main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/09/201809:17
Presentación do XX congreso estatal de voluntariado.
Ourense

Galicia acollerá os días 28 e 29 do vindeiro mes de novembro a celebración do XX congreso estatal de voluntariado

  • Prevese que arredor dun milleiro de persoas e entidades asistan a este simposio no que terán cabida todos os actores relacionados coa solidariedade: organizacións non gobernamentais, administracións públicas, empresas e entidades
  • Baixo a lenda Enlázate ao voluntariado poñerase o énfase na importancia que as accións altruístas teñen para avanzar cara unha sociedade mellor así como para unha futura empregabilidade das persoas máis novas

 

O recinto de Expourense acollerá os días 28 e 29 do vindeiro mes de novembro a celebración do XX Congreso Estatal de Voluntariado. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou este evento ao que se prevé que poidan asistir cerca dun milleiro de persoas e que permitirá o intercambio de experiencias e boas prácticas, coa finalidade de fomentar o voluntariado e mellorar a visibilidade das actividades solidarias que este realiza.

Na súa intervención, Cecilia Vázquez indicou que este foro congregará a todos os actores relacionados co ámbito da solidariedade: organizacións non gobernamentais (ONG’s), administracións públicas, empresariado, medios de comunicación. De tal xeito que constituirá un “importante espazo de reflexión en torno aos problemas de afectan e preocupan a acción voluntaria e as entidades sociais de todo o estado”, apuntou.

Ao respecto, a responsable do departamento autonómico de Xuventude explicou que entre os obxectivos do congreso está o de “debater sobre o futuro do voluntariado, poñendo o énfase na súa valía como elemento dinamizador das accións altruístas como un dos activos máis importantes para avanzar cara unha sociedade mellor”. Así mesmo, salientou a importancia do voluntariado como “un elemento de recoñecemento e de proxección para unha futura empregabilidade das persoas máis novas”.

Ademais, Cecilia Vázquez manifestou que este foro anual de carácter estatal será unha oportunidade para poñer en valor o voluntariado en Galicia. Neste sentido, sinalou que Galicia é a Comunidade Autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria, tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio da Plataforma do Voluntariado sobre a acción voluntaria en España en 2016. Un documento que corroboran os datos que figuran no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, con 970 entidades inscritas nas que participan un total de 41.317 persoas voluntarias que día a día aportan o seu tempo e dedicación á mellora da sociedade.

Programa
Galicia organiza esta vixésima edición do simposio nacional de voluntariado tomando a testemuña de Sevilla como sede e baixo a lenda Enlázate ao voluntariado. Os temas claves que se abordarán son: participación, cidadanía activa e valores de solidariedade; novas modalidades de voluntariado; áreas de actuación; protagonismo de persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria; afianzamento do voluntariado social; papel das empresas na responsabilidade social empresarial; voluntariado internacional e importancia da certificación das experiencias voluntarias, da súa inclusión no currículo e do seu recoñecemento empresarial como elemento favorecedor da inclusión laboral.

Desde hoxe está aberto o prazo de inscrición daquelas persoas e entidades interesadas en asistir ao congreso, tanto para os mostradores como para a asistencia en grupo. Deben anotarse na páxina web do evento e teñen como data límite para facelo o 15 de novembro ou ata completar a capacidade.

27/09/201809:01
Participantes na actividade.
A Pastoriza

A Fundación TIC introduce nos móbiles e en Internet aos maiores da Pastoriza

Fundación TIC da Deputación de Lugo está a impartir esta semana no concello da Pastoriza un dos cursos cos que achega, ao longo deste terceiro trimestre de 2018, as novas tecnoloxías da información e as súas principais vantaxes comunicativas e informativas aos maiores do rural. O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o alcalde de Pastoriza, Primitivo Iglesias mantiveron este mércores un encontro cos 20 participantes na actividade. A través desta acción formativa, a veciñanza do devandito concello introdúcese de cheo no manexo básico de móbil e inícianse nas utilidades de Internet, de maneira gratuíta.

A actividade insírese como dixemos no programa formativo da Fundación TIC para este terceiro trimestre de 2018. O programa vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural, incluído o concello da Pastoriza. 

Os obradoiros foron dados a coñecer recentemente polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”. 

O presidente da TIC fixo saber na presentación que “este trimestre haberá varias novidades”, todas co nexo común de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, “no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”, sinalou. Entre estas novidades figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil. Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.

27/09/201808:56
Cartel do evento.
Pontevedra

A directiva do Banco Sabadell participará no programa Girl STEM en Pontevedra

Montserrat Guardia, directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, será unha das mulleres referentes que participe no programa galego Girl STEM, derrubando estereotipos, salientando a súa vontade de tirar abaixo os atrancos que impiden unha meirande presenza (e visibilidade) das mulleres nos eidos científico-tecnolóxicos, onde só representan o 30% do total. O programa, como lembraremos, está impulsado por AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Máis polo miúdo, Guardia asistirá á sesión que se celebrará este venres, 28 de setembro, no IES Valle Inclán de Pontevedra, entre as 12:00 e 14:00 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Montserrat Guardia desmontará diversos prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando, en palabras da organización, “datos e exemplos inspiradores”. A continuación, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto. Con estas citas do programa Girl STEM, AGASOL e AMTEGA queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia autonómica que dirixe Mar Pereira.

 

Quen é Montserrat Guardia

É a directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. Ademais, é unha gran experta en blockchain, unha tecnoloxía en claro proceso de proxección, baseada en cadeas de bloques e achegando, a nivel de operatividade para empresas e entidades, a eliminación de intermediarios para todo tipo de procesos comunicativos, trámites ou xestións, ou descentralizar o traballo das tarefas diarias, introducindo un extra de seguridade. Guardia ocupa a presidencia da Quantum Blockchain Alliance e maila vicepresidencia do consorcio Alastria.

27/09/201808:46
Entrega de galardóns na Pont-Up Store.
Pontevedra

Pont-Up Store premiou o talento galego para crear un mundo mellor

Esta fin de semana que vimos de deixar atrás, o día 22, a feira de emprendemento Pont-Up Store chegou ao seu punto álxido, na praza de España de Pontevedra, coa entrega de galardóns que o comité organizador adica cada ano ás máis salientables iniciativas galegas de mercado nas diferentes modalidades do encontro. A iniciativa Yaracán conseguiu o premio ao mellor emprendemento coa súa proposta para facilitar terapias asistidas para mellora a comunicación de persoas con diferentes diversidades funcionais

Yaracán, que durante a feira estableceu un acordo con Bichoh!, outra das propostas participantes (adicada ao deseño de complementos artesáns para cans), conseguiu tamén o premio na categoría de turismo, lecer e benestar. Ao acto de entrega de recoñecementos asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promocíón Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus CREA de Pontevedra pertencente á Universidade de Vigo; María del Carmen Fernández Penas, directora territorial de ABANCA en Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store. Na categoría de alimentación e restauración, a firma distinguida foi a viguesa Exga3D, unha aposta gastronómica ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos con grandes posibilidades no eido da saúde. Por exemplo, elaborando pílulas médicas con feituras e sabores de froitas ou doces; ou peixe con formas máis divertidas e gorentosas destinadas a nenas e nenos. Na Pont Up Store os responsables de Exga3D iniciaron unha alianza coa pontevedresa Natural Snack Lab, outra das participantes desta edición, que elabora snacksde froita deshidratada feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% sen conservantes, colorantes nin azucres engadidos.

Na modalidade de formación, educación, arte e cultura, o premio foi dar a Espacio Matrioska, un proxecto de dinamización, produción e axitación cultural, que levan a cabo un grupo de mozas e mozos instalados no concello ourensán de Os Brancos. Na categoría de comunicación, deseño gráfico e evento, as vencedoras foron as Mulleres Atlánticas, unha comunidade de emprendedoras nacida das reivindicacións feministas do 8 de marzo que promove as sinerxías e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas. Na vertente de enxeñarías, consultorías e outros servizos, o galardón foi dar á firma viguesa Xtonebox, que presentou unha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. No ámbito da moda, os complementos e a decoración, as gañadoras foron as impulsoras de Las Flores de Greta, empresa da área metropolitana de Vigo que presenta coleccións téxtiles elaboradas coa técnica do Ecoprint, coa que conseguen trasladar os pigmentos naturais de follas e flores a tecidos de orixe orgánica. 

Na categoría de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o xurado concedeu un premio duplo a dúas empresas pola “súa implicación” nas actividades do Espazo Gaming que se estreaba nesta edición. As gañadoras son SPA-CC, que traballa no deseño de contornas visuais para videoxogos; e a asociación Gaming Troop, que agrupa a centos de seareiros do lecer dixital entre os que promove a colaboración, a competividade no bo sentido e o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo, pero sobre todo “a filosofía de pasalo ben”.

27/09/201808:41
Centro de Emprendemento e Innovación do Concello de Lugo, CEI Nodus.
Lugo

O CEI Nodus de Lugo xa deu asesoramento a 3.000 proxectos innovadores

O Concello de Lugo está a facer balance dos froitos acadados co seu Centro de Emprendemento e Innovación do Concello, o CEI Nodus. Por este motivo, este 28 de setembro celébrase unha xornada de portas abertas, a partir das 10.00 horas, para “dar pulo e visualizar a intensa e ampla actividade do centro a prol do medre e a diversificación da economía local e da creación de emprego”. Na xornada, aberta ao público en xeral (incluídas asociacións e entidades de emprendemento), tamén se mostrarán en detalle as instalacións e o traballo que alí se desenvolve en asesoramento e formación. O Concello complementa esta visita cun reconto de fitos. Segundo fixo saber a concelleira de Economía Ana Prieto, o centro ten hoxe unha “elevada actividade”, amosando un 100% en materia de ocupación empresarial.

Esta porcentaxe do 100% é aplicábel aos 27 espazos-palestra (viveiro, obradoiros, laboratorios, espazos-semente e aula coworking) que se poñen en xogo para proxectos innovadores de empresas, emprendedores e asociacións. 
Dende a súa posta en marcha, no ano 2004, prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que 400 colleron impulso, dando emprego a medio milleiro de persoas. Segundo engadiu Prieto, a porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%, e “unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento”.

Ana Prieto subliñou que o CEI Nodus é un dos piares das políticas de emprego do Concello, ás que o Goberno destina 3M€ no Orzamento deste ano. A día de hoxe, ten proxectos en marcha por valor de 2M€ que benefician a 250 persoas, entre os programas Empregalia, Inicia Coworking, o viveiro de empresas do CEI e da Tinería, os obradoiros de emprego e o plan Mellora Lugo. Así mesmo, “no marco do seu continuo traballo por atraer investimentos”, presentou candidatura a fondos europeos co plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social, cun orzamento de2M€ e 300 beneficiarios.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS