
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Esta semana proseguen as actividades formativas no rural da Fundación TIC da Deputación de Lugo, fornecendo á xente de idade de recursos tecnolóxico-dixitais de utilidade para o seu día a día e para os seus labores cotiáns. Este mércores, o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, visitaron aos alumnos do curso gratuíto que imparte a Fundación TIC no local social de Santiago de Cangas en Pantón. O obradoiro de novas tecnoloxías céntrase en achegar claves para o manexo e uso de móbil.
Fernández Queipo dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Segundo engadiu, “as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.
O vicepresidente tamén salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, entre outros concellos da nosa provincia”. Isto, dixo, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Os cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou onte en Santiago na presentación dos proxectos gañadores de Galiciencia 2018, onde destacou que se trata dun programa que contribúe á aposta da Xunta por fomentar o talento científico e innovador do futuro, un obxectivo que tamén se recolle no Plan Galicia Innova 2020. Esta folla de ruta ten entre os seus retos prioritarios espertar vocacións científicas e incentivar ese espírito, especialmente as vocacións STEM, nas ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
O titular de Economía apuntou que o Goberno galego ten entre os seus obxectivos inculcar nos máis novos o espírito da curiosidade, o emprendemento e a creatividade para que Galicia siga prosperando e poida competir con outras rexións. Conde indicou que a Comunidade precisa do talento de rapaces e rapazas, como os que participaron en Galiciencia, que serán os que traballadores e traballadoras do futuro en profesións vinculadas á innovación, á investigación e ás novas tecnoloxías. “Un futuro baseado no coñecemento e na innovación é a garantía dun crecemento económico sostible e unha mellor calidade de vida”, engadiu.
O conselleiro subliñou que Galiciencia é a mellor axuda para espertar vocacións científicas e afirmou que é unha mostra de que en Galicia existe talento. Lembrou, ao respecto, que os vencedores do ano pasado gañaron o primeiro premio de Exporecerca, a maior feira a nivel estatal, e representarán a España no certame europeo Expo Science Europe. Ademais, os gañadores do segundo galardón da pasada edición gañaron o primeiro posto na feira vasca. Conde, así mesmo, resaltou que os 13 anos de celebración deste certame ten permitido facer deste evento a maior feira científica de Galicia con recoñecemento a nivel nacional. Desde a primeira feira xa se expuxeron 700 proxectos e visitárona 25.000 persoas. Para Conde, estes datos significan que se está a lograr o obxectivo de consolidar Tecnópole como espazo para a divulgación da ciencia e da innovación.
Dos máis de 150 investigadores e investigadoras noveis que participaron na 13ª convocatoria deste evento, elixíronse 7 proxectos desenvolvidos por alumnos de Educación Secundaria e Bacharelato. Conde indicou que “os participantes souberon identificar cal é a realidade na que temos que traballar para mellorar o noso medio ambiente, para ter unha sociedade máis sostible e para loitar contra o cambio climático”. Destacou, ademais, a innovación, pero, sobre todo, a creatividade dos traballadores presentados.
Os sete proxectos galardoados
O primeiro posto recaeu no plan Rebinxe, que busca involucrar á comunidade local na recuperación da biodiversidade animal e vexetal de Mondoñedo, Abadín e Lorenzá. Foi desenvolto por dúas alumnas de Bacharelato do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo (Lugo).
O segundo premio foi para o deseño dun novo foguete de combustible sólido cun corpo e motor o máis eficiente posible que levaron a cabo dous alumnos de 4º da ESO do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo (Pontevedra).
O terceiro posto acadouno o proxecto Cero lume, unha estación meteorolóxica electrónica para emitir alertas de incendio elaborado por dúas alumnas de 2º e 3º da ESO das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña).
O galardón ao método científico e proceso de investigación mellor definido obtívoo As oleorresinas da leña empregada nas grellas e fogo perfecto, para determinar cal é o fogo perfecto para potenciar o sabor dun asado. O proxecto realizárono dous alumnos de 3º da ESO do Colexio Plurilingüe San José-Josefinas de Ourense.
O premio á mellor comunicación foi para Unha nova vida para o papel para concienciar á comunidade escolar sobre as vantaxes da reciclaxe de papel. Dous alumnos de 3º da ESO desenvolvérono, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña).
O proxecto máis innovador nesta edición de Galiciencia foi para o deseño dun contedor de lixo para invidentes que realizaron dous alumnos de 1º da ESO das Aulas Tecnópole de Ourense.
Por último, a mellor iniciativa relacionada co cambio climático, a temática central desta edición do certame, recaeu nunha alumna de 2º da ESO e un alumno de 1º da ESO do Colexio Plurilingüe Alborada de Vigo. Realizaron unha caracterización dos plásticos da praia de Vilariño, na ría de Aldán.
A Comisión Europea abriu a convocatoria internacional para optar ao premio Blockchain Horizon, un galardón que incentiva o desenvolvemento de proxectos sociais baseados na tecnoloxía blockchain.
A chamada a participar é para as startups, emprendedores independentes, desenvolvedores, investigadores ou calquera persoa que mostre interese no potencial da plataforma. En total serán entregados 5 galardóns de 1 millón de euros cada un ás solucións máis innovadoras que teñan impacto social, segundo informou a Comisión a través do portal ec.europa.eu.
"O desafío é desenvolver solucións descentralizadas escalables, eficientes e de alto impacto para os desafíos da innovación social. Para tal fin búscase aproveitar a tecnoloxía de contabilidade distribuída (DLT)", puntualizou a institución.
A xuízo da Comisión Europea, o potencial para xerar un cambio social a través da descentralización dos procesos (relacionados cos desafíos da sustentabilidade local ou global), aínda non foi aproveitado.
As solucións descentralizadas na área social contan con innovacións en diferentes campos. A organización cita exemplos como os proxectos que se executan para ter un comercio máis xusto, unha mellor monetización do traballo, maior visibilidade do gasto público e unha maior transparencia dos procesos administrativos.
Traballos a propoñer
Os proxectos para presentar deben ser solucións descentralizadas pioneiras que sirvan para enfrontar os retos da sustentabilidade local e global. De acordo á institución, as propostas deben demostrar viabilidade, intercambio de información, recursos que respecten a privacidade, altos niveis de transparencia e unha distribución máis equitativa.
O concurso está aberto a todas as persoas xurídicas (isto é, persoas legais ou naturais, incluíndo organizacións internacionais) ou grupos de persoas xurídicas, así como emprendedores e startups.
Un dos requisitos máis importantes é que, aínda que os participantes son libres de explotar comercialmente as aplicacións ou os servizos baseados nas solucións desenvolvidas, é preciso que o seu código fonte sexa publicado baixo unha licenza de código aberto.
O calendario para o desenvolvemento do premio quedou establecido da seguinte maneira: 16 de maio de 2018 realizouse a convocatoria, 2 de abril de 2019 é a data tope para o rexistro dos participantes e o 3 de setembro de 2019 é o último día para presentar as solicitudes.
A misión final do premio é estimular a aplicación das tecnoloxías en campos que vaian máis aló do mundo financeiro, o que se traduce en ter enfoques multidisciplinarios que buscan un impacto positivo na sociedade moderna.
A Comisión Europea ten a súa sede principal en Bruxelas, Bélxica, no edificio Berlaymont.
A Xunta de Galicia porá en marcha un Plan 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais, para posicionar á Comunidade como territorio preferente na fase de pilotaxe de solucións tecnolóxicas baseadas na tecnoloxía 5G, que será o paso previo ao despregamento destas redes. Así o avanzou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na inauguración do Foro “Retos e Oportunidades do 5G” na que tamén interveu o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez.
Para avanzar no obxectivo do Plan a Xunta, en colaboración cos axentes do ecosistema galego, identificará áreas estratéxicas de aplicación da tecnoloxía 5G en Galicia para desenvolver probas de concepto que dean resposta a novos retos sociais e económicos.
Fortalezas do ecosistema 5G de Galicia
Galicia conta con diferentes capacidades para posicionarse no desenvolvemento de casos de uso que faciliten o despregamento destas redes nunha fase posterior. Unha destas fortalezas é o hipersector TIC galego, formado por preto de 3.400 empresas e máis de 21.000 profesionais cun valor engadido bruto duns 1.200 millóns de euros, un 2,1% do PIB galego.
Ademais, na Comunidade existen centros de referencia no eido tecnolóxico como as universidades e centros tecnolóxicos galegos de primeira orde en ámbitos coma as telecomunicacións, supercomputación ou a automoción internacional.
Tamén existen proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G. É o caso do corredoiro entre Vigo e Oporto para realizar ensaios transfonterizos en torno ao vehículo conectado ou o existencia dun Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Civil UAVs Initiative no polo das Rozas.
Na cobertura 4G, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis cobertura de redes 4G, só por detrás de Madrid e País Vasco, o que pode facilitar a penetración futura de servizos 5G.
A existencia dun operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos de rede, é outro dos factores a favor da Comunidade.
Retos do 5G
Aínda que está previsto que as tecnoloxías 5G adquiran madurez tecnolóxica e comercial no período 2018-2020, o despregamento masivo deste tipo de redes estímase que terá lugar a partir do ano 2020 e antes requirirá resolver diferentes retos.
Entre eles, está atraer inversión para un despregamentos de rede cun elevado custe, xa que as redes precisan dunha ampla capilaridade; definir un modelo de negocio ou a necesidade de lograr un estándar único global
Primeiro foro galego de 5G
Baixo o título “Oportunidades e retos das redes 5G”, a Amtega e a AETG organizaron o primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.
O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G.
As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír á transformación dixital da Comunidade.
No marco do congreso internacional Sónar D, Amplifon lanzou un desafío á comunidade creativa, tecnolóxica e empresarial para mostrar e crear conciencia sobre a perda de audición. Así, dentro da plataforma Sónar Innovation Challenge (SIC), reuniuse un equipo de enxeñeiros e deseñadores de varias partes do mundo que desenvolveu un prototipo de luva con sensores que permite ás persoas que foron diagnosticadas con perda auditiva percibir os sons a través do tacto.
A creación desta luva ten como obxectivo espertar os demais sentidos das persoas con problemas auditivos a través de diferentes sensacións. Desta forma, mediante a implementación da tecnoloxía háptica -que estimula o sentido do tacto e permite sentir obxectos virtuais-, o prototipo provoca diferentes vibracións utilizando seis sensores. Estes sensores están conectados cun instrumento musical a través de bluetooth para poder achegar ao usuario unha experiencia sen cables. O equipo elixiu unha luva sobre outros posibles elementos xa que as mans, xunto cos beizos, son a parte do corpo na que máis puntos de sensibilidade temos.
E é que, Amplifon está comprometido coa innovación para establecer achados clave e solucións versátiles para a prevención e o tratamento futuros desta condición. Así, quixo participar nesta iniciativa do Sónar D, permitindo que un equipo de expertos creativos e científicos experimentasen e creasen un prototipo disruptivo que se puidese consolidar como un gran avance tecnolóxico para dispositivos posteriores e demostrando que hai outras alternativas, ademais do sentido do oído, para poder percibir os sons.
Os integrantes seleccionados para o equipo de Amplifon traballaron vía online no proxecto durante cinco semanas e coñecéronse, por primeira vez, o pasado 13 de xuño, no Sónar D. En tan só catro días, Jose Carlos Flórez e Adolfo González, codificadores creativos; Daniel Rosero, enxeñeiro; Dimitrios Kreatsoulas, deseñador e científico de datos; e Giancarlo Orsi, deseñador, finalizaron este prototipo dentro dunha contorna de colaboración único como é o SIC.
Para Giancarlo Orsi "foi unha experiencia moi positiva onde puidemos armar un grupo de traballo con diferentes especialidades para desenvolver un prototipo que ten moito potencial e diferentes aplicacións tanto para persoas que teñen problemas auditivos como para quen non teñen algún tipo de inhabilidade, pero que poderían utilizar a comunicación háptica e as diferentes comunicacións que permite a luva (Midi, audio, datos) noutro tipo de contexto (realidade virtual, aplicacións educativas ou artísticas, por exemplo)".
Como explica outro dos participantes, Dimitrios Kreatsoulas, "a perda auditiva é un problema de saúde que non pode ser revertida. O que creamos no SIC é unha alternativa aos audífonos. O prototipo permite ao usuario sentir a música e o son a través de vibracións, un sentido moi poderoso, especialmente para as persoas que non escoitan ben. Os wearables son o futuro. Utilizando LEDs, motores de vibración ou mesmo realidade aumentada podemos transformar os sons en contido visual e cinético e así ter un sentido extra para escoitar".
O SIC é unha das propostas centrais do Sónar D, unha plataforma virtual e presencial colaborativa entre empresas e creativos, na que Amplifon participou este ano, dentro do seu patrocinio do festival, para apoiar e impulsar o futuro da industria creativa, neste caso en materia auditiva.