
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un taller xuvenil de “Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D” conxuntamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que se celebrará mañá xoves e o venres 6 de xullo, entre as 10:00 e as 13:00 horas, no Palexco da Coruña dentro das actividades da XVII edición do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media –Mundos Digitales–, o evento de referencia para a industria da animación e efectos visuais en España dirixido e impulsado por Manuel Meijide.
Este taller, impartido polos creadores de Tadeo Jones, é unha actividade enmarcada no programa TechKids do CPEIG coa Amtega. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.
O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapaces e rapazas de 14 a 18 anos que soñan con ser deseñadores de personaxes. Participarán gratuitamente no obradoiro dez rapaces, elixidos entre todos os participantes no concurso de debuxos onde tiñan que recrear un monstro e un neno ou nena, deseñados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témpera, collage, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).
A Deputación de Lugo vén de achegar 620.000 euros ás empresas e entidades da provincia que participan no programa Ben Empregado IV, a iniciativa de inserción laboral da entidade lucense. Así o deu a coñecer a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que avanzou que se trata das 92 empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro que xa solicitaron o anticipo desta programación. López Izquierdo tamén lembrou que a cuarta edición de Ben Empregado ten un orzamento total de 2,1 millóns de euros e o obxectivo de xerar 154 postos de traballo na provincia, unha parte dos cales son empregos TIC. Por exemplo técnicos superiores en administración de sistemas informáticos, deseñadores gráficos ou técnicos informáticos.
López Izquierdo apuntou que as empresas e entidades beneficiarias, grazas ás achegas da Deputación, non terán que empregar fondos propios para asumiren os custes inherentes á contratación. Tamén sinalou que polo momento son 92 entidades das 154 beneficiarias de Ben Empregado IV as que reciben estes fondos, “ao teren formalizada a solicitude deste anticipo”. Durante as vindeiras semanas inxectaranse o resto de fondos das empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro que están a formalizar a solicitude de orzamento.
Como lembraremos, a edición 2018 do programa inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante 1 ano, de novos traballadores cos que, “ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, PEMES e asociacións lucenses”, engadiu López Izquierdo.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, interveu esta mañá na presentación do Congreso Internacional Mundos Dixitais, onde sinalou que o sector dos contidos dixitais está chamado a ter un papel clave na implantación de produtos e servizos innovadores en sectores vencellados á economía dixital en todo o mundo.
A responsable do departamento tecnolóxico da Xunta destacou a convicción da Administración autonómica de que Galicia ten que posicionarse neste ámbito para competir na nova economía dixital.
Por iso, desde a Amtega en colaboración co Clúster TIC e o Clúster Audiovisual de Galicia, e cos principais axentes do panorama dos contidos dixitais, elaborouse o Plan DICO Mindset, para fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia.
Proxectos Tractores
A Xunta ten en marcha diferentes proxectos tractores neste ámbito e que poden ser de interese de cara a novas liñas de negocio para empresas tecnolóxicas e audiovisuais.
Por unha banda, están as iniciativas para a dixitalización do patrimonio cultural galego enmarcadas na Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso do patrimonio material e inmaterial da Comunidade a través da Rede.
No ámbito da educación e dentro do Proxecto Abalar, a Xunta ten en marcha a entrada en funcionamento dun novo espazo de contidos educativos baseados en tecnoloxías innovadoras, DIxit. Ademais, estase a impulsar a creación de produtos ou servizos innovadores con base nos contidos dixitais en áreas como o turismo.
Outra das liñas de actuación do Plan é da colaboración coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.
Colaboración Mundos Dixitais
O Plan busca tamén mellorar as capacidades dos profesionais do sector. O impulso das vocacións científico tecnolóxicas entre os máis novos e a especialización dos profesionais son obxectivos estratéxicos da Axenda Dixital de Galicia.
Por iso una das liñas de colaboración da Amtega, se concreta no obradoiro nesta nova edición de Mundos Dixitais“Kids&teens lab”, unha actividade promovida no marco das actuacións para impulsar o talento dixital entre os máis novos tamén coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática. Rapaces de 14 a 18 anos terán a oportunidade de aprender a crear personaxes de animación en 3D.
Ademais, o coñecemento de novas tendencias é chave para abrir novas liñas de negocio, por iso desde a Axencia quixemos apoiar tamén o espazo “Out of the box” desta edición.
O Congreso Internacional Mundos Dixitais reunirá na Coruña, do 5 ao 7 de xullo, a profesionais de ámbito nacional e internacional do mundo da animación, a realidade virtual, os videoxogos e a arquitectura dixital.
O Concello de Oroso e Infolitic queren fomentar solidariamente as segundas e terceiras vidas para os computadores que, sobre o papel, son tecnoloxía en vieiros de desuso. Por esta razón, activou unha campaña de reciclaxe de computadores que ten o obxectivo de “alongar a vida útil dos ordenadores”, instalarlles programas educativos e doalos a nenos e nenas con dificultades económicas. A campaña Recicla para un neno é un proxecto de responsabilidade social que conta co apoio da Concellería de Benestar Social, Ensino e Atención á Nenez de Oroso que dirixe Beatriz Rodeiro.
A iniciativa desenvólvese en colaboración coa empresa Infolitic, que ten a súa sede no municipio de Oroso, que se encargará de acondicionar os computadores en proceso de reciclaxe e de suprimir de maneira segura toda a información que poidan acubillar. Amais diso tamén levará a cabo a instalación de diferentes programas e ferramentas educativas.
O proxecto, en palabras das entidades responsables, busca “que a xente que xa non use un equipo, no canto de desbotalo, poida cedelo para que un neno poida aprender e educarse con el”.
A iniciativa achega facilidades de información para os doantes. Así, quen achegue un computador poderá saber en todo intre a situación na que se atopa o equipo doado, e notificaráselle por correo electrónico se o aparello recalou nun fogar ou se, pola contra, tivo que ser enviado ao punto limpo para proceder á súa reciclaxe. “Preparamos todos estes equipos informáticos e poñémolos a punto cun sistema GNU/Linux, cun paquete de programas educativos, para poder darllo a un neno o nena de entre 6 e 12 anos que o necesite para mellorar a súa vida e a súa adaptación á sociedade”, explican dende Infolitic.
Por outra parte, impartirase un curso para os cativos onde aprenderán a desenvolverse co seu novo equipo.
Estes premios outorgados por Vodafone recoñecen proxectos e iniciativas que buscan axudar a colectivos vulnerables a través da tecnoloxía, como é o caso das persoas con epilepsia ou aquelas que teñen unha discapacidade auditiva.
Sobre Showleap xa vos falamos hai uns meses. Tivemos a sorte de ver en directo como funcionan estes brazaletes e estamos ansiosos de que cheguen ao mercado.
Basicamente, a persoa signante colócase os brazaletes en ambos os antebrazos e estes detectan o movemento das mans para traducir os signos a texto, de maneira que o poida entender calquera persoa, aínda que non coñeza a lingua de signos española.
Ademais, este sistema recoñece a voz da persoa non signante e tamén a traduce en texto, de maneira que o poida entender o usuario xordo.
Pola súa banda, MJN-Seras, o sistema desenvolvido por MJN Neuroserveis, é capaz de predicir o risco de sufrir unha crise de epilepsia.
O sistema baséase nun wearable en forma de audífono que capta distintos datos de actividade cerebral que transmite a unha aplicación. Con estes datos, a aplicación é capaz de medir o risco de sufrir unha crise de epilepsia.
Para axudar ao usuario, MJN-Seras ofrece a información nun semáforo, no que a luz verde implica un risco baixo de sufrir unha crise, mentres que o vermello alerta dun risco moi alto.
Por último, estes premios recoñeceron a traxectoria apostando pola innovación tecnolóxica para axudar a colectivos vulnerables da Orde Hospitalaria San Juan de Deus.