main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/05/201810:00
Logo do Día Mundial de Internet.
Santiago de Compostela

A Amtega celebra o Día da Internet cunha programación especial de dez días de actividades na rede CeMIT

  • Do 21 ao 31 de maio están previstas sesións e charlas orientadas a facilitar o uso dos servizos dixitais, evitar o ciberacoso e informar sobre o novo Regulamento de Protección de Datos
  • Estas actividades súmanse ás previstas xa na Rede, conformando unha oferta de máis de 1.600 horas de formación presencial

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o Día da Internet cunha programación especial de actividades nas Aulas CeMIT, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan na Rede ata conformar unha oferta de 280 actividades e 1.600 horas de formación.

Entre o 21 e o 31 de maio, xunto coa programación habitual, ofrecerase un catálogo de actividades orientadas a facilitar o uso dos servizos dixitais, evitar o ciberacoso e informar sobre o novo Regulamento de Protección de Datos.

Grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e á labor dos responsables das aulas CeMIT celebraranse charlas e sesións específicas durantes estes días, Una delas será a charla informativa Pautas de control parental para a detección e o control do ciberacoso” en colaboración co aliado dixital Captioma.

Tamén está prevista a realización de dúas sesións de dúas horas de duración en colaboración co aliado dixital Altia sobre o manexo da Sede electrónica da Xunta de Galicia. E intégranse, ademais, dentro desta planificación a realización dunha charla informativa destinada a rapaces e rapazas sobre “Prevención do ciberacoso, ciberbulling e comportamentos rexeitables” e a xornada sobre “Protección de datos de carácter persoal e a nova normativa GDPR” en colaboración co mentor dixital José M. Lozoya.

As persoas interesadas en asistir a algunha das formacións propostas poden consultar os cursos e actividades das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/buscador e poñerse en contacto coa aula que máis lle interese. Así mesmo, tamén pode contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal.

 

Actividades xa programadas

Súmanse, ademais, outras iniciativas iniciadas anteriormente e que teñen continuidade dado o interese suscitado como o taller “Ao lado dos nosos maiores” realizado en colaboración co aliado dixital Orange Spagne, así como as xornadas “Aprende a usar o teu Smartphone e Tablet” en colaboración coa Fundación Vodafone España.

Adicionalmente, de forma online, póñense a disposición dos cidadáns unha gran variedade de cursos a través da Plataforma de teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con preto de 800 aliados dixitais.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulasco obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para achegar á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

16/05/201818:00
Logo do Día Mundial de Internet.
Santiago de Compostela

Declaración institucional con motivo do Día Internacional da Internet, baixo o lema “A sociedade dos datos”

Datos e letras comparten este ano a xornada festiva do 17 de maio en Galicia. Ao igual que as letras, os datos en si mesmos achegan unha información concreta e limitada. Cando as letras se unen xorden as palabras, que conforman unha lingua e da unión das palabras nacen as frases, que se xuntan nos parágrafos que conforman a historia desa lingua e a súa cultura. A sociedade dixital aliméntase de inxentes cantidades de datos, que debidamente tratados e analizados, convértense nunha fonte de información de valor extraordinario coas máis diversas aplicacións. 

Entre as grandes posibilidades que ofrece o tratamento masivo de datos están a identificación de problemas, o control dos efectos que provocan as medidas que se adoptan para resolvelos e as facilidades para calibralas e adaptalas ante as necesidades que vaian xurdindo. Isto supón grandes vantaxes en calquera ámbito e, especialmente, na xestión pública onde estes modelos preditivos facilitan a toma de decisións. Existen exemplos experimentais destes usos en todo o mundo, incluídos proxectos para mellorar a xestión da auga, dos residuos e os aplicados á medicina personalizada.

O Día Mundial da Internet céntrase na potencialidade deste uso e tratamento intelixente dos datos e no reto que ten a sociedade actual de atopar un equilibrio que garanta os dereitos dos cidadáns ao mesmo tempo que se aproveitan as oportunidades que ofrecen.

O último informe da Unión Internacional das Telecomunicacións sobre a Sociedade da Información no Mundo sinala o Big Data, o IoT ( internet das cousas), o Cloud Computing e a Intelixencia Artificial como as catro tendencias chave no desenvolvemento tecnolóxico dos vindeiros anos.

O organismo internacional avanza que a aplicación intensiva destas técnicas propiciarán innovacións de envergadura e transformarán radicalmente os sectores empresarial, gobernamental e social durante as próximas décadas, sempre que se adopten as políticas propicias á experimentación e á innovación ao mesmo tempo que se mitigan os posibles riscos para seguridade e a privacidade.

Os novos servizos que xurdirán destas aplicacións requiren dunhas infraestruturas de telecomunicación avanzadas. A Xunta de Galicia converteu a tecnoloxía nun elemento transversal da Administración autonómica en 2009 e apostou desde entón por estender a conectividade a todo o territorio galego e agora en incrementar a calidade e a velocidade desa conectividade. O Plan de Banda Larga e a Lei de Impulso e Ordenación de infraestruturas de Telecomunicación de Galicia co seu desenvolvemento normativo son instrumentos clave para acadar estes obxectivos.

Neste intenso marco de innovación a inminente entrada en vigor, o vindeiro 25 de maio, do novo Regulamento Europeo de Protección Datos cambiará as regras que rexían a privacidade en Europa, tanto para o sector público como para o ámbito empresarial.

A norma europea incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións públicas e privadas coa protección de datos así como unha forma diferente de xestionalos.

A Administración autonómica vén traballando na adaptación a este novo Regulamento, no marco do Plan Director de Ciberseguridade, co que nos últimos anos aumentou as súas capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

Desde a Xunta de Galicia afrontamos as novas obrigas como retos que nos axudan a adaptármonos á actual revolución dixital, reforzando o respecto aos dereitos da cidadanía e, sobre todo, favorecendo a súa confianza no uso de medios electrónicos como pilar dunha nova economía e dun novo modelo de sociedade.

16/05/201814:14
Regulamento Europeo de Protección de Datos.
Santiago de Compostela

A Xunta adapta a súa política de seguridade ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entra en vigor o 25 de maio

  • A Administración autonómica contará coa figura do Delegado de Protección de Datos, que velará polos dereitos dos cidadáns neste ámbito
  • Ademais, consolídase o Centro de Resposta ante Incidentes de Seguridade nun marco de cooperación estatal
  • Os avances en ciberseguridade son chave para reforzar a confianza dos cidadáns no uso dos servizos dixitais
  • No primeiro trimestre do ano as xestións online coa Xunta superaron, por primeira vez, ás presenciais, as notificacións electrónicas cuadruplicáronse e evitouse aos cidadáns presentar máis de 1 millón de documentos

 

A Xunta adapta a súa Política de Seguridade ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) que entrará en vigor o 25 de maio. Entre as principais novidades que implica esta normativa está a incorporación da figura do Delegado de Protección de Datos, un valedor do cidadán nesta materia. Ademais, a Administración autonómica vén de poñer en marcha o Centro de Resposta Rápida ante incidentes de Seguridade para minimizar o impacto dos ciberataques.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as modificacións da Política de Seguridade da Xunta, na que se recolle a figura do Delegado de Protección de Datos, que actuará como garante do cumprimento da normativa da protección de datos, informando, asesorando e supervisando o cumprimento do RXPD.

A Xunta de Galicia contará cun Delegado de Protección de Datos por consellería e un na Amtega, que exercerá labores de coordinación. O contacto cos delegados de protección de datos articularase a través do portal da Xunta, desde un espazo que quedará habilitado o vindeiro día 25 de maio.

Este foi o modelo de implantación que aprobou a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico da Xunta, que tamén estableceu que se poderá nomear un delegado en entidades instrumentais, sempre que estea xustificado e a proposta da Consellería da que depende ou ben poderá exercerse este rol a través dunha Comisión.

 

CSIRT.gal

A Xunta vén de cumprir un dos obxectivos previstos para este ano materia de ciberseguridade, a consolidación do Centro de resposta ante incidentes de seguridade, o CSIRT.gal, que se integra na plataforma CSIRT.es de ámbito nacional, que se ocupa de optimizar a cooperación entre os diferentes centros para actuar fronte a problemas de seguridade informática nas redes españolas. A integración de Galicia nesta plataforma implica a validación dos seus procedementos en materia de seguridade.

CSIRT.gal é un equipo de persoal técnico especializado, dedicado a desenvolver medidas preventivas e reactivas ante incidentes de seguridade. Está integrado por 13 profesionais que contan co apoio de servizos adicionais en colaboración con empresas do sector TIC, Telefónica, R, Ednon, Emetel, Unisys e Balidea. As súas funcións abranguen a monitoraxe continua dos sistemas de información, o tratamento de incidentes de seguridade (contención, erradicación e recuperación), a difusión de información relacionada coa seguridade así como advertencias acerca de ameazas emerxentes, auditorías de seguridade e análise de riscos, entre outras.

O Foro CSIRT.es é unha plataforma a nivel nacional independente e sen ánimo de lucro composto por aqueles equipos de resposta a incidentes de seguridade informáticos que son admitidos en base a uns criterios de calidade nos seus procedementos de ciberseguridade.

Esta plataforma está integrada polo Centro Criptolóxico Nacional (dependente do CNI), o CERT de seguridade e Industria (dependente do INCIBE), o Centro Nacional de Protección de Infraestruturas e Ciberseguridade, Mando Conjunto de Ciberdefensa, a Policía Nacional, organismos estatais relevantes, corporacións privadas, empresas tecnolóxicas de seguridade e as Comunidades Autónomas máis avanzadas na materia: Cataluña, Valencia, Andalucía e agora Galicia.

 

Consolidación dos servizos dixitais

A seguridade é un factor esencial para xerar confianza nos cidadáns no uso dos novos servizos dunha Administración dixital, que en Galicia está en proceso de consolidación. Así o reflicten os indicadores de seguimento do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020, que miden os avances da dixitalización e seu impacto dentro e fóra da Administración.

Entre xaneiro e marzo deste ano máis do 51% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica ou das oficinas virtuais. No mesmo período de 2017 a porcentaxe de presentacións a través de internet foi do 43%.

As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través do buzón de correos, cuadruplicáronse no último ano, pasando das 14.100 a máis de 55.300 nos primeiros tres meses do ano.

A nivel interno, as consultas dos empregados públicos á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe! duplicáronse, o que significa que se evitou aos cidadáns presentar máis de 1 millón de documentos, que xa están en poder da administración como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios... así ata 40 tipos de certificados.

O uso da sinatura dixital segue a estenderse no funcionamento interno da Administración e no primeiro trimestre deste ano rexistráronse preto de medio millón de documentos asinados electrónicamente fronte aos 280.500 de 2017.

16/05/201812:48
Voluntaria impartindo unha charla sobre ciberseguridade nunha aula.
Madrid

As clases de Neurociencia e Internet solidario chegan á escola con Voluntarios Telefónica

  • A 'I Semana de Internet', que puxo en marcha Voluntarios Telefónica, nace co obxectivo de destacar os beneficios e bos usos das ferramentas dixitais por parte de colectivos vulnerables. 

 

O 17 de maio celébrase o Día Mundial de Internet, unha data que nace coa idea de promover a importancia das TIC na mellora da calidade de vida das sociedades. Conscientes desta realidade, Voluntarios Telefónica pon en marcha a "I Semana de Internet" cun programa de actividades creado para sensibilizar sobre o bo uso de Internet e outras ferramentas dixitais, así como para concienciar sobre a importancia de diminuír a fenda dixital.

Do 16 ao 19 de maio, máis de 200 voluntarios de Telefónica, apoiados por diferentes entidades sociais, serán os encargados de impartir talleres e participar en diversas actividades lúdicas que se realizarán paralelamente en Madrid, Barcelona e Vigo.

 

Neurociencia aplicada ao consumo de Internet

Unha das actividades destacadas da semana será o taller "Neurociencia aplicada á educación audiovisual"unha sesión de sensibilización sobre o impacto no cerebro do consumo de internet a través das pantallas que terá lugar en diferentes escolas de secundaria de Madrid e Barcelona. 550 mozos de primaria e secundaria coñecerán a relación entre as pantallas e o cerebro a través de relatorios sobre os riscos e os beneficios que achegan as novas tecnoloxías á mocidade. Sendo conscientes dos perigos existentes, as xornadas centraranse nas posibilidades que as pantallas poden achegar cun correcto uso. Como gozar de series de televisión con xuízo crítico, a navegación segura ou a diferenza entre entretemento dixital e tecno adicción serán algúns dos temas para tratar.

As sesións, dirixidas, contarán co apoio de Voluntarios Telefónica e da Fundación Aprender a Mirar, entidade que apoia e difunde a investigación en Neurociencia que se relaciona cos procesos de percepción, cognición e aprendizaxe a través de pantallas e internet.

 

Nunca é tarde se o "selfie" é bo

Cun simple xesto como o facer un "selfie", a tecnoloxía servirá de vehículo para regalar sorrisos entre os maiores. Voluntarios Telefónica xunto a Fundación Amigos dos maiores, serán testemuñas do taller O meu primeiro "selfie" visitando unha residencia de maiores para crear un gran mural onde todos poderán ter a súa foto impresa acompañada dunha mensaxe especial. O obxectivo principal desta actividade é a humanización destas residencias, así como mellorar o estado anímico das persoas maiores e sensibilizar sobre a importancia de regalar ilusión dunha maneira moderna, creativa e entretida.

 

Internet solidario para todos os públicos

Durante esta semana ninguén se vai a quedar sen probar os avances das novas tecnoloxías, por iso Voluntarios Telefónica programou actividades pensadas para diferentes públicos.

A realidade virtual fará viaxar aos nenos do Hospital Neno Jesús de Madrid, quen poderá subir todo o máis alto do Everest, percorrer as ruínas mayas ou pasear polo Coliseo Romano. Esta nova tecnoloxía tamén chegará á Residencia Adolfo Suárez de Madrid, onde os maiores terán a oportunidade de potenciar a súa imaxinación e creatividade, de maneira lúdica e divertida, creando unha pintura 360º.

Como colofón da Semana de Internet, organizarase no parque do Retiro de Madrid unha yincana inclusiva con códigos QR onde a cooperación entre voluntarios e participantes mediante recursos tecnolóxicos será a clave para facerse coa recompensa.

Ademais, e como actividade internacional, os voluntarios de Telefónica escribirán contos infantís sobre o coidado ambiental. Os devanditos contos sumaranse á aplicación "Chatbooks" creada na Fundación Telefónica Ecuador para mellorar a estabilidade emocional dos nenos e nenas tras o terremoto do 2016.

Estas son só algunhas das actividades que se desenvolverán durante a "I Semana de Internet" de Voluntarios Telefónica, para coñecer o programa completo pódese visitar a web.

16/05/201810:30
Fotografía dun 'game' de emprego 'Poder extra!'.
Xixón

Un videoxogo real para impulsar o emprego entre mozos con discapacidade

Utilizar o atractivo dos videoxogos para facilitar a procura de emprego a mozos con discapacidade que están en paro. Este é o obxectivo do 'game' de emprego que Fundación ONCE organizou xa en distintas cidades españolas e que o próximo 6 de xuño chegará a Xixón, onde acollerá aos participantes de Asturias e Cantabria.

A idea é utilizar un sistema similar ao que habitualmente funciona nos videoxogos e ao que os mozos están afeitos e no que senten cómodos.

Así, neste 'game' de emprego, chamado 'Poder extra!', os participantes van pasando niveis a medida que van mellorando a súa empregabilidade ata completar todo o percorrido e recibir o certificado 'top gamer' (e participar no sorteo dunha PS4).

Estes niveis ou pantallas que os participantes van pasando teñen forma de talleres, 'networking' con empresas ou charlas motivadoras, entre outros. Aos poucos os mozos con discapacidade irán adquirindo coñecementos e destrezas e iranse convertendo nun superheroe con poderes especiais para enfrontarse ao mercado laboral.

'Poder extra!' é unha grande idea xa que permite converter algo pouco atractivo e que mesmo provoca medos entre os máis novos como é a procura de emprego, nun divertido videoxogo que dá confianza a estas persoas para mellorar a súa capacidade de inclusión laboral.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS