
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A iniciativa “Ao lado dos nosos maiores” desenvolverá 13 talleres gratuítos sobre o uso de dispositivos móbiles para maiores entre o 2 e o 20 de outubro. Por terceiro mes consecutivo o operador de telecomunicacións Orange en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ofrecerán nas aulas CeMIT de trece municipios galegos xornadas, cunha duración máxima de 2 horas, impartidas por persoal da multinacional, que facilitará as tabletas e móbiles para realizar as actividades do curso.
O obxectivo principal desta actividade, que se está a desenvolver en 23 concellos con aulas CeMIT, é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e se familiaricen coa tecnoloxía móbil. Entre outros contidos tratarase como acceder ás redes móbiles e wifis, enviar e recibir WhatsApp, enviar fotos, vídeos e mensaxes, gardar os contactos e todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso normal do teléfono e/ou tableta.
O único requisito para poder asistir a estas actividades gratuítas é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello, ou a través da web http://cemit.xunta.gal *.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020
Orange vén de incorporarse ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
*Calendario de actividades
Outubro
02/10/2017
RIBADEO
Lugo
03/10/2017
ABEGONDO
Coruña, A
04/10/2017
SANTA COMBA
Coruña, A
05/10/2017
PONTEDEUME
Coruña, A
06/10/2017
OROSO
Coruña, A
09/10/2017
MARÍN
Pontevedra
10/10/2017
TOMIÑO
Pontevedra
11/10/2017
VALGA
Pontevedra
16/10/2017
ORTIGUEIRA
Coruña, A
17/10/2017
BEARÍZ
Ourense
18/10/2017
LEIRO
Ourense
19/10/2017
SARREAUS
Ourense
20/10/2017
CELANOVA
Ourense
A Comisión Europea presentou as súas directrices e principios aplicables ás plataformas en liña para potenciar a prevención, detección e eliminación proactivas de contidos ilícitos na Rede que inciten ao odio, a violencia e o terrorismo, xa que supoñen unha grave ameaza para a seguridade e a protección dos cidadáns europeos e socavan a confianza dos cidadáns no contorno dixital.
O vicepresidente responsable do mercado único dixital, Andrus Ansip, declarou que «as nosas orientacións inclúen medidas de salvagarda para evitar a eliminación abusiva e garantir a transparencia e a protección de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión», e mentres que a comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, Vera Jourová, salientaba que Facebook, Twitter, Google e Microsoft acordaron o código de conduta, se a autorregulación non é dabondo a Comisión actuará. De feito, a comisaria de Economía e Sociedade Dixitais, Mariya Gabriel, criticou a pouca efectividade das actuacións destas compañías na actualidade, xa que «en máis do 28% dos casos as plataformas en liña tardan máis dunha semana en suprimir os contidos ilícitos».
A proposta da Comisión inclúe instrumentos para, de xeito proactivo e dilixente, detectar, eliminar e previr a reaparición dos contidos ilícitos en liña, de xeito que deberán cooperar coas autoridades nacionais competentes, facilitar aos usuarios mecanismos que permitan alertar da existencia dos contidos ilícitos e investir en tecnoloxías de detección automática; a eliminación dos contidos deberá realizarse o antes posible (no futuro analizarase o establecemento de prazos fixos) aínda que tamén haberá que introducir garantías que eviten a eliminación abusiva; e as plataformas deberán adoptar medidas para disuadir aos usuarios de publicar de xeito reiterado os contidos ilícitos (para o que instan á adopción de ferramentas automáticas que impidan a reaparición de contidos eliminados anteriormente).
A Comisión vixiará a aplicación destes principios para avaliar se hai que crear medidas adicionais e a necesidade de establecer medidas lexislativas que complementen o actual marco regulador.
Este venres 29 vaise celebrar na Coruña a nova entrega da nosa gran festa da comunicación e a información e as tecnoloxías que as fan posibles. Mellor dito: a nosa gran festa de todo aquilo que revoluciona, fai avanzar e ampliar o noso xeito de intercambiar información. Falamos da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano xirará arredor da necesidade de adestrarnos e capacitarnos para a que está sendo (e será) unha das grandes ameazas tecnolóxicas do noso tempo: a ciberdelincuencia. Máis polo miúdo, a Noite comeza ás 20.00 horas no recinto de PALEXCO, e estará presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A actriz Silvana Sestelo presentará o evento, no que se desenvolverá, en palabras da organización (o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG-AETG), “un espectáculo especialmente creado para a ocasión”.
Segundo informan os impulsores do evento, a gala achegará unha serie de novidades importantes con respecto ás anteriores entregas. Será, en palabras do COETG-AETG unha cita “coidada e disruptiva” que comezará cun cóctel-networking que dará paso, no salón Arao, a un espectáculo en cuxo transcurso entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.
Nesta edición a relación de premiados son: Enxeñeiro do Ano a Paulino González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA. Volvendo ao fío temático da Noite, será, como dixemos, o da ciberseguridade. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”.
Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social. A gala rematará ás 22.30 horas e, a continuación, as autoridades, premiados, patrocinadores e directivos do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia posarán ante as cámaras dos medios de comunicación. Unha vez rematada a cerimonia dará comezo unha cea á que está previsto que asistan uns 300 profesionais e empresarios do sector.
Setenta e oito persoas con discapacidade conseguen inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción `PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE´ de capacitación mediante as TICS para a inserción sociolaboral, un proxecto no que participa a Fundación Vodafone España e que pretende potenciar o uso das novas tecnoloxías, darlle un uso para que sirvan como un apoio ás persoas que están a buscar emprego.
O programa, iniciado en xaneiro e que finalizará en decembro, está a cumprir, e mesmo superando, as expectativas marcadas pola área de emprego de COGAMI. Aínda que o propósito marcado era alcanzar o obxectivo de que o 49% das 150 persoas participantes logren inserirse no mercado laboral, as cifras conseguidas ata agosto indican que esta porcentaxe está superada, conseguindo que o 52% das persoas participantes estean a traballar.
Os perfís das persoas seleccionadas no programa son similares: persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para o desenvolvemento da súa profesión habitual, carecer dun contrato laboral durante os seis meses anteriores ao programa e todas son persoas con maiores dificultades de inserción (por iso é polo que a metade de participantes sexan mulleres). Segundo o lugar do que proceden, 24 dos participantes son da Coruña, outras 24 son de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 proceden de Vigo.
Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas principais cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Tras as entrevistas personalizadas, estes orientadores laborais trazaron un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa.
Ademais de asesoramento, o programa `PARTICIPA COA dis-CAPACIDADE´ ofrece información, formación e capacitación en TICS baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a busca de emprego e poder acceder ao mercado laboral. Para isto, desenvolvéronse 5 talleres grupais explicativos para asesorar e encamiñar aos participantes na procura de emprego nos que participaron 102 persoas do programa; xestionáronse 33 prácticas en empresas (podendo ser este un paso previo á inserción); impartíronse talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron 105 persoas; asesorouse na elaboración do currículo 2.0 ou audiovisual desde a preparación do guion ata a presentación e gravación; impartíronse 11 círculos de emprego onde se comparten experiencias e estratexias sucesivas durante a procura de emprego e, por último, impartiuse formación para explicar as ferramentas ou apps que existen especializadas na procura de emprego e que se poden descargar nun Smartphone.
Parte importante dentro do programa é tamén a acción de visitar empresas para realizar labores de sensibilización cara á discapacidade, informar sobre bonificacións e incentivos que hai na contratación dunha persoa con discapacidade e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 176 empresas novas, fíxose seguimento a 243 empresas coas que xa se mantén o contacto. Finalmente, abríronse un total 427 ofertas de emprego.
Así, todos os deputados da Comisión votaron a favor dunha proposición non de Lei, tras ser acordadas algunhas modificacións no texto, que pide ao Executivo que garanta que mulleres e homes se incorporen en condicións de igualdade de oportunidades á sociedade da información.
En concreto, reclaman un plan de igualdade específico para reducir a fenda dixital en materia de xénero, que facilite e promova unha maior presenza na sociedade dixital das mulleres como creadoras de contidos na rede e promotoras de proxectos TIC.
Ademais, ínstanlle a abordar o deseño de mecanismos de promoción e medición da participación das mulleres e nenas no acceso e uso das TIC, así como na capacitación, emponderamento e educación en competencias dixitais.
A iniciativa, presentada polo Grupo Socialista no Congreso, considera que a revolución 4.0 "chegou para quedar" e que os fenómenos da dixitalización e a robotización están a alterar os procesos de produción, de distribución e de consumo de bens e servizos en todos os sectores.
Así, advirte de que nos novos mercados que xorden, os "grandes actores tradicionais" ven a súa posición ameazada e aparecen novos modelos de negocio e financiamento.
"A igualdade entre mulleres e homes é un obxectivo básico para os estados democráticos actuais e está na base de calquera democracia que aspire á súa lexitimidade. Baixo estas directrices, as mulleres e os homes deben estar presentes nesta revolución dixital e débeno facer en igualdade de oportunidades", reclama a proposición non de lei aprobada.
Así mesmo, recoñece que a desigualdade da muller en España é "un feito recoñecido e amplamente contrastado" e advirte de que a fenda dixital de xénero aumentou en 2016 nos principais indicadores da enquisa de equipamento e uso de TIC do Instituto Nacional de Estatística, en contra da "tendencia histórica observada en anos anteriores".
En concreto, apunta que a diferenza entre a porcentaxe de mulleres e de homes que usaran Internet nos últimos 3 meses era de 3,9 puntos en 2016, mentres que en 2015 esta diferenza era de 3,2 puntos. Igualmente, a fenda agrándase se se ten en conta a intensidade e a frecuencia dos usos máis complexos ou profesionais das novas tecnoloxías.
En definitiva, observa que a fenda dixital por cuestión de xénero está en torno ao cinco por cento, o dobre doutros países da contorna. Por exemplo, en Estados Unidos, Francia ou os países nórdicos, a paridade de uso na internet "é un feito desde hai anos".
Doutra banda, tamén se aprobou por unanimidade outra proposición non de Lei que insta ao Goberno a crear un grupo interministerial para coordinar esforzos en materia de vivenda, medio ambiente e axenda dixital co obxectivo de impulsar as cidades intelixentes.
Así, a iniciativa presentada polo grupo parlamentario socialista, pide ao Goberno que defina un método e procedementos para elaborar unha Axenda Dixital Española nos municipios, en coordinación coa Rede de Cidades Intelixentes.
Ademais, a proposta expón a promoción da internacionalización das empresas españolas que desenvolven proxectos no ámbito das 'smart cities' así como a potenciar a imaxe de España e das súas cidades como líderes no desenvolvemento de iniciativas que promoven o benestar dos cidadáns.
Do mesmo xeito, a iniciativa propón ao Goberno que implante medidas para atraer capital para desenvolver proxectos de smart cities en cidades españolas e potenciar e posibilitar así mesmo o efecto arrastre das pequenas e medianas empresas como provedoras españolas en proxectos adxudicados a unha gran empresa española-ICEX INTEGRA.
Considéranse cidades intelixentes aquelas que contan cun sistema de innovación e de traballo en rede para dotarse dun modelo de mellora da eficiencia económica e política permitindo o desenvolvemento social, cultural e urbano.