
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Afundación (ABANCA) e a Universidade de Santiago (Grupo USC-PSICOM) presentaron hoxe un informe sobre envellecemento activo e as metodoloxías futuras máis axeitadas para alentalo e para afrontar con saúde e calidade de vida un fenómeno demográfico (o envellecemento da nosa poboación) que irá a máis nos anos vindeiros (en 2031 o 39% dos galegos terá máis de 60 anos). O informe conclúe que as persoas que participan nos programas de envellecemento activo, cuxa base está constituída en boa medida polo uso das TIC, mostran “niveis significativamente mellores”, tanto na saúde global, como na participación e a contribución social en relación a outras persoas da mesma idade, igualmente autónomas e independentes, pero que non participan en actividades.
O estudo realizouse grazas a unha nova ferramenta deseñada pola Universidade de Santiago, o Índice Persoal de Envellecemento Activo (IPEA USC), en palabras da institución académica compostelá “a primeira no mundo que permite avaliar e cuantificar o nivel de envellecemento activo particular de cada individuo”. Con este recurso o equipo de traballo da USC fixo 391 entrevistas a persoas maiores de 55 anos divididas en dous grupos: socios que acoden a programas de envellecemento activo e persoas que non participan en ningún tipo de actividades destas características. Para avaliar o impacto tivéronse en conta as dúas dimensións que constitúen o envellecemento activo a nivel persoal, a participación global (que se refire ao emprego, a participación social, a formación continua, o uso das novas tecnoloxías da información e o lecer) e a saúde integral (que inclúe a saúde física, funcional, cognitiva, o estado afectivo e o estado social). A conclusión é que os participantes nestes programas teñen un nivel de envellecemento activo elevado, de 0,71 sobre 1, dez puntos máis que os que non participan, o que, en palabras da USC e ABANCA, “probaría a súa eficacia”.
No estudo dise ademais que “en xeral, as persoas que realizan actividades deseñadas especialmente para promover un envellecemento activo teñen un estado de saúde que supera en 6 puntos os que non seguen estes programas”. En termos concretos, teñen menos doenzas e síntomas físicos, maior satisfacción co seu estado de saúde, mellor funcionamento cognitivo e están máis activos dende o punto de vista mental.
Na investigación, respecto da participación global dos maiores, a diferenza nos índices elévase até 14 puntos como media. Así, sinálase, os usuarios destes programas “participan máis na sociedade e xeran máis contribución social, usan máis frecuentemente as TIC e gozan dun lecer máis variado e estimulante”.
Partindo destes resultados, sinalou na presentación dos mesmos Sabela Couceiro, coordinadora de Envellecemento Activo de Afundación, “extraéronse unha serie de recomendacións para reforzar os aspectos máis febles do programa e, desa maneira, favorecer un envellecemento activo de maneira máis integral”. Algunhas propostas son: “Incluír estratexias para xestionar as emocións e favorecer estados de ánimo positivos, levar a cabo accións que favorezan a participación e a contribución social e incidir nas actividades que contribúen a aumentar a autonomía, a autoaceptación, o crecemento persoal e a visión máis positiva da vellez”.
Couceiro tamén recordou que a Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro). Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos “como espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de medrarmos persoalmente e de continuar formándonos”. Con este obxectivo, ofrécese unha programación que abrangue “diferentes dimensións do envellecemento activo”, con diversidade de propostas que se estruturan en cinco bloques: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e lecer activo.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior (Fegaus) abre o seu segundo ciclo formativo de manexo de móbiles e tablet con sete novos cursos para maiores.
Unha formación que impartirá desde a súa plataforma Ágora Tecnoloxía e que se inclúe no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O ciclo de cursos, que comezou o 8 de setembro e finaliza o 20 de outubro, leva por título “Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva” e está destinado a persoas maiores cun nivel básico no uso das novas tecnoloxías.
Os contidos están orientados a sacar “o maior proveito á tecnoloxía habitual e cotiá mediante o descubrimento de novas aplicacións ou funcionalidades”, explica o presidente de Fegaus, Alejandro Otero, “como o vídeo dixital, compra a través de Internet, relacións coa administración, aplicacións para viaxes, de saúde ou compartir contidos nas redes sociais”.
As actividades chegan a 18 aulas da rede dos Centros para a Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT) da Xunta que ofertan 300 prazas. “Programamos as sesións desde as cales realizaremos as transmisións, con alumnos presenciais e todos se conectarán pola nosa plataforma para seguir a formación”, comenta Otero.
A formación impártese nestas salas repartidas por toda Galicia, de forma presencial desde unha das aulas CeMIT, de maneira rotatoria, e poden seguirse por videoconferencia nas restantes aulas.
Plan Galicia 2020
Fegaus é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado por a Amtega, ao que se poden adherir empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
‘Comparte a túa enerxía' é unha plataforma online que facilita a todas aquelas persoas cegas ou con discapacidade visual grave, afeccionadas ao ‘running', atopar corredores que poidan ser os seus guías, e ao revés persoas que queiran guiar a outras cegas para formar parella en adestramentos e carreiras.
A plataforma (Compartetuenergia.com) foi apadriñada polo atleta Martín Fiz e o runner internacional cego, Pablo Cantero.
“Comparte a túa enerxía é un gran punto de encontro que nos servirá ás persoas que, como eu, temos diminuídas parcial ou completamente as nosas capacidades visuais, a gozar do deporte ‘facendo amigos'” declarou Cantero durante a presentación da plataforma en Madrid.
Para utilizar a web, é necesario rexistrarse, encher o perfil e ver os corredores que máis encaixen en distancia xeográfica e tempos de competición.
Ao pulsar o vídeo na web, con Google Chrome ou Firefox, a tecnoloxía de recoñecemento permite identificar que o usuario ten os ollos pechados para que se poida reproducir, e mostra tamén as directrices e tutoriais necesarios para que os diferentes perfís de corredores se compenetren.
Esta plataforma de encontro para todos os que queren compartir a súa enerxía está impulsada pola ONCE e a enerxética EDP, patrocinador das principais carreiras populares do calendario, como o EDP Rock and Roll Madrid Maratón e medio maratón e o Maratón Valencia Trindad Alfonso EDP. “Cremos que a falta de visión non debería ser un impedimento para gozar deste gran deporte”, destacou o conselleiro director xeneral en España de EDP, Javier Sáenz de Jubera.
“A concienciación dos guías é fundamental para o éxito deste proxecto que permitirá gozar dun deporte como o running a todas as persoas. Neste sentido, animo a todos os afeccionados a visitar esta plataforma accesible e que ninguén deixe de tentar saír a adestrar polo feito de non ter acompañante ou un guía. Agora, xa é posible”, sinalou o presidente de FEDC e director executivo de Autonomía Persoal, Atención ao Maior, Lecer e Deporte da ONCE, Ángel Luís Gómez.
O Consello da Cultura Galega vainos achegar á realidade das novas formas que están a adquirir a violencia de xénero e o acoso ao abeiro das novas tecnoloxías da información: formas que manteñen o mesmo substrato pero que engaden perigosos ingredientes: anonimato, viralidade e mantemento no tempo do problema (perpetuación nos diferentes sitios e terminais de actividade acontecida hai tempo). A xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF) vén da man a Comisión de Igualdade do CCG, con Carme Adán e Nieves Santomé en labores de coordinación. Ramón Villares, presidente do Consello, e María Xosé Porteiro García, coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG, serán os encargados de inaugurar a cita. Nela, abordarase “un tema de actualidade como é a violencia de xénero, centrando o foco nas idades máis temperás e no uso das tecnoloxías”.
Contarase coa presenza de policías, investigadores e expertos, entre os que cómpre salientar a antropóloga e feminista arxentina Laura Segato. Segundo informan as organizadoras, “debido á delicadeza do tema e a seguridade das persoas participantes, algunhas das sesións non se poderán retransmitir por streaming”.
Segundo informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora, formativa e beneficiosa, ou non. Apuntan as integrantes da comisión: “As redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”. Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras”, permita afondar “na relación violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”. E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de control e dominación sobre as mozas”.
Quen queira formación tecnolóxica en Lugo, vaina ter. E sen necesidade de ir lonxe (a cidadanía ten no centro da cidade, en pleno casco vello, un centro formativo e divulgativo especialmente remodelado para o devandito cometido: o Edificio de Novas Tecnoloxías, de cuxa apertura e de cuxos primeiros obradoiros xa falamos polo miúdo). Pois ben, respecto da continuidade desta liña de difusión de contidos e coñecemento, a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este 6 de outubro os cursos do novo programa formativo Tecnoloxíza-T!, que se impartirá no dito centro da man do Concello. Trátase de 210 prazas totalmente de balde artelladas en 14 cursos dirixidos a públicos de todas as idades. Desenvolveranse dende o 21 de outubro ao 22 de decembro.
Na cita cos medios, Rosana Rielo fixo saber que “estes cursos permiten coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. Ademais, animou a toda a cidadanía “para que participe nestes cursos, que en edicións anteriores tiveron moita demanda”. Entre as distintas alternativas de accións formativas que ofrece o Concello atópanse facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, utilización do smartphone, trámites bancarios en liña, mercadotecnia dixital, comunicación dixital, posicionamento web, emprego do Whatsapp, creación de aplicacións móbiles, Internet segura, uso da tableta, introdución á programación e retoques fotográficos.
Rielo tamén lembrou que para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula ata as 20:00 horas do día de peche da inscrición, anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar en www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do teléfono de atención cidadá 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para pode recibir o diploma. O programa e as bases de participación nestes cursos están dispoñíbeis na web municipal www.lugo.gal.