main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

15/05/201817:15
Mar Pereira.
Santiago de Compostela

As medidas en marcha da Xunta e do Estado garanten que o 74% dos galegos terán acceso a redes de 100 Mbps no 2020

  • Esta porcentaxe ampliarase coas novas convocatorias de axudas a operadores anunciadas polo Estado
  • Ata 332.000 galegos se beneficiarán dos despregamentos de fibra óptica subvencionados por ambas administracións públicas con 35 millóns de euros
  • A directora da Amtega avanzou hoxe estes obxectivos no Parlamento, nunha comparecencia para facer balance de dous anos da Axenda Dixital de Galicia 2020
  • Máis de 72.000 galegos acceden a través das Aulas CeMIT a capacitación dixital gratuíta sobre o uso de internet e os servizos dixitais
  • Os trámites online coa Xunta xa superan os presenciais, situándose no 51% do total
  • Galicia aposta pola transformación dixital das aulas e xa son 12.000 os alumnos que estudan exclusivamente con libros dixitais
  • Este ano o 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria terán conexións de máis de 100 Mbps
  • O Hipersector TIC galego emprega a 21.973 traballadores, a maior cifra dos 5 últimos anos

 

 

O 74% dos galegos terá acceso a redes de 100 Mbps en 2020, 15 puntos máis que a porcentaxe actual. Este incremento será posible grazas as subvencións publicas a operadores concedidas no marco do Plan de Banda Larga da Xunta e das convocatorias do Estado. Cun investimento conxunto de 35 millóns de euros ambas administracións facilitarán o acceso á fibra óptica a 332.000 galegos que carecen desta cobertura.

Así o avanzou esta mañá no Parlamento galego a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, nunha comparecencia  a petición propia para dar conta de dous anos de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020, a segunda elaborada polo actual Goberno galego.

A directora da Amtega destacou que a mellora da conectividade é unha prioridade desde 2009 para o actual Goberno galego, que elaborou o primeiro Plan Director de Banda Larga en 2010 para dotar de cobertura de internet básica a todo o territorio galego. Neste sentido, destacou a esforzo que se fixo para estender a cobertura de 3G en 11.000 núcleos, un servizo que os operadores adxudicatarios teñen a obrigatoriedade de evolucionar durante dez anos. Esta medida contribuíu a que Galicia sexa a primeira comunidade con cobertura 3G do Estado e a cuarta en tecnoloxía 4G.

Mar Pereira incidiu na importancia da tecnoloxía sen fíos no rural galego, xa que permite o acceso á rede e facilita a cobertura móbil, unha demanda das zonas rurais máis illadas, e que beneficia tanto a habitantes como a visitantes.

 

Plan de Inclusión e Educación Dixital

Se a cobertura é un elemento esencial para a transformación dixital, a formación en TIC  para dinamizar o seu uso tamén. Por iso a Axenda Dixital puxo en marcha o Plan de Inclusión Dixital de Galicia con máis de 700 aliados dixitais e o apoio da Rede de Aulas CeMIT para favorecer a capacitación dixital de todos os galegos. As 98 Aulas CeMIT contan con máis de 72.000 usuarios rexistrados e máis de 280.000 horas de formación gratuítas impartidas desde a súa creación.

A aposta pola transformación dixital das aulas constátase cos avances do Proxecto Abalar, que posibilitou que 12.000 rapaces estuden exclusivamente con libros dixitais, que todas as aulas públicas de primaria e secundaria conten con equipamento dixital e que durante este ano o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria dispoñan de conexións a internet de máis de 100 Mbps. Galicia será a primeira comunidade en completar a iniciativa “Escolas Conectadas”, en colaboración co Estado, para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en centros públicos.

 

Servizos Públicos Dixitais

Desde 2010 a Xunta vén sentado as bases dunha administración integramente dixital. Os indicadores de seguimento do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 constatan os avances neste ámbito. A día de hoxe as xestións online coa Xunta superan ás que se realizan de forma presenciais. Entre xaneiro e marzo deste ano máis do 51% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica ou das oficinas virtuais.

A nivel interno, as consultas dos empregados públicos á Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe! evitaron aos cidadáns presentar máis de 1 millón de documentos, que xa están en poder da Administración como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios, etc. así ata 40 tipos de certificados.

 

Economía Dixital

Con respecto aos sectores estratéxicos da economía galega a Axenda Dixital ten en macha plans tecnolóxicos innovadores como o Plan Smarturismo coa dixitalización integral dos procedementos de turismo para os axentes do sector, que levan máis de 9.000 expedientes xestionados a través da plataforma tecnolóxica Smarturismo.  No eido cultural, a Memoria Dixital de Galicia xa permitiu a posta en marcha da nova Galiciana, que integra os documentos dixitalizados do Arquivo e da Biblioteca  dixitais de Galicia.

O Programa Primare está impulsar a dixitalización do agro coa posta en marcha dunha plataforma de servizos de valor engadido tanto para os agricultores como para a administración e no sector da pesca iniciou a dixitalización de 35 lonxas. Ademais, no ámbito forestal entra en funcionamento este ano unha nova rede de videovixilancia dixital forestal como apoio á prevención e seguimento dos incendios.

 

Impulso ao ecosistema dixital

Púxose en marcha o Plan DicoMindset para fomentar iniciativas tecnolóxicas baseadas nos contidos dixitais e porase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais e o Plan DigiTalent para impulsar o talento dixital en Galicia, fomentando as vocacións tecnolóxicas.

Os últimos datos sobre o Hipersector TIC galego sinalan que emprega a 21.973 traballadores, a maior cifra dos 5 últimos anos e que contribúe nun 2,1% ao PIB galego.

15/05/201811:53
Mans sobre o teclado dun portátil.
Lugo

A Fundación Telefónica e o Concello de Lugo capacitan a mocidade local en ciberseguridade

Fundación Telefónica e o Concello de Lugo formarán a 20 persoas en protección dixital. E farano a través do curso de ciberseguridade impulsado polas dúas entidades co obxectivo de fornecer aos asistentes de coñecementos e habilidades que lles permitan mellorar a súa empregabilidade a través “dunha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”, en palabras dos organizadores do obradoiro. Tras cinco meses de formación, do 28 de maio a finais de outubro de 2018, os vinte participantes poderán presentar os seus proxectos ante empresas tecnolóxicas do sector.

O itinerario formativo, que virará ao redor de temas como as técnicas de protección para infraestruturas, o emprego de contra-medidas, a aplicación de contornas seguras de programación ou o hacking ético, está dirixido aos lucenses de 18 anos ou máis e comezará o 28 de maio no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá (de 9:00 a 15:00 horas). Quen desexe inscribirse ou recadar máis datos sobre a actividade, pode facelo a través da web da Fundación Telefónica

A Fundación Telefónica e o Concello de Lugo queren que este itinerario formativo “sirva de ponte entre os cidadáns lucenses a partir de 18 anos de idade, que terminasen os estudos da ESO, e as empresas autonómicas”. Neste sentido, o director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial de Fundación Telefónica, Joan Cruz, destacou que “era preciso desenvolver uns itinerarios formativos que fosen o nexo de unión entre a demanda real das empresas e o sistema educativo. En Fundación Telefónica ofrecemos ese apoio, para que os mozos lucenses poidan gozar da oportunidade de incorporarse verdadeiramente á sociedade”. Cruz tamén engadiu, facendo reconto, que dende a súa creación en 2016, un total de 1.031 participantes continúan formándose en Emprego Dixital da Fundación Telefónica, “dos cales 532 xa atoparon emprego. Trátase dun programa de formación en competencias dixitais “que supón unha gran oportunidade polas alianzas establecidas con empresas e organizacións que precisan incorporar ao seu persoal persoal formado en tecnoloxía e desenvolvemento web”.

15/05/201807:50
Momento do curso.
Ourense

O Campus de Ourense introduce nos drons á comunidade de estudantes

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense acollerá entre o 21 e o 25 de maio unha nova edición (a segunda) do seu curso Introdución aos sistemas aéreos non tripulados. Con carácter presencial, con 25 horas de duración e un máximo de 20 participantes, o obradoiro será impartido de novo en horario de mañá nas instalacións da Escola por Higinio González Jorge, profesor contratado doutor da Área de Xeodesia e Teledetección da Universidade de Vigo e piloto certificado de drons dende o ano 2014. 

Segundo explican desde a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o docente conta con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como operación con diversos sistemas aéreos non tripulados, tanto de ala fixa como rotatoria, así como no relativo a subsistemas de navegación e sensores de imaxe embarcados, tanto activos como pasivos. Pertence, engaden, ao comité Aenor-CTN28 de certificación de UAS. Os contidos do obradoiro artéllanse en dúas partes. Unha primeira terá un carácter principalmente teórico e constará de módulos de introdución e conceptos xerais; de enerxía, propulsión e control; de subsistemas de sistemas áreos non tripulados e de aplicacións dos mesmos. A segunda parte terá unha faciana máis práctica e nela levaranse a cabo módulos de especificacións técnicas de sistemas aéreos non tripulados e planificación de voo fotogramétrico e procesamento de datos. Ademais, as e os participantes achegaranse nesta parte aplicada ao uso de Arduino para drones e realizarán, por último, unha visita de estudos ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas. 

A actividade formativa, na súa primeira edición, foi copada case exclusivamente por estudantes (unha vintena) da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense. Porén, o obxectivo da organización é abrir a actividade a alumnado de diferentes graos de diferentes enxeñarías, desde a Forestal ou Enerxía ata Telecomunicación ou Informática. A actividade adiántase no calendario para que a súa celebración sexa coetánea á celebración do II Congreso Internacional de Dronesque organiza en Ourense do 24 ao 26 de maio o Colexio Oficial de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación. “A escola tamén participa nalgunha mesa deste congreso e quixemos que o alumnado do curso que vamos a impartir tamén puidera achegarse ao congreso se é do seu interese”, comenta o director da escola do Campus de Ourense, Arno Fornella.

15/05/201807:44
Cartel do curso.
Santiago de Compostela

O Clúster TIC Galicia adéstranos en ciberseguridade e Industria 4.0

Quen queira ampliar os seus coñecementos sobre a revolución industrial que estamos a piques de experimentar no seu apoxeo, a da Industria 4.0, dicirlle que o Clúster TIC Galicia vaille brindar a oportunidade de facelo. E de que maneira? Pois basicamente a través de dous cursos de capacitación en ciberseguridade e xestión empresarial e organización 4.0, destinados a traballadores de pequenas e medianas empresas galegas (PEME). Estes obradoiros, que teñen o apoio do IGAPE en materia de co-financiamento, desenvolveranse dende finais de maio (día 24) e abranguerán todo o mes de xuño. O primeiro é de ciberseguridade e o segundo sobre xestión empresarial no ámbito 4.0. 

Respecto do primeiro, porá o foco nas metodoloxías máis avanzadas para protexer a información e a comunicación en liña, en palabras do Clúster TIC “unha temática prioritaria en calquera tipoloxía de empresa actual xa que os datos constitúen un dos principais activos das mesmas”. Segundo informa a plataforma empresarial galega, a través deste curso o alumnado poderá coñecer as ameazas e os posibles ataques que poden dirixirse cara os sistemas telemáticos dunha entidade, saberán xestionar a seguridade dos datos na rede ou coñecer os perigos que se agochan no uso de dispositivos móbiles ou en mobilidade”. O curso inclúe nove módulos teóricos e dous prácticos, e desenvólvese en Santiago os martes e os xoves en horario de tarde. O seguinte obradoiro é Capacitación en Xestión Empresarial e Organización 4.0. Como se indica no seu nome, diríxese a incorporar aos asistentes ás novas metodoloxías automatizadas, intelixentes e sustentables de producir, unhas metodoloxías que permiten ás empresas dispor dun grande volume de datos para a toma de decisións e dar forma a novos modelos de negocio. Mediante este curso, “os alumnos poderán ter os coñecementos chave para a xestión de proxectos empresariais dende a perspectiva da nova Industria 4.0”. Este obradoiro celébrase na Coruña, os xoves en xornada completa. Inclúe 3 bloques temáticos con 8 sesións de traballo, 6 teóricas (48h) e 4 prácticas (16h).

14/05/201810:45
Unha persoas suxeita un teléfono móbil encima dunha mesa na que hai un café.
Santiago de Compostela

Duplex, a última tecnoloxía de google que fala por teléfono de forma autónoma

Google aproveitou a súa conferencia anual para presentar un dos seus grandes desenvolvementos no que leva anos traballando: Google Duplex, un sistema que leva un paso máis aló os asistentes xa que realiza automaticamente chamadas reais para cubrir as necesidades do usuario.

Basicamente, o sistema entende as peticións do usuario e realiza automaticamente as xestións. Por exemplo, na presentación o conselleiro delegado da compañía, Sundar Pichai, mostrou chamadas reais realizadas por este sistema pedindo cita nunha barbería ou reservando mesa nun restaurante.

O usuario só ten que pedir por voz ou texto ao teléfono que lle pida cita na barbería o mércores ás 12, e Google Duplex encargarase automaticamente de realizar a chamada e manter a conversación coa barbería para levar a cabo a reserva.

Seguramente o máis impactante do sistema é que a conversación que mantén o sistema non é cun sintetizador de voz convencional, senón que soa totalmente natural de maneira que, nos exemplos mostrados por Pichai, o interlocutor humano non soubo que estaba a falar cunha máquina.

En resumo, Google Duplex mantén conversacións reais por teléfono utilizando intelixencia artificial, aforrando tempo ao usuario.

Na presentación o responsable da compañía centrou o público obxectivo da súa nova tecnoloxía en empresas e usuarios que queren aforrar tempo. Con todo, un dos maiores impactos será en persoas con discapacidade que non poden ou teñen dificultades para manter unha conversación.

Sen dúbida eles serán os maiores beneficiados por este sistema xa que, grazas á súa tecnoloxía, poderán comunicarse e realizar accións que doutra maneira terían que pedir a outra persoa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS