
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A fenda dixital é unha realidade en España, tanto desde un punto de vista xeográfico como de xénero. Ante iso, Google.org xunto á Fundación Mulleres e a Fundación Cibervoluntarios, en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, puxeron en marcha unha iniciativa que pretende pechar ao máximo esta grande fenda que afecta a mulleres en contornas rurais no noso país.
Baixo o nome de Dixitalizadas presentouse o pasado venres en Santiago de Compostela este novo proxecto, nun acto que contou coa participación da Raíña Letizia, a Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Dolors Monsterrat, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e o director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España e Portugal, Francisco Ruiz, entre outras personalidades. A dita iniciativa ten como máxima conseguir a formación dixital de 5.000 mulleres que actualmente viven en contornas rurais en máis da metade do territorio español.
Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), a fenda dixital está relacionada principalmente coa "falta de coñecementos de informática e habilidades necesarias para participar na sociedade da información". Feito que se acentúa ante "a falta de infraestrutura" que afecta, especialmente, ás zonas rurais.
Obradoiros
Dixitalizadas defínese como un proxecto que quere contribuír a empoderar á muller no ámbito tecnolóxico e dixital, así como dotala de mellores ferramentas dixitais para o seu desenvolvemento profesional. Por este motivo, o programa dividiuse en tres partes: obradoiros para cubrir os coñecementos básicos do manexo e contorna de Internet; obradoiros de ferramentas dixitais para que as mulleres poidan empezar a xestión da súa propia empresa ou idea emprendedora; e obradoiros de habilidades dixitais para a procura activa de emprego.
Ante o grande avance da tecnoloxía no día a día, a alfabetización dixital converteuse nunha das medidas prioritarias para reducir a fenda dixital, que afecta especialmente á contorna rural. Un exemplo represéntao María José Álvarez, de Palomares del Río, pobo de 8.500 habitantes na provincia de Sevilla. Aos seus 39 anos de idade, María é artesá e fai bonecos de gancho. Tras quedar en paro hai uns anos, reconverteu a súa afección na súa forma de vida grazas á creación dunha plataforma que lle permite vender os seus produtos por Internet. María del Carmen Cao Sánchez, pola súa banda, é coidadora familiar, de 63 anos, e asegura que os obradoiros de informática que recibiu cambiáronlle a vida. Xa ten conta en Facebook.
Estes son só dous exemplos da repercusión que segundo Google vai ter o seu proxecto, que arrincará o próximo mes de abril.
O vindeiro 13 de abril a Cidade da Cultura acollerá a xornada CreaGaiás, unha iniciativa “lúdico-formativa” que ten a finalidade de mostrar e fortalecer o emprendemento e a creatividade, así como visualizar as empresas e proxectos do Centro de Emprendemento local, emprazado no complexo compostelán. Na súa estrea, CreaGaiás pon o foco en como tirar partido da imaxe (persoal, empresarial, de marca) nas redes sociais. Neste caso concreto, porase o foco na imaxe do traballo das persoas emprendedoras.
A xornada, que arrancará ás 16 horas, está especialmente dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado en aprender sobre xestión de marca e imaxe na contorna dixital, ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento no Gaiás, que, segundo informa a Cidade da Cultura, apoiou xa uns 350 proxectos dende a súa creación. No programa inclúense obradoiros, charlas e un mercado de emprendemento creativo, ademais de espazos para o networking e a música, cun concerto acústico de Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, do grupo Tulsa.
De xeito complementario a este programa, CreaGaiás pon en marcha un certame de reportaxes fotográficas co emprendemento como eixo, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais. Os participantes deberán retratar en sete imaxes a semana dun emprendedor ou empresa do Gaiás, mostrando a realidade do seu día a día como profesionais. A reportaxe gañadora será galardoada cun premio dotado con 1.200€. Como engadido, lanzouse a través da rede social Instagram un concurso dirixido a instagramersde toda Galicia que os anima a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300€. Ambos contarán cun xurado especializado composto por profesionais da fotografía, e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.
O 13 de abril, as actividades iniciaranse ás 16:00 cun obradoiro de imaxe e marca na contorna dixital, especialmente dirixido a emprendedores, creadores e profesionais do ámbito das industrias culturais. Estará impartido por Iván L. Gimeno, especialista en xestión de redes sociais, country manager de Kafe Rocks e socio de Valumbo, consultora de desenvolvemento de negocio e transformación dixital de empresas.
Estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o talento vocacional das profesións científico-tecnolóxicas desde idades temperás, con especial atención ás mozas, son os obxectivos principais do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.
O Plan, conta xa coa adhesión das empresas asinantes do Pacto Dixital que se suman ás primeiras iniciativas propostas pola Amtega o pasado mes de decembro, o Programa de becas Áncora e a o programa Tecnólogos por un día.
Ademais, tamén se porá en marcha este ano unha iniciativa focalizada nas rapazas, Girl Stem un programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que a través de diferentes sesións de traballo achegarán a súa experiencia ás nenas, clarificando posibles dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.
Tamén se levarán a cabo os campamentos TIC Digitalia para rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, que se incluirán na edición de 2018 do Programa de Campamentos de verán da Xunta. Outro dos programas que se lanzarán este ano é Techkids, dirixido a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos, que poderán participan en obradoiros para deseñar, construír, probar e programar robots e aplicacións.
Son cinco das 20 iniciativas formuladas no Plan DigiTalent para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos desde idades temperás.
Becas Áncora e Tecnólogos por un día
Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Altia, Coremain, Everis, Iecisa, Indra, R e Televés ofrecen un total de 78 prazas para estudantes universitarios, de FP ou recentemente titulados que estean cursando formación da rama tecnolóxica.
Ata 54 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos poderán ser Tecnólogos por una día e experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.). Altia, Coremain, Everis, Iecisa e Indra mostraranlle aos participantes as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolver as súa dúbidas vocacionais.
Escasa demanda das carreiras STEM
Actualmente en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). A presenza de mulleres nestes estudos redúcese ao 29%, unha fenda de xénero que comeza xa na elección dos estudos posteriores á ESO, cando só o 33% das mozas galegas se decantan polo Bacharelato científico-tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.
A baixa demanda das carreiras STEM contrasta coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. En Galicia o sector tecnolóxico mantivo nos últimos anos una taxa de emprego estable en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de empregabilidade en 2016 con máis de 16.000 traballadores.
Fenda de xénero no sector TIC
A porcentaxe de empregadas do sector sitúase no 32%, segundo os últimos datos do estudo “As mulleres no sector TIC” publicado esta semana polo Osimga, un reflexo do que acontece xa antes do Bacharelato.
Respecto aos roles, o estudo sinala que mentres o 26,8% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 7,4% son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Tamén cabe salientar a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC: 17% de homes fronte a tan só un 4,3% de mulleres.
A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Así, só o 11,1% das mulleres desenvolve funcións TIC fronte ao 41,5% dos homes. En relación ao persoal que non desempeña tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (17,7%) é só 3,8 puntos inferior á dos homes (21,5%)
Dentro das empresas TIC galegas, tan só un 21,1% de empresas TIC contan con mulleres directivas. E respecto aos traballadores dedicados á I+D+i, o 88,6% son homes fronte ao 11,4% de mulleres. Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org
A Universidade de Vigo celebra ata mañá sábado a sexta entrega da edición galega do desafío colectivo HackForGood de Telefónica, o evento de programadoras/es solidarias/os que reúne a oitenta persoas dispostas a superar algún dos máis de 200 retos expostos pola cidadanía a través de www.hackforgood.net. O encontro estase a celebrar na sala I do Edificio Miralles da Universidade. Hay que lembrar que este hackathon desenvólvese de maneira simultánea en 20 universidades españolas organizado por Telefónica, Hazloposible e Mashme, e xunta a preto de 1.500 universitarias e universitarios en todo o territorio estatal.
A edición viguesa, organizada ao abeiro da Cátedra Telefónica, foi inaugurada este venres polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. En total participan 80 estudantes de diferentes eidos do coñecemento, 60% homes e 40% mulleres, que traballan divididos en 17 grupos. Cada equipo escollerá un dos 200 retos presentados por entidades, asociacións e particulares e tratará de darlle solución. Deste xeito traballarán en temas como a detección de incendios, a atención a nenas e nenos autistas, a mobilidade de persoas invidentes, a accesibilidade... Nesta edición prestarase especial atención ás solucións baseadas no internet das cousas e os obxectos conectados, a industria 4.0 e a información a gran escala (Big Data).
60.000 euros en premios xerais e 3.500 en Vigo
Ademais dos 60.000 euros en premios da convocatoria xeral, na edición viguesa os participantes poderán optar a premios locais de 1.000€, 600€ e 400€ e premios temáticos de 500€ á innovación social concedido polo Consello Social, á innovación enerxética patrocinado pola Cátedra Telefónica e ao desenvolvemento sustentable, da man da Oficina de Medio Ambiente. A nivel global, outórganse os premios HackForGood Big Day cun total de 12.000€ de contía para poñer en valor os proxectos que teñan continuidade e os premios HackForGood Global ás mellores solucións tecnolóxicas en cada sede dotados de 20.000€ para os tres mellores premios proxectos globais.
O espírito innovador e as novas tecnoloxías foron co-protagonistas dos Premios Son Muller 2018 que se desvelaron e entregaron onte en Lugo, un co-protagonismo que compartiron co que foi, sen dúbida, a gran estrela da xornada: o emprendemento feminino. Na gala co certame (organizado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, AELU, coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo, e máis da Xunta, co obxectivo de visualizar o poder creativo-empresarial das mulleres da provincia), recoñeceuse a traxectoria e o alento innovador de Champivil, Muuhlloa, a plataforma tecnolóxica Sientegalicia.com, Gerosonajero, Coeduca e Tastelab.
Na cita participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; e a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira. O certame, como dixemos, veu da man da dita asociación provincial e contou coa colaboración da Deputación e Concello de Lugo, que achegaron 4.600 euros, converténdose nas principais patrocinadoras.
Segundo lembraron, nesta primeira edición, que tivo como fin promover e potenciar a actividade da muller no entorno económico e social lucense, participaron 51 empresarias e emprendedoras cos seus proxectos. Os premios contaron con 3 categorías: Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora.
No acto de entrega dos galardóns, tamén participaron o delegado da xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira.
Santos Ramos felicitou a todas as participantes e gañadores desta iniciativa e salientou que “esta gala non sería posible sen a labor da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, unha organización liderada por emprendedoras e que leva 30 anos empoderando á muller traballadora na nosa provincia”.
A alcaldesa de Lugo deu os parabéns ás mulleres que presentaron candidatura, ás finalistas, ás premiadas e á homenaxeada, “e en xeral a todas as mulleres empresarias e emprendedoras de Lugo por contribuír co voso traballo ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade”.
Amais dos premios das ditas categorías, nesta primeira edición tamén se distinguiu a Blanca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso, co Premio á longa traxectoria. A AELU, Deputación e Concello de Lugo recoñeceron con este galardón especial “o frutífero traballo desta pioneira empresaria lucense de prestixio”.
Premiadas
Os Premios Son Muller 2018 contaron cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedades lucenses. As premiadas desta primeira edición foron: