
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), queren reducir a fenda entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para iso, poñen en marcha o programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro.
Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Desde o 21 de setembro ata o 19 de outubro haberá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.
O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Ademais dos encontros con mulleres referentes, levaranse a cabo outras sesións de sensibilización en institutos, nas que se proxectarán vídeo-testemuñas e tamén se desenvolverán charlas e dinámicas abertas á participación de distintos colectivos con implicación na orientación vocacional das nenas (profesorado, departamentos de orientación, familias, así como nenos e nenas).
Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía
Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal. As escollidas finalmente son importantes figuras da Ciencia e a Tecnoloxía galega e española.
Edita de Lorenzo (21 de setembro en Ourense)
Profesora e doutora en Enxeñería de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, foi a primeira muller en dirixir unha escola de enxeñería en Galicia, entre outros importantes logros, como é a súa investigación sobre a aplicación de técnicas de radar de superficie ao problema da detección de cancro de mama, o impulso do dominio .gal (é a secretaria xeral da Asociación PuntoGal) e a fundación, xunto a outras mulleres, da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte da Asociación IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineering).
Montserrat Guardia (28 de setembro en Pontevedra)
É a directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. Ademais, é unha gran experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos cinco anos, un ámbito no que desenvolve un papel moi activo a través da presidencia da Quantum Blockchain Alliance e a vicepresidencia do consorcio Alastria.
Julia Bernal (19 de outubro na Coruña)
É a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. Debido ao seu cargo en Red Hat no mercado ibérico, é unha das directivas máis importantes de España, xa que compañía norteamericana é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns.
Tamén se celebrará unha xornada de referentes en Lugo, da cal están pendentes por confirmar algúns detalles organizativos dos que se informará proximamente.
Poñendo datos á fenda entre mulleres e homes no ámbito STEM
As mulleres supoñen o 55% das persoas que estudan nas universidades galegas pero, tal e como destaca a Xunta no seu VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, esta distribución non é uniforme segundo as ramas de coñecemento. A presenza de mulleres é moi elevada nas Artes e nas Humanidades, nas Ciencias Xurídicas e Sociais e, en especial, nas Ciencias da Saúde, nas que preto de 3 de cada 4 estudantes son mulleres.
Polo contrario, a proporción de mulleres é significativamente inferior entre o alumnado das enxeñerías e Arquitectura, por debaixo do 30%. De feito, nos últimos 15 anos, a proporción de mulleres estudantes en enxeñerías e Arquitectura pasou do 33,1% ao 28,1% do total, cinco puntos menos. No conxunto do Estado, esa porcentaxe aínda é inferior, do 25,5%.
Datos algo menos recentes corroboran este escenario en Galicia: en 2012 (últimos datos que facilita o Instituto Galego de Estatística), por cada 1.000 persoas entre 20 e 29 anos había 16,7 graduados e graduadas en educación superior en ciencias, matemáticas e tecnoloxía, con un significativo diferencial de sexo: 12,1 mulleres, fronte a 21,1 homes. Esta fenda é máis alarmante se se ten en conta que, no período 2005-2008 a diferenza entre mulleres e homes situábase en torno aos 7 puntos porcentuais, polo que o desapego das mulleres polas carreiras STEM foi en aumento.
A reducida presenza de mulleres nas carreiras STEM preocupa porque inflúe de forma decisiva no desempeño profesional posterior. A ocupación de mulleres en profesións de tecnoloxía media e alta é do 28,4% e tamén son minoría (40,6%) nos postos de traballo dedicados á I+D. Polo tanto, estes datos poñen de manifesto a importancia que ten a eliminación dos estereotipos de sexo imperantes na sociedade e que condicionan a elección de estudos.
As microempresas galegas apostan pola banda larga móbil. O 72,4% das empresas deste segmento contratan este tipo de servizo superando a media estatal. Entre as empresas de 10 e máis empregados, destaca a incorporación ás novas vangardas tecnolóxicas: robótica, big data e cloud computing.
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2017/2018” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
As microempresas galegas decántanse pola banda larga móbil
Un 68,1% das microempresas galegas contan con conexión a Internet contratada, experimentando un aumento dun 9,2% no último ano, superando o ritmo de crecemento estatal (7,6%)
Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 80,9% dispón de banda larga fixa e un 72,4% de banda larga móbil. Cabe salientar que a contratación de banda larga móbil entre as microempresas galegas (72,4%) supera a media estatal (72,2%). A banda larga móbil medrou un 4,3% neste segmento empresarial galego, o que sitúa a Galicia na oitava posición no ranking de Comunidades Autónomas.
En relación ao uso das redes sociais: un 33,72% das microempresas galegas con conexión a Internet empregan as redes sociais, o que permite situar as microempresas galegas no oitavo posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador. A dispoñibilidade de páxina web nas microempresas galegas (30,7%) aumentou un 19,7% e converxe coa media estatal (31,1%)
As micrompresas galegas con conexión a Internet superan en 2,8 puntos a media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, situándose en cuarta posición na comparativa por Comunidades Autónomas: a media galega sitúase nun 74,9%% fronte ao 72,1%% da media estatal.
As empresas galegas de 10 ou máis incrementan a velocidade
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de conexión a Internet (98,8%) e banda larga (100%), en valores semellantes á media estatal.
En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis asalariados (50,5%) conta cunha velocidade entre 2 Mbps e 30 Mbps. Ademais, cabe destacar que o 46,1% das empresas galegas deste segmento ten contratado o acceso a Internet con velocidades de máis de 30 Mbps, un 4,7% máis que o ano anterior.
Un 87,7% das empresas galegas de 10 ou máis empregados empregan software de código aberto, superando lixeiramente á media estatal (87,4%), o que as sitúa no 7º posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador.
Respecto ao manexo de redes sociais, con fins empresariais, destaca a porcentaxe de empresas galegas de máis de 10 empregados que emprega esta ferramenta (97,9%) fronte as empresas nacionais (94,9%).
Robótica, Cloud computing, Big Data
En relación ás tecnoloxías cloud, un 14,5% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing. Tamén cabe salientar que un 12% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utiliza algún tipo de robot, superando lixeiramente a media estatal (11%)
As redes e medios sociais son outro dos fenómenos ligados ás TIC que analiza o OSIMGA a través dos datos do INE. Un 47,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utilizaron algún tipo de medios sociais (Facebook, Linkedin, Google+, etc), experimentando un incremento do 11,1% no último ano
As empresas galegas de 10 ou máis asalariados comezan tamén a realizar análises Big Data e actualmente xa un 9,4% destas empresas analizaron Big Data.
A Fundación TIC vai brindar novamente o seu apoio á Noite Aberta 2018, a edición novena do evento lucense para a promoción e impulso do comercio local, impulsada pola Asociación de Autónomas coa colaboración da Deputación e o Concello. Hoxe precisamente foi presentada nos seus detalles, no pazo de San Marcos, a nova entrega do acontecemento, previsto para 28 de setembro e no que se prevé a participación dun centenar de establecementos. Segundo fixo saber o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos, a Fundación TIC desenvolverá un importante labor de divulgación da festa, tanto a pé de rúa como na Rede e nas redes sociais.
O voceiro do Goberno engadiu que “queremos contribuír á difusión desta cita, para que cada vez máis visitantes e veciños se acheguen a participar da mesma”. Así, a través da TIC gravarase e producirase un vídeo da Noite Aberta, sendo o encargado de facelo o alumnado de Realización do 2º Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS). Segundo explicou, “trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso”. Santos tamén fixo saber que outro equipo da entidade encargarase dunha reportaxe do evento para a súa difusión a través de Internet”.
Na cita de hoxe, amais de Santos Ramos, tamén participaron a concelleira de Economía, Ana Prieto Nieto, a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López Yáñez, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.
En primeiro lugar, encargáronse de explicar en que consiste a Noite Aberta: un acontecemento multitudinario onde a cidadanía poderá gozar de promocións, cátering e música da man dos locais comerciantes participantes. Como novidade este ano á xa consolidada Noite Aberta súmase, para as tendas asociadas, a Semana do Comercio.
Difusión e promoción a través da Fundación TIC
Como dixemos, as alumnas e alumnos de Realización do segundo Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS) gravarán o vindeiro venres 28 de setembro a Noite Aberta, que organiza a Asociación de Autónomas de Lugo.
Os estudantes da EIS, baixo a supervisión de docentes e técnicos da TIC, filmarán e fotografarán o desfile de moda. O equipo realizará a gravación con catro cámaras, e posproducirán un vídeo coas imaxes. Segundo informa a Deputación de Lugo, trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso, dentro dos módulos de realización de Televisión e de Montaxe e Posprodución. Ademais, un equipo da TIC realizará unha reportaxe da festa do comercio lucense para a súa difusión a través de Internet.
A Fundación TIC comprométese coas iniciativas que promoven a actividade comercial e aos autónomos da provincia. A colaboración que mantén coa organización da Noite Aberta súmase á da Feira Outlet e o Mercado na Rúa Street Market, ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo.
A Mobile World Capital Barcelona (MWCapital) aposta por Galicia e pola cidade da Coruña para celebrar o seu primeiro evento fóra de Cataluña. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que o encontro nace pivotando na cidade herculina pero con vocación de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade.
A responsable autonómica, que participou hoxe na presentación da Mobile Week Coruña, destacou que o apoio institucional da Xunta, a Deputación e o Concello da Coruña, xunto co Club Financieiro Atlántico evidencia o desexo común de colaborar para que o evento sexa un éxito e se consolide como una cita con continuidade no tempo.
Mar Pereira subliñou tamén o acerto no enfoque do encontro, que se centra nos retos realmente importantes como impacto da evolución tecnolóxica nas nosas vidas e da necesidade de darlle voz á cidadanía neste debate.
Entre o 21 e 28 de novembro, Mobile Week Coruña ofrecerá unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos ao longo dos 10 distritos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e a Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela. Relatorios, charlas mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, entre outras, darán lugar a abordar os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital.
Actividades e expertos
A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.
Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente crave da dixitalización do territorio, Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.
A Xunta participa a partir de mañá na quinta edición do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra cun stand no que ofrecerá información sobre os programas e as axudas da Administración autonómica para promover a economía social e o emprendemento e para, en xeral, incentivar o emprego.
A iniciativa, que organiza a Universidade de Vigo, e coa que colabora a Xunta, desenvólvese ata o sábado na cidade pontevedresa cun amplo programa de actividades. A Consellería de Economía, Emprego e Industria participará mañá a partir das 10.00 horas na presentación, organizada polo EspazoCoop-Unión de Cooperativas Galegas, das aceleradoras de proxectos que se desenvolverán a través do proxecto Laces de fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. EspazoCoop desenvolverá unha destas aceleradoras e o departamento de Economía, Emprego e Industria outra delas.
O proxecto Laces, que lidera a Xunta, e no que participan as universidades de Santiago e de Tras os Montes e Alto Douro; Tecminho; a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho, a Cámara Municipal de Santo Tirso e as asociacións de economía social de EspazoCoop, Agaca e Aesgal, establece unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social, como marco para constituír empresas e emprego de calidade, e presenta á Eurorrexión como territorio propicio para facelo. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes.
Os retos principais de Laces van en consonancia coas liñas estratéxicas e políticas que está a impulsar a Xunta para o fomento da economía social e coas oportunidades e retos identificados no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.
A Xunta, ademais, a través da Rede Eusumo de impulso ao cooperativismo, organiza en Pont-Up Store, mañá ás 17.00 horas, os laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social dirixidos a nenos de entre 6 e 10 anos. A través desta actividade foméntase a creatividade e o traballo en equipo, ao tempo que se promoven os valores da economía social.