main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/09/201808:36
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

#SilverBullet18 móstranos este xoves como levar a bo porto os nosos proxectos TIC

Este xoves 27 toca falar das cousas que podemos facer para que os nosos proxectos tecnolóxicos cheguen a bo porto, amais de ter entre mans un bo proxecto de saída (cousa que en ocasións non abonda para garantir o éxito: cómpre empregar metodoloxías para sacar o mellor da iniciativa e do equipo humano co que contamos). Estamos a falar do congreso #SilverBullet18, segunda edición, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, na Cidade da Cultura (auditorio do edificio CINC). A inauguración está programada para as 9.30 horas. Participan na sesión de apertura o presidente do CPETIG, Marcos Mata, e o director de Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da AMTEGA, Adrián Lence.

Trala inauguración, dará comezo a sesión na que intervirán como relatores Laurent Kummer (co-autor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM²), Rafa García (fundador de Valor 2.0 e experto en produtividade persoal e contornas colaborativas), Santiago Cabaleiro (responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017), Santiago Vázquez (director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrey, México) e Berta Candendo (responsable de Content Factory en Netex Learning, que moderará a mesa de debate). 

Organizado en colaboración coa AMTEGA, o foro está concibido “como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais ligados á xestión e á dirección de proxectos tecnolóxico-dixitais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área”. Ademais, outro dos seus grandes obxectivos é derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.

A razón do nome
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posible co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.

27/09/201807:47
O investigador venezolano José Luis Cordeiro.
Santiago de Compostela

José Luis Cordeiro e David Aguilar, referentes en tecnoloxía creativa, participarán na Maker Faire Galicia

En novembro imos ter unha cita para ver e para crear tecnoloxías. Trátase da Maker Faire Galicia, a feira de enxeños e tecnoloxías maker de Santiago, unha das grandes citas argalleiras do panorama estatal e internacional (en palabras da organización, “a meirande feira de inventoras e inventores do mundo”). Segundo puidemos saber estes días, a cuarta edición da xuntanza contará coa presenza do transhumanista José Luis Cordeiro e David Aguilar, responsable da prótese Lego. A Maker Faire Galicia celébrase entre os días 23 e 25 de novembro na Cidade da Cultura, cuxa Fundación patrocina o evento, amais do Concello de Santiago (a través do programa Compostela Móvese). 

A cita, un lugar de encontro para todas as persoas con independencia do seu nivel de coñecementos tecnolóxicos e da natureza da súa formación, quere xuntar nunha soa fin semana “aos creadores máis innovadores da nosa Comunidade e tamén de fóra”, incluíndo este ano a presenza de expositores e relatores de referencia a nivel internacional, coma Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ao que agora se lle suma o anuncio do venezolano José Luís Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas nas que sostén, entre outras cousas, “que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán quen de deter o envellecemento e mesmo a morte nun promedio de 30 anos vista”. 

Amais, o programa tamén contará coa presenza do mozo andorrano David Aguilar, en palabras da organización un referente mundial en materia de “autosuperación e creatividade”, xa que foi quen de construír un brazo protésico artellado con pezas Lego, grazas ao cal conseguiu recuperar a mobilidade da súa man.

 

Coñecemento de xeración a xeración
Amais do devandito, Maker Faire Galicia ten entre as súas finalidades a de favorecer a transmisión de coñecemento entre as diferentes xeracións, de aí que ofreza un amplo programa no que ademais das charlas, contará con numerosas actividades e obradoiros orientados a tódolos públicos. Dende a organización advirten que o prazo de inscrición de proxectos está a piques de rematar, polo que convidan a que todos aqueles “argalleiros” e “argalleiras” que queiran amosar as súas creacións na feira non dubiden en apuntarse. A inscrición realizase de maneira online a través da súa propia páxina web, http://galicia.makerfaire.com/.

27/09/201807:37
Participantes na presentación dos proxectos.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en valor os 17 proxectos emprendedores do coworking de Santiago pola súa aposta polas TIC e os servizos culturais e da industria creativa

  • A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación das iniciativas desenvoltas na aceleradora, na que colaboran o Igape e a Escola de Organización Industrial
  • Entre as actividades escollidas para os 17 proxectos desta terceira edición resaltan as enfocadas a servizos tecnolóxicos ou formativos apoiados nas TIC, de desenvolvemento persoal ou do sector da moda
  • Os participantes contaron con asesoramento especializado e titoría personalizada no espazo habilitado na Cidade da Cultura, onde se aceleraron máis de corenta novos proxectos ao abeiro das dúas edicións anteriores
  • Os novos empresarios poden dispor dos servizos e liñas de axuda que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activados a través do Igape para apoiar o emprendemento

 

A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking impulsado polo Igape e a Escola de Organización Industrial, na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 17 proxectos.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, felicitou os emprendedores por ter completado esta primeira parte do camiño e convidounos a seguir contando co apoio do Centro de Emprendemento do Gaiás para consolidar os seus proxectos. “O Centro está ao servizo das persoas emprendedoras. Ofrecémoslles un espazo de traballo, acompañámolas coa sabedoría de expertos e levamos a cabo ao longo de todo o ano máis dun cento de actividades para formar, mellorar e dar visibilidade ás súas iniciativas”, subliñou.

Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

Os emprendedores que desenvolveron os 17 proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por ámbitos de actividade tan diversos como son servizos culturais e formativos apoiados nas TIC, de desenvolvemento persoal e de produtos do sector da moda, así como dos relacionados coa valorización de recursos do territorio.

Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 44 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.

Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nos que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento.

26/09/201812:01
Presentación da plataforma de teleasistencia @tendidos.
Barcelona

Fala co teu médico a través do televisor

A plataforma de teleasistencia @tendidos, de creación española, protagonista no Congreso X-Patient, celebrado en Barcelona; esta plataforma aproveita o televisor, omnipresente nos fogares e de fácil acceso, para o contacto do paciente maior co seu médico e o obxectivo é promover unha asistencia sociosanitaria integradora, capaz de reducir a presión asistencial en Atención Primaria e os ingresos hospitalarios, está desenvolvida por Idemm Farma e supón unha novidade nos recursos de teleasistencia.

Os conceptos de teleasistencia, cronicidade, adherencia terapéutica, reingreso, custo sanitario e acceso ás novas tecnoloxías son factores que determinan, entre outras variables, o escenario actual no que se desenvolve a atención aos pacientes crónicos maiores.

 

Neste ámbito, e co obxectivo de ofrecer unha alternativa de servizo real e eficaz para estes pacientes, a compañía Idemm Farma, cunha ampla experiencia no ámbito da formación médica continuada, a comunicación científica e o márketing médico-farmacéutico, presentou no Congreso X-Patient, celebrado en Barcelona, a súa plataforma @tendidos, unha innovación disruptiva e diferenciadora en teleasistencia que integra aos pacientes maiores como beneficiarios do novas TIC.

 

@tendidos basea a súa solución no uso da tecnoloxía máis habitual en todos os fogares dos nosos maiores, o televisor, cun control da comunicación por parte do paciente mediante o mando a distancia do mesmo, de forma fácil e accesible; o sistema é así mesmo compatible para o seu uso a través de smartphones, tabletas e computadores.

 

proxecto @tendidos xa está en desenvolvemento e facilitando os seus primeiros resultados de eficacia e calidade asistencial en patoloxías, como a insuficiencia cardíaca, en estudo realizado polo Centro de Saúde Sardenya, en Barcelona (Dr. Carlos Brotons), ou no seguimento do paciente en rehabilitación cardíaca post-infarto, controlado polo Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario de Toledo (Dr. Luís Rodríguez Padial) e únese a outras achegas de Idemm Farma como provedor de solucións para mellorar e conferir eficacia aos recursos de teleasistencia. Tal é o caso da plataforma Inhalcheck