
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O consistorio de Lalín vai acoller a comezos de xullo un obradoiro feito á medida das novas creadoras e creadores de contidos que queiran tirar o máximo proveito dun aparello que case nunca está lonxe de máis para as novas xeracións, e non tan novas: o teléfono móbil. Estamos a falar dun obradoiro de videocreación Encádrate, que se celebra os días 3 e 4 de xullo (en horario de 10.00 a 14.00 horas) e que foi presentado esta semana polo concelleiro de Benestar Social de Lalín, Nicolás González Casares. O curso está destinado a mozos e mozas de 14 a 30 anos de idade.
Segundo fixo saber o concelleiro, a iniciativa lévase a cabo enmarcado dentro do proxecto Aquelar, servizo de prevención de adiccións dos concellos de Lalín e Silleda. Na actividade as persoas participantes adquirirán diferentes coñecementos para a realización e edición de vídeos empregando como única ferramenta a cámara do teléfono móbil. O curso é totalmente de balde e as persoas interesadas deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico á dirección tania.tumbeiro@lalin.gal.
O concelleiro lembrou que o programa Aquelar está destinado a familias, poboación escolar, poboación xuvenil e, de xeito integral, á poboación en xeral de ámbolos dous municipios pontevedreses. Ten entre os seus obxectivos os de loitar contra as adiccións promovendo hábitos saudables e facilitando recursos de información e orientación, así como promover unha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco, ademais de desenvolver habilidades e competencias persoais na mocidade de cara a adoptar unha actitude crítica e responsable sobre as adicións, entre as que se inclúen os hábitos negativos relacionados coas novas tecnoloxías da información. O curso Encádrate, de feito, diríxese a poñer o foco en todo o que de positivo (enriquecedor, creativo, participativo) teñen as novas ferramentas dixitais.
Xa non é que a aprendizaxe das máquinas (Machine Learning) chegase para quedar, é que cada ao imos escoitar falar máis de sistemas e robots con capacidade de aprender e de tomar as mellores decisións, a medida que progresen e se espallen cousas como a tecnoloxía 5G, os datos a gran escala e as ferramentas de análise destes datos, os algoritmos avanzados ou a Internet das Cousas. Co fin de afondar no potencial de uso das máquinas “pensantes” nunha manchea de sectores empresariais, vaise organizar en Vigo, da man dos centros tecnolóxicos galegos, unha nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018.
O workshop, previsto para o vindeiro 18 de outubro, virá da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordina o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) e o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC).
O gran obxectivo da xornada é impulsar os avances en ML, xa que, segundo sinalan os ditos centros tecnolóxicos, “o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que temos por diante un futuro cheo de novos retos e oportunidades”. Para a organización do workshop, o espallamento do ML xa está a xerar importantes achados en ámbitos como os seguintes: sistemas de procura, análise de textos e redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria ou aplicacións de analítica para a intelixencia do negocio.
Segundo engaden os centros organizadores do evento, nesta edición darase prioridade aos traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning en casos reais, co fin de mostrar á industria o potencial destas tecnoloxías. Tamén se valorarán traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou industrial.
O comité científico da xornada está formado por Ricardo Cao (CITIC - UDC, ITMATI), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC – UVigo), David Mera Pérez (CiTIUS – USC), Andrés Gómez Tato (CESGA) e Fernando Vázquez Núñez (Imatia). Este ano a relatora convidada será Ana Peleteiro Ramallo, directora de Ciencia de Datos en Tendam (previamente, o grupo Cortefiel) coa súa charla titulada Vivindo a era da IA: contos de Machine Learning e datos".
Lugar de celebración
Tralo éxito colleitado en 2016 e 2017, cunha manchea de relatorios e máis de 100 participantes (entre investigadores e empresas en cada edición, AtlantTIC asume a organización da III edición do Machine Learning Workshop Galicia, que será o 18 de outubro de 2018 en Vigo a partir das 09:00 na Sede Afundación, Rúa Policarpo Sanz, 24-26.
Celanova vaise mergullar este mes de xullo nas novas correntes do audiovisual e novos xeitos de presentárnolo nas nosas casas. Estamos a falar da quinta edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CEMAC), que este ano celébrase do 3 ao 6 de xullo. O obradoiro, integrado no programa de extensión universitaria do Campus de Ourense (UVigo), contará entre os seus “adestradores” cos responsables de Tele5 e Mediaset e con parte do equipo da serie Fariña.
Amais, dará acubillo á estrea de Luz de Contra, feita por alumnado da Universidade de Vigo. O curso servirá para tomarlle o pulso á narrativa audiovisual do noso tempo (vieiros, formatos e pantallas). Na presentación, celebrada na sede da Deputación, participaron Esther de Blas, vicerreitora do Campus, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade colaboradora.
Tamén fixeron acto de presenza o administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares, Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC, José Luís Ferro, alcalde de Celanova, e Paulino Pérez, director do Taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, que forma parte do Curso de Medios Audiovisuais, quen foi o encargado de dar os detalles desta edición. Pérez salientou do curso que novamente “mesturará proxeccións con conferencias e debates nos que participarán profesionais do sector audiovisual galego e estatal”. Entre os protagonistas deste ano destacou a Mediaset/Tele 5, coa participación de Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España; Félix Sabroso, director de contidos e ficción deste grupo, e Sergio G. Sánchez, director e guionista da súa produción El Secreto de Marrowbone. Do eido galego apuntou a participación da Voz Audiovisual, coa súa directora Fernanda Tabarés ao fronte; de actrices de Fariña como Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias e do actor Manuel Lourenzo e a proxección de producións galegas como Matria, entre outros aspectos.
Indra e a Fundación Universia lanzaron a III Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada á creación de novas tecnoloxías accesibles, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.
Os proxectos deben estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade ou favorecer o seu acceso ao emprego.
Requisitos para a presentación de proxectos
Entre os criterios requiridos, destaca a excelencia tecnolóxica da solución, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, segundo o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea, ademais do seu nivel de innovación.
Tamén se terá en conta que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.
Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais das persoas con discapacidade e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará a participación nos proxectos de investigadores ou alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións e fundacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de centros de produción de software de Indra en España. Ademais, valorarase que potencien sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos por Indra.
A convocatoria diríxese a entidades pertencentes ao sistema universitario español, que poden presentar as súas propostas desde o 26 de xuño ao 15 de outubro na páxina web de Indra e no portal http://www.tecnologiasaccesibles.com. A preselección das propostas finalistas será realizada por profesionais voluntarios de Indra e unha comisión de adxudicación, formada por recoñecidos expertos, elixirá as tres iniciativas que recibirán financiamento e que se darán a coñecer o 3 de decembro, coincidindo co día internacional das persoas con discapacidade.
A Intelixencia Artificial acumula boa e mala prensa case a partes iguais. A esperanza xerada polas infinitas posibilidades que esta tecnoloxía vaticina para o futuro -e evidencia desde hai xa tempo- é tan grande como o medo que suscita. Con todo, os expertos deste campo non cren que o futuro sexa apocalíptico senón prometedor, e para evidencialo, máis de 50 programadores e programadoras, con nivel inicial e experto, da área do Machine Learning e o Deep Learning de toda España déronse cita en Madrid para traballar xuntos e compartir coñecementos nunha xornada maratoniana cun mesmo obxectivo: cumprir o reto de chegar a desenvolver solucións de predición e análise intelixentes destinadas a apoiar a loita contra o cancro de mama e a diabetes.
Trátase do Hackathon AI for Good (#AI4Good), posto en marcha por Terminus7, empresa de desenvolvemento de Intelixencia Artificial, e que avoga por unha IA que promova o desenvolvemento e resolución de problemáticas sociais actuais. E a saúde é un dos sectores con maior proxección e posibilidades en torno ao desenvolvemento de tecnoloxía predictiva. En casos de cancro de mama, por exemplo, o deep learning utilízase para o recoñecemento de imaxes médicas, a partir das cales poder diagnosticar tumores, analizar as súas características e facer un seguimento a pacientes. Sobre este tipo de tumores, hai estudos que apuntan a unha coincidencia do 93% entre resultados de sistemas intelixentes e outros achados por especialistas. En canto á diabetes, existen aplicacións con IA que, baseándose en datos, predín e avisan ao usuario dun episodio de hipoglucemia unhas tres ou catro horas antes de que se produza.
"Queremos contribuír ao cambio desa imaxe negativa e distorsionada que se ten da IA, desmitificando a idea de que se pode dar ás máquinas unha intelixencia próxima á conciencia que pode acabar sendo superior á nosa", apunta Cristina Aranda, CMO das empresas desenvolvedoras de Software e Intelixencia Artificial Intelygenz e Terminus7. "A Intelixencia Artificial non vai diso nin chegará a substituír o noso complexo sistema cognitivo humano. A IA, de momento, fai ás máquinas predictivas, dámoslles uns patróns de recoñecemento e fanse autómatas. É importante entender o que realmente é a IA para poder dirixir a nosa atención no que verdadeiramente achega á sociedade, ao mundo da empresa e a investigación, que é moito e de gran impacto".
De feito, a consultora Gartner publicou informes que demostran que a IA pode crear máis empregos dos que destrúe, sendo a área da saúde, o sector público e a educación os máis beneficiados. Os datos indican que a aplicación desta tecnoloxía mellora a produtividade de moitas empresas, eliminando postos de baixa cualificación, pero creando moitas novas posicións de alto nivel de formación, de especialidades, de xestión e administración e, mesmo, redefinindo outras variedades de perfís menos cualificados. "Por elo merece a pena o investimento e coñecer esta tecnoloxía polo seu inminente impacto social e económico", asegura Aranda.
Competición, investigación, programación e solidariedade: Hackathon #AI4Good, o 29 e 30 de xuño
O Hackathon #AI4Good, reunirá ao talento, calidade tecnolóxica, competición e ganas de mellorar a vida dos que máis o necesitan. O equipo de Terminus7 exporá dous retos aos participantes asistentes: no primeiro utilizarase un conxunto de datos sobre unha poboación real de persoas cuxa información deberá ser utilizada para predicir que suxeitos teñen diabetes e cales non; e o segundo, dun nivel moito máis avanzado, tratarase un conxunto de datos de imaxes de mamografías, desenvolvendo unha solución que indique en que imaxes se detectan anomalías e en cales non.
Os participantes organizaranse por equipos dun máximo de tres persoas e haberá tres premios en cada categoría por un valor de entre 150 e 600 euros, que outorgará un xurado experto en software e hardware.
Ademais, todo o recadado a través das inscricións será doado integramente ás ONG Diabetes Madrid e Geicam - Investigación en cancro de mama, así como todo o importe das camisetas que adoitan entregarse neste tipo de eventos. En España, uns dous millóns de persoas descoñecen que padecen diabetes e diagnostícanse cada ano 25.000 tumores mamarios. Ante esta realidade, o Hackathon #AI4Good supoñerá unha oportunidade única para unir coñecemento, ideas, talento e tecnoloxía para atopar solucións a problemas da poboación actual.
Máis información sobre o Hackathon #AI4Good
Data e hora
Lugar
Máis información sobre #AI4Good na Web de Terminus7.