main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/01/201812:13
Logo CODIX.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

  • Ofértanse 180 prazas de teleformación, que comezará en febreiro e rematará en maio, mes no que terá lugar o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de marzo abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 19 de febreiro e rematará o 25 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de maio.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT.  A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar posteriormente unha taxa de 10,20 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

 

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).

Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse ao longo deste ano dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 5.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación titorizada e 3.752 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.400 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

 

19/01/201810:30
Presentación do Plan.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza a posta en marcha do plan Galicia Innova 2020 para, a través da innovación e cun investimento de 1775 millóns, impulsar a actividade económica e industrial e xerar máis emprego

  • Salienta que a través deste plan a Xunta seguirá avanzando cara a un modelo de Hubs de Innovación Dixital, estruturas que permitirán agrupar, ordenar e especializar a I+D+i en ámbitos estratéxicos para a Comunidade
  • Destaca que Galicia aspira a incrementar un 10% máis de traballadores ligados á I+D+i, un 15% máis de empresas innovadoras e un 20% máis de investimentos privado en innovación

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan Galicia Innova 2020 para, a través da innovación e cun investimento de 1775 millóns, impulsar a actividade económica e industrial e xerar máis emprego.

Logo de precisar que Galicia investirá en innovación ata 2020 un 35% máis que no período anterior, Feijóo salientou que este plan se marca tres grandes retos á hora de definir un crecemento baseado na innovación: poñer en valor o coñecemento científico-tecnolóxico; mellorar a transferencia do coñecemento entre os investigadores, as empresas e o sociedade; e procurar un retorno para o investimento que se realice en innovación.

Cara a esta tripla meta, o presidente da Xunta precisou que o Galicia Innova debuxa tres grandes áreas de acción para o desenvolvemento da I+D+i.

Na primeira área, a xeración e transferencia de coñecemento especializado. Nesta liña reforzarase a investigación en sectores clave como a industria intelixente, a biotecnoloxía, a sanidade ou a aviación civil non tripulada.

Sobre a segunda área, referida á captación e retención de talento innovador, Feijóo avanzou a posta en marcha de accións para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas e para impulsar que as novas empresas con grandes ideas poidan acceder ao financiamento.

Por último, e en relación ao terceiro eixo de actuación, centrado na innovación nas empresas, o titular da Xunta aseverou que o Plan Galicia Innova porá especial atención nas pequenas e medianas empresas.

Para desenvolver o Galicia Innova, a Xunta seguirá avanzando, ademais, cara a un modelo de Hubs de Innovación Dixital, estruturas que permitirán agrupar, ordenar e especializar a I+D+i en ámbitos estratéxicos para a Comunidade. Estes hubs estarán integrados por centros de investigación, pemes, grandes empresas, incubadoras, universidades, clústers, asociacións sectoriais, inversores e a propia Administración pública, coa misión de sacar o máximo partido do potencial innovador de Galicia.

Feijóo concluíu aseverando que, con este plan, Galicia aspira a incrementar un 10% máis de traballadores ligados á I+D+i, un 15% máis de empresas innovadoras e un 20% máis de investimentos privado en innovación.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que grazas á capacidade de Galicia para anticiparse aos novos retos e crear unha cultura innovadora “hoxe temos a infraestrutura necesaria para xerar coñecemento de valor e convertelo en solucións con capacidade de competir no mercado garantindo o retorno e a sustentabilidade do sistema de I+D+i”.

Conde tamén incidiu en que o novo Plan Innova Galicia 2020 prestará especial atención ao traballo investigador, que é o pilar fundamental da innovación, é as persoas, especialmente ao desenvolvemento do seu talento e ao apoio para a xeración de coñecemento.

19/01/201810:21
Unha muller maior utiliza o mando da televisión.
Santiago de Compostela

Etiquetas intelixentes para a independencia de persoas maiores e con discapacidade

En moitos casos, tanto de persoas maiores como de persoas con algúns tipos de discapacidade, é posible conseguir unha independencia na vida cotiá se se mantén algún tipo de control por parte de familiares ou persoas próximas.

Este ‘control' pódese exercitar de moitas maneiras, algunhas máis invasivas e outras máis respectuosas coa vida privada de cada un. Unha destas maneiras é a utilización de sistemas para o control das rutinas, de maneira que non é necesario que o familiar ou amigo coñeza en todo momento o que a persoa está a facer, pero si que poida detectar algunha anomalía na realización das tarefas rutineiras.

Con esta idea naceu a empresa cordobesa Beprevent que desenvolveu unha serie de etiquetas intelixentes que colocadas sobre obxectos de uso cotián poden informar sobre o cumprimento das devanditas rutinas.

Por exemplo, a etiqueta pódese colocar no armario do café para saber se almorzou e a que hora, no mando da televisión para saber se estivo utilizándoa, ou nas chaves de casa para saber se saíu.

Estas primeiras etiquetas estaban pensadas principalmente para persoas maiores e agora Beprevent anunciou que lanzou unha segunda versión máis avanzada pensada tamén para persoas con algún tipo de discapacidade cognitiva e que precisen este tipo de atención para a súa vida independente.

As etiquetas colócanse sobre calquera obxecto e a través de distintos sensores informan aos familiares sobre o seu uso. Ademais das etiquetas, a información pasa por un aparello, similar a un router que se coloca no fogar do usuario, e chega aos familiares mediante unha aplicación totalmente personalizable coas rutinas do usuario.

Un dos grandes obxectivos é lograr que cada día máis persoas maiores e con discapacidade poidan vivir unha vida independente, e desenvolvementos como estas etiquetas poden ser en moitos casos unha grande axuda para logralo.

19/01/201808:54
Parada de bus.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade, que porá á disposición dos viaxeiros un transporte público máis accesible

  • Feijóo sinala que a iniciativa beneficiará aos 20 millóns de viaxeiros que anualmente empregan as máis de 1.300 liñas e as máis de 14.100 paradas existentes na Comunidade
  • Explica que, cun investimento de 6,6 millóns de euros ata 2020, permitirá consolidar o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade, que trasladará a información en tempo real da posición dos autobuses, dos desfases das rutas ou do número de viaxeiros
  • Indica que a explotación desta información con técnicas de Big Data permitirá avanzar as tendencias na demanda do transporte e anticiparse ás necesidades dos viaxeiros
  • Destaca a posta en funcionamento do portal de transporte público de viaxeiros, que será a porta de acceso a todos os servizos dispoñibles, é dicir, un único punto no que se centralizará toda a información dos servizos de transporte regular

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan de modernización tecnolóxica da mobilidade, que porá á disposición dos viaxeiros un transporte público máis accesible. Unha iniciativa que beneficiará aos 20 millóns de viaxeiros que anualmente empregan as máis de 1.300 liñas e as máis de 14.100 paradas existentes na Comunidade, así como un mellor servizo tanto para os que o prestan –os operadores- como para os que o utilizan.

Cun investimento de 6,6 millóns de euros ata 2020, Feijóo aseverou que esta iniciativa permitirá consolidar o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade, peza fundamental deste novo modelo, que trasladará a información en tempo real da posición dos autobuses, dos desfases das rutas ou do número de viaxeiros. Unha información dispoñible tanto para a Administración como para os operadores, que permitirá optimizar os servizos e planificar as rutas.

Ademais, a explotación desta información con técnicas de Big Data permitirá avanzar as tendencias na demanda do transporte e anticiparse ás necesidades dos viaxeiros.

Por outra banda, e co obxectivo de facer que esa información en tempo real sexa útil para os cidadáns, o presidente da Xunta subliñou a posta en funcionamento do portal de transporte público de viaxeiros, que será a porta de acceso a todos os servizos dispoñibles. Trátase dun único punto no que se centralizará toda a información dos servizos de transporte regular: as rutas, os tempos de espera en cada parada, incidencias ou a solicitude de transporte baixo demanda. Esta información estará dispoñible a través de diferentes canles e soportes: web, app, paneis embarcados ou paneis en estacións de autobuses.

Así mesmo, tamén se porá en marcha un servizo de queixas e incidencias multicanle (presencial, telefónico, web) para que os viaxeiros poidan informar de calquera deficiencia ou diminución da calidade de servizo.

Ademais de recoller novos métodos de pago para os viaxeiros, como o pago desde un dispositivo móbil, onde o usuario tamén recibirá a notificación das recargas dispoñibles, o plan tamén aposta por dixitalizar os procesos que desenvolven os operadores, creando unha plataforma tecnolóxica que integrará a información relativa aos contratos de transporte e ao seu sistema de tramitación.

Deste xeito, os operadores e profesionais accederán á plataforma a través da Oficina Virtual, o que lles permitirá realizar desde un único punto todas as xestións relativas ao sector coa Administración.

19/01/201808:45
SmartPEME.
Pontevedra

Pontevedra e Cambados acollen estes días oito obradoiros de SmartPEME

A Deputación de Pontevedra está a informar estes días da vindeira actividade da rede SmartPEME, unha liña de acción para este arranque de 2018 que vén acompañada dun especial significado: pola nova andaina prevista da man da empresa KPMG, pola incorporación do Viveiro de Empresas do Concello da Estrada e, tamén, polos resultados de participación obtidos en 2017 que pasan por ser os mellores da historia de SmartPEME. Volvendo á actividade deste comezo de ano, a Deputación deu a coñecer o seu programa de obradoiros tecnolóxico-dixitais para as sedes de Cambados (con catro obradoiros) e de Pontevedra (outros catro).

Respecto de Cambados, o Centro Exposalnés acolleu este mércores o obradoiro Crea os teus propios informes: Google Data Studio e seguirá o luns 22 co curso Rendibiliza o teu perfil profesional en Facebook. Esa mesma semana, o xoves 25 de xaneiro, Cambados acollerá o obradoiro Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura? Por último, o martes 30 de xaneiro, celebrarase o curso Como facturar electrónica mente

A oficina de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades comezan ás 19 horas.

Respecto de Pontevedra, este 18 de xaneiro, ás 19.00 horas celébrase o curso Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura?. A seguinte cita terá lugar o luns 22 de xaneiro, tamén ás 19 horas, cando impartirase a actividade formativa Comercio electrónico para microPEME. Pola súa banda, o mércores 24 de xaneiro, a mesma hora, Pontevedra acollerá o curso Guía de boas prácticas para redes sociais. Por último, o luns 29 de xaneiro organizarase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A oficina de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
 

O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS