús interurbano e urbano, cando estes formen parte dunha viaxe metropolitana.

Con esta tarxeta os mozos galegos poden realizar de balde ata un máximo de 60 viaxes ao mes, polo que se lle garante unha viaxe de ida e volta gratis todos os días do mes, incluídas as fins de semana, facilitándolle así o acceso a servizos básicos como a educación ou a sanidade, pero tamén favorecendo as súas posibilidades de ocio.

 

‘App’

Esta nova aplicación presentada hoxe reporta novas vantaxes aos usuarios do Plan de transporte metropolitano de Galicia, favorecendo, ante todo, a aqueles usuarios que teñen dereito a bonificacións, xa sexan bonificacións sociais, como as establecidas para os estudantes da Universidade da Coruña ou como as que teñen activado certos concellos para os colectivos que máis o precisan; para as familias numerosas, que van do 20 ao 50%; para os usuarios habituais, do 15%; ou da tarxeta Xente Nova.

Trátase dunha aplicación que tamén abre unha nova canle de comunicación directa entre a Administración autonómica e os usuarios. Neste sentido, Vázquez precisou que se irán incorporando novos servizos que serán de utilidade para todos os cidadáns das áreas que forman parte do plan.

A directora da Amtega sinalou que a aplicación está xa dispoñible para os sistemas operativos Android e IOS. O seu uso é sinxelo e, unha vez instalada no dispositivo móbil, só hai que rexistrase e xa se poden incorporar á aplicación as diferentes tarxetas das que sexa usuario. A app mostra en orde cronolóxica os reembolsos pendentes de cobro por tarxeta e a data límite para cóbralos. Ademais, o usuario recibirá notificacións das novas recargas e da súa caducidade. A aplicación tamén permite facer suxestións a través dun formulario no que trasladar calquera proposta, recomendación ou mellora por parte dos usuarios.

Mar Pereira avanzou que se está a traballar nunha seguinte versión desta aplicación, que permitirá pagar desde o dispositivo móbil ou coñecer a situación do autobús en tempo real. A previsión e iniciar as probas destas novas funcionalidades a finais deste ano.

Estas iniciativas enmárcanse no Plan tecnolóxico do Transporte da Xunta de Galicia que, entre outros obxectivos, busca potenciar o uso do transporte con novos servizos de información para os cidadáns con sistemas que permitan tanto novos modelos de pago, como de transporte como o transporte a demanda.

 

Aposta polo transporte

A titular de Infraestruturas indicou que se está a celebrar a Semana Europea da Mobilidade, este ano baixo o lema Compartir lévate máis lonxe, unha iniciativa que busca sensibilizar dos beneficios que ten o uso de modos de transporte máis sostibles como son a bicicleta ou os desprazamentos a pé.

A conselleira destacou a forte aposta da Xunta polo transporte público, a través do Plan de transporte público de Galicia, que vén de poñerse en marcha, nunha primeira fase, o pasado 8 de agosto, e que ten por obxectivo facilitar os desprazamentos dos galegos, fundamentalmente no rural.

O Plan de transporte metropolitano de Galicia, en funcionamento en cinco áreas da Comunidade (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo) e en 65 concellos, tamén está a beneficiar ao 60% dos galegos. Trátase dun plan social que lle supón aos usuarios frecuentes que dispoñen da tarxeta aforros medios de 600 euros ao ano. Neste ano, ata agosto, téñense bonificado 9,3 millóns de billetes en Galicia, un 4% máis con respecto ao mesmo período de 2016.

 

25/09/201708:08
Cartel da xornada.
Santiago de Compostela

Xeopesca introdúcenos este 30 de setembro nas potencialidades de Arduino

Este sábado 30 de setembro, a partir das 10.30 horas, temos en Compostela unha cita coa tecnoloxía Arduino, plataforma de electrónica aberta que se complementa cun software do mesmo nome e que comparten (hardware e software), a arela de tirar abaixo os muros da creación interactiva, robótica e informática. A cita con Arduino, novamente, virá da man da Asociación Xeopesca. Será no Centro Sociocultural de Caramoniña (Santiago de Compostela). O obradoiro incluirá un achegamento ás estruturas e operadores de Arduino, as vertentes analóxicas e dixitais desta tecnoloxía e máis un achegamento a exercicios prácticos coa mesma. 

Segundo informa Xeopesca, para participarmos é preciso facermos unha inscrición previa (hai prazas limitadas). Tamén é necesario que levemos o portátil co software Arduino instalado. 

Esta actividade insírese no programa de accións que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia. Dende Xeopesca agradecen a colaboración do Recuncho-Maker na execución desta actividade.

22/09/201711:53
Novicrea 4.0.
Terras de Celanova

O CPEIG achega ao seu apoio ao obradoiro Novicrea 4.0 de Celanova, Verea e Bande

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar que vai colaborar cos Concellos de Celanova, Verea e Bande e máis coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a posta en marcha e desenvolvemento dunha actividade formativa directamente encamiñada a impulsar a inserción laboral da comarca ourensá. Estamos a falar do obradoiro de emprego Novicrea 4.0 novos vieiros de emprego, impulsado de xeito conxunto polos devanditos Concellos ourensáns para materializalo ao longo dos meses vindeiros (entre este mes de setembro e maio de 2018). 

Esta actividade, na que participarán uns vinte desempregadas/os da bisbarra, está coordinada por Antonio Piñeiro, cuxo obxectivo (e do seu equipo) é fornecer dun obradoiro de emprego que, amais de ser un obradoiro, sexa un espazo de exploración para proxectos formativos de futuro, proxectos relacionados directamente coas TIC.

Segundo informa o CPEIG, o seu labor centrarase en dar apoio tecnolóxico e formativo ao proceso de selección de persoal (directivo, docente, alumnado-traballadores) do obradoiro de emprego. Esta colaboración inscríbese na liña de traballo deseñada polo CPEIG de apoio a todas aquelas entidades e organizacións que requiran do asesoramento externo do ente colexial que representa os profesionais da enxeñaría en informática.

22/09/201711:50
App accesible de BBVA.
Santiago de Compostela

BBVA presenta unha 'app' para facilitar o uso dos caixeiros a persoas con discapacidade

  • BBVA presentou este xoves unha aplicación móbil que facilita o uso dos caixeiros automáticos ás persoas con discapacidade visual, física ou intelectual

 

O desenvolvemento desta nova aplicación comezou en 2016 e contou coa colaboración de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade e da empresa GFT, encargada de desenvolver a parte móbil dun proxecto que BBVA define como "moi esixente en canto a accesibilidade e usabilidade".

A 'app' emprega un sistema de instrucións por voz para guiar ao usuario polos seus diferentes apartados. Unha vez seleccionada a operación de retirada de efectivo, é posible elixir o cartón para utilizar e, a continuación, a aplicación mostra os caixeiros máis próximos grazas á súa función de xeolocalización, nutrida da base de datos de Google Maps.

Estes caixeiros automáticos dispoñen dunhas balizas intelixentes deseñadas polo departamento de Tecnoloxía e Accesibilidade de ILUNION, tamén chamadas 'beepcons'. Estes dispositivos emiten uns sinais acústicos que permiten a identificación e localización de obxectos próximos ás persoas con discapacidade visual.

Tras introducir o cartón, o caixeiro conéctase co móbil empregando tecnoloxía 'Bluetooth' de baixa frecuencia (o que permite reducir o consumo de batería do teléfono) e realiza a operación que o cliente solicitou previamente e que permanece asociada á súa conta bancaria.

O director de Enxeñería de BBVA España, Luís Javier Blas, anunciou que a 'app' "estará dispoñible en xaneiro" e asegurou que se trata de "un paso máis na xestión das finanzas das persoas invidentes, xa que permite dispoñer de efectivo sen axuda externa".

Pola súa banda o director executivo de Banca de GFT España, Manuel Lavín, destacou que este proxecto "conxuga a transformación dixital dos servizos financeiros e o uso das novas tecnoloxías".

Así mesmo a directora xerente de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Ana Uruñuela, remarcou que "é importante considerar a variable da accesibilidade no desenvolvemento de servizos e produtos". Ademais, Uruñuela sinalou que "o deseño para todos non só beneficia ás persoas con discapacidade, senón a outros colectivos, por exemplo o das persoas maiores".

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS