main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/01/201808:32
Pequefilmes.
Santiago de Compostela

Pequefilmes mergulla na virtualidade máis imaxinativa aos máis pequenos da casa

Os vindeiros días a Cidade da Cultura (20 e 21 de xaneiro) vai acoller un evento especialmente indicado para as crianzas e para as nais e os pais que comparten con elas o seu gusto pola animación e os mundos dixitais. Trátase de Pequefilmes 2018, a nova edición do festival de cinema de curtas que este ano incluirá a proxección de máis dun cento de pezas e a celebración de obradoiros para familias: dúas accións formativas cuxo obxectivo é que pais, nais, fillas e fillos descubran a través do xogo os principios do cinema de animación. 

Os obradoiros, un sobre técnicas stop motion con alimentos e outro sobre emuladores virtuais con mesas de luz, achegaranlles formación básica no uso de técnicas e ferramentas de creación audiovisual. Amais de proxeccións e actividades divulgativas, o certame abranguerá votacións e premios do público. 

Boa parte das máis de cen curtas que se van exhibir no marco de Pequefilmes foron premiadas e/ou seleccionadas para os máis prestixiosos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, por exemplo o de Annecy (Francia), o Chicago ICFF, o Animamundi, o Animafest, o Dresdner Kinderfilmfest ou o festival de Clermont Ferrand (Francia). As pezas, con orixe en 33 países dos cinco continentes, artéllanse en tres seccións: Pequefilmes Vagalumes (de 0 a 3 anos), Pequefilmes Miñocas (máis de 4 anos) e Pequefilmes Fanecas (máis de oito). Co obxectivo de subliñar o protagonismo das crianzas que acudan ao certame, fomentando a vertente activa e crítica da súa participación no mesmo, os dous galardóns (Premio Miñocas e Premio Fanecas) serán elixidos polas nenas e nenos do público.

19/01/201808:27
Faceidnn.
Madrid

A tecnoloxía de Gradiant para o recoñecemento facial dos viaxeiros, presente en FITUR

O salón FITUR que se está a desenvolver en Madrid constitúe unha xanela ao turismo pero, tamén, á innovación de vangarda ligada ao turismo. Un exemplo disto é a solución faceIDNN do Centro Tecnolóxico Gradiant, unha tecnoloxía biométrica cunha completa listaxe de posibilidades para facilitar a operativa dos viaxeiros e dos lugares que acollen os viaxeiros. Por que motivo? Pois porque, entre outras cousas, permite que un establecemento hoteleiro saiba que un cliente é quen di ser (sen a marxe de dúbida e intuición existente nos procedementos tradicionais) só con comparar a súa faciana coa fotografía do DNI, carné de conducir ou pasaporte. A eficacia da solución baséase nas técnicas de recoñecemento facial desenvolvidas por Gradiant, que comproban en tempo real se dúas imaxes pertencen á mesma persoa. 

A solución faceIDNN preséntase (até o 21 de xaneiro) en FITUR da man de Roommatik, que conta con presenza de seu na feira madrileña (pavillón 1010F30) e que permite probar a tecnoloxía galega ao tempo que dá conta da súa experiencia con ela na procura dun chek-inseguro en hoteis.

Segundo nos conta Gradiant, faceIDNN constitúe o elemento de seguridade, usabilidade e calidade que moitas das empresas do sector turístico estaban agardando. Entre as principais características desta tecnoloxía figura a de ter sido equipada cun motor de recoñecemento facial baseado en Deep Learning axeitado para os procesos de onboardingdixital (solucións de identificación electrónica de persoas) e de Know Your Customer (KYC). Por outra banda, faceIDNN tamén é salientable por cumprir cos requirimentos legais que se lle esixen a este tipo de ferramentas, e, en palabras de Gradiant, “adáptase perfectamente aos procesos de check-in que requiren o carné de identidade do cliente ou a verificación co pasaporte”. Ademais, engade o centro tecnolóxico galego, “evita os ataques de suplantación de identidade mediante o emprego de mecanismos de detección de vida que combinan técnicas colaborativas e non colaborativas”.

18/01/201812:31
Libros.
O Porriño

A Biblioteca do Porriño aposta pola alfabetización dixital e por incrementar o uso da súa web

A Biblioteca Municipal do Concello do Porriño vén de dar a coñecer o seu programa de actividades para este ano entrante, e dáse a circunstancia de que se trata dun programa con moito contido TIC: non só porque vén de ser pendurado na web de seu, que tamén, senón porque unha parte importante das accións previstas teñen que ver coas novas tecnoloxías da información e, máis polo miúdo, coas novas formas de achegarnos ao coñecemento e á lectura que imprimen as novas tecnoloxías. O nexo común de todas as accións previstas é o de potenciar o papel da biblioteca como espazo de aprendizaxe, inserción social e, tamén, alfabetización dixital. Este último eido dixital será, de feito, o miolo dun dos obradoiros preparados. 

En palabras do Concello e dos responsables da biblioteca, a idea é ir alén do que servizo natural dunha biblioteca pública, “reorientando a actividade para adaptarse á evolución da comunidade de usuarios e as necesidades sociais”.

Para este ano, a Biblioteca Municipal do Porriño ofrece obradoiros variados, actuacións musicais, roteiros de patrimonio, clubs de lectura para adultos e menores, cursos de cociña, grupos de conversación en alemán e inglés en varios niveis; cursos de alfabetización dixital para maiores en distintos niveis, obradoiros de fotografía dixital, de escritura creativa, formación de usuarios, charlas, proxección de documentais ou encontros de ciencia.

Ademais, a biblioteca iniciará un programa de visitas escolares durante todo o ano para formar ao alumnado local na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece, como a consulta e manexo da súa páxina web e do catálogo, facilitando ordenadores para uso das alumnas e alumnos nestas visitas reguladas.

Na web www.bibliotecadoporrino.com xa aparece publicada a relación de cursos e obradoiros para este ano, indicando que as inscrición xa está abertas para as que se celebren antes do verán. Todas son de balde, aínda que é precisa a inscrición previa (presencial ou no teléfono 986337624), tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Os participantes tamén deberán ser socios/as da Biblioteca Municipal ou da rede de bibliotecas de Galicia.

18/01/201812:27
Firma do acordo.
A Coruña

A UDC e Everis crean unha cátedra conxunta para afondar na nosa transformación dixital

A Universidade da Coruña e a firma TIC Everis veñen de xuntar forzas a prol da formación tecnolóxica e a investigación. Froito da alianza, rubricada e presentada onte polo reitor da UDC (Julio Abalde) e o socio responsable de Everis en Galicia (Jesús Lage), crearase a Cátedra de Transformación Dixital adscrita á Facultade de Informática. O seu obxectivo é afondar nos cambios aos que están sometidas as nosas entidades públicas e privadas en relación coas novas tecnoloxías da información, cambios que atinxen á forma (comunicación nas redes, transparencia, eficacia, dispoñibilidade de datos, axilidade no traballo diario) e tamén ao fondo. 

Entre as actividades que se están a poñer en marcha ao abeiro da Cátedra está a creación do Premio ao mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado, a realización de obradoiros e conferencias e o desenvolvemento de prácticas de alumnado da Facultade de Informática na empresa Everis. 

O reitor asegurou que hoxe “é un día importante para a UDC pola formalización deste convenio” que “vén establecer unha liña máis de transferencia de coñecemento da universidade á empresa do que se espera se beneficie o tecido industrial galego”. 
Para Jesús Lage, “esta alianza reafirma o compromiso de ambas as dúas entidades co desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia, favorecendo unha aplicación práctica do coñecemento e impulsando a economía galega baseada nun modelo de crecemento dixital”. 
 

Unha alianza que vén de lonxe
Este convenio, engadiron, consolida a colaboración existente entre a Universidade da Coruña e Everis que comezou no ano 2010 e que culmina coa creación da devandita Cátedra de Transformación Dixital, que ten unha duración de tres anos porrogables. 
Abalde e Lage avanzaron que outro dos eidos de traballo a explorar está relacionado co novo Grao Ciencia e Enxeñaría de Datos que se implantará na Facultade de Informática no curso 2019/2020. Este título sobre xestión da información a gran escala (Big Data) “amplía o abano de posibilidades de colaboración coa empresa Everis”, explicou o reitor, engadindo que pon novamente de manifesto que o concepto de informático tiña un perfil profesional monolítico pero os novos requirimentos tecnolóxicos precisan a diversificación nas titulacións e o novo grao da UDC de xestión de datos é “estatéxico”, segundo cualificou Lage.

18/01/201812:22
Placa base.
Santiago de Compostela

Fujitsu desvela as tendencias que transformarán o retail en 2018

Fujitsu desvelou as nove tendencias que transformarán o sector retail en 2018. Desde a firma destacan que o modelo de colaboración xa medrou este ano e seguirá facéndoo de forma significativa no 2018. Moitos supermercados farán o mesmo buscando recrear o modelo “store-within-a-store”. E, ademais, verase unha maior consolidación de compañías polas fusións e adquisicións.

En canto ao móbil, Fujitsu avanza que seguirá sendo clave en xerar tráfico e vendas para os retailers. Tal e como se puido ver neste pasado Black Friday, a maioría dos éxitos deste sector viñeron ligados ao uso do móbil, especialmente porque os teléfonos son cada vez máis grandes e teñen mellores pantallas.

As cadeas de subministración veranse influídas por moitos factores. Un deles é “driverless” e a robótica. “Veremos máis proxectos piloto onde os retailers e fabricantes utilizarán estas tecnoloxías que alterarán o proceso de entrega para os compoñentes e produtos e isto acelerará a chegada ao mercado. A fabricación vólvese moito máis avanzada tecnoloxicamente e intelixente”, explican desde a firma. Na agricultura, por exemplo, pódense utilizar dispositivos IoT e a analítica para identificar o mellor momento de usar pesticidas, cultivar cultivos ou criar gando. Segundo fontes de Fujitsu, “isto permite aos agricultores aproveitar os datos e utilizar a analítica para cultivar de maneira intelixente, aforrando tempo e diñeiro, o que á súa vez mellora a cadea de subministración”.

Intelixencia Artificial (IA). Desde Fujitsu aseguran que “está aquí para quedar. Xa noutros sectores estamos a ver como a metade das persoas están cómodas ao ser diagnosticadas polos chamados 'doutores de IA' e con todo no retail nin se dá un conta de que a está utilizando”. Por exemplo, os webchats, que son usados polos retailers para responder preguntas, cada vez serán máis sofisticados e esperemos que cheguen á industria hostaleira, brindando aos clientes o seu propio conserxe persoal 24 h.

En canto á seguridade, sinalan que “nunca foi tan importante como neste momento. Os ataques poden chegar a destruír unha marca e ter importantes impactos financeiros e de reputación. Tamén son capaces de deter o comercio e isto para un retailer pode ser desastroso”. No próximo ano deberán priorizar a súa cíberseguridade para poder previr ataques ou mitigar e reducir o dano, apuntan desde Fujitsu. Aos consumidores non lles gustan as fendas de seguridade e preocúpanse rapidamente por se se verán afectados. Se se lles impide facer unha compra porque os sistemas pecháronse, irán comprar a outro lugar e perdeuse a ese cliente.

Os pagos serán un tema candente para os comerciantes polo miúdo o próximo ano, tal e como vimos que o fixo este ano o contactless e continuará evolucionando. Será moi interesante ver que innovacións adoptarán os retailers nos próximos meses, xa que xogan un papel importante no seu desenvolvemento de negocio para crear unha experiencia de compra máis fácil para o consumidor.

personalización tamén é un punto prioritario, segundo Fujitsu. Grazas ao avance da IA e os sistemas CRM agora é máis fácil coñecer aos seus clientes desde o momento que entran no seu establecemento, fan click on-line ou usan o móbil. Durante o 2018, esperamos que os comerciantes polo miúdo utilicen estas ferramentas para mellorar a experiencia do seu cliente xa que agora teñen moita máis información dos seus consumidores.

Orde de voz. “Culturalmente Amazon e Apple cambiaron a forma en que interactuamos cos nosos dispositivos a través de Alexia e Siri e veremos que se instalarán como algo cotián na nosa vida. Xa hai varios retailers que avanzaron neste campo e no próximo ano esperamos que haxa máis acordos con asistentes de voz para ofrecer aos clientes unha nova e interactiva forma de comprar”, afirman desde Fujitsu.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS