
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) estrea hoxe un apartado na súa páxina web titulado Mulleres Tecnolóxicas no que queren salientar o rol das mulleres nos ámbitos do software libre e o código aberto cun quen é quen en Galicia e no resto do mundo.
AGASOL quere dar visibilidade ao traballo das mulleres no sector TIC, conscientes de que aínda queda moito camiño por andar para entender o software libre e a tecnoloxía en xeral como eidos que non distinguen de sexo, estando abertos a achegas de calquera persoa. O novo apartado está a promocionarse en redes sociais, e actualmente recolle as figuras da xornalista Montserrat Boix de Mulleres en Rede, da enxeñeira en Informática Antía Puentes, da licenciada en Informática Mar Castro e doutras tres mulleres que desenvolven o seu traballo ao redor do CESGA: María José Rodríguez, Natalia Costas e Carmen Cotelo.
DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España editaron 4 novos vídeos formativos dirixidos a persoas con síndrome de Down que teñen por obxecto ensinarlles a utilizar e manexar o DNI e o pasaporte electrónico, descarga de aplicacións no móbil e a utilizar Whatsapp. Estes coñecementos serán moi útiles para os alumnos do programa de formación prelaboral "Yo me prep@ro" xa que lles permitirá ter unha maior autonomía e independencia.
Estes vídeos están enmarcados dentro do proxecto "Yo me prep@ro", desenvolvido en colaboración entre DOWN ESPAÑA e Fundación Vodafone España, e cuxo obxectivo é ofrecer formación no uso das Tics aos mozos con síndrome de Down, coa intención de mellorar a inclusión laboral deste colectivo en empresas ordinarias, onde o uso destas tecnoloxías é imprescindible.
Están presentados por unha moza con esta discapacidade intelectual que ensina, a través de tutoriais explicados de forma sinxela, accesible e cunha linguaxe moi clara, os pasos e instrucións para descargar unha aplicación no Smartphone, utilizar Whatsapp ou utilizar o DNI e o pasaporte electrónico.
Estes catro novos vídeo-tutoriales súmanse aos 17 que ámbalas entidades editou nos últimos catro anos e que están dispoñibles na canle de Youtube de DOWN ESPAÑA:
A compañía Microsoft creou unha aplicación para smartphones que permite ás persoas con discapacidade visual orientarse de forma independente pola cidade. Funciona con auriculares, a través dos cales o usuario escoita indicacións sobre os obxectos que o rodean, informa o blogue da compañía.
Polo xeral, estas persoas usan un bastón branco ou un can guía para camiñar. Nos últimos anos, enxeñeiros desenvolveron os seus análogos tecnolóxicos, por exemplo, un aro vibratorio con telémetros. Todos estes dispositivos e métodos axudan ás persoas cegas ou con discapacidade visual a evitar colisións con obstáculos, pero non resolven outro problema: a falta de información sobre onde están exactamente na cidade e que edificios os rodean.Os especialistas de Microsoft desenvolveron a aplicación Soundscape para teléfonos intelixentes en iOS, que resolve parcialmente este problema. Funciona con audífonos conectados ao smartphone.
A aplicación proporciona varios modos. O usuario pode establecer un obxectivo específico, por exemplo, unha tenda, e durante a camiñada escoitar avisos sobre os nomes das rúas, as interseccións e as esquinas. Ademais, pode pescudar desde a aplicación que obxectos se atopan ao seu redor ou fronte a el. Ao usar auriculares, escoitará indicacións de voz sobre os obxectos circundantes precisamente desde a dirección na que se atopa
A aplicación lanzouse para residentes do Reino Unido e está dispoñible só en dispositivos con iOS. Vale a pena sinalar que a nova aplicación desenvolveuse en base a un sistema prototipo anterior, que a compañía introduciu hai varios anos. Pero este sistema era lixeiramente diferente en función e requiría auriculares especiais cun acelerómetro e un compás.
Hai pouco, Microsoft tamén presentou un sistema de realidade virtual para persoas con cegueira, que lles permite interactuar con obxectos virtuais a través dun bastón. Poden non só sentir a colisión do bastón con obxectos virtuais, senón tamén distinguir superficies de diferentes tipos.
O quinto festival de contidos dixitais Carballo Interplay vén de abrir a preinscrición para o seu obradoiro Narrativas de vídeo en redes sociais. Contidos complexos vs. audiencias masivas, que terá lugar o venres 6 de abril no Pazo da Cultura de Carballo. As persoas interesadas en participar nesta actividade impartida por Josune Imízcoz e Guillermo Carreras-Candi, responsables de vídeo da plataforma PlayGround, poden reservar a súa praza na web do festival (carballointerplay.com) até o 19 de marzo. Segundo informa a organización do certame (Interplay Producións e o Concello de Carballo) hai 25 prazas dispoñibles e o prezo da actividade é de 20 euros.
Para quen non o saiba, PlayGround xurdiu en 2008 como revista dixital enfocada á música, aínda que axiña evolucionou cara a medio tecnolóxico referencial, multitemático, independente e con importante pegada nas redes sociais. Dende a súa experiencia, os seus impulsores abordarán no obradoiro de Carballo a disxuntiva entre un presente que require explicacións cada vez máis complexas e un contexto mediático que tende a comprimir cada vez máis as historias e escoller os temas só en función da súa potencial viralidade. O método de traballo nas tres horas da actividade combinará unha parte analítica con outra creativa. Na primeira parte as persoas inscritas participarán nunha visualización conxunta de vídeos de PlayGround e outras plataformas, “co obxectivo de comprender o funcionamento dos contidos complexos no entorno das redes sociais”. Na segunda parte buscaranse enfoques para temas propostos polos alumnos e alumnas e desenvolveranse borradores audiovisuais por parellas que serán finalmente comentados. A organización recoméndanos carrexar computadora portátil para poder escribir e editar imaxes se fose preciso.
Obradoiros gratuítos para crianzas, con Vermislab
O Carballo Interplay ofrecerá, tamén, dous obradoiros gratuítos para crianzas da man do proxecto de innovación educativa Vermislab, que quere potenciar a creatividade de nenos e nenas en eidos como a ciencia, a tecnoloxía e o deseño. Así, o venres 6 de abril, de 16h a 18h, a rapazada de máis de 9 anos aprenderá, no Pazo da Cultura de Carballo, desde os conceptos básicos da electricidade até como combinar diferentes compoñentes electrónicos, facer circuítos usando placas de prototipado e soldadura para elaborar os seus deseños usando dispositivos electrónicos e mesmo farán música combinando a electrónica con obxectos cotiáns. O sábado 7, de 10h a 14h, pais e nais e crianzas de máis de 6 anos terán ocasión de mergullarse nas diferentes maneiras de esculcar no mundo microscópico, farán cultivos e incluso fabricarán o seu propio microscopio electrónico que poderán carrexar para a casa. As persoas interesadas poden reservar xa a súa praza, na web do Interplay.
Finalmente chegou ao seu remate a campaña compostelá Longa vida aos teus aparellos electrónicos! Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de concienciación e participación obtidos (mancheas de refugallos TIC e de electrodomésticos, amais baterías de todo tipo), os impulsores da iniciativa (o Concello de Santiago a través da Concellería de Medio Ambiente e Convivencia e a empresa Teimas a través de Tropa Verde) organizaron este 6 de marzo unha xornada de divulgación, O papel das cidades na Economía Circular. A cita foi no edificio CERSIA e contou con relatores de referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en desuso. Segundo se fixo saber, a campaña Longa vida serviu para xestionar máis dunha tonelada e media de residuos electrónicos e unha tonelada de pilas.
A iniciativa púxose en marcha no pasado mes de xullo, enmarcada no programa Tropa Verde, que desenvolve a empresa Teimas. Ao fío dela habilitáronse 15 puntos de recollida de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos e pilas en centros socioculturais e polideportivos. Neles, os veciños e veciñas fixeron entrega dun total de 1.531 quilos de material electrónico desbotado e 1.051 quilos de pilas, e estímase que a súa correcta xestión evitou a liberación de case 620 quilos de CO2 á atmosfera. Esa cantidade é a equivalente ás emisións dun coche novo ao percorrer preto de 3.800 quilómetros, informaron o Concello e Teimas, que contaron (para o desenvolvemento do programa) coa importante axuda das firmas Recyclia e Revertia, que impartiu obradoiros de reacondicionamento de computadores refugados nos centros socioculturais de Vite e O Ensanche. Neles puideron participar un total de 30 persoas, que tomaron conciencia da importancia que ten para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de aparellos e aprenderon os pasos a dar para darlles unha segunda vida. Por último, a campaña Longa vida aos teus residuos electrónicos completouse con charlas da Tropa Verde en diferentes centros educativos.
Xornada de Economía Circular
Como dixemos, estes datos foron achegados no marco da xornada O papel das cidades na economía circular, na que participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, quen incidiu na pegada negativa que deixan os materiais tecnolóxicos na natureza, que “son cada vez máis cuantiosos e que teñen un alto poder contaminante”. Neste sentido, lembrou que a batería de níquel dun teléfono móbil pode contaminar até 50.000 litros de auga, e unha batería tipo botón, até 600.000 litros. Asemade, lembrou aos presentes en que consiste a economía circular: “Un sistema industrial que substitúe o concepto de caducidade polo de restauración, e que ademais de beneficios ambientais claros pode ser unha boa saída para a crise do emprego". Na xornada celebrada participaron expertos como Anabel Rodríguez, directora executiva da Fundación para a Economía Circular; Xavier Labandeira, catedrático de Economía e director de Economics for Energy; José Pérez, conselleiro delegado de Recyclia; Miguel Varela, xerente de Teimas Desenvolvemento; e Alejo Calatayud, responsable de comunicación de Revertia.