main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/05/201810:39
Sonsoles López Izquierdo.
Lugo

As profesións TIC, presentes nos 154 postos de traballo creados por Ben Empregado 4

A Deputación de Lugo aprobou o venres os 154 novos postos de traballo para lucenses no paro en entidades da provincia grazas ao Ben Empregado 4, máis social. Trátase da última edición desta iniciativa dotada con 2,2 millóns de euros e acubillada ao abeiro da aposta da entidade provincial por “xerar emprego de calidade, defendendo a igualdade e os dereitos dos traballadores”. A respecto do devandito, o organismo provincial anunciou que vai publicar os perfís dos traballadores e os lucenses seleccionados no espazo web específico do programa.

Tamén fixo saber que a semana que vén publicaranse os 27 postos que ficaron desertos do Ben Empregado 4, aos que se poderá inscribir calquera lucense sen traballo. Coma en anteriores edicións, unha parte importante dos postos mobilizados son ocupacións relacionadas directamente coas novas tecnoloxías da información.

A deputada de Promoción Económica e Social Sonsoles López Izquierdo salientou que a cuarta edición do programa vén con axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación durante 1 ano de novas/os traballadoras/es cos que, “ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEME e asociacións lucenses”. Tamén explicou que o organismo provincial asume ao 100% os custes laborais de 19 traballadores con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, ao 90% a contratación de 39 novos empregados en asociacións da provincia e o 50% de123 traballadores en xeral. 

Dos 181 novos postos de traballo, 11 son en empresas e colectivos sen ánimo de lucro de Concellos da Mariña; 24 da Comarca da Terra Chá; 9 na de Sarria; 79 na de Lugo; 3 na da Ulloa; 10 na da Montaña; 18 en Lemos e Chantada. Inclúense, como dixemos, empregos relacionados directamente coas novas tecnoloxías. Por exemplo técnicos superiores en administración de sistemas informáticos, deseñadores gráficos ou técnicos informáticos.

14/05/201810:32
Galisenior.
Ourense

Galisenior presentou as claves 'para vivir máis e mellor'

  • O salón para persoas maiores de Expourense reúne a máis de 3.500 persoas maiores e 300 asistentes de Galicia e Portugal nas súas xornadas técnicas profesionais

 

"A vellez non é unha cuestión de idade, senón de actitude". Isto foi o que demostraron as máis de 3.500 visitas que durante dous días, o 9 e 10 de maio participaron activamente no programa de Galisenior, en Expourense que presentaba máis de 50 opcións que promovían un envellecemento saudable e autónomo. Baile, deporte, pilates e risoterapia foron algunhas das actividades con maior seguimento. "Iniciativas que contribuíron a proxectar unha imaxe positiva da vellez reivindicando ao mesmo tempo o papel activo dos maiores na sociedade".

 

Galisenior 2018 concluíu a súa undécima edición convertida no punto de encontro de todos os axentes sociais vinculados o sector do maior. Administracións, empresas e profesionais presentaron nesta cita as ferramentas necesarias para garantir a calidade de vida dos maiores. "Xa non é suficiente con vivir máis, o obxectivo é agora vivir mellor". Durante esta segunda xornada do salón recibiuse a visita de varias asociacións de maiores procedentes de distintos puntos de Galicia como A Coruña, Ferrol, Vigo, Bueu, Chantada, A Estrada ou Silleda, entre outras. Isto converte ao asociacionismo é un dos alicerces básicos para garantir un envellecemento activo e saudable. 

 

Precisamente a organización de Galisenior quixo agradecer o labor destas asociacións que fixeron posible unha edición máis do salón entregándolles unha placa conmemorativa. Na cerimonia de entrega participaron a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy; a xefa de servizo da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso; o codirector da Cátedra Cruz Vermella da USC, Manuel Mayán; o coordinador das Aulas de Maiores da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero; e o presidente da Confederación Galega de Maiores (Cogama) José Piñeiro. Este último, aos 92 anos, e igual que ocorreu no acto inaugural con Elisa Soria (presidenta da Asociación de Maiores de Teléfonica), foi recoñecido neste acto por representar o espírito deste salón, xa que coordinou a participación de 50 dos seus asociados de toda Galicia nesta cita.

 

Ademais de Cogama, tamén visitou Galisenior a Federación de Pensionistas de CC.OO. Galicia que combinaron a participación no salón cunha visita guiada á cidade de Ourense. 

 

 

Xornadas profesionais e para maiores

No apartado das Xornadas Técnicas Profesionais, a Universidade de Vigo presentou o seu 'Programa para Maiores', así como o proxecto europeo KIPAM (Knowledge is power, age ain´t matter ou 'o coñecemento é poder, a idade non importa') de ensino universitario para persoas maiores. Na mesma mesa participou tamén a Real Institución Benéfico Social Pai Rubinos que puxo en marcha unha experiencia interxeneracional que conta co apoio da Fundación Amancio Ortega. O Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña presentou ademais a aplicación clínica das súas investigacións e os seus programas de prevención da fraxilidade dos maiores. Entre outros temas tratouse o empobrecemento das persoas maiores e do fomento de hábitos saudables para envellecer acticamente. Estas xornadas foron seguidas entre os dous días por preto de 300 asistentes de Galicia e do Norte de Portugal.

 

En canto ás actividades de feira, destacou o taller de risoterapia no que participaron un cento de maiores. Entre as actividades celebradas pola tarde destacou o encontro interxeneracional de ludoterapia coordinado pola Deputación de Ourense coa colaboración do centro Cultural Xaquín Lorenzo, do Colexio de Educadores Sociais, da Universidade de Vigo e das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal). Esta última, entre outras moitas actividades, celebrou tamén un taller de ioga para maiores e unha charla taller sobre a imaxe das persoas maiores nos medios de comunicación, co xornalista Víctor Sariego, de Entremayores. Destacaron por último actividades socioeducativas con cans e o taller de musicoterapia xerontolóxica organizado polo Instituto Xerontolóxico de Galicia e a Cátedra Cruz Vermella da USC que puxeron o broche final a esta edición.

14/05/201809:21
DIGISAD, Grupo SSI.
Santiago de Compostela

'Digisad' dixitaliza a atención no fogar e mellora a calidade do servizo

  • Grazas ao sistema de monitoraxe dixital, integrado nun smartphone, os auxiliares, familiares e organizacións públicas poden coñecer as necesidades dos usuarios en tempo real

 

Grupo Servizos Sociais Integrados (Grupo SSI) presentou recentemente 'Digisad', un proxecto que integra o uso de ferramentas dixitais no seguimento do Servizo de Atención Domiciliaria (SAD) a maiores e persoas dependentes. 

Coa incorporación das novas tecnoloxías, lógrase un método de traballo máis eficiente e mellor atención para pacientes e familiares, sinalan desde o Grupo SSI.

En concreto, este proxecto nace tras unha avaliación realizada a principios de 2017 sobre os procedementos do departamento do SAD. O estudo concluíu que as principais áreas de mellora atopábanse na comunicación entre as auxiliares de atención domiciliaria e o equipo de coordinación, por unha banda, e na calidade da recollida da información das necesidades das persoas atendidas, por outro. 

Neste contexto, a mediados de 2017, Grupo SSI realizou unha proba piloto para ver como se podía mellorar o servizo de atención a domicilio incorporando ferramentas dixitais. Para iso, entregouse a varias persoas do equipo un smartphone que incluía unha conta de correo electrónico coporativo e unha ferramenta de seguimento das persoas atendidas.

Na proba piloto logrouse unha melloría notable na calidade do servizo prestado ás persoas maiores e dependentes, no rendemento do tempo das auxiliares (fundamentalmente, pola redución dos tempos de desprazamentos) e na calidade da información dispoñible para as auxiliares e familiares.
Isto permitiu ver que estes avances redundaban nunha mellora da atención domiciliaria e que resolvían as deficiencias detectadas na avaliación do servizo que Grupo SSI de principios de 2017.

Vantaxes de 'Digisad'
En primeiro lugar, 'Digisad' proporciona información en tempo real ao equipo de Coordinación do SAD. Ademais, a información atópase centralizada e dispoñible para as institucións públicas coas que Grupo SSI traballa e para as familias que realizan consultas sobre o seu familiar. Por último, ten un impacto positivo directo sobre o traballo das auxiliares, xa que reciben a información sobre novos servizos, cambios de quenda ou novas necesidades de forma máis áxil e exacta. 

Así pois, ante estes resultados, unha vez acabada a fase de proba Grupo SSI empezou a traballar inmediatamente para estender esta metodoloxía ao resto dos seus auxiliares, co obxectivo de convertelo no sistema de traballo básico do servizo de atención domiciliaria. A finais de 2017, 104 auxiliares de atención domiciliaria de Grupo SSI xa recibían comunicación diaria por correo electrónico e 86 delas xa estaban a utilizar un telefóno intelixente preparado para a súa operativa diaria. En decembro, un total de 419 persoas estaban a ser monitoradas e a información sobre a súa evolución estaba xa dispoñible e centralizada para a organización, as familias e as institucións.

En 2018 estes números foron aumentado. Actualmente, Grupo SSI segue no proceso de implantación de 'Digisad', que inclúe formación para as súas traballadoras e un período de adaptación ás novas ferramentas. O obxectivo é continuar ata cubrir todo o persoal.

En definitiva, o proxecto de Digisad, de Grupo SSI, supón un avance innovador e novo no proceso de dixitalización do servizo de atención domiciliaria, a implantación das TIC no ámbito sociosanitario e a obtención de información e coñecemento que favorece a mellora do servizo prestado aos maiores ou persoas con dependencia.

11/05/201814:45
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o polígono industrial de Culleredo, convidado pola Asociación de Empresarios deste Concello.
Culleredo

A Xunta destina 3,4 millóns de euros para despregar a conexión ultrarrápida a internet para chegar a 130 polígonos este ano

  • O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o parque empresarial de Culleredo da man da Asociación de Empresarios deste concello
  • Este ano o Plan de banda larga ultrarrápida chegará aos polígonos industriais de Cerceda, Curtis-Teixeiro, As Pontes e As Somozas

 

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o polígono industrial de Culleredo, convidado pola Asociación de Empresarios deste Concello. Se trata dunha das 22 áreas empresariais da provincia que se incorporaron o ano pasado á actuación de despregamento en polígonos do Plan de banda larga ultrarrápida da Xunta e o operador R, e que contempla, para 2018, a súa implantación en outros catro parque empresariais da provincia: O Acevedo, en Cerceda; Curtis-Teixeiro; Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez; e As Somozas.

Rodeiro lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presente ano. As empresas dos polígonos beneficiadas desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, a operadora R pon á disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir.

Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

O plan xa completou o despregamento en 51 polígonos e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso. A Amtega aporta unha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

11/05/201813:42
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do obradoiro ‘Confianza e seguridade das mulleres na Rede’.
Arcade

A Xunta colabora no marco do programa Atenea para a capacitación das mulleres para aumentar a seguridade na internet

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do obradoiro ‘Confianza e seguridade das mulleres na Rede’ na Asociación de Mariscadoras Virxe do Carme de Arcade

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do ‘Obradoiro sobre confianza e seguridade das mulleres na rede’ da Asociación de Mariscadores Virxe do Carme de Arcade, que pretende capacitar ás mulleres para un uso responsable e seguro en Internet.

Susana López Abella indicou que os talleres teñen como finalidade promover a participación das mulleres na Sociedade da Información, aumentando a súa confianza e seguridade no uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación tendo en conta os posibles riscos que poden atoparse na Internet e incluíndo unha serie de recomendacións e consellos para previlos.

As novas tecnoloxías poden achegar á sociedade no seu conxunto, á poboación en xeral e ás mulleres en particular, múltiples oportunidades e beneficios. Non obstante, tamén xorden novos riscos. Como en moitos outros ámbitos, as mulleres presentan maior vulnerabilidade a algúns destes riscos: as fendas dixitais de xénero poden dificultar o acceso ao emprego, á formación ou á información en xeral, ou aparecer novos riscos de sufrir violencia de xénero.

As sesións desenvolveranse seguindo unha metodoloxía participativa transversalizando o enfoque de xénero en todo o proceso. Realizaranse diferentes actividades co propósito de que as participantes consigan descubrir conceptos básicos sobre a seguridade na rede. Propiciarase a realización de casos prácticos que faciliten a aprendizaxe mediante a reflexión grupal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS