
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Xa comeza a facer ruído un dos festivais máis queridos polos seareiros do novo audiovisual, das novas tecnoloxías e polo público crecente que constitúe o colectivo onde se xuntan e mesturan un eido (o audivovisual) e mailo outro (as TIC). Estamos a falar do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que vai pola súa quinta edición e que semella vir con máis forza ca nunca para converter a vila bergantiñá no Cannes das webseries (entre o 4 e o 7 de abril do ano que vén). Segundo nos conta a súa principal impulsora, Sonia Díaz (xunto co Concello), xa está aberto arestora o prazo presentarmos webseries ou proxectos dewebseries ao festival. Repartiranse máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo ata o 18 de febreiro na web www.carballointerplay.com.
Segundo engade Díaz, as contribucións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, estatais ou internacionais. Respecto das categorías e das contías dos galardóns, sinalar que das achegas recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo dos contidos en liña, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector, premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a contribución gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Por outra banda, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.
BBVA puxo en marcha unha aplicación móbil destinada a facilitar o uso dos caixeiros automáticos por parte de persoas invidentes ou con discapacidade física ou intelectual leve.
Para o seu desenvolvemento, a entidade bancaria contou coa colaboración da compañía tecnolóxica GFT e a empresa Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade, pertencente ao grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación.
Seguindo un proceso de cocreación co usuario final, BBVA colaborou con diferentes colectivos para desenvolver esta nova ferramenta.
Un equipo multidisciplinar, composto por enxeñeiros e especialistas en calidade de atención ao cliente, traballou durante un ano coa Fundación ONCE escoitando as necesidades das persoas con discapacidade ata dar coa solución definitiva.
A entidade financeira logrou crear unha aplicación capaz de xeolocalizar os caixeiros máis próximos, identificar as mellores rutas ata eles e comunicar o móbil do cliente co caixeiro.
Luis Javier Blas, director de Enxeñería de BBVA España, asegurou que “este novo servizo, pioneiro en España, é un paso máis na xestión das finanzas das persoas cegas, xa que lles permite dispoñer de efectivo sen axuda externa, o que fomenta, sen dúbida, a súa autonomía persoal”. Desta maneira, engadiu, “as persoas con discapacidade poderán interactuar a partir de xaneiro con calquera caixeiro de BBVA e realizar operativas a través do resto de canles dispoñibles, segundo a súa conveniencia en cada momento”.
Pola súa banda, o director executivo de Banca de GFT España, Manuel Lavín, destacou que este proxecto “conxuga a transformación dixital dos servizos financeiros e o uso das novas tecnoloxías”.
Tamén para maiores
A directora xerente de Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade, Ana Uruñuela, sinalou que “pensar en accesibilidade á hora de ofrecer servizo ou produtos é unha vantaxe competitiva e un plus social para a empresa”. Así mesmo, segundo as súas propias palabras, o binomio tecnoloxía e accesibilidade “pode mellorar moito a calidade de vida das persoas con discapacidade” e por iso debe terse en conta desde a orixe, desde que se idea un produto, e forxalo baixo os parámetros do deseño para todos. “O deseño para todos non só beneficia ás persoas con discapacidade, senón a outros colectivos, como, por exemplo, o das persoas maiores”, agregou Uruñuela.
Guiado por voz
O obxectivo desta nova aplicación móbil é facilitar a disposición de efectivo mediante instrucións de voz no teléfono intelixente. Abonda con que o cliente inicie a operativa de retirada de diñeiro para que a aplicación lle indique os caixeiros máis próximos.
O usuario tan só deberá seleccionar aquel que máis lle conveña, así como o importe que desexa retirar, para que a app lle ofreza a ruta máis rápida ata o caixeiro, tanto a pé como en transporte público, a través de Google Maps. O usuario poderá localizar o caixeiro grazas aos sinais acústicos emitidos por unha baliza intelixente
Tras chegar ao seu destino, calquera usuario da aplicación poderá localizar espacialmente o caixeiro grazas aos sinais acústicos emitidos por un ‘beepcon', unha baliza intelixente deseñada por Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade situada no propio caixeiro.
Unha vez introducido o cartón, o caixeiro conectarase co móbil do usuario e realizará a operativa que o cliente de BBVA solicitase previamente mediante o seu teléfono intelixente.
IOS e Android
Esta nova aplicación, que estará dispoñible para móbiles con sistema operativo Android e iOS a partir do mes de xaneiro, pasará a complementar os servizos de accesibilidade que a entidade bancaria xa pon actualmente a disposición das persoas con discapacidade a través da súa aplicación móbil e a súa web corporativa.
Acceso á noticia no períodico dixital La Vanguardia.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ultiman os preparativos da xrnada "Transformación Dixital e Talento”, un ambicioso evento que porá en contacto a empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital o vindeiro día 16 de outubro.
Os relatores que participarán no encontro, seleccionados polo seu perfil inspirador, son exemplo de éxito profesional: Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick.
O Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá as charlas en horario de mañá. A xornada está dirixida ao público en xeral e en particular a estudantes universitarios, previa inscrición en eventos@cpeig.gal ou https://XTdT.eventbrite.es. O mago mentalista Javier Luxor actuará de condutor do acto e mesmo realizará algunha pequena actuación.
Programa
O CPEIG e a AMTEGA unen esforzos na organización da xornada "Transformación Dixital e Talento” na procura dun punto de encontro da mocidade e profesionais que buscan formarse nun dos sectores máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais, e con empresas que achegan a súa experiencia en demanda de recursos humanos no sector TIC.
O seminario inscríbese no convenio de colaboración que manteñen a Amtega e o CPEIG.
A Xunta vén de poñer en marcha o programa Medrando Xuntas para impulsar o talento feminino en Galicia, unha iniciativa na que participan 75 mulleres e que forma parte de Emprega en feminino, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o acceso ao traballo das mulleres.
A primeira edición deste programa comezou hoxe en Vigo cun curso de formación de 20 horas para socias e traballadoras da economía social, que se repetirá nas próximas semanas noutras cidades galegas. Así, o próximo 13 de outubro comezará na Coruña.
A actuación continuará mañá en Santiago, na Escola Galega da Administración Pública, cunha sesión dirixida, neste caso, a directivas deste mesmo sector co obxectivo de fortalecer e desenvolver as súas competencias e habilidades profesionais. Neste caso, a acción formativa é de 80 horas de duración, cas cales a metade son presenciais. Esta actuación terá lugar ata o 15 de decembro en Santiago.
Medrando Xuntas conta con contidos específicos cun dobre obxectivo: dar máis protagonismo ás mulleres para conseguir que participen máis activamente nos procesos de toma de decisión das súas entidades e potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dunha formación integral executada desde unha perspectiva de xénero participativa.
Medrando Xuntas continuará desenvolvéndose este mes e o próximo noutras provincias galegas. Na web http://eusumo.gal/medrando-xuntas-programa-formativo-para-directivas recóllese toda a información necesaria para formar parte deste programa. A inscrición aos cursos pode realizarse a través desta páxina, no correo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal ou no teléfono 676531453.
Emprega en feminino, cun orzamento de 100 millóns de euros ata 2020, é a planificación coa que a Xunta busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.
A canle formativa de cursos online da Fundación ONCE, posta en marcha en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, ofrece a partir do próximo luns, 9 de outubro, un novo Curso MOOC (Massive Online Open Courses) sobre deseño para todos e produtos de apoio nas TIC.
O curso, gratuíto e de cinco semanas de duración, pretende dotar aos alumnos das competencias e habilidades necesarias para que no exercicio diario da súa profesión teñan en conta os principios da Accesibilidade Universal e os Produtos de Apoio. Ademais, tamén se propón que tomen conciencia da discriminación que parte da poboación sofre desde o punto de vista do acceso real á Sociedade da Información.
Para iso conta con seis módulos formativos que inclúen vídeos, textos, test de autoevaluación, exercicios prácticos e ata un foro de atención docente. Ofrece formación sobre que é unha interface de usuario, a súa relación cos conceptos de accesibilidade e usabilidade TIC e o reto que supón a constante innovación tecnolóxica.
Tamén permitirá coñecer as estratexias fundamentais para garantir a accesibilidade e usabilidade TIC de maneira sustentable, incluíndo as perspectivas de negocio, lexislación e normativa; saber e aplicar as necesidades que expón a discapacidade e diversidade funcional desde o punto de vista do Deseño para Todos nas TIC e cales son as características principais dos Produtos de Apoio aplicados ás TIC.
O equipo docente deste novo curso está liderado por Alejandro Rodríguez Ascaso, doutor enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. Actualmente é profesor do Departamento de Intelixencia artificial da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e investigador dos grupos de investigación e innovación aDeNu e MiniXModular, en temas entre os que se inclúen a accesibilidade e adaptabilidade de recursos educativos abertos (OER) e cursos MOOC.
A súa actividade como profesor ten que ver coas Metodoloxías de Deseño Centrado no Usuario, o Deseño para Todos nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e o Apoio TIC á Vida Independente. Participa en actividades de normalización niso, ETSI e AENOR.
Esta formación está dirixida a calquera persoa interesada en coñecer que son o Deseño para Todos e os Produtos de Apoio, e a súa relación coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tales como traballadores sociais, profesores de estudantes con discapacidade, asistentes persoais, profesionais da comunicación, enxeñeiros, programadores, etcétera.
O curso comeza o luns 9 de outubro de 2017 e contará con atención tutorial ata o 12 de novembro de 2017. Permanecerá aberto ata o 8 de abril de 2018.
As inscricións deben facerse na seguinte ligazón:
https://iedra.uned.es/courses/course-v1:UNED-ONCE+InterPerCom02+2017/about
A canle formativa de cursos online da Fundación ONCE estreouse o pasado ano e o seu obxectivo é abordar en primeira persoa o concepto de accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos.
A súa posta en marcha enmárcase no convenio que manteñen a Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade e conta co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
Accesible a través de UNED Aberta (http://iedra.uned.es/), a canle incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.