
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este curso, de carácter introductorio, permite comprender e aplicar os principios do Deseño para Todos e os Produtos de Apoio nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tomando como base fundamentos da Interacción Persoa-Computador.
Obxectivos
Equipo docente
Alejandro Rodríguez Ascaso é doutor enxeñeiro de telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. Actualmente é profesor do Departamento de Intelixencia artificial da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e investigador dos grupos de investigación e innovación aDeNu e MiniXModular, en temas entre os que se inclúen a accesibilidade e adaptabilidade de recursos educativos abertos (OER) e cursos MOOC. A súa actividade como profesor ten que ver coas Metodoloxías de Deseño Centrado no Usuario, o Deseño para Todos nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e o Apoio TIC á Vida Independente. Participa en actividades de normalización niso, ETSI e AENOR.
Temario
Requisitos recomendados
Non se require ningún coñecemento previo.
Público obxectivo
Calquera persoa interesada en coñecer que son o Deseño para Todos e os Produtos de Apoio, e a súa relación coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tales como traballadores sociais, profesores de estudantes con discapacidade, asistentes persoais, profesionais da comunicación, enxeñeiros, programadores, etc.
Calendario do curso
Accesibilidade
Traballamos para que os contidos do curso sexan accesibles para calquera persoa que siga o curso. O noso estándar de traballo é o nivel AA segundo as WCAG 2.0 de WAI.
A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás (Campus de Pontevedra) vén de presentar o seu programa formativo para o que resta de ano, dirixido, unha vez máis, tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía. O abano de temáticas dos cursos será variado abondo: haberá de deseño web, de tratamento de imaxes e de xestión das redes sociais. Ademais, achéganse novas edicións dalgúns dos cursos que máis interese espertaron en anos anteriores e aos que se suma como novidade o taller Iniciación aos recursos web para a educación, que Isaac Gómez Figueroa impartirá entre o 20 de novembro e o 5 de decembro e que se dirixe a mostrar a importancia que teñen as TIC no ensino e identificar unha serie de ferramentas web que poden ser útiles neste eido.
Cun límite de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, a matrícula nestas actividades, de carácter gratuíto, abrirase nos vindeiros días na plataforma Bubela.
O programa de cursos, de 12 horas de duración (divididas en catro ou seis sesións), bota a camiñar o 17 de outubro con Introdución e fundamentos da maquetación frontend con CSS. Impartido polo deseñador e ilustrador Alberto García, este obradoiro dividido en catro sesións, diríxese a dotar ao alumnado dos fundamentos básicos para poder adaptar a aparencia das webs a diferentes dispositivos de visualización a través do maquetado de documentos por medio de follas de estilo CSS (para esta actividade recoméndase que o alumnado posúa coñecementos de linguaxe HTML).
García Ariza será así mesmo o responsable de Introdución ao retoque fotográfico con Adobe Photoshop, que se desenvolverá en catro sesións, os días 20 e 27 de outubro e 3 e 10 de novembro. Sen necesidade de coñecementos previos, este curso “busca amosar ao alumnado como realizar manipulacións básicas de edición e retoque dixital, así como a xestionar de forma eficiente o seu banco de imaxes persoais”, explican os responsables da Aula Tecnolóxica, que engaden que entre o 18 de outubro e o 9 de novembro, a Aula Tecnolóxica acollerá, en seis sesións, o curso Introdución ao community management, no que a profesional deste eido Marta Crespo Cruces afondará co alumnado no coñecemento das principais redes sociais e da contorna 2.0, “co propósito de achegar aos participantes ás ferramentas necesarias para o se seguimento, medición e para a súa xestión estratéxica dentro do plan de comunicación e mercadotecnia dunha empresa”.
O sábado 14 de outubro o programa de obradoiros Amigus Labs, o proxecto argalleiro e Maker da Asociación Informática Amigus, celebra unha xornada de traballo no Lar de Endesa das Pontes centrada na creación dunha das máquinas con que se dotará o Fab Lab da dita entidade, trátase do pantógrafo CNC. Así, no dito encontro trataranse temas coma a Industria 4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker, fronte ao modelo actual de modernización da industria (robotización e automatización cun maior produtividade pero un maior desemprego) e achegando unha alternativa (a alternativa Maker) que, segundo explican dende Amigus, favorece o autoemprego e a fabricación personalizada grazas ao coñecemento aberto e cooperativo en materia de enxeñería, electrónica, robótica, impresión 3D, ferramentas CNC, e actividades máis tradicionais, como a metalurxia ou a artesanía.
Neste contexto, durante o laboratorio Amigus Lab do 14 de outubro crearase a que sería a primeira máquina colaborativa da asociación, un Pantógrafo CNC cunha área de traballo de 1300 x 950 x 300 mm, que “permitirá comezar a producir pezas en madeira, contrachapados, MDF, plásticos, escumas, acetatos, PVC, policarbonato, poliestireno, poliuretano, fibra de vidro ou de carbono, entre outros materiais”, sinalan dende a asociación con sede de seu nas Pontes. De maneira paralela, activarase unha zona de impresión 3D, onde os usuarios poderán coñecer a fondo como construír a súa propia impresora, que materias se precisan, como funciona ou como preparar os modelos 3D para imprimir. Para esta tarefa contarase coa axuda de Álvaro Rey, de MakerGal. Amigus tamén lembra que haberá un espazo específico para as crianzas, cunha zona Amigus Labs Kids, onde os nenos poderán asistir a un curso de microsoldadura con estaño e crear por si mesmos coches autónomos. Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. A inscrición na actividade é de balde, e o prazo remata o 12 de outubro. Podemos apuntarnos enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, indicou hoxe que para garantir que a actual transformación dixital sexa inclusiva é “preciso facilitar o acceso a novas habilidades dixitais e camiñar cara á hibridación entre o mundo humanístico e tecnolóxico”.
