main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/09/201808:34
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A Amtega e a CRTVG organizan un workshop de consultas ao mercado para incorporar servizos innovadores interactivos á oferta da televisión pública autonómica

  • O encontro, que terá lugar o vindeiro mércores 19, detallará as necesidades e retos para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo
  • O proxecto xorde do convenio entre a Amtega e a CRTVG para poñer en marcha unha canle dixital para o ámbito educativo e a creación de contidos multimedia
  • Estas actuacións enmárcanse no Plan DICO Mindset elaborado pola Amtega en colaboración cos axentes do sector para impulsar os contidos dixitais en Galicia

 

A Cidade da Cultura acolle o próximo 19 de setembro o Workshop de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). 

Ambas entidades están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco  do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.

O obxectivo do workshop é presentar as necesidades e retos dun proxecto que pretende por a Galicia na vangarda do audiovisual a nivel internacional. Para elo, lánzase un procedemento de consultas ao mercado dentro da compra publica innovadora para que as empresas do sector TIC e do sector audiovisual poidan aportar a súas propostas.  Os interesados en asistir pódense inscribir a través https://cdtic.xunta.gal/workshop-dico-mindset.

A partir das propostas recibidas, a Amtega e a CRTVG terán coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para abrir un procedemento de licitación posterior. As poden enviarse a través do formulario web da Amtega https://amtega.xunta.gal/dicomindset ata o 15 de outubro.

 

Actuacións
O proxecto busca a posta en marcha dunha plataforma capaz de ofrecer solucións e servizos avanzados que incorporen as últimas tecnoloxías. Entre elas destaca a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática. 

Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC.
 
Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc... para ser consumidos nelas.

Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.

 

Orzamento 
Ambas entidades investirán na iniciativa un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.

18/09/201807:50
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O Congreso Silverbullet18 afonda no panorama internacional da dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito tecnolóxico

  • Organizado polo CEPTIG e a Amtega, o congreso terá lugar o 27 de setembro na Cidade da Cultura
  • Entre os relatores estarán Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, e Santiago Cabaleiro, directivo de Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017

 

O vindeiro 27 de setembro vai ter lugar na Cidade da Cultura #SilverBullet18, o II Congreso de Proxectos TI, que este ano ten como principal novidade a internacionalización dos seus contidos. Mentres a primeira edición serviu para facer unha prospección do panorama nacional, esta vez ampliarase o punto de mira ao escenario internacional, con experiencias que chegarán de Bruxelas e México, abrindo o foco de interese máis aló do horizonte do noso país.

Organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), #SilverBullet18 está centrado nas novas tendencias na dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito TI e desenvolverase como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión e dirección de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área. O prazo de inscricións está aberto e poden formalizarse en  http://silverbullet.cpetig.gal/.

Relatores
A mirada internacional terá os nomes propios de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do best seller The Lean Project Management; e Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). O panel de relatores complétase con Santiago Cabaleiro, responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017, e  Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e contornas colaborativas.  

#SilverBullet18 rematará unha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, responsable de Content Factory en Netex Learning, para avivar o debate e favorecer a participación do público sobre as cuestións máis candentes, cunha comida networking que porá fin ao II Congreso de Dirección de Proxectos.

En definitiva, trátase de amosar as tendencias metodolóxicas do panorama internacional no eido da dirección de proxectos e, complementariamente, favorecer a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.

17/09/201810:54
Cartel do evento.
As Pontes

Os Amigus Labs convidan a rematar o verán creando robots e deseños en 3D

Os nosos coñecementos en robótica e en “construción” de hardware e software libres van ter oportunidade de recibir un novo e importante pulo os días vindeiros nas Pontes, coa nova entrega dos Amigus Labs, os obradoiros makerque organizan cada pouco os membros da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A edición 18.5 destas actividades creativas celébrase o día 29 de setembro, como de costume no Lar da devandita vila coruñesa. 

A actividade estará centrada unha vez máis na arte e na creación dixital: desta volta acometendo o desenvolvemento de novos prototipos, dende robots velocistas a pantallas interactivas, pasando pola construción colectiva dunha gran cúpula xeodésica integramente impresa en 3D. Para todo isto e máis, sinalan dende Amigus, usaranse novamente ferramentas de software e hardware libre.

Asemade, na cita traballarase arredor dun proxecto que está a coller impulso: o deseño e fabricación dunha impresora 3D de gran formato. Na xornada do 29, unha parte do planningcentrarase precisamente en preparar e dar forma á montaxe do material. Este proxecto, informa Amigus, será unha das iniciativas (amais do barco solar ou as máquinas de aire retro, entre outras) a presentar pola asociación no transcurso do evento argalleiro OSHWDem (https://oshwdem.org) que se celebra Museo Domus de A Coruña o vindeiro 10 de novembro. 

Como de costume, a nova edición dos Amigus Labs emprestará especial atención á rapazada, de aí que estea programado habilitar un recanto Amigus Labs Kids, desta volta cun obradoiro de construción de prototipos con Arduino, que segundo nos lembran dende a asociación das Pontes é unha plataforma de desenvolvemento de computación física, de código aberto, baseada nunha pequena placa cun microcontrolador e un software para programala. “Veremos un pouco de electrónica e programación e como aplicalo a varios exemplos que realizaremos”, engaden os organizadores da quedada, lembrando que a idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.

Dende o colectivo das Pontes tamén recordan que podemos asistir ao laboratorio cos nosos propios proxectos ou virmos equipados coa nosa propia computadora, a nosa impresora 3D e todo o preciso “para poder conectalo a un só enchufe”.

17/09/201810:39
Cartel do evento.
Pontevedra

Pont Up Store encherá de innovación as rúas de Pontevedra con máis de 40 actividades

Xa falta menos para o inicio da quinta edición da Pont Up Store, que vai converter Pontevedra (novamente) nunha cidade virtual e literalmente innovadora: a innovación das empresas locais e galegas estará a pé de rúa e sairá ao paso da veciñanza, grazas non só á palestra de iniciativas revolucionarias de mercado da praza de Pontevedra (onde case medio cento de empresas lucirán os seus emprendementos), senón tamén ao programa de actividades programadas para diferentes recantos da cidade: até 40 actividades. Pont Up Store, organizada polo Campus local (UVigo) e o Concello, desenvolverase do 20 ao 22 de setembro. 

Onte deuse a coñecer no consistorio o programa definitivo. Na cita cos medios participaron Carme Fouces, concelleira de Cultura; Javier Dios, deputado provincial de Innovacion e Promoción Económica; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont Up Store

Os participantes no acto, logo de presentar os obxectivos da feira, metéronse de cheo nos detalles do programa, que, sinalaron, abrangue máis de 40 actividades repartidas por toda a cidade que comezará o xoves 20 ás 11.00 horas cun dos dous obradoiros I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo deste workshop é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Na cita cos medios lembrouse que esta actividade de Google encádrase nos obxectivos de reivindicación do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. 

Os participaron recordaron a maiores que Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais.

O epicentro da Pont Up Store volverá ser a carpa situada na praza de España, durante os días 21 e 22, onde se mostrará boa parte da maquinaria innovadora do tecido produtivo galego. En concreto, a organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. A organización lembrou tamén que este ano duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse moito “a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sustentable de moitas delas”. Esta edición, díxose na presentación, “confirma un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas”. 

Destas 45 empresas, 37 contarán cun espazo propio de balde (na devandita carpa) para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas.

A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes emprazamentos durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visualiza á muller como emprendedora e acompaña un programa planeado con perspectiva de xénero.

Moi preto da praza de España, na Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a partir do xoves 20 un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, e de introducirse tamén no eido da robótica.

A organización estrea tamén o Espazo Gaming, encamiñado a achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios obradoiros prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración.

Pola súa banda, o Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social.

Amais, no Puntazo Exprés dez novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT); María Caldeiro, xerente de Fundamar; Alba Baños, responsable da área de Analítica de Redegal e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones. Este ano, como novidade ás presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo de réplica.

17/09/201810:32
Fernando Suárez e Manuel Baltar.
Ourense

A Deputación de Ourense contará con 3 millóns para converter a provincia nun territorio de turismo smart

A entidade estatal Red.es, pertencente ao Ministerio de Economía e Empresa, deu a coñecer este 13 de setembro a selección final de catro proxectos smart galegos para seren financiados a través da convocatoria Destinos Turísticos Intelixentes. Entre estes catro proxectos da nosa terra figura unha ambiciosa iniciativa da Deputación de Ourense, da cal vén de informar en detalle a propia entidade provincial na súa web, ante os medios e a cidadanía. Trátase de Hai un Ourense para ti. Descóbreo, unha iniciativa inserida no programa Provincia Intelixente, Plan Ourense 15.19. 

Como sinalamos, Hai un Ourense para ti figurou finalmente entre as propostas elixidas por Red.es, o que significa que a provincia galega vai recibir unha inxección económica de tres millóns de euros (co-financiados aos 60 % polo Estado). A dita contía investirase na creación dunha plataforma integral de turismo intelixente que ofrecerá aos visitantes servizos tecnolóxicos como: un portal web avanzado de información turística; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.

Estes e outros datos foron achegados onte polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e polo director da Área de Transparencia da entidade provincial, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Segundo fixo saber Baltar, o proxecto incluído este ano no programa de incentivos de Red.es converterá Ourense nun “referente turístico” aproveitando o potencial dos recursos provinciais e das tecnoloxías máis vangardistas, engadindo que este recoñecemento “corrobora o traballo de innovación na xestión, realizado pola Deputación no proxecto Provincia Intelixente, colocando á nosa provincia como cumio da vangarda tecnolóxica no referente ás novas formas de xestionar os recursos turísticos”.
Manuel Baltar salientou tamén o traballo realizado por Fernando Suárez para acadar a aprobación “deste proxecto de vangarda tecnolóxica”.

A iniciativa, engadiu, permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispor dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).

Os aspectos clave do proxecto, engadiron Baltar e Suárez, pasan pola integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense a través dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre “a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais”.

Asemade, salientaron o factor “interoperabilidade”, xa que “a plataforma será quen de obter información de diferentes fontes de datos”; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través “de solucións TIC punteiras”, explicaron, entre as que se contan a información a gran escala (Big Data), a Realidade Aumentada, a Realidade Virtual, os portais web de potenciación e a mercadotecnia dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS