
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) e a Fundación ONCE lanzaron unha enquisa 'online' sobre o acoso escolar por razón de discapacidade dirixida a alumnos, familiares, profesores, expertos e demais axentes implicados.
Fixérono este venres Jesús Martín, delegado de Dereitos Humanos e para a Convención da ONU sobre Discapacidade do Cermi, e Sabina Lobato, directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios da Fundación ONCE, que participaron nunha mesa redonda organizada por Servimedia e a Fundación ONCE en Madrid na que tamén interviñeron a directora técnica de Autismo España, Ruth Vidriales; representantes do ministerio e da Consellería de Educación madrileña; a vicepresidenta da FAPA Giner dos Ríos e unha moza con discapacidade vítima de acoso escolar.
A iniciativa forma parte do estudo sobre acoso escolar e discapacidade que ambas as entidades desenvolven para coñecer o impacto real do bullying no colectivo, e que difundirán nas súas redes sociais.
Ademais da enquisa, o estudo comprende 10 entrevistas en profundidade a expertos que xa se realizaron e tres grupos de discusión entre profesores, alumnos e pais. Xa tiveron lugar os dous primeiros e queda pendente o debate entre familiares.
Segundo Martín, "tiñamos evidencias" do maior impacto do bullying nos alumnos con discapacidade por experiencias dalgunhas entidades concretas, pero en España fáltannos datos". "Necesitamos unha foto global da discapacidade para dicirlles ás admnistracións públicas cal é a realidade e esixir políticas públicas", afirmou.
Lobato declarou que "sabemos o difícil que resulta para as vítimas abrirse e denunciar" e, por iso, a iniciativa está aberta a todo o mundo: a quen sofre acoso na actualidade, a vítimas pasadas, a profesores, familiares e outros alumnos. Por elo, animou a familias, profesores e estudantes a participar na enquisa.
Segundo Vidriales, algúns estudos noutros países sinalan que máis do 50% do alumnado con autismo padece acoso escolar, "aínda que outras investigacións elévano ao 80%".
"En España fáltannos moitos datos pero o que as familias nos contan é que, con sorte, o mellor que lles pode pasar (aos seus fillos) é que os deixen sós. A partir de aí, risas, burlas, vexacións, insultos e mesmo agresións", indicou.
Concurso escolar
Por outra banda, Lobato subliñou a importancia da educación inclusiva e de que todos os nenos coñezan a discapacidade desde pequenos. Neste sentido, destacou iniciativas como a Biblioteca Infantil da Fundación ONCE, que ofrece 11 contos para escolares protagonizados por personaxes con distintas discapacidades, ou o cconcurso escolar da ONCE, que na edición de 2017 estivo centrado no acoso escolar.
Baixo o lema 'Somos diferentes, non indiferentes. Activistas contra o acoso', o certame contou cunha participación de 167.265 escolares e 3.601 profesores de 2.200 centros educativos de toda España.
O concurso ofreceu ferramentas para detectar, sensibilizar e actuar contra as situacións de acoso que se poidan producir na escola, para que os escolares se convertan "por si mesmos en axentes de cambio contra o bullying".
No concurso, os estudantes de Primaria e Educación Especial realizaron un cartel publicitario de sensibilización contra o acoso, mentres que os alumnos da ESO, FP e Bacharelato gravaron unha peza audiovisual (micro-curta dun minuto) onde mostraban como pasar á acción contra esta problemática.
A Fundación Telefónica creou os Premios Fundación Telefónica ao Voluntariado, cos que pretende sensibilizar e incentivar sobre a acción voluntaria, así como servir de catalizadores das iniciativas do voluntariado en España.
A entidade pon en marcha esta iniciativa coincidindo co seu 20 aniversario. Os galardóns recoñecerán aqueles proxectos que contribuísen ao progreso e benestar social dunha maneira extraordinaria en cinco categorías: comunicación, ámbito educativo, entidade social, voluntariado corporativo e voluntariado inspirador.
En concreto, a sensibilización e difusión dos valores do voluntariado nos medios de comunicación; a promoción e o seu labor no ámbito educativo implicando ao alumnado; o traballo desenvolvido polas propias entidades sociais e corporativas; e aquelas persoas ou propostas con carácter social que sirvan de inspiración á sociedade, serán os eixos sobre os que virará a primeira edición dos Premios Fundación Telefónica de Voluntariado.
A entrega dos premios terá lugar o 4 de decembro de 2018 en Madrid, coincidindo coa véspera do Día Internacional do Voluntariado, e cada iniciativa gañadora estará premiada cunha dotación económica de 5.000 euros.
En canto ao xurado dos premios estará constituído por representantes relevantes da Fundación Telefónica e daquelas institucións referentes no sector social, empresarial e de comunicación vinculadas ao voluntariado en España. Así mesmo, unha comisión técnica de expertos apoiará o labor de análise e preselección das candidaturas.
O prazo de inscrición online xa está aberto ata o 31 de outubro de 2018 na web www.premiosvoluntariado.fundaciontelefonica.com. Así mesmo, poderase seguir toda a actualidade relacionada cos premios nas redes a través do hashtag '#PremiosVoluntariado'.
Forética abre unha nova convocatoria de presentación de iniciativas ao proxecto europeo Enterprise 2020, que lidera en España, co obxectivo de impulsar a promoción e difusión das mellores prácticas en RSE..
Baixo o marco de "Futuro do traballo", Forética buscará visibilizar como as empresas dan resposta á revolución tecnolóxica e a unha sociedade en constante evolución, desde a óptica da sustentabilidade.
Ata o 30 de novembro todas as empresas poden presentar proxectos a través deste cuestionario, desenvolvidos en 2017/2018 e orientados a incorporar a tecnoloxía, considerando nas súas decisións criterios éticos, ou destinados a xerar oportunidades e mellorar as condicións laborais das persoas e o impulso da empregabilidade. Dese modo, as empresas poden presentar proxectos, propios ou en colaboración con outras entidades, que dean resposta ao reto do futuro do traballo nos eixos temáticos de Transformación Tecnolóxica Responsable e Pacto pola Mocidade
As iniciativas que se presenten deben desenvolverse no período 2017-2018 e ter resultados medibles. Durante o período de presentación de candidaturas, Forética revisará a adecuación das mesmas e confirmará ás empresas a súa aceptación e continuación no proceso de selección.
A partir do 30 de novembro, Forética informará os candidatos que iniciativas foron elixidas e serán destacadas nun evento público a principios de 2019 e recoñecidas a nivel Europeo como as mellores solucións empresariais, levadas a cabo por organizacións líderes en España, ao reto do Futuro do traballo.
Esta nova convocatoria do proxecto europeo Enterprise 2020, liderado por Forética en España, conta co apoio de IBM, ManpowerGroup, Reale Seguros e Vodafone, xunto a doce gobernos autonómicos.
Como adiantamos hai un par semanas, a asociación Retro Galaicos está a preparar unha segunda edición de RetroVigo, encontro que terá lugar a vindeira fin de semana na Aula D na Rúa Elduayen, nº 36 de Vigo (con acceso polas escaleiras da Baixada do Forte), e que nesta ocasión busca render tributo á informática clásica e aos videoxogos coa vista posta nun xénero que causou furor nos salóns recreativos: os beat’em up.
Este encontro para os afeccionados ao mundo do retroxa ten o seu programa de actividades, que comezan o sábado 22 ás 10:30 horas cun torneo continuo de Streets of Rage 2. A sesión de mañá pecha cun par de charlas: unha ás 12:00 horas titulada Beat’em Up, yo contra el barrio, con Jacobo e Galo Martínez, que farán un repaso ás orixes e os títulos máis destacado do xénero a reivindicar; e ás 13:00 horas terá lugar a charla Beat Me Down, el puño de las compañías en la cara del jugador, impartida por Andrés de Pedro, presidente de Retro Galaicos.
Pola tarde as actividades retómanse ás 16:00 horas con competicións amigables. Ás 17:30 horas unha charla da profesora Patricia Otero e a psicóloga Lara López (membros do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía, GRISAMP) achegaranos ao proxecto de gamificación aplicada ao envellecemento activo GAMAPEA (iniciativa participada pola Fundación Ramón Domínguez, Imatia Inovation, SIVSA e Gradiant). Os torneos rematarán ás 20:30 horas, cando entregaranse os premios do torneo de Streets of Rage 2, manténdose as portas do recinto abertas até a medianoite.
Na xornada do domingo non hai actividades formais programadas, pero o recinto estará aberto de 10:30 a 14:00 horas, facilitando así que os que o desexen poidan achegarse a ver as exposicións e botar unhas partidas fóra de competición, como é habitual neste tipo de encontros.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou onte pola mañá unha nova campaña para sensibilizar á comunidade infantil na necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), que visitará 350 centros de educación infantil e primaria.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, deu conta onte pola mañá desta iniciativa que está enmarcada dentro da campaña ‘Oqueseenchufarecíclase’ posta en marcha polo seu departamento para concienciar á sociedade galega na necesidade de mellorar as prácticas de reciclaxe e tratamento deste tipo de residuos.
Mato Otero indicou que reducir, reciclar, reutilizar, reparar, repensar... son verbos que deben ser conxugados pola sociedade galega, polo que unha axeitada formación desde as idades temperás axuda a interiorizar a mensaxe e a aplicala dun xeito máis sistemático.
Con esta filosofía, púxose en marcha este proxecto educativo, divulgativo- formativo, de sensibilización e de interacción constante, que percorrerá 350 centros de ensino de educación infantil e primaria de Galicia.
Para acadar que as novas xeracións de galegos teñan coñecemento da importancia da reciclaxe dos residuos e, concretamente, dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, trasladaráselle dunha maneira amena e moi didáctica a través das personaxes dos Bolechas, pautas e coñecementos para o correcto tratamentos dos residuos.
Explicou que se trata de que os nenos se convertan, a través do xogo e de material específico desta campaña adaptado á súa idade, nos maiores defensores do planeta, é dicir, que formen parte da Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas, unha comunidade á que pertencer supón cumprir un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñerse en práctica no fogar e centro de ensino.
O esforzo ten premio
A conselleira de Medio Ambiente precisou que esta iniciativa está aberta á totalidade da comunidade educativa, non só aos centros que recibirán a visita dos Bolechas, polo que a través dunha plataforma web convocarase un concurso de debuxo aberto á totalidade de centros educativos de Galicia.
No concurso poden participar de xeito colectivo ou individual e entregarase un gran premio de 3.000 euros para as actividades educativas do centro gañador, que se seleccionará entre todos os colexios participantes. Asemade, a conselleira engadiu que dentro desta campaña valorarase o esforzo que realicen os participantes, que polo simple feito de presentar un traballo recibirán como agasallo material de actividades dos Bolechas.
A conselleira explicou que esta iniciativa ten uns obxectivos moi claros: contribuír a un mellor tratamento dos RAEE, mediante a creación dunha comunidade de mozas e mozos que se involucran en proxectos ambientais; incrementar a recuperación de aparellos eléctricos e electrónicos; e fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo e como estas inciden na contorna, no planeta e mesmo na propia saúde.
A campaña presentada onte pola mañá completa as acción postas en marcha o pasado ano dentro da iniciativa ‘Oqueseenchufarecíclase’, que se desenvolveu en case 140 concellos galegos e que se manterá con accións dirixidas especificamente ao público consumidor, ao que se informará da posibilidade de depositar aparellos eléctricos e electrónicos estragados nos puntos de venda onde adquiran aparellos novos ata un mes despois da compra ou incluso en puntos de venda -cunha superficie de máis de 400 metros cadrados- para os RAEE “moi pequenos” aínda que non compren un aparello novo.
Mato Otero argumentou que este tipo de actitudes e obxectivos axudarán a acadar un obxectivo global como é proxectar a imaxe de Galicia como comunidade pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a base, formando cidadáns “verdes”. Un camiño no que xa se ten mellorado desde o inicio da execución do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022, pois no ano 2017 -último exercicio do que se teñen datos completos- acadouse a cifra de 12.294,46 toneladas, o que supón un incremento de máis dun 50% do RAEE doméstico recollido desde o inicio de execución do PRUXG, detallou a conselleira.