Ante a redefinición dos perfís profesionais a Xunta avoga por impulsar as vocacións tecnolóxicas e facilitar a capacitación dixital noutros ámbitos. Un obxectivo, que segundo Mar Pereira, precisa do “compromiso conxunto da Administración, a Universidade e a empresa para adaptarnos ás esixencias do mercado laboral e equilibrar a demanda de novos perfís e a diminución de ocupacións tradicionais”.
A directora da Amtega, xunto co presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), inaugurou hoxe a VII Xornada de Informática Xudicial, na Cidade da Cultura. A xornada reúne a un panel de relatores expertos do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que analizarán os retos da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei.
Novo Regulamento Europeo da Protección de Datos
Respecto da Ciberseguridade e a privacidade, a máxima responsable da estratexia dixital da Xunta destacou que a Administración autonómica está a traballar para adaptarse ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018. Este proceso de adaptación enmárcase no Plan Director de Ciberseguridade da Xunta, co que nos últimos anos se incrementaron as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.
Ademais, as actuacións deste plan reforzaranse coa Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), actualmente en proceso de elaboración, e coa que buscamos prestar un servizo personalizado e proactivo á cidadanía.
Un neno que non pode camiñar pola súa deficiencia, faino grazas a un invento chamado “exoesqueleto”. Un adolescente que ten dificultades para entender como comunicarse coas persoas faino axudándose cunha aplicación no seu móbil, ou outro que non posúe linguaxe pode expresar aquilo que desexa grazas un conxunto de imaxes que ten no seu teléfono. Outro neno vai á escola e ten unha tablet que o axuda a aprender do mesmo xeito que os seus compañeiros e un mozo cunha discapacidade sensorial ou motriz pode ir traballar porque ten os apoios tecnolóxicos adecuados para que o seu rendemento sexa como o de calquera outro.
Hai só unhas décadas atrás, isto parecía ciencia ficción, con todo, nos últimos anos estamos a afacernos que a tecnoloxía aumentou as posibilidades das persoas con discapacidade, apoiándoos no funcionamento da súa vida cotiá e xerando unha maior calidade de vida para elas e as súas familias.
Estes apoios tecnolóxicos permiten estender e expandir as capacidades humanas. Estivemos moi afeitos ver as cadeiras de rodas, audífonos e outros elementos, pero pouco se ofrecía para outras discapacidades. Co desenvolvemento da informática, Internet e a caída nos custos producida polo software libre, a oferta multiplicouse.
Hoxe contamos con aplicacións que melloran a linguaxe e a comunicación, a comprensión do mundo, permiten apontoar as habilidades sociais, facilitan a aprendizaxe, a inclusión laboral, melloran as posibilidades da iniciación deportiva e a competición de alto rendemento, acompañan na recreación, a saída cultural, a seguridade e moitas outras cousas máis. Ademais, tamén contamos con tecnoloxías adaptadas para cada ciclo da vida das persoas e para cada tipo de discapacidade.
Así mesmo, é de destacar que, facendo unha rápida revisión nas principais revistas científicas internacionais, pódese observar un incremento exponencial dos traballos publicados sobre esta temática. E a xulgar polos resultados que se obteñen e o interese que suscitan, a tendencia indica que seguirán crecendo.
Por outra banda, o noso país atópase nun moi bo momento para á promoción da así chamada “tecnoloxía inclusiva”, debido, por unha banda, á capacidade emprendedora dos nosos técnicos e científicos, polo outro ao gran protagonismo social que posúen as persoas con discapacidade e as súas organizacións. O Plan Nacional de Discapacidade anunciado recentemente polo goberno ofrece un marco ideal para tal desenvolvemento.
Pero con isto tócanos tamén unha responsabilidade que debemos compartir. Moita desta tecnoloxía inclusiva é gratuíta, pero ás veces non é accesible para todos, haberá que traballar alí. Así mesmo, é imprescindible contar con sistemas de financiamento da tecnoloxía inclusiva. Contar con liñas de créditos e subsidios para usuarios, emprendedores, desenvolvedores, investigadores, familias, organizacións. Dentro do universo das aplicacións e produtos que se ofrecen non sempre é fácil elixir, por iso contar con formas de orientación para usuarios será necesario. O deseño deberá estar guiado pola evidencia internacional e centrado na persoa con discapacidade, sendo esta integrante do devandito proceso e verificador da calidade. Actualmente en países como España isto constitúe unha fonte e traballo para moitos. As tres ideas esenciais para seguir consolidando a tecnoloxía de apoio ás persoas con discapacidade son: a diversidade xera crecemento, a innovación é central para o desenvolvemento, a inclusión é un proceso permanente.