
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) informou a semana pasada dunha serie de incorporacións que nos tocan de cheo, tanto a quen fan este medio dixital como a quen o segue acotío. De feito, boa parte das novas inclusións no dicionario en liña son termos directamente relacionados coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e teñen en común, tamén, que son palabras en proxección e cada vez máis empregadas (algunhas, por desgraza, cada vez máis usadas). Palabras como ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia inclúense no novo paquete de entradas. Porén, tamén se introduciron outras como conectividade ou xestor.
Estes termos e as correspondentes definicións foron sancionados polo Seminario de Lexicografía da institución, que entre xaneiro e a primeira quincena de xuño revisou ademais, por orde alfabética, preto de 2.200 voces desta ferramenta de referencia da lingua galega. Neste mesmo período, as novas entradas, as novas acepcións en termos xa recollidos no Dicionario e os cambios nas definicións foron preto de 350.
Outros termos incorporados, amais da familia “ciber” son blogosfera, conectividade, ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelincuente e ciberdelito. Estas inclusións, segundo informa a RAG, responden ao obxectivo de ·ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. De igual xeito, o termo “nube” engade a acepción referida ao espazo de almacenamento virtual e recóllese xestor (a de comunidades como voz propia para o anglicismo community manager).
Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90, para designar o medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas.
A medida que medra a presenza da información dixital nas familias, as nais e os pais queren saber dos métodos máis axeitados a seguir para que esa información e eses hábitos TIC sexan positivos, enriquecedores, non-violentos e, tamén, de utilidade. Para atender esta demanda, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza decote actividades de divulgación para proxenitoras/es e divulgadoras/es. Unha destas actividades está prevista para este 30 de xuño e promete ser unha cita moi axeitada para despexarmos dúbidas sobre que camiños seguir no día a día tecnolóxico dos nosos fogares.
A xornada-conferencia será impartida polo reputado psicólogo navarro Javier Urra e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Educar con criterio e ALGO MÁIS. A cita será ás 12:00 horas no Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. A conferencia, aberta ao público en xeral, está enmarcada nas actividades da cuarta edición da Olimpíada de Robótica de Galicia, da que o CPEIG tamén é entidade organizadora xunto á FEGAMP e Arkitas.
Segundo informa o CPEIG, Urra é psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza, está especializado en psicoloxía clínica e psicoterapia (acreditado por la Federación Europea de Asociacións de Psicólogos) e é pedagogo terapeuta.
Na charla, explicará aos pais e nais asistentes á charla o esencial para educar aos seus fillos con criterio. Falará de prevención e intervención, da necesidade do contacto pel con pel e do contacto na Rede.
Segundo ten sinalado previamente Urra, actualmente existen diversos tipos de pais e nais, que se caracterizan por “seren inmaduros, sobreprotectores que queren mercar o cariños dos seus fillo ou que acceden á chantaxe dos rapaces, pais que non queren ser auctoritas, ou pais e nais que non saben educar e non teñen criterios”. Neste último grupo centrarase o relator na súa exposición.
No que atinxe ao papel de Internet, Urra indica que “se debe ensinar aos nenos e nenas a ter respecto polos demais e pedir perdón”. E engade: “A Rede é un instrumento máis, e o rapaz que causa ciberacoso a través das redes sociais tamén o fai no colexio”, considera.
O Concello de Narón vén de recoñecer a capacitación e o alto nivel de preparación das/os 134 participantes nos cursos organizados polo Goberno local, boa parte dos cales foron cursos vencellados ás TIC. Máis polo miúdo, a alcaldesa Maríán Ferreiro e máis a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, entregaron no auditorio municipal os diplomas correspondentes a un total de vinte accións formativas, nas que resultaron aptas as devanditas 134 alumnas e alumnos. En total, foron 27.000 euros os investidos nestas actividades, que abrangueron case 1.074 horas de adestramento e capacitación.
Ferreiro e Hermida felicitaron a tódalas persoas que remataron con éxito estas accións formativas, animándoas a continuar na súa preparación e convidándoas a solicitar ao Concello toda a información que estimen oportuna sobre as vindeiras convocatorias nas áreas de Formación e Novas Tecnoloxías. Polo que se refire aos cursos tecnolóxicos, impartidos na Aula CeMIT da Xuvia, xeraron un total de 72 diplomas. Desenvolvéronse entre os meses de febreiro e xuño deste ano e implicaron un total de 556 horas formativas. Estas foron as actividades desenvolvidas: Iniciación a Internet e correo, Iniciación ao tratamento de textos, Iniciación follas de cálculo, Iniciación bases de datos, Iniciación presentación de gráficas, Internet e almacenamento na nube, Tratamento de textos avanzados, Follas de cálculo avanzado, Bases de datos avanzado, Presentación de gráficas avanzadas, Comunicación Social Media, Trámites e compras en liña, Edición de imaxes con GIMP e Busca de emprego en internet foron os cursos impartidos nesta área.
Hermida subliñou que desde as áreas que preside estase a traballar para conseguir a homologación de máis accións formativas desde o Concello, entre elas a de Competencias Clave Nivel 2, e valorou, xunto coa alcaldesa, o traballo realizado polo persoal da Administración local para poder desenvolver cada ano unha ampla oferta formativa.Finalmente, a alcaldesa manifestou o seu desexo de que o alumnado poida mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral a través destes cursos. “O Concello non ten competencias na área de emprego pero si en formación, unha área á que cada ano tratamos de dotar de máis recursos económicos para poder ofrecer a maior variedade posible de cursos”, asegurou.
A Cidade da Cultura acolle mañá o Foro “Retos e Oportunidades do 5G”, o primeiro encontro galego sobre estas redes para analizar desde todos os puntos de vista o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente
A xornada contará cun stand no que se mostrará in situ un vehículo prototipo de CTAG, conectado e autónomo. Os asistentes que se acheguen ata o stand poderán ver diferentes proxeccións nas que se amosan as funcionalidades incorporadas no vehículo. Estes prototipos permiten avaliar e experimentar en fases temperás as futuras tecnoloxías que se incorporarán nas próximas xeracións de vehículos.
O encontro abordará as inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados, operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G. Os interesados en asistir pódense inscribir a través do correo cdtic@xunta.gal.
Tecnoloxía 5G e marco estratéxico
Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
A continuación terá lugar unha mesa redonda na que Antonio Fernandez, responsable do Programa Innovación 5G produto en PSA; Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade; e Ana Ulloa, Xefa de Explotación en Autoridade Portuaria de Vigo abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.
Operadores e fabricantes
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, head of Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.
A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. Head of Strategy, Gov’t & Industry Relations, Marketing & Communications de Ericsson: Álvaro Sánchez. Head of Telefónica Account at Nokia; José Capote, Integrated Solution Sales Manager en Huawei Technologies; e José Nicolás Domínguez-Staedke, Strategy & Business Development at Colmena.
Entidades con iniciativas baseadas en 5G
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que xa están traballando nelas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, Innovation Manager at Quobis; Luis Pérez Freire, director General de Gradiant e Héctor Estévez, Director General de Centum Research & Technology
As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.
Constrúen Workplace para ofrecer ao mundo un lugar para traballar xuntos. Iso inclúe negocios de todas as formas, tamaños e industrias. Pero non só as empresas funcionan mellor, de forma máis rápida e eficiente con Workplace .
Durante os últimos 18 meses, viron miles de organizacións sen ánimo de lucro e institucións educativas transformar a forma na que traballan na nosa plataforma. Agora estan igualando o seu compromiso de facer o ben, connosco.
A través de Workplace for Good ofrecen Workplace Premium de forma gratuíta a organizacións sen ánimo de lucro e persoal de institucións educativas a nivel global, para que poidan construír comunidades significativas e crear cambios en todo o mundo. Tamén estan investindo nun equipo específico para aumentar os nosos esforzos neste espazo, así como nun novo centro de recursos online que reúne información de produtos, historias de éxito e vídeos para axudar ás organizacións para dar o primeiro paso.
"Workplace permitiunos compartir coñecementos e abrir debates profesionais que nos permiten, como organización, prestar unha mellor axuda ás persoas ás que serven". Tuva Raanes Bogsnes, Director de Medios de Comunicación e Asuntos Públicos, Consello Noruegués para os Refuxiados.
Estan orgullosos de doar estas ferramentas de traballo de forma gratuíta a organizacións como World Wildlife Fund, Cómic Relief, Unicef, Save the Children, RNIB, NRC, It Gets Better, Australian Catholic University e the Miami Dade School District. Todas elas están a utilizar Workplace para conectar á súa xente, comunicarse e tomar medidas dunha maneira máis eficaz que antes.
Seis formas nas que Workplace apoia o traballo por unha boa causa
A capacidade de traballar xuntos de maneira rápida e efectiva non é só unha boa opción para estas organizacións. Para algúns deles, pode significar a diferenza entre a vida e a morte. Con Workplace, atoparon ferramentas móbiles, de vídeo, comunicación e colaboración que lles dan vantaxe.
"Workplace supuxo unha grande diferenza na forma en que o noso persoal se comunica entre si. En última instancia, isto axúdanos a traballar de maneira máis eficaz e marca aínda máis a diferenza para os nenos en perigo que necesitan desesperadamente a axuda de Unicef". Ric Sheldon, Director Xeneral Interino de Información, Unicef Reino Unido.
Workplace proporciona unha solución esencial para organizacións sen ánimo de lucro e institucións educativas, dúas industrias que sempre confiaron na creatividade e a innovación ao dispoñer de recursos limitados. Xa sexa informando desde o terreo en tempo real con vídeo en directo, mobilizando unha rede de voluntarios en puntos conflitivos de todo o mundo a través de Grupos, ou simplemente acelerando a velocidade da información a través dun distrito escolar con News Feed, Workplace empoderou ás organizacións como nunca antes - e elas, á súa vez, levaron o produto aos seus límites.
O resultado é un impacto que cambia o xogo a custo cero.
"Foi estupendo poder incorporar Workplace ás nosas ferramentas de comunicación e colaboración do distrito. A través de Workplace, todos os nosos empregados contribúen ao ben de toda a organización ao compartir ideas, mellores prácticas, recursos e logros." Marie Izquierdo, Directora Académica das Escolas Públicas do Condado Miami- Dade.
Xunto a Workplace for Good, tamén crearon un Grupo especial Multi-Compañías. Workplace for Nonprofit/EDUs é un espazo dirixido a persoas de institucións sen ánimo de lucro ou educativas, para crear a súa propia comunidade, facer preguntas, compartir consellos e intercambiar mellores prácticas. Está aberto a calquera persoa con conta en Workplace.
Finalmente, renovan o seu compromiso con #ImpactCloud, unha coalición de compañías de tecnoloxía que inclúe Workplace, Salesforce, Box, Okta e Microsoft, traballando xuntas para axudar a acelerar a transformación dixital e o seu impacto nas organizacións humanitarias e de axuda en momentos de crises.
Teñen un dito en Facebook e é que só percorreron un 1% da viaxe. Workplace for Good continuará crecendo e evolucionando. Hoxe estan dando o primeiro paso e estan encantados de convidar a moitas máis organizacións a unirse neste camiño de apoio a traballar por unha boa causa e a construír comunidades significativas.
Podemos coñecer máis acerca de Workplace for Good na súa Web.