
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan no mes de outubro as xornadas formativas “Non tolees coa wifi”, que se levarán a cabo presencialmente nas aulas CeMIT de Marín, Oroso, Celanova e Sarria e poderanse seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia.
Nos últimos anos está a crecer o nivel de uso da banda larga en fogares e empresas, cada vez son máis as familias que precisan contratar un servizo de internet pero aínda existen moitas dúbidas e desconfianzas ao respecto. Con esta formación búscase achegar aos asistentes os coñecementos básicos para a contratación de internet e da resolución de incidencias no servizo.
As xornadas están dirixidas aos axentes TIC das aulas CeMIT, co obxecto de que posteriormente podan eles crear os seus propios cursos na materia, e a todo o persoal municipal e cidadáns interesados. Explicaranse conceptos tales como as tecnoloxías de acceso á internet dispoñibles no mercado, as conexións precisas para os distintos usos de internet, as redes e operadores presentes en Galicia, os canais dispoñibles para reclamacións e os organismos competentes neste ámbito e normativa existente.
Aulas CeMIT e inscricións
As persoas interesadas poderán asistir a calquera dos catro cursos dispoñibles que terán unha duración aproximada de dúas horas. Para achegar a formación ao maior número de destinatarios posibles, organízase unha xornada en cada provincia facilitando a asistencia ben presencial ou por videoconferencia nas seguintes aulas.
Para a inscrición tan só hai que premer sobre a aula de interese:
Pódese consultar mais información sobre as datas e formalizar a inscrición, de balde, na páxina web de CeMIT, e na aulas CeMIT de xeito presencial ou contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal
Servizo de asesoramento a concellos
Esta xornada nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio firmado coa Amtega. Ademais, trala xornada, a Oficina porá a disposición dos asistentes a documentación presentada.
A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de actualizar o portal web educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.gal/portal/) a un deseño renovado, máis atractivo e innovador.
A nova web, na que os usuarios poden acceder dun xeito máis dinámico á información, presenta unha nova funcionalidade adaptativa, o que vai permitir a correcta visualización dunha mesma páxina en distintos dispositivos (portátiles, móbiles, tablets…), xa que redimensiona e coloca os elementos publicados de forma que se adapten ao ancho de cada dispositivo.
O acceso dende un dispositivo móbil ao portal da Consellería de Cultura e Educación foi aumentando paulatinamente nos últimos meses, chegando ao 30% na actualidade. Con esta nova funcionalidade, todas estas consultas ao portal educativo amosaranse de xeito simplificado, cunha visualización máis doada e máis facilidades na navegación, o que redundará nun acceso máis áxil aos contidos desexados.
Así mesmo, o portal educativo presenta unha estrutura unificada co resto dos portais da Xunta de Galicia, o que redunda nunha maior accesibilidade para os usuarios, xa que atopan referencias similares en todas as web.
Esta web mantén o seu obxectivo de ser a canle de referencia da comunicación para a comunidade educativa. Neste sentido, para facilitar o acceso aos diferentes contidos, está estruturada por colectivos, temas, etc. de tal modo que os usuarios poden acceder a través dun único link aos contidos e servizos relacionados co seu perfil.
Ademais, o portal está enmarcado dentro das iniciativas da Xunta de Galicia a prol do software libre.
Vigo vén de acoller e impulsar o que sería, en palabras da Universidade, un título universitario cen por cen pioneiro dentro do ámbito tecnolóxico. Trátase do título Tradución para a Industria do Videoxogo, segundo sinala a institución académica galega “único en España”. A Uvigo tamén explicou hoxe que a iniciativa foi posta en marcha “como reacción á importante demanda da industria para formar profesionais” e que a resposta ante a nova achega formativa foi xa moi positiva: malia que a matrícula fica aberta até o 2 de outubro, o 80% das prazas xa foron ocupadas.
O xermolo desta novidade docente está na constatación dunha realidade: o sector do videoxogo é un importante nicho de emprego para estudantes de moi diversas formacións, pero tamén para o alumando de Tradución. Proba diso, sinala a Universidade, é o número importante de profesionais formados na institución académica que está a ocupar postos de importancia nas industrias do sector.
Con todo, era preciso ir aínda máis lonxe, cara ao específico e cara unha máxima capacitación. De aí que este ano arrincase cun título novo: o da especialización en Tradución para a Industria do Videoxogo, “o primeiro que pon en marcha unha universidade pública no ámbito estatal.
Segundo informa a Universidade, as clases comezan o vindeiro 11 de outubro pero este 20 de setembro celebrouse a presentación da iniciativa docente, que xurde dende o grupo de investigación de Tradución e Paratradución e do mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional.
Os profesores Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e José Yuste son os principais impulsores dun título de 200 horas de docencia que ofrece 25 prazas, preto do 80% delas xa cubertas. Trátase, explican, dunha formación complementaria na que se poden matricular todas aquelas persoas que teñan superado 3º curso de grao, non necesariamente de Tradución e Interpretación, xa que “está aberto a calquera perfil”.
O gran obxectivo fundamental desta nova titulación é “axudar a profesionalizar un sector estratéxico como a industria do videoxogo”. Por isto, as persoas matriculadas recibirán formación para realizar axeitadamente o labor localizador na industria do videoxogo; desempeñar correctamente os labores de revisión e control de calidade dos produtos de lecer dixital; ou levar a cabo de maneira profesional os labores de interpretación especializada nos eventos internacionais, como feiras ou convencións e facer fronte aos desafíos lingüísticos e culturais que aparecen na comunicación internacional das empresas de videoxogos.
Os contidos e a docencia centraranse na tradución dos videoxogos, pero tamén se impartirán bloques temáticos sobre tradución de aventuras de mesa ou xogos de rol, así como sobre interpretación, tradución para a prensa especializada, subtitulado, dobraxe ou elementos paratextuais como textos publicitarios ou guías de estratexia ou revisión de textos.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe en Lousame o funcionamento do transporte compartido, nunha das rutas nas que os acompañantes dos escolares do autobús están a empregar en probas unha nova aplicación que reforza a seguridade dos nenos no transporte.
Ethel Vázquez destacou que se trata dun paso máis na modernización do transporte público, pois a aplicación que se está a desenvolver, cando estea plenamente operativa, informará aos pais dos usuarios do bus compartido da chegada dos escolares ao centro de ensino. Ademais os acompañantes escolares poderán realizar un maior seguimento e control dos alumnos que suben e baixan en cada parada. Esta aplicación, en probas nalgunha ruta, está a ser desenvolvida pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda salientou que esta app demostra que o Goberno galego continúa traballando para seguir mellorando e aproveitando esta modernización do transporte público e para reforzar a seguridade e a atención dos escolares que usan os buses compartidos.
Subliñou que o transporte compartido, no seu primeiro ano de funcionamento en Galicia, ten permitido que 110.000 persoas aproveitaran as prazas baleiras dos autobuses escolares para facer os desprazamentos cotiás.
Indicou que coller o autobús compartido, unha das novas modalidades de transporte postas en marcha o ano pasado, é unha boa maneira de celebrar a semana europea da mobilidade, este ano, baixo o lema “Combina e Móvete”, para fomentar o uso do transporte público colectivo.
Trátase dunha clara aposta da Xunta por un modelo de transporte público colectivo con máis servizos para os veciños e tamén máis eficiente e máis proveitoso para a sociedade. Con estes sistemas o autobús chega a máis lugares, cun 37% máis de km percorridos, triplicando o número de paradas e rebaixando as tarifas en practicamente todas as novas liñas.
Concretou que a Xunta está avanzando cara a un transporte máis útil para os cidadáns, especialmente para os veciños do rural; máis sostible desde unha perspectiva económica e ambiental; e máis preparado para aproveitar os beneficios das novas tecnoloxías. Precisou que este é o modelo a seguir impulsando na 2ª fase do Plan de transporte público que está en marcha.
Máis de 1.200 dispositivos entre sensores de seguridade do fogar (lume, gas), detectores de presenza e dispositivos de control de parámetros como coagulómetro, tensiómetro ou báscula despregáronse en toda Galicia como parte do proxecto europeo Activage. Tras oito mese de andaina, este proxecto para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que melloren a autonomía e calidade de vida das persoas maiores baseándose en IoT, presentou este martes os seus primeiros avances.
Autoridades autonómicas e locais acudiron á presentación dos primeiros avances de Activage, que no piloto que desenvolve en Galicia xa implica a 700 persoas.
A sede de Televés Corporación, empresa que lidera en Galicia uno dos nove pilotos que compoñen o proxecto, acolleu o acto no que o director xeral da compañía, Santiago Rey, explicou que Activa Galicia chega a 700 fogares en toda a comunidade autónoma.
10.000 alarmas xestionadas na plataforma Activage
Neste piloto participan perfís de persoas usuarias de servizos sociais e sanitarios cuxa colaboración servirá para validar a integración de servizos nun único dispositivo, enlazando elementos físicos, como sensores e actuadores, co mundo virtual do procesamiento da información.
En canto ao progreso do proxecto, Sebastián Pantoja, director de I+D de Televés, destacou os máis de 1.200 dispositivos despregados en Galicia. A plataforma Activage xestionou ao redor de 10.000 alarmas xeradas por estes dispositivos nos fogares.
Avaliación dos avances do proxecto
Os membros do Consorcio tamén presentaron á Comisión Europea os fitos alcanzados, os avances obtidos e as previsións relativas á continuación do proxecto Activage. As instalacións de Televés Corporación serviron de escenario de demostración dos distintos pilotos que forman parte do proxecto Activage e da aplicación de interoperabilidade entre plataformas da Internet das cousas.
Ademais, usuarios do piloto de Galicia compartiron no escenario cos asistentes e revisores, a súa experiencia e percepción de mellora de calidade de vida no fogar e a mellora do proceso asistencial, grazas á teleasistencia. Os revisores tamén tiveron a oportunidade de visitar unha vivenda real na que se despregaron as tecnoloxías que se están pilotando en Activage Galicia.
Ademais de Televés, forman parte de leste piloto Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Cruz Vermella Española, a Fundación Vodafone España e a Universitat Politècnica de València. Ademais colaboran a Fundación Tecsos e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) como membro do Advisory Board. Conta co apoio sostido da Xunta de Galicia, tamén a través da consellería de Política Social.