main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/09/201809:41
Varias persoas maiores utilizan un smartphone.
Madrid

Traballar para que a tecnoloxía evite a fenda dixital de persoas con discapacidade e maiores

Vodafone España presentou o seu informe integrado no que informa sobre o impacto que a compañía tivo sobre a sociedade durante o pasado exercicio.

Nesta presentación, o presidente da compañía, Francisco Román, puxo en valor o impacto do labor que realiza a Fundación Vodafone España no obxectivo de lograr que a tecnoloxía axude a evitar a fenda dixital que sofren as persoas con discapacidade e as persoas maiores.

Na súa intervención, Román destacou que, a través da fundación, a compañía atopou hai anos a simbiose entre a tecnoloxía e os colectivos vulnerables, como as persoas maiores ou as persoas con discapacidade.

Así, fixo fincapé na importancia que a tecnoloxía pode ter para axudar a evitar esa potencial fenda dixital.

O informe integrado recolle algúns resultados desa filosofía que pon en práctica a Fundación Vodafone España, como a formación en novas tecnoloxías para persoas maiores e para persoas con discapacidade.

Neste sentido, subliña que durante o pasado exercicio case 53.000 persoas maiores formáronse no uso dos smartphones, as redes sociais ou o uso de aplicacións como WhatsApp.

En canto ás persoas con discapacidade, a Fundación desenvolveu 27 programas enfocados na inserción laboral destas persoas mediante a formación en novas tecnoloxías, nos que participaron case 4.000 persoas.

Un dos datos máis interesantes é que unha de cada dez persoas que participaron neses cursos logrou xa un emprego.

É moi importante que unha fundación como a de Vodafone España centre un dos seus principais focos na importancia da tecnoloxía para as persoas con discapacidade e maiores, pero aínda é máis importante o impacto real que esas medidas teñen na sociedade.

26/09/201808:13
Cartel do evento.
A Coruña

Expertos en sistemas libres de firmas de todo o mundo xúntanse estes días na FIC

A Facultade de Informática da Coruña vai estar estes días no centro de atención da comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre, galega, estatal e mesmo internacional. O motivo? A celebración da X.Org Developer's, que se celebra a partir deste 26 de setembro coa presenza dalgún dos máis destacados representantes da tecnoloxía non privativa, dentro e alén das nosas fronteiras. Por exemplo Google, Intel, AMD, NVidia, Valve ou a galega Igalia. O evento estenderase até o venres 28. 

A inauguración terá lugar este mércores ás 8:45 horas no salón de actos da facultade. Segundo informa a organización, a X.Org Developer's é un escenario para o intercambio de coñecemento e recursos arredor de ferramentas empregadas a día de hoxe por centos de millóns de persoas de todo o mundo. De feito, céntrase en tecnoloxías gráficas libres dos sistemas de escritorio de sistemas operativos tan populares como GNU/Linux e Android. Nesta conferencia discutiranse os avances das mesmas entre a comunidade de desevolvedores. Os seus preto de 150 participantes son expertos procedentes de empresas líderes do sector tecnolóxico, entre as que se encontran AMD, ARM, Collabora, Google, Igalia, Intel, NVIDIA ou Valve, entre outras. As sesións da conferencia poden seguirse vía streaming a través da plataforma de vídeoconferencia da UDC.

O evento vén da man de GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) e a Universidade da Coruña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Companía de Tranvías da Coruña e Igalia, a consultora de software libre afincada na Coruña.

26/09/201807:57
Cartel do evento.
A Coruña

MOLAB celebrará a súa segunda gamejam en outubro

A primeiros de xuño a asociación estudantil coruñesa Monkey Laboratory (MOLAB) celebrou a súa primeira gamejam, competición non presencial baseada na plataforma en liña Itch.io, conseguindo unha ampla participación, de xeito que durante as 72 horas nas que tivo lugar o evento desenvolvéronse un total de 9 proxectos, e non será preciso esperar un ano enteiro para repetir a competición, xa que convocan a II MOLAB Gamejam entre os días 5 e 8 de outubro.

Os proxectos desenvolvidos durante a competición poderán verse publicamente o 10 de outubro ás 18:00 horas na Facultade de Comunicación Audiovisual, permitindo que o público poda probar os xogos en competición, así como unha chea de clásicos que están dispoñible nunha máquina recreativa construída na propia Facultade. O mesmo día, ás 19:30 horas, o xurado dará a coñecer os gañadores da gamejam nas categorías de Mellor Xogo, Deseño de Xogo, Deseño Artístico e Deseño Sonoro. Entregaranse trofeos físicos aos gañadores e a gala poderá seguirse en directo a través de Twitter e Twitch.

Este tipo de competicións son unha magnífica oportunidade para amosar a creatividade aplicada ao mundo dos videoxogos e as posibilidades do traballo en equipo, demostrando dun xeito práctico que é posible desenvolver proxectos en prazos moi axustados e que o resultado sexa un produto mínimo viable.

26/09/201807:52
Pantallazo do videoxogo.
Santiago de Compostela

Un equipo da USC desenvolve un videoxogo para achegarnos á ciencia

Son tempos de gamificación, e que ninguén se estrañe se as contribucións a este eido (a adaptación a múltiples procesos de divulgación e adestramento das metodoloxías propias dos videoxogos) van a máis con cada ano que pasa. Ten cabida o coñecemento científico neste gamificar? A resposta que nos chega hoxe dende a USC é un si rotundo. Alí, un equipo de investigadores está a desenvolver un videoxogos para achegar a ciencia a todo tipo de público. A fórmula: combinar os retos que lle son propios a certas aventuras dixitais con coñecementos. 

Segundo informa a USC, os responsables da proposta xa acadaron o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). O xogo coñécese como MatHex (FisiHex, BioHex, QuimiHex …) juego, estrategia y conocimientos e a investigadora principal é a profesora Elena Vázquez Abal. 

A iniciativa artéllase por materias, onde cada unha delas terá un videoxogo de seu, malia que nesta fase do desenvolvemento, a primeira, as matemáticas (o bloque MatHex) constitúan a cerna do mesmo. Vázquez Abal informou de que a dificultade poderá axustarse a todas as idades, dende a nenez até a Universidade, ou para un público xeral.

A un nivel máis concreto, o xogo alicérzase sobre un taboleiro constituído por hexágonos, ao estilo do xogo mesa Hex, combinado con preguntas. A profesora salienta como punto a destacar a tipoloxía destas cuestións, “que mesturan dun xeito ameno e coloquial diversas temáticas”. No caso particular das matemáticas, versarán sobre xeometría, operacións, historia, arte, sentido común e unha porcentaxe dedicada a mulleres matemáticas. Ademais, cada pregunta leva consigo a súa explicación.

Completan o equipo do proxecto José Carlos Díaz Ramos e Víctor Sanmartín López, polo Departamento de Matemáticas da USC, e Esteban Calviño Louzao, profesor de educación secundaria. Os avances que experimente o proxecto poderanse consultar na súa web.

26/09/201807:45
Xuventur.
Lugo

Preto de 200 mozos poderán desfrutar de estadías de lecer e formativas na Mariña, Os Ancares e O Courel en outubro a través de Xuventur 2018

  • Balseiro explicou que tres dos programas organizados para que a mocidade coñeza o medio rural terán como destino a provincia
  • A iniciativa é gratuita e incluirá rutas de sendeirismo, visitas culturais, obradoiros e actividades sobre emprendemento con novas tecnoloxías

 

Preto de 200 mozos e mozas poderán participar durante as fins de semana do mes de outubro na provincia de Lugo nas actividades ofertadas a través de Xuventur 2018, o plan de educación non formal impulsado por Turismo de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que combina programación de lecer saudable con estadías de fin de semana en establecementos situados en entornos rurais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que tres dos oito programas organizados na comunidade terán como destino a provincia e desenvolveranse na Mariña, Os Ancares e O Courel. “Esta iniciativa ofrece á xente nova a oportunidade de coñecer as posibilidades do turismo como un dos motores de desenvolvemento do medio rural”, destacou Balseiro. O investimento da Administración autonómica para levar a cabo este programa na provincia será de 40.200 euros.

O fío condutor da programación son os recursos naturais. As estadías perseguen que a xuventude galega coñeza a riqueza natural, cultural e patrimonial da comunidade, con actividades que promovan a educación ambiental.

O programa na Mariña de Lugo está centrado no ecoturismo e incluirá rutas de sendeirismo nocturnas, visitas guiadas polo interior das Covas do Rei Cintolo, visita á praia das Catedrais e ao porto de Rinlo, un percorrido cultural por Mondoñedo e Ribadeo e observación de aves na ZEPA (zona de protección para aves) na ría de Ribadeo.

Nos Ancares desenvolverase o programa de emprendemento na zona rural e novas tecnoloxías, con base en Cervantes. Haberá actividades relacionadas coa conformación de prototipos ambientais de base turística, creación de roteiros audiovisuais ou orientación nun espazo natural de referencia.

O Courel acollerá a iniciativa Estadías creativas, unha inmersión no medio natural a través da creatividade, con obradoiros de diversas disciplinas, como creación audiovisual, performances, artes escénicas, danza e creación literaria, entre outras actividades.

O programa é gratuíto e está dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos. Inclúe aloxamento en establecementos turísticos situados no medio rural, manutención completa dende a cea do venres ata o almorzo do domingo e programa de actividades. O prazo de inscrición está aberto e as persoas interesadas poden obter información e tamén inscribirse a través das páxinas web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a de Turismo de Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS