
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Imos ter, estes días, nova edición do programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade, no que participaban os colexios composteláns. Nesta nova entrega, que novamente busca visualizar no ámbito docente o traballo de enxeñeiras e científicas locais (co fin de espertar vocacións STEM entre as estudantes e contribuír a derrubar a falsa crenza de que a ciencia e a tecnoloxía non son aptas para elas), participan o CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP de Roxos e o CEIP de Vite. O programa, que inclúe obradoiros para o alumnado de quinto de Primaria, volverá contar coa presenza activa de investigadoras da Universidade de Santiago (por exemplo do CiTIUS) e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Entre as relatoras atópanse Natalia Costas e Mª José R. Malmierca, do CESGA, que concorren co obradoiro Falando cos superordenadores. Nesta sesión, “de forma lúdica e práctica”, levaranse a cabo varias experiencias de uso da programación básica e a súa interacción con microcontroladores e diversos compoñentes externos. Tamén traballará no programa a profesora María Jesús Taboada Iglesias da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, que falará do significado da intelixencia. E tamén intervirá, entre outras, a profesora Eva Cernadas, do Departamento de Electrónica e Computación da USC e investigadora do CiTIUS (este 4 de outubro no Pío XII para mostrar as aplicacións da informática visual na bioloxía).
Como sinalamos por estas mesmas datas o ano pasado, a iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole ten como principal obxectivo dar a coñecer ás enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tradicionalmente asociadas ao mundo masculino. Na anterior edición desenvolvéronse unha vintena de obradoiros onde se mostrou a relación da ciencia e das tecnoloxías coa nosa vida cotiá co fin de achegar ao alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico.
As temáticas foron moi variadas: programación, supercomputadores, física divertida, xogos coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras e as encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da Universidade de Santiago e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía o prazo de presentación de candidaturas á X edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre ata o vindeiro día 6 de outubro para facilitar a inscrición aos alumnos que teñan presentado o seu proxecto nos tribunais no mes de setembro.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
Os estudantes interesados en participar neste premio deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do vindeiro seis de outubro:
Finalistas e acto de resolución
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado seleccionará os finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o vindeiro día 27 de Outubro na Cidade da Cultura. Os finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados ou as perspectivas de futuro, entre outros.
Á hora de tomar a súa decisión, o xurado valorará o nivel de actividade pública do traballo, é dicir, a publicación continua do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web; o uso adecuado dunha licenza libre: e calidade do proxecto.
Este premio ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre.
Dotación económica
Este premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún. https://www.mancomun.gal/premiopfc. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.
Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación, foi o encargado de clausurar este encontro que, segundo dixo, tivo unha importante participación e repercusión. “Vou contento e orgulloso dos resultados e do seguimento que tivo”. Demostrouse, concluíu, que a tecnoloxía xa está aquí “e veu para quedar e vai cambiarnos a forma de relacionarnos por completo”.
Como facer que os destinos vacacionais sexan máis intelixentes para que se adapten mellor ás necesidades dos seus usuarios e como conseguir que a robótica sexa útil para persoas maiores ou con alzhéimer foron dous dos temas que se abordaron neste Congreso.
Os asistentes puideron debater e analizar diversos aspectos sobre os que construír un turismo sustentable, e foron descubrindo distintas aplicacións e ferramentas tecnolóxicas que facilitan a vida das persoas con discapacidade.
Entre outros exemplos coñeceron de primeira man as balizas intelixentes de guiado en interiores para persoas cegas; un brazo robótico manexado por unha persoa grazas ao movemento do iris dos seus ollos, ou unhas lentes intelixentes que permiten ler ou identificar obxectos ás persoas con baixa visión.
Distintas mesas redondas sobre ‘Realidade aumentada, virtual e mixta', sobre ‘Robótica' e unha última na que se abordou a ‘Intelixencia artificial' pecharon unha xornada na que os expertos mostraron o seu desexo de que a tecnoloxía siga evolucionando para que o turismo, o sector empresarial e a educación avancen cara a un mundo mellor sendo accesibles para todos.
Durante o encontro, destacou a intervención de George I. Fomitchev, fundador e CEO de Endurance Robots, unha startup dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en robótica. No seu relatorio abordou como dar asistencia a persoas maiores e pacientes de alzhéimer con chatbots, un software de intelixencia artificial capaz de levar a cabo diversas tarefas autónomamente.
Endurance Robots aproveitou esta tecnoloxía para desenvolver unha solución innovadora e intelixente que asiste a persoas maiores, incluídas as que teñen alzhéimer, e que pode personalizarse en función das necesidades de cada usuario.
Tamén houbo tempo para unha mesa sobre ‘Formación' moderada por Nacho Tremiño, portavoz de Discapacidade do PP, na que os participantes insistiron na necesidade de que todo o alumnado que saia da universidade estea formado en accesibilidade. Por iso pediron que todas as titulacións inclúan formación relacionada coas persoas con discapacidade. “Os futuros profesionais han de estar sensibilizados e formados nos conceptos de accesibilidade universal e deseño para todas as persoas”, concluíron.
Premio ESVI-AL
O Congreso concluíu coa entrega do Premio ESVI-AL Tecnoloxías para a Aprendizaxe e a Colaboración Accesibles ao mellor traballo presentado a este II Congreso que recaeu en Rocío Calvo, Ana Iglesias e Lourdes Moreno, do Departamento de Informática da Universidade Carlos III de Madrid.
O traballo, premiado cunha dotación económica de 300 euros, titúlase:‘Improving Interaction in Inclusive Mobile Collaborative Learing Tools: Synchronous Chat Applications'.
Segundo explicou Lourdes Moreno, integrante do grupo de investigadoras da Universidade Carlos III de Madrid, o obxectivo principal deste traballo de investigación é mellorar a interacción e accesibilidade das aplicacións de chats nos dispositivos móbiles en contornas de aprendizaxe m-learning. Este traballo identifica os principais problemas de accesibilidade cos que as persoas con discapacidade se atopan cando utilizan aplicacións de chat, como son as dificultades á hora de seguir o fluxo da conversación.
Para liquidar esta situación, proponse unha nova funcionalidade para aplicacións chat, a función Pause/Refresh, que permite ás persoas controlar a recepción de mensaxes e mellora o fluxo da conversación. Pódese aplicar en distintos ámbitos, sobre todo no ámbito educativo onde cada vez se utilizan máis de maneira colaborativa entre profesores e alumnos. Para Moreno e todo o equipo da Universidade, “é importante ter chats accesibles na contorna educativa”.
O proxecto ESVI-AL pretende crear un modelo para mellorar a relación da universidade coa sociedade, favorecendo a cohesión social ao reforzar as garantías de acceso á educación superior para a poboación con discapacidade e en xeral. O obxectivo é mellorar a accesibilidade na educación superior virtual mediante a creación de metodoloxías que permitan o desenvolvemento dun modelo de traballo para o cumprimento de estándares de accesibilidade dentro da formación virtual.
Organizado por a Fundación ONCE, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para todas as Persoas contou coa colaboración do Concello de Málaga, Organización Mundial do Turismo, European Network for Accesible Tourism (Enat), Deputación de Málaga, Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), ONCE, ILUNION e Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Ademais, figuran como colaboradores tecnolóxicos eSmartcity, Fundación Vodafone España, Casadomo e Samsung. E como patrocinadores, ILUNION Hotels, Renfe e a Fundación ACS.
Finalmente celebrouse este venres, no recinto de PALEXCO (A Coruña) e contando coa presenza de 300 profesionais e empresarios do sector, a XXII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A gala, organizada un ano máis polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG-AETG, comezou ás 20.00 horas e estivo presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A actriz Silvana Sestelo presentou o evento, que xirou arredor da necesidade de adestrarnos e xuntar forzas para tirar proveito das oportunidades da información a gran escala e facelo con total seguridade e confianza. Segundo fixo saber na súa intervención Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio e presidente da AETG, “só desde a unión podemos avanzar e afrontar con éxito os grandes retos que se nos presentan cada día como son, entre outros, a ciberseguridade e o Big Data. Ou facémolo nós ou alguén o fará por nós”.
A cita comezou ás oito da tarde cun networking, no que participaron uns 300 profesionais e empresarios do sector. Ás 21.30 horas principiou a gala (adicada como dixemos á ciberseguridade) presentada pola actriz e bailarina Silvana Sestelo. En palabras da organización, “foi un espectáculo disruptivo e orixinal, no que se conxugaron, con gran ritmo, a música, a iluminación, a danza, a proxección de vídeos, os discursos e a entrega de premios”.
No seu transcurso foron galardoados profesionais e empresas: Enxeñeiro do Ano, Paulino González; Socio de Honra, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC, Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA e a firma Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, FINSA.
No nome dos premiados interveu Paulino González, quen subliñou que volvendo a vista atrás, “pódolles dicir que foi unha satisfacción exercer como teleco. Se volvese nacer, volvería elixir, sen dúbida, esta marabillosa profesión”. González fixo referencia ao seu paso por Telettra, Airtel e Vodafone e á súa contribución ou desenvolvemento da rede de telefonía móbil de Vodafone en Galicia, que, dixo, “posibilitou a dinamización do mercado e a sempre estimulante competencia”. E unha consecuencia clara: “Unha maior calidade dun servizo, que hoxe é de primeira necesidade”.
“A infraestrutura da nosa rede”, engadiu Paulino González, “desenvolveuse en igualdade de condicións que no resto de España, tanto en tempo como en calidade. O que, por desgraza”, dixo, “non podemos afirmar en relación con outras infraestruturas tamén esenciais”.
O enxeñeiro do ano rematou o seu breve discurso cunha referencia familiar e adicando o premio a un “elenco de extraordinarios profesionais que me axudaron e acompañaron ao longo desta fantástica carreira profesional. Sen eles nada sería posible”. Por iso, engadiu, “nun acto de xustiza, quero compartir con todos eles o premio que tiveron a amabilidade de concederme”.
A Noite desenvolveuse logo do proceso electoral celebrado no primeiro semestre deste ano, co que se abre “unha nova etapa no Colexio e na Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia”. Segundo salientou Julio Sánchez Agrelo, “estamos aquí para recoller a magnífica herdanza dos equipos directivos que nos precederon e para, na medida do posible, superala e mellorala”.
Despois dunhas palabras de recoñecemento para o decano e presidente saínte, o seu substituto sinalou que “tomamos o relevo con tanta determinación como ilusión”. A maiores, fixou como o seu principal obxectivo “vertebrar os profesionais das TIC, comezando pola integración, no colexio e na asociación, de todos os enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia”.
Por outra banda, o novo decano e presidente do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia puxo especial énfase na “defensa da dignificación do noso traballo”. E engadiu: “Reivindicaremos a nosa función como profesionais das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. A ninguén debe molestarlle que reclamemos o que lexitimamente nos corresponde”.
Xusto antes do remate da Noite, Sánchez Agrelo tivo unha lembranza emocionada para Fernando Pardo, falecido hai hoxe xustamente un ano, ao que definiu “coma un dos pais fundadores da TVG, un mestre e un magnífico divulgador da enxeñería de Telecomunicación; unha referencia a seguir, tanto no ámbito persoal como profesional”.
Segundo fixo saber a organización, este acto celebrado en PALEXCO (“e 22 anos despois da súa posta en marcha”), a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, pasará a ser itinerante e, nos vindeiros anos, celebrarase nas cidades máis importantes da nosa comunidade. Esta edición coincidiu, como lembraremos, co 25 aniversario da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Reforzar a confianza dos cidadáns no uso dos servizos dixitais é un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e o novo Regulamento Europeo de Protección de Datos incrementa os dereitos dos cidadáns e implica un maior compromiso das administracións públicas e das empresas neste ámbito. Así o sinalou a directora da AMTEGA, Mar Pereira na clausura da Xornada sobre a adaptación da Lei de Protección de Datos ao Regulamento Europeo, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. No acto interviñeron tamén a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos e a directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEDP), Mar España.
A directora a AMTEGA indicou que o novo Regulamento supón unha harmonización e unidade de criterio en canto á aplicación e garantía dos dereitos dos cidadáns europeos en materia de privacidade e protección de datos e que incide en tres aspectos: a accesibilidade, a prevención e a proactividade.
Aplicación do novo regulamento europeo na Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, está afrontar as novas obrigas normativas con liñas de traballo orientadas a identificar con precisión as finalidades e a base xurídica dos tratamentos que levamos a cabo e a elaborar un Rexistro de actividades; deseñar a figura do Delegado de Protección de Datos (DPD) adaptado á contorna da administración pública galega; implementar accións de concienciación e formación para o persoal da administración e desenvolver unha guía que facilite o exercicio de dereitos por parte da cidadanía establecer o principio de transparencia como o alicerce fundamental nas relacións cos cidadáns, facilitando a información o máis completa, concisa, clara e transparente posible.
O traballo realizado: Plan de Ciberseguridade
Todos estas medidas de adaptación enmárcanse no Plan Director de Seguridade TIC da AMTEGA, que se está a actualizar para incorporar as liñas de traballo derivadas da aparición desta nova normativa.
A través deste Plan estanse a desenvolver diferentes actuacións que nos permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade. Todas estas melloras permitiron tamén unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles delitos relacionados co ciberespazo. A nivel organizativo, constituíronse na Xunta de Galicia órganos colexiados coa responsabilidade do goberno dos aspectos relacionados coa seguridade da información, con participación de tódalas consellerías da Xunta de Galicia, a Asesoría Xurídica e a AMTEGA, xa que a seguridade da información non é un aspecto unicamente técnico e é necesario elevar esta cuestión a niveis directivos das organizacións.
As liñas de actuación deste Plan Director veranse reforzadas mediante a Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), actualmente en proceso de elaboración e coa que buscamos prestar un servizo personalizado e de carácter proactivo á cidadanía, podendo a Administración ofrecer vantaxes grazas ás relacións xa existentes cos cidadáns. Para iso será necesario garantir o cumprimento da lexislación aplicable en materia de Protección de Datos e, en particular, no caso de compartición de datos entre distintos organismos da mesma administración
Formación da EGAP
Pola súa banda, a directora da EGAP resaltou o apoio constante da Escola a todas aquelas actividades formativas que contribúan á capacitación dos empregados públicos. Esta xornada comporta unha relevancia especial dentro do sector público como consecuencia do auxe da Administración electrónica, que trae consigo numerosos retos aos que os empregados públicos deberán facer fronte. Por este motivo, segundo Sonia Rodríguez-Campos, faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica.
Esta situación motivou que na EGAP se ofrezan cursos sobre protección de datos persoais dentro do plan anual desde hai xa varios anos, tanto a través de actividades específicas como O novo regulamento europeo en materia de tratamento de datos persoais ou Seguridade da información como incluíndo estes coñecementos de maneira transversal noutras actividades formativas.