main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/05/201808:09
Pantallazo da web.
Santiago de Compostela

Últimos días para inscribirse na Academia Dixital da Fundación ONCE

  • Trátase dun proxecto de formación en novas tecnoloxías dirixido a mozos con discapacidade inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

 

O vindeiro mércores, 9 de maio, finaliza o prazo para inscribirse na Academia Dixital da Fundación ONCE, un novo proxecto que ofrece formación en novas tecnoloxías a mozos con discapacidade, co obxectivo de aumentar a súa empregabilidade mediante a adquisición de competencias dixitais e laborais altamente demandadas polas empresas.

Academia Dixital é un proxecto financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo e polo tanto os alumnos deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles, estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGJ).

A inscrición estará aberta ata o 9 de maio a través da páxina web: academiadigital.fundaciononce.es.

A lista de admitidos darase a coñecer entre o 17 e o 22 de maio.

Por outra banda, o curso terá lugar en tres sedes situadas en MadridBarcelona e Sevilla e impartirase en grupos reducidos de 15 a 20 persoas en quendas de mañá e tarde.

 

O programa desenvolverase en dúas fases:

  • A primeira, prevista desde o 28 de maio ao 22 de xuño, ten unha duración de 100 horas lectivas e a ela accederán un máximo de 250 alumnos (100 en Madrid, 85 en Barcelona e 65 en Sevilla). Os contidos desta fase terán un carácter máis xeral e incluirán ofimática, fundamentos de programación, iniciación ao márketing dixital, deseño, xestión de redes sociais, conceptos básicos de accesibilidade, habilidades sociais e de comunicación.
  • A segunda fase levarase a cabo do 2 de xullo ao 21 de setembro, cun período de vacacións do 6 ao 19 de agosto. Nesta ocasión só accederán 150 alumnos en función das competencias e motivación demostradas na primeira fase. Terá unha duración de 250 horas con contidos estruturados en tres itinerarios formativos a elixir: Márketing e deseño (que inclúe deseño e edición de imaxe, audio e vídeo, Redes Sociais, Wordpress, UX); Programación (Aplicacións Móbiles, .Net, Drupal, Frontend, Angular, Java), e Novas profesións tecnolóxicas (Robótica, IoT, Intelixencia Artificial, Realidade Aumentada, impresión 3D, Big Data e Ciberseguridade).

 

Bolsas e axudas económicas

A Fundación ONCE concederá bolsas aos alumnos para apoialos economicamente cos gastos de transporte e aloxamento que poidan ter con motivo da súa participación na Academia. Así, estableceuse unha bolsa de réxime xeral para todos os participantes, que consiste nun importe fixo por día de asistencia. Así mesmo, haberá bolsas cunha contía diaria superior para o transporte e/ou aloxamento dos estudantes que se despracen desde a súa localidade.

08/05/201807:57
A party ICC Technium nunha imaxe de Miguel Ángel para La Región.
Ourense

A xuntanza ICC Gamers contou coa participación de 500 inscritos

Esta fin de semana, da man da ICC Week da Deputación de Ourense, foi unha fin de semana cultural e dixital na provincia. Houbo charlas, faladoiros, demostracións e un apartado completo da ICC Week destinado a fomentar o coñecemento e a innovación arredor dos videoxogos e os deportes dixitais (eSports): o programa ICC Gamers. Este programa incluíu (no pavillón do Campus de Ourense) a quedada-party ICC Technium R Encounter e o certame ICC eSports, nos que se inscribiron medio milleiro de participantes e que deron acubillo a catro torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl. Finalmente repartíronse 4.000 euros en premios en torneos dentro da party. 

No transcurso destas actividades, o presidente da Deputación, Manuel Baltar visitou o pavillón acompañado polo director xeral da operadora R (patrocinadora do evento), Alfredo Ramos; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e polos organizadores da cita. De maneira complementaria, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, celebrouse a actividade ICC Kids, unha acción enfocada a crianzas e xuventude que contou coa participación dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho, quen explicaron como fixeron da súa paixón a súa profesión.

Previamente a estas citas, no Liceo, desenvolveuse a conferencia A traxectoria dunha muller creativa, a cargo da directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, e máis unha xornada adicada a sectores emerxentes e ás TIC, no mosteiro de san Clodio, en Leiro, baixo o título Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. As mulleres tech, que contou coa presenza da directora de Imaxin Software, Luz Castro; a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez; e a avogada e policy manager, Sara Rodríguez; quen falaron das tendencias de máxima actualidade como son a Realidade Virtual, a Realidade Aumentada, o mundo do software e a gamificación e a economía colaborativa.

08/05/201807:52
Muller diante dun ordenador.
A Coruña

A Coruña achega ás persoas emprendedoras ao potencial das redes sociais para facer mercado

As redes sociais non son só ferramentas para a comunicación, o coñecemento e o lecer, son tamén enerxía extra para os nosos currículos e para os nosos proxectos de mercado. En base a isto, a vontade de fortalecer a formación de profesionais e emprendedores, o Concello da Coruña está a ofertar novos cursos sobre redes sociais. O programa vén da man da área de Emprego, a concellería que dirixe Alberto Lema. Achéganse dous niveis diferenciados de formación: básico e avanzado. Os obradoiros impártense este mes de maio. 

As actividades previstas teñen como finalidade “dar a coñecer os principais recursos dispoñibles para potenciar a visibilidade, presenza e reputación en liña, e para así poder acadar mellores resultados comerciais”. A área que dirixe Alberto Lema ofertará dous niveis de talleres, cuxas aulas impartiranse no Centro Municipal de Emprego dos Rosais. O nivel básico, entre o 21 e o 25 de maio, en horario de 09.30 a 13.30 horas, afondará en cuestións como a identidade dixital, as principais plataformas e aplicacións e dará a coñecer as principais ferramentas para a xestión de contas e seguimento da reputación en liña. Pola súa banda, o nivel avanzado, que se impartirá do 28 a 31 de maio (en horario de 09.30 a 13.30 horas de luns a mércores, e de 10.00 a 13.00 horas o xoves) estudará “as posibilidades de Internet como canle de venda”, de xeito que abordará cuestións como as relacións comerciais en Internet, o deseño comercial de páxinas web, a creación de tendas virtuais e implantación de pasarelas de pago. Para participar, pódese formalizar a preinscrición a través do teléfono 981 184 399 ou da páxina web municipal http://www.coruna.gal/papagaio/es/formacion

07/05/201810:49
Cartel da terceira convocatoria do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’.
Santiago de Compostela

A Xunta e Vodafone abren a terceira convocatoria do programa de apoio á innovación social dixital, ‘Connecting for Good Galicia’

  • Os emprendedores poden presentar as súas candidaturas ata o 31 de xullo
  • As iniciativas seleccionadas accederán, durante seis meses, a sesións de formación e mentoring, e a un espazo de traballo na Cidade da Cultura
  • Contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha e optarán a unha axuda de 25.000 euros á mellor iniciativa de cada convocatoria concedida pola Xunta
  • Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, dotado con 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal

 

Desde hoxe e ata o 31 de xullo os emprendedores interesados en participar na terceira convocatoria de ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’, poden presentar as súas candidaturas. Este programa, impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrece apoio e formación a iniciativas empresariais de innovación social dixital.

Poderán solicitar a súa participación no programa “Vodafone Connecting for Good Galicia” todas aquelas empresas e emprendedores maiores de 18 anos que, desde Galicia, conten cun modelo de negocio innovador e claras vantaxes competitivas para un produto ou servizo que resolva algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou en calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020.

Valorarase especialmente o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con discapacidade e persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito.

 

Principais características do programa

Nesta convocatoria seleccionaranse ata un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas pola Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio ‘Conectados pola Accesibilidade’ de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal.

Os proxectos incorporados ao Programa beneficiaranse de sesións de formación e mentoring e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación. Todas as iniciativas dispoñerán dun espazo de traballo na sede de ‘Vodafone Connecting for Good’, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.

 

A convocatoria

O fallo do Xurado cos proxectos seleccionados notificarase antes do 1 de outubro. A fase de formación dos participantes terá unha duración de seis meses, desde o 15 de outubro de 2018 ata o 15 de abril de 2019.

Para a valoración dos proxectos, deberase rexistrar a candidatura na web www.fundacionvodafone.es/premios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases.

Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto. Máis información: http://www.fundacionvodafone.es/premios.

07/05/201809:21
Cartel dos premios.
Santiago de Compostela

Educación convoca os premios Desafíos STEM: Programación, Robótica e Impresión 3D

  • Os centros de ensino que desexen participar teñen de prazo ata o 10 de xullo para enviar os seus proxectos
  • A iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería co obxectivo de incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar o premio de innovación educativa Desafíos STEM: Programación, Robótica e Impresión 3D, dirixido aos centros de ensino públicos que impartan ESO ou bacharelato, co fin de recoñecer os proxectos neste ámbito creados polos propios centros escolares.

Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería, a través da cal se busca lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica. Por outro lado, tamén se pretende romper coa fenda de xénero nos estudos STEM.

Para a convocatoria Desafíos STEM deste ano establécense dúas categorías: Unha STEM Iniciación, dirixida ao alumnado de 1º,2º, 3º da ESO, FP Básica ou PMAR; e unha STEM Afondamento, para alumnos de 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato. Dentro de cada categoría, cada proxecto poderá optar a tres Desafíos: Desafío Robots, Desafío Programación ou Desafío Impresión 3D. Haberá un total de seis premios, un por cada desafío e categoría, todos eles dotados con 2000 euros para centro; así como unha distinción para os alumnos participantes.

Tal como establece a resolución, os centros interesados teñen de prazo ata o 10 de xullo para presentar a correspondente solicitude así como un informe coa documentación relativa ao proxecto que presente. Cada centro pode presentar ata un máximo de seis equipos, cada un deles composto por entre 3 e 6 alumnos que deberán pertencer ao mesmo nivel educativo. Os proxectos deberán estar elaborados integramente polo alumnado empregando o equipamento de robótica, as placas de comunicación e programación e os equipos de impresión 3D cos que a Consellería de Educación dotou a estes centros.

Respecto aos criterios de valoración, teranse en conta a funcionalidade do proxecto presentado, a súa calidade técnica e pedagóxica, a implicación do alumnado mediante un traballo cooperativo e a implicación do centro en actividades de fomento de vocacións STEM, entre outros.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS