
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A tecnoloxía é un aliado fundamental para a gran maioría das persoas con discapacidade e para as persoas maiores que viron minguadas algunhas das súas capacidades, e así o recoñece un verdadeiro experto neste ámbito, o director do Ceapat, Miguel Ángel Valero.
Nunha entrevista en Radio Roncalli, Valero afirmou que "a tecnoloxía ben utilizada é multiplicadora de capacidades", facendo fincapé en dous aspectos fundamentais: os beneficios que pode achegar a tecnoloxía e a importancia de que se utilice de forma correcta.
O responsable do Ceapat, que é o Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas, destaca como a tecnoloxía é un "apoio" á capacidade física, visual e intelectual, a condición de que estea "centrada nas persoas", é dicir, se é accesible.
Con todo, admitiu que aínda hai moitas barreiras ás que se enfrontan as persoas con discapacidade, e non só as arquitectónicas. Por exemplo, considera que tamén hai unha "barreira de concienciación moi grande" e outra tamén importante de "acción", é dicir, de levar a cabo os proxectos e as políticas necesarias para universalizar a accesibilidade.
Valero é un dos grandes expertos en España en materia de tecnoloxía, accesibilidade e discapacidade. E demóstrao con afirmacións como estas nas que subliña a importancia dun uso correcto da tecnoloxía e como pode ser fundamental para mellorar a vida das persoas con discapacidade e as persoas maiores.
Quen quixera robótica e espírito maker (o espírito de “se queres podes” aplicado á tecnoloxía) tivo hoxe unha boa oportunidade de enchouparse nestas cuestións tecnolóxicas na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Porque de tecnoloxías para facer e usar sen cancelas é do que tratou a Competición de Robots da dita Escola, unha cita na que participaron (logo de meses de arduo traballo) un milleiro de alumnas e alumnas das nosas catro provincias, mostrando “en sociedade” os seus enxeños. Por exemplo máquinas para traballar no agro, para non ser detectadas polas demais máquinas ou simplemente para trasladarse do recanto a outro dun edificio sen tropezar con obxecto algún.
A cita, que contou coa colaboración dos estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e de International Society of Automation, convocouse co obxectivo de introducir no día a día a rapazada o manexo común de novas tecnoloxías, robots e disciplinas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas). Este ano contouse coa participación de 183 equipos, o que sitúa a edición deste ano como a de meirande poder de convocatoria. A competición artellouse novamente en dúas categorías: Wall-E, dirixida a estudantes de ensino secundario e Bacharelato, e R2D2, orientada a ciclos superiores e estudos universitarios. En total, tomaron parte no concurso 174 equipos en Wall-E e nove en R2D2, cada un deles co seu propio robot, deseñado, construído e programado por elas e eles mesmos.
Ao longo da mañá, cada equipo tivo que poñer a proba as súas creacións e algúns grupos mesmo tiveron que realizar axustes “a pé de pista” con ordenadores portátiles, desparafusadores e mesmo cinta adhesiva para arranxos de última hora. Á hora de competir, houbo que facer que os robots seguiran unha liña e evitasen obstáculos. Logo celebrouse unha proba de sumo entre enxeños. Finalmente, e tras varias clasificatorias, na categoría Wall-E, o equipo Tecnoval 2 do IES de Valadares foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; ElectroTeam do CPR Liceo la Paz impúxose entre os equipos de 3º e 4º da ESO e o Brión 1 do IES de Brión nos de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo JAN do Colegio de Fomento Montecastelo. Ademais, o xurado outorgou galardóns á orixinalidade, na categoría Wall-E para o IES San Rosendo Amolou 4 en na deR2D2 para Las leyendas da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.
A Coruña segue a facer comunidade arredor dos universos maker (faino ti mesmo), software libre e tecnoloxía colaborativa e social. En palabras do Concello e para ilustrar sobre o devandito, “a cidade ferve estes días de actividades técnicas e novos colectivos informáticos”. Sen ir máis lonxe, a primeira quincena de maio comeza na Coruña unha ampla gama de actividades que arrincou este xoves cunha xuntanza da comunidade Coruña Agile en HUB Escola. Este sábado prosegue o fervedoiro de propostas e enxeños para compartir. Será no Centro Ágora, de 10.00 a 20.00 horas, e consiste nunha nova sesión de Coruña Hacks.
Segundo informan dende Coruña Dixital (a fronte común do Concello e os colectivos tecnolóxico-sociais da cidade), Coruña Hacks brinda quedadas regulares que se desenvolven desde o 3 de marzo, e, ao seu abeiro, estanse a desenvolver varios proxectos de aplicacións baseadas no software libre. Para saber máis e inscribirse, xa que se traballa en equipos abertos a novas incorporacións e ideas, podemos acceder ao seu meetup. Para quen non o saiba, Coruña Hacks, promovida por GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña, conta co apoio do Concello da Coruña a través de Coruña Dixital e do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática.
Para a tarde do 9 de maio está prevista unha nova sesión de GPUL Labs, que terá lugar no espazo Accede Papagaio (19h-22h), dependente da área de Emprego e Economía Social. Nesta ocasión o tema será Montando unha toolchain de Perl con Ansible e GNU stow. Para máis información, e para formalizar a inscrición, hai xa operativo outro meetup.
O 10 de maio proseguen as actividades, desta volta da man de Informáticos Anónimos, que celebra unha xuntanza na sede de Mogben (19:30-21:30) co obxectivo de xerar un espazo de coñecemento mutuo (quen somos, como traballamos). A xornada está aberta a todas as persoas que pertencen á industria do software. Igual que nos outros casos, está habilitado un meetup para información e inscricións.
E para quen queira seguir facendo comunidade e fronte común, na xornada do 11 de maio, a comunidade técnica CoruñaJUG organiza unha xuntanza que se desenvolverá no espazo Accede Papagaio (16:30-18:30) e que contará coa participación de Simon Rittler, en palabras dos organizadores da xornada “un Java Champion referente a nivel mundial”. A cita será sobre Technical Deep Dive into Java from Azul. Hai un meetup habilitado para este evento.
A Deputación de Pontevedra vai ofrecer este mes de maio un completo programa de obradoiros TIC a través de SmartPEME facendo fincapé nas 37 accións formativas previstas para as sedes de Cambados, os viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e as oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. A maiores, cómpre engadir os sete cursos da sede da Deputación en Pontevedra, todos co nexo común de querer botar unha man no proceso de adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital.
As quendas da cidade do Lérez son as seguintes: esta sexta feira 4 de maio, Elixe a túa plataforma de comercio electrónico, ás 17:00 horas. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 8 ás 19:00 horas baixo o nome de Que é o Internet das cousas? Introdución e aplicacións e, a seguinte, Descubre como funciona o certificado dixital, o teu DNI en liña o 10 de maio no mesmo horario. A seguinte quenda será o día 15 ás 19:00 horas, coa acción Novidades na Lei de protección de datos 2018, RGPD Europeo, un evento que, ademais, será retransmitido en directo para todas as persoas interesadas que non poidan asistir de maneira presencial.
O 21 de maio será a quenda de Ferramentas e Apps imprescindíbeis para o sector legal, tamén ás 19:00 horas, ao igual que Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, o día 23. Por último, o martes 29 de maio será a quenda de Excel avanzado I: Uso de fórmulas en follas de cálculo, de novo en horario de 19:00 horas.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networkingtrimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acolle, o día 9 de maio, de 10.00 a 12.00 h, unha sesión informativa sobre a recente convocatoria de axudas para o sector do videoxogo (https://cdtic.xunta.gal/ayudas-videojuegos), financiadas con cargo ao Programa Operativo 2014-2020 dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O Programa de impulso ao sector do videoxogo, posto en marcha polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, está dotado con 5 millóns de euros, o que permitirá mobilizar un total de 6,25 millóns de euros, xa que o importe de cada axuda representará o 80% do orzamento ata un máximo de 150.000€ por beneficiario e un mínimo de 20.000€.
A sesión informativa estará dirixida polos responsables da Dirección de Economía Dixital de Red.es, que lles explicarán ás persoas asistentes o procedemento de concesión de axudas, o tipo de actuacións subvencionables ou as características que deben ter os potenciais beneficiarios, pequenos estudios independentes, cunha antigüidade mínima de seis meses e que conten entre o seu persoal con profesionais con experiencia previa no desenvolvemento de videoxogos que xa foran publicados.
Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
A organización da sesión corre a cargo de Red.es, unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, que desenvolve programas de impulso da economía dixital, a innovación, o emprendemento, a formación para xente nova e profesionais e o apoio á peme mediante o fomento dun uso eficiente e intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.