
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), inicia un ciclo de doce charlas informativas sobre o uso de dispositivos móbiles. Estas actividades están dirixidas, preferentemente, a persoas maiores pero poden acudir todas as persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos na utilización dos dispositivos móbiles.
Os contidos, explicados dunha forma amena e sinxela, están orientados para que os asistentes saquen o máximo dos seus dispositivos móbiles. Desde o uso de aplicacións e recursos orientados á planificación de viaxes, aos trámites electrónicos, á lectura, á fotografía e o vídeo ata o pago por internet ou as aplicacións relacionadas coa saúde e os coidados para una madurez mais activa.
Estas actividades informativas son gratuítas e desenvolveranse dunha charla cada semana dende mediados de setembro ata primeiros decembro, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Estas charlas poden seguirse en streaming dende calquera das dezasete aulas CeMIT que participan e que ofertan un total de 1500 prazas.
As aulas que retransmitirán algunha ou todas estas actividade son: Ames, Arzúa, Beariz, Betanzos, Carballedo, Cuntis, Fisterra, Guitiríz, Marín, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, O Porriño, San Sadurniño, Santa Comba, Valga e Vilanova de Arousa.
É recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada unha dos seminarios ou inscribirse en calquera delas a través de internet na web https://cemit.xunta.gal, sendo o único requisito esixible o de ser usuario da Rede.
Aliad@s Dixitais
FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales a aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior) agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Datas dos seminarios online
19/09/2018 - Aprende a usar o teu teléfono intelixente. Coñece o seu potencial e funcionalidades
26/09/2018 - Aplicacións interesantes que non poden faltar no teu teléfono. Escolle e selecciona as apps do teu interese
03/10/2018 - Recursos e utilización do navegador Google Chrome. Configura o teu navegador e garda as túas buscas
10/10/2018 - Uso de Google Maps. As mellores aplicacións para os teus desprazamentos e viaxes
15/10/2018 - Fotografías con teléfonos intelixentes. Trucos e consellos prácticos para a túa cámara dixital
24/10/2018 - Que é Facebook e cómo se utiliza. Busca e participa en grupos do teu interese
31/10/2018 - Aplicacións para adestrar a túa memoria a través do teu móbil. Exercita e entrena a túa mente
07/11/2018 - Características dos dispositivos "conectados" e "wearables" (vestibles). Reloxes intelixentes e como se usan
14/11/2018 - Aplicacións móbiles útiles nas túas viaxes. Gastronomía
21/11/2018 - Vídeo dixital. Aprende a crear e editar vídeos co teu móbil
28/11/2018 - Lectura dixital: recursos online e bibliotecas en Internet
12/12/2018 - Como usar YouTube e ter a túa propia canle para almacenar os videos que che interesan
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do I Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia, un certame co que o Goberno galego quere recoñecer os proxectos ou boas prácticas que busquen resultados positivos para a persoa usuaria, que sexan adecuados e pertinentes para o contexto local no que se atopan e que sexan sostibles no tempo e creativos.
Con este novo galardón, a Secretaría Xeral de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas, promove o traballo das bibliotecas e axencias de lectura de Galicia impulsando e dándolles visibilidade a iniciativas que melloren o acceso da cidadanía á cultura, á información e á educación libre e gratuíta. Dotado con 3.000 euros e un distintivo para os gañadores, o premio pon tamén en valor os cambios substanciais que se están a levar a cabo nas bibliotecas públicas co fin de satisfacer as necesidades das persoas usuarias.
Poderán presentarse ao premio todos aqueles centros que pertenzan á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e que teñan un proxecto –conxunto de actividades cun fin común, que se realizan para producir bens ou servizos que satisfagan necesidades ou resolvan problemas– ou boas prácticas –experiencia ou actividade concreta para mellorar unha situación determinada– que estean xa executados ou desenvolvidos no momento da convocatoria do concurso.
Áreas relacionadas
Os proxectos ou boas prácticas que opten ao premio teñen que estar relacionados coas áreas de aprendizaxe ao longo da vida; biblioteca dixital e redes sociais; cohesión e inclusión social; posta en funcionamento de servizos innovadores e/ou sustentabilidade ambiental.
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 18 de outubro e as bases poden consultarse no DOG.
I Xornadas de Bibliotecas Públicas de Galicia
Ademais do certame, a Secretaría Xeral de Cultura pon en marcha este ano a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que, baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio, se celebrará o venres 26 de outubro no auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.
A xornada, organizada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas, está dirixida a profesionais bibliotecarios de toda a comunidade e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro na web http://rbgalicia.xunta.gal.
O Concello de Santiago mellorará a empregabilidade de 85 mozas e mozos no sector das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. A iniciativa, que se vai materializar a través do programa Impulsa e da Axencia Local de Colocación (que levará a cabo as inscricións e o proceso de selección), está destinada a persoas de entre 16 e 30 anos que se atopen en situación de desemprego e que non participen en ningunha acción formativa ou educativa.
O programa conta con cinco itinerarios formativos: Confección e publicación de páxinas web, Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, Xestión de marketing e comunicación, Manexo de drons especializados no uso para o sector audiovisual e Community Manager.
Para participar nestas liñas de formación e adestramento é preciso ser graduado ou graduada en Bacharelato ou equivalente, salvo no caso do itinerario de Confección e publicación de páxinas web, para o que se solicita o título de ESO ou equivalente.
As persoas interesadas deberán inscribirse na web da Axencia Local de Colocación, que ten a súa sede no edificio Cersia, en San Lázaro. O prazo para facelo ficará aberto até o 20 de setembro.
O programa Impulsa conta cunha subvención da Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Autónomas e Entes Locais, do Ministerio de Presidencia, por importe de 526.564,16 euros. A achega de fondos propios do Concello será de 46.473,34 euros.
Innovar en cultura, abrindo novos vieiros e horizontes, pode ter recoñecemento. Así nolo lembra a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que vén de convocar a sexta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso destinado a impulsar ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais na nosa terra. Nesta entrega dos galardóns, estes artéllanse en dúas modalidades: por unha banda a dos proxectos en Internet e o desenvolvemento de aplicacións informáticas no eido cultural, pola outra, proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica.
E que cousas concretas poñen en xogo estes galardóns con respecto aos proxectos gañadores? Pois, entre outras cousas, inclúen a incorporación de balde ao coworking do Centro de Emprendemento Cultural e Creativo do Gaiás, en Santiago, durante doce meses, onde as emprendedoras e emprendedores terán acceso a un programa de asesoramento personalizado e un espazo equipado con “todos os servizos e prestacións precisas para a posta en marcha das iniciativas”. Ademais, veñen cun premio en metálico de 3.000 euros para cada proxecto distinguido.
Por outra banda, grazas á súa estadía no dito centro de emprendemento, as emprendedoras e emprendedores poderán facer intercambios con outros espazos de co-traballo de ámbito internacional cos que a Cidade da Cultura teña convenio.
O prazo para a presentación de candidaturas fica aberto até o vindeiro 18 de outubro. A convocatoria diríxese a deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores e calquera outra persoa vencellada ao emprendemento cultural que queiran desenvolver a súa actividade en Galicia.
Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco son unha das liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento. Desde a súa primeira convocatoria no ano 2013, os galardóns favoreceron a posta en marcha de catorce proxectos. Entre as propostas gañadoras nos últimos anos hai unha aplicación móbil para dar a coñecer a pequenos produtores (I’m local), unha empresa acada á fabricación de xoguetes infantís e recursos didácticos con cartón para docentes e familias (Kandoro), dúas plataformas en liña (unha dirixida á compravenda de arte entre particulares e artistas, Wcube, e outra destinada a conectar a profesionais do sector musical para a produción e difusión de eventos, Soundslikemarket), e un proxecto que combina a impresión 3D co mundo da repostería: Cake Artist.
Este mércores arrinca na sede de Compostela Monumental o seu programa de formación e adestramento para directivos, unha actividade que se desenvolve no centro histórico de Santiago en colaboración con APE Galicia. Trátase dun curso de múltiples vertentes, moitas delas dixitais, que contará coa asistencia de 16 alumnos e será impartido por Eduardo García Erquiaga, director de Galicia Business School, amais de experto en metodoloxías innovadoras para dirixir proxectos, emprendementos e desenvolver o noso quefacer profesional.
O curso consta de 20 horas presenciais, 10 delas este mércores día 19 en xornada de mañá e tarde, e as outras 10 o día 27 de leste mesmo mes en idéntico horario, de 09:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas. As temáticas a tratar inclúen adestramento en habilidades directivas e planificación e en claves de planificación estratéxica (módulo primeiro). O módulo segundo xirará arredor das TIC e os horizontes que abren en materia de excelencia profesional: oportunidades tecnolóxicas, transformación dixital e mercadotecnia.