main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/09/201708:24
Banner da convocatoria.
Santiago de Compostela

Indra e Universia lanzan unha convocatoria de axudas para a investigación en TIC accesibles a persoas con discapacidade

Indra e Fundación Universia lanzaron a II Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

A convocatoria diríxese a entidades pertencentes ao sistema universitario español, que poden presentar as súas propostas desde o 27 de setembro ao 25 de outubro na páxina web de Indra e no portal http://www.tecnologiasaccesibles.com.

Unha comisión de adxudicación, designada por Indra e Fundación Universia, elixirá as tres iniciativas que recibirán financiamento e que se darán a coñecer o 3 de decembro, coincidindo co día internacional das persoas con discapacidade, segundo informaron ambas as entidades nun comunicado.

Os proxectos deben ter unha duración máxima de 12 meses e estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por ou para persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade; protexer, apoiar, adestrar, medir ou substituír funcións/estruturas corporais e actividades; ou favorecer o acceso ao emprego, o seu mantemento ou mellora.

Ademais destes requisitos, para valorar os proxectos teranse en conta, entre outros criterios, a innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, segundo o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea.

Tamén se terá en conta que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.

Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará de forma positiva a participación nos proxectos de investigadores ou alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de produción de software de Indra en España. Tamén se buscará potenciar sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos xa por Indra.

28/09/201708:14
Logo LibreCon 2017.
Santiago de Compostela

Os nosos enxeñeiros informáticos achegan o seu apoio ao gran evento da tempada sobre tecnoloxías libres: LibreCon

A edición 2017 do congreso LibreCon, evento de referencia sobre software libre a nivel internacional, vai desenvolverse os vindeiros 19 e 20 de outubro en Santiago, na Cidade da Cultura, da man de da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e de ASOLIF. Ademais, segundo puidemos saber, contará novamente co apoio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que estará un ano máis entre os patrocinadores do evento. Segundo nos lembra a entidade profesional que preside Fernando Suárez, o LibreCon deste ano céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores industrial e primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías nos eidos como a computación na nube, a análise da información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial adicado á economía cooperativa. 

O congreso, que volve a Galicia despois da edición de 2015 (impulsada por AGASOL, ASOLIF, o Clúster TIC de Galicia e o Concello de Santiago, entre outras entidades), tamén xirará arredor das potencialidades do software libre (achegando compatibilidade, estandarización, apoio das comunidades, facilidade de uso, liberdade de adaptación a diferentes contornas, custes económicos asumíbeis polas institucións e as empresas) para o impulso das cidades intelixentes, os drones, a ciencia e o desenvolvemento da Industria 4.0. 

A edición de 2015
A última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais. O obxectivo desta nova convocatoria é xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que se van abordar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas. A idea, en palabras da organización, é converter “a capital galega, unha vez máis, no epicentro da open innovationdurante dous días”.

27/09/201709:18
Persoa con síndrome de Down usando unha tableta.
Santiago de Compostela

IV Edición do Programa de Formación en TIC para mozos e adultos con Síndrome de Down e discapacidade intelectual dirixido á inserción laboral en empresas ordinarias

Obxectivo xeral

O obxectivo xeral do proxecto é dar continuidade ao proxecto iniciado no curso 2014-2015: facilitar a inserción laboral de persoas con síndrome de Down en empresas ordinarias, a través dun programa de formación en TIC logrando así a súa autonomía e a súa plena integración na sociedade. 

Obxectivos específicos

  • Ofrecer unha aprendizaxe global e individualizada.
  • Posibilitar a comunicación con outras persoas superando as barreiras espaciais.
  • Potenciar a capacidade creativa, expresiva e artística da persoa.
  • Facilitar o acceso aos diferentes servizos tecnolóxicos implantados na sociedade.
  • Favorecer unha integración na sociedade.
  • Favorecer un uso responsable das Tecnoloxías da información e comunicación.

O programa, que se desenvolverá de abril 2017 a xuño 2018, consta de dous módulos formativos: curso de iniciación e curso de profesionalización e nel participarán un total de 248 alumnos con discapacidade intelectual, 168 no curso de iniciación e 80 alumnos no de profesionalización.

Curso de Iniciación: cuxo obxectivo é proporcionar á persoa con discapacidade intelectual, as ferramentas e estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a través dos diferentes servizos tecnolóxicos implantados na sociedade: acceso a Internet, uso do computador, acceso a redes bancarias informatizadas, comunicación a través da telefonía móbil ou fixa, realizar consultas en organismos públicos, programación e uso da televisión e DVD etc.

Nesta edición participarán as seguintes entidades:

  • Down Principado de Asturias
  • Fundación Abulense para o Emprego. FUNDABEM
  • Down Castelló
  • Down Córdoba
  • Down Granada
  • FUNDOWN
  • Down Ourense
  • Down Palencia
  • Down Pontevedra XUNTOS
  • Down Sabadell. Andi
  • Down Sevilla. ASEDOWN
  • Down Toledo
  • Fundación ASINDOWN
  • Down Vigo

Curso de Profesionalización de aplicación práctica en contornas laborais para chegar á inserción laboral

  • Aplicacións prácticas das TIC no mundo laboral
  • Preparación para a ocupación de postos de traballo cuxo funcionamento se base na utilización das TIC
  • Prácticas formativas en empresas con postos de traballo onde as TIC sexan necesarias

As asociacións federadas participantes son:

  • Fundación Abulense para o Emprego. FUNDABEM
  • Down Barbate ASIQUIPU
  • Down Xerez ASPANIDO
  • Down Compostela
  • Down Málaga
  • FUNDOWN
  • Down Navarra
  • Down Valladolid
  • Down Zaragoza

Co fin de facilitar a aprendizaxe e/ou dar apoio visual nos labores de xestión do usuario de ferramentas tecnolóxicas, nesta edición elaboraranse 4 vídeos tutoriais de contido tecnolóxico e idóneos para o colectivo

  1. DNI electrónico. Usos e como obtelo
  2. Pasaporte electrónico
  3. Aprender a realizar videoconferencias. Que són e para que serven
  4. Como se descarga unha aplicación desde o Smartphone. Playstore (whatsapp, banca online, tempo)

Por outra banda, todas as entidades que participaron no programa realizarán unha formación permanente aos antigos alumnos do mesmo, o que conforman un total de 700 alumnos. Esta formación permanente ten como fin que os alumnos actualicen e refresquen de forma continua os coñecementos e destrezas adquiridas relacionados coa súa vida laboral e social, con especial incidencia na formación en Novas Tecnoloxías. A Periodicidade será dunha sesión mensual de entre 3 e 4 horas.
Tamén se ofrecerá esta formación permanente aos usuarios das entidades federadas que se atopen na bolsa de emprego, e que se computarán á finalización do proxecto

No marco desta nova edición do “Programa de Formación en TIC para Mozos e Adultos con Síndrome de Down e Discapacidade Intelectual Dirixido á Inserción Laboral en Empresas Ordinarias”, Down España promoverá o despregamento do usos da plataforma Mefacilyta desenvolvida pola Fundación Vodafone. A plataforma Mefacilyta incorporou novas funcionalidades para reforzar o programa e en concreto os itinerarios formativos e o seu seguimento que foron validados por FUNDOWN durante a edición 2016-2017.

27/09/201709:01
Ciberacoso.
Santiago de Compostela

O CCG promove o debate arredor das novas formas de machismo nas redes

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, vai organizar o mes vindeiro, o día 10, unha xornada para avaliar o papel que están a xogar as novas canles dixitais de comunicación no mantemento no tempo do machismo en calquera das súas manifestacións. Mellor dito: para avaliar até que punto un uso irracional (moitas veces amparado no anonimato) destas canles e plataformas pode reavivar problemas sexistas que xa criamos en fase de superación. A xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF) será coordinada por Carme Adán e Nieves Santomé, e desenvolverase na sede CCG contando coa presenza de Ramón Villares e María Xosé Porteiro (inauguración) e de Carmen Cajide e Antonio Rial, un dos principais expertos galegos en materia novos hábitos da mocidade en relación cun mal uso das tecnoloxías (adicción, acoso, fracaso escolar, agresións). 

Segundo informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora, formativa e beneficiosa, ou non. Segundo apuntan as integrantes da comisión, “as redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”. Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras”, permita afondar “na relación violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”. E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de control e dominación sobre as mozas”.

26/09/201714:00
Logo CODIX.
Santiago de Compostela

A Amtega colabora coa entidade de formación da ONCE, FSC Inserta, para facilitar o acceso ao certificado galego de competencias dixitais en ofimática a persoas con discapacidade

  • Hoxe realizaranse as probas presenciais nas aulas CeMIT de A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela
  • FSC Inserta forma parte dos 768 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

 

A Asociación para el Empleo y la Formación de Personas con Discapacidad, FSC Inserta, entidade de formación e emprego da Fundación ONCE, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen colaborando desde o ano 2016 na formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) a persoas en situación de desemprego con discapacidade igual ou superior ao 33%, para facilitar o seu acceso ao mercado laboral .

Froito desta colaboración, durante a xornada de hoxe realizaranse nas aulas CeMIT de A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela unhas probas presenciais nas que participarán o alumnado formado previamente pola asociación FSC Inserta a través de diversos cursos en Ofimática de 190 horas formativas.

Dentro das liñas de colaboración de FSC Inserta co Plan de Inclusión Dixital, ademais da organización e desenvolvemento de actividades formativas, participan en eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TIC para proporcionar ás persoas con discapacidade as aptitudes dixitais para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social.

 

CODIX

A certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos que integran o CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades para a cidadanía en xeral (1.570 en cursos de teleformación titorizada e 3.104 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas  aulas da rede CeMIT.

Nos próximos días publicarase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de probas presenciais libres dentro do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, probas que se celebrarán en máis de 40 localidades cunha oferta de máis de 600 prazas para acreditarse nesta competencia dixital.

 

FSC Inserta

Asociación para el Empleo y la Formación de Personas con Discapacidad, (coa identificación FSC Inserta) é a entidade da Fundación ONCE para a formación e emprego de persoas con discapacidade, e busca posibilitar a súa integración plena na sociedade y promover o emprego e contribuír á mellora das súas condicións de empregabilidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS