
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Hoxe comeza a programación do 5º Encontro de Emprendemento Pont-Up Store cun marcado acento tecnolóxico tanto nos emprendementos seleccionados como nas máis de 40 actividades propostas en distintos puntos da cidade de Pontevedra. O programa comezará a desenvolverse ás 11:00 cun dos pratos fortes desta edición, o primeiro dos dous obradoiros I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo do obradoiro é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos de visibilización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 horas e o venres 21 en horario de 12:30 a 14:00 horas. Os dous obradoiros teñen un aforo máximo de 15 mulleres.
Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa será posible consultar dúbidas con ela en sesión individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45 horas, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas.
De 11:30 a 13:30 horas, no andar baixo da Casa das Campás, dentro do espazo de programación ECOBAS, a Unión de Cooperativas Galegas ESPAZOCOOP ofrecerá unha sesión de traballo para emprendementos sociais baixo o título Recursos interactivos para a creación e consolidación de proxectos e entidades de economía social e solidaria: O canvas social.
A pouca distancia da Praza de España, na Sala X da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, a creación dun Theremin e de pedais de distorsión par guitarras con Arduino. Será unha sesión de traballo en continuo, de 16:00 a 20:00 horas, que continuará o venres durante toda a xornada. No Espazo Gaming que estreamos este ano e que estará instalado na Aula de Informática da Casa das Campás, desenvolverase de 16:30 a 20:30 un Obradoiro práctico de creación de assets para videoxogos.
Para pechar esta xornada de apertura, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, teremos a oportunidade de asistir ao obradoiro que organiza A Redeira dentro do formato familias creativas, sobre o tema Lideirándote onde as persoas participantes poderán poñer en común as súas lideiras, soños, necesidades e inquedanzas no ámbito do emprendemento; e aprender o que hai que facer para que deixen de ser lideiras.
A carpa do Talento Transformador
O punto central deste encontro volverá ser a carpa situada na Praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición.
Este ano, ademais, duplicouse o número de emprendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun expositor gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un obradoiro de robótica organizado por R e Líbolis para ensinarlles a pequenas e pequenos de entre 7 e 13 anos a montar un Stick Arcade baseado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo, que rematará co concerto de The Soul Breakers.
A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes localizacións durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visibiliza á muller como emprendedora e acompaña un programa planificado con perspectiva de xénero.
As instalacións de Televés en Santiago acolleron onte a presentación duns avances tecnolóxicos feitos á medida das nosas necesidades e de todas as contornas que teñen ou terán as nosas mesmas características demográficas: moita dispersión e, sobre todo, un marcado envellecemento da súa poboación (a cuarta parte das galegas e dos galegos teñen a día de hoxe máis de 65 anos). Máis en detalle, o acto desta mañá foi a segunda revisión anual do Proxecto Activage, levada a cabo pola Comisión Europea, logo da información achegada hai case un ano con motivo da súa posta en marcha. Entre outras cousas, onte fíxose saber que Activage (un proxecto europeo liderado por Televés e a Xunta para mellorar a autonomía, a saúde e a calidade de vida das persoas maiores) vén de xerar o que sería “o primeiro ecosistema sociosanitario galego”.
Ou sexa, unha comunidade por dereito propio, formada por persoas maiores, institucións públicas, empresas e organizacións, que xunta forzas para responder ao gran reto demográfico do noso tempo: o progresivo envellecemento da poboación e a necesidade de fornecer de conectividade ás contornas (cidades, vilas, aldeas, casas) onde reside esa poboación. Televés e o Goberno autonómico tamén recordaron que Activage, activo en diferentes contornas xeográficas europeas, diríxese a mellorar a autonomía das persoas maiores a través (sobre todo) do uso das tecnoloxías aplicadas á Internet das Cousas (IoT), recursos que combinados coa conectividade integral a Internet permiten facer monitoraxe continua das persoas atendidas dentro da súa casa e tamén fóra dela.
A nivel galego, o proxecto colle corpo cunha iniciativa piloto (un piloto integrado en nove experiencias europeas análogas) na que participa un colectivo de 700 persoas maiores de 60 anos, probando solucións tecnolóxicas (sensores e aplicacións) que fan seguimento do seu quefacer diario e do seu estado de saúde. No caso da nosa terra, está a ser impulsado por Televés, Cruz Vermella, o SERGAS, a Fundación Vodafone España, a Universidade Politécnica de Valencia, Tecsos, AMTEGA e a Xunta de Galicia.
Segundo se lembrou no acto celebrado en Televés, o piloto galego consta de catro piares fundamentais: coidado da saúde (soporte no coidado da saúde con seguimento de variables clíncas e recordatorio de medicación e medidas), tranquilidade no fogar (seguimento do quefacer diario para detectar posibles situacións de risco como caídas ou incendios), premedor de emerxencias (solución para pedir axuda en caso de urxencia e respondida decontado, tanto no fogar como fóra del) e participación social (a través dunha solución de vídeo-conferencia a través da que se pode informar sobre eventos e actividades de lecer ou realizar exercicios para mellorar e estimular a memoria).
No acto participaron, entre outros, o director xeral corporativo de Televés, Santiago Rey, o director de I+D da empresa galega de telecomunicacións, Sebastián Pantoja, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez. Todos eles fixeron fincapé no potencial da nosa terra como “laboratorio de probas” para impulsar e avaliar as tecnoloxías de Activage, salientando os importantes recursos que están a abrollar do proxecto para definir o rumbo das políticas sanitarias autonómicas e de asistencia social.
Segundo fixo saber Rey Varela, Galicia, coa súa importante porcentaxe de xente maior de 65 anos (a cuarta parte da poboación... e medrando), cos seus preto de 60.000 maiores con necesidades especiais e coas súas demandas importantes en materia de conexión de calidade para núcleos de tamaño medio e pequeno, achega uns desafíos concretos “que tamén son, ante todo, unha oportunidade”. Unha oportunidade porque alentan ás institucións, ás empresas, aos organismos e á sociedade por enteiro, a buscar conxuntamente solucións tecnolóxicas concretas que de xeito individual sería máis complexo lograr. “Debemos contribuír a que os nosos maiores continúen activos, aportando cousas de valor e positivos á sociedade”, engadiu.
Os conselleiros de Política Social, José Manuel Rey Varela, e Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xunto coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez participaron onte na segunda revisión anual do proxecto Activage, celebrada en Santiago, unha iniciativa europea que busca crear solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e a autonomía das persoas maiores.
As Consellerías de Sanidade e Política Social e a Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega) colaboran con Televés e Cruz Roja na pilotaxe de novas prestacións de fogar dixital sociosantario no marco do proxecto europeo Activage, que busca crear solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e autonomía das persoas maiores a través dun seguimento constante das actividades que realizan dentro e fóra da casa. No marco deste proxecto en Galicia desenvolveranse e probaranse solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios maiores de 60 anos que requiren unha monitorización continua, xa sexa temporal ou permanentemente. Deles, 100 presentarán necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.
A importancia da tecnoloxía para as persoas con discapacidade queda patente no éxito que teñen os cursos para aprender a desenvolver aplicacións dirixidas a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) que organiza a Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid.
A próxima semana dará comezo a quinta edición destes cursos que cada vez teñen unha maior demanda entre os estudantes que queren aprender a cubrir cunha aplicación as necesidades de nenos e calquera persoa con TEA.
A primeira edición destes cursos celebrouse no ano 2016 e nela participaron 50 alumnos. Desde entón, o número de estudantes non parou de crecer e nesta ocasión están apuntadas 500 persoas e moitas outras están en lista de espera.
A propia Fundación Orange destaca como nos últimos anos os dispositivos móbiles como tabletas ou smartphones convertéronse en grandes compañeiros de moitas persoas con TEA, o que derivou nun crecente interese no desenvolvemento de aplicacións dirixidas a estas persoas.
Con todo, a proliferación de apps dirixidas a nenos e persoas con TEA leva tamén unha serie de retos, como atopar a mellor maneira de utilizar estes dispositivos para axudar aos seus usuarios.
O curso, que comeza o 24 de setembro, é online e divídese en 16 unidades que van desde os conceptos máis básicos ata as últimas investigacións no ámbito da tecnoloxía para persoas con TEA.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, inauguraron esta mañá na Cidade da Cultura o Workshop de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos
Ambas entidades están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.
As empresas dos sector TIC e do Audiovisual poderán coñecer durante esta xornada as necesidades e retos dun proxecto que busca pór a Galicia na vangarda do audiovisual a nivel internacional. Con este obxectivo lánzase un procedemento de consultas ao mercado dentro da compra publica innovadora para que as empresas do sector TIC e do sector audiovisual poidan aportar a súas propostas.
A partir das propostas recibidas, a Amtega e a CRTVG terán coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para abrir un procedemento de licitación posterior. As poden enviarse a través do formulario web da Amtega https://amtega.xunta.gal/dicomindset.
Actuacións
O proxecto busca a posta en marcha dunha plataforma capaz de ofrecer solucións e servizos avanzados que incorporen as últimas tecnoloxías. Entre elas destaca a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática.
Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC.
Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc... para ser consumidos nelas.
Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.
Orzamento
Ambas entidades investirán na iniciativa un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.