main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/03/201810:45
Logo Premios AEF.
Madrid

A Asociación Española de Fundacións convoca a terceira edición dos premios AEF

A Asociación Española de Fundacións (AEF) convocou a terceira edición dos Premios AEF, un galardón co que pretende 'dar voz' ás fundacións españolas que reflicten os valores do sector. Os premios son de carácter anual e consisten nun diploma acreditativo e un símbolo artístico.

Como novidade, este ano inclúese a categoría 'Transformación Dixital' co fin de recoñecer o traballo de fundacións que implementaron con éxito a tecnoloxía na xestión e solución de problemas sociais. As fundacións españolas poderán presentarse ao premio en catro modalidades: Premio á Iniciativa Filantrópica; á Colaboración; á Innovación Social, e á Transformación Dixital.

O galardón á Iniciativa Filantrópica recoñece a unha persoa ou grupo de persoas que, con recursos propios, puxese en marcha, no últimos tres anos, unha fundación sustentable, de especial relevancia e impacto, ou dotase de recursos significativos a unha fundación co fin de gañar relevancia, impacto e sustentabilidade.

O Premio á Colaboración fai o propio cunha fundación ou grupo de fundacións que puxese en marcha ou realizara un proxecto de colaboración de acreditado valor social ou cultural, con outra ou outras fundacións ou entidades do terceiro sector, nos tres últimos anos.

O da Innovación Social premia a unha fundación que lograse, no últimos tres anos, dar unha resposta eficaz a un problema ou demanda social non atendidos anteriormente, ou introducir unha innovación disruptiva en resposta a un problema ou demanda xa atendidos.

Finalmente, o Premio á Transformación Dixital recoñece a unha fundación que lograse, nos tres últimos anos, utilizar con éxito as tecnoloxías dixitais (Intelixencia Artificial, realidade virtual/aumentada, análise avanzada de datos, Internet das cousas, etc.) para adaptar a súa xestión interna permitíndolle responder de maneira eficaz a un problema ou demanda social ao integrar ao seu día a día as oportunidades que a contorna dixital ofrece.

 

Prazos e bases

A convocatoria estará aberta ata o 5 de maio de 2018. A continuación, un xurado único, composto por persoas de recoñecido prestixio, decidirá a quen se concede os premios. O fallo do xurado farase público antes de finalizar o verán e a entrega dos premios realizarase nun acto público no último cuadrimestre do ano. As bases completas da convocatoria pódense consultar na web da AEF.

Na segunda edición, o Premio á Iniciativa Filantrópica recaeu en Amancio Ortega pola ampla e xenerosa labor filantrópica desenvolvida en beneficio da sociedade española en diferentes campos da sanidade, a educación ou a acción social. O de Colaboración en Fundación Accenture polo programa 'Xuntos polo emprego dos máis vulnerables' levado a cabo en colaboración con máis de 1.289 ONG, Empresas e AAPP; e o galardón á Iniciativa Social Innovadora na Fundación Recover polo proxecto 'Telemedicina. Saúde 2.0'.

A Asociación Española de Fundacións é unha asociación privada e independente, declarada de utilidade pública e actualmente agrupa ao redor de 800 fundacións españolas das máis diversas dimensións, finalidades e ámbitos de actuación. Os seus principais fins son representar e defender os intereses de todas as fundacións españolas; prestar servizos ás entidades asociadas; e articular e fortalecer o sector fundacional. É a entidade máis representativa a nivel nacional e a segunda máis importante de Europa.

13/03/201810:37
Cartel do curso.
Santiago de Compostela

Curso Materiais dixitais accesibles (2ed) UNED e a Fundación ONCE

  • Curso pertencente á Canle Fundación ONCE en UNED Aberta.
  • Financiado polo Real Padroado sobre Discapacidade, do Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade do Goberno de España.

 

A xeración e o uso de documentos dixitais é parte da transformación dixital que está a experimentar a sociedade, na formación, na comunicación, nos negocios, nos trámites administrativos, etc. Existen pautas que fan posible adoptar un camiño ordenado e sustentable na creación de documentos dixitais, especialmente no ámbito da formación. Existen ademais estratexias e recursos fáciles de utilizar que permiten que os nosos documentos cheguen a unha audiencia máis ampla, incluíndo a persoas con e sen discapacidade, con maior impacto en Internet, e cumprindo coa ética e coa legalidade vixente.

 

Obxectivos

O curso permite desenvolver competencias e habilidades orientadas a:

  • Adquirir, como autores, estratexias para a produción sustentable de material dixital, como a modularidade.
  • Recoñecer e abordar os desafíos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade (por exemplo os estudantes) ao usar os documentos electrónicos, adquirir conciencia e experiencia.
  • Obter unha mellor comprensión da accesibilidade como un asunto de dereitos civís e desenvolver os coñecementos e habilidades necesarios para deseñar recursos de aprendizaxe que promovan ambientes de aprendizaxe inclusivos.
  • Valorar como os documentos accesibles benefician a todas as persoas, incluíndo ás que teñen e ás que non teñen discapacidade, a través dunha maior facilidade de uso e a interoperabilidade dos materiais baseados na web.
  • Tomar conciencia de que como os autores poden non só eliminar barreiras, senón evitar crealas en primeiro lugar.
  • Adquirir autosuficiencia na produción de contidos accesibles e na identificación de problemas de accesibilidade.

 

Calendario do curso

  • Inicio do curso: 9 de abril de 2018
  • Fin da atención tutorial: 13 de maio de 2018
  • Peche do curso: 9 de setembro de 2018

Máis información

13/03/201808:25
Cartel do evento.
A Coruña

As actrices de A Panadaría presentarán a gala de Youbeir@s edición 2018

Xa se albisca ao lonxe o momento álxido da edición actual de Youtubeir@s, o concurso encamiñado a encher YouTube de vídeos en galego, feitos polas nosas novas directoras e directores e botando man de dous ingredientes fundamentais: a defensa da lingua galega e mailo talento da nosa mocidade. Por certo que o momento álxido do certame (cuxo prazo de inscrición remata o 15 de marzo) non é outro que a gala de premios do certame, que vai contar cunhas mestras de cerimonias de excepción: as integrantes da compañía teatral A Panadaría. A cita será o 20 de abril no Teatro Colón da Coruña. Participarán as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Segundo informa a organización do concurso, o público poderá acceder de balde á gala, tras reservar antes as súas entradas a través da ligazón específica do Teatro Colón

Youtubeiras, como lembraremos, é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos Concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas tres Universidades e pola Deputación da Coruña. O obxectivo do Proxecto Youtubeir@s é “promover e dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global, a rede YouTube”. O reto é “fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social desde o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as”.

 

Prazo até o 15 de marzo
Os galardóns artéllanse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados poden concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado.

O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas. “Deste xeito, o galego estase a espallar polo YouTube e a acompañar as novas linguaxes e modos de comunicación da chamada xeración milennial”, explica a organización. 

A Panadaría
Fundada no ano 2013, A Panadaría converteuse nos últimos anos nunha das compañías referentes no panorama escénico galego. Co seu primeiro espectáculo Pan Pan! , a formación constituída por Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman obtivo o premio Xuventude Crea 2013 e o Premio da Crítica Galicia 2015. A partir dese espectáculo, desenvolveron dúas montaxes máis, Panamericana e Elisa e Marcela. Nesta última produción, a compañía fixo o primeiro achegamento escénico a Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron en 1901 na Coruña. A Panadaría, ademais, ten presentado diversas entregas de premios como os Premios da Música Martin Códax.

13/03/201808:00
Cartel do evento.
A Coruña

Coruña Bloggers adianta unha semana a súa edición de marzo

O encontro solidario Coruña Bloggers, que o último mércores de cada mes xunta a interesados no mundo dos blogs, as redes sociais e o sector TIC en xeral no salón de actos da Fundación Barrié da Coruña, instando aos asistentes a acudir cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a súa entrega á Cociña Económica, ten xa aberta a inscrición para a edición deste mes, a número 16, que de xeito excepcional adiántase ao 21 de marzo (para non coincidir coa Semana Santa).

O XVI Coruña Bloggers abrirá con José Antonio Vázquez, director xeral da empresa de hospedaxe web Andaina.net, quen impartirá unha charla sobre a seguridade e a optimización do xestor de contidos máis empregado a nivel mundial, WordPress (empregado polo 57% dos blogueiros coruñeses).

Completarán a xornada Julya Pepry e Fanny Looks, blogueiras que nesta ocasión achegarán as súas claves para facer un bo directo en Instagram e Facebook, elementos que consideran fundamentais para influencers e marcas para atraer e reter seareiros nas redes sociais.

A xornada que desenvolverase de 19:30 a 21:00 horas na Fundación Barrié, continuará cunha sesións de networking en La Taberna de Rita, un local de hostalaría próximo.

13/03/201807:53
Recollida do Premio Nacional Wisibilízalas.
Redondela

O CEIP de Laredo, primeiro premio nacional Wisibilízalas

Finalmente, o Colexio de Infantil e Primaria de Laredo (Chapela, Redondela) foi recoñecido o pasado sábado 10 de marzo co primeiro Premio Nacional Wisibilízalas (categoría junior), convocado polo buscador Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, poñendo o foco en figuras referentes nestes eidos. O proxecto do CEIP de Laredo foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos. 

Segundo nos contan fontes do colexio, a iniciativa recoñecida por Wisibilízalas (o proxecto Donas do Código) consistiu en mostrar ante o mundo docente mulleres actuais dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, referencias, destacadas e sobranceiras. Para impulsar a visualización do traballo destas investigadoras incluíronse charlas, encontros e outras actividades coas mulleres investigadas. Encontros como o realizado recentemente no centro con África González, unha das figuras máis salientables dos eidos da inmunoloxía e a nanotecnoloxía, ou Alba Alonso e Edita de Lorenzo, referentes nos ámbitos das tecnoloxías da información e na loita contra a fenda dixital de xénero. 

O resultado do traballo das crianzas do CEIP de Chapela pode verse na web donasdocodigo.ceipdelaredo.com ou ben, na súa versión para móbiles con Android, nun espazo específico de Google Play

Máis detalles sobre Donas do Código
En detalle, os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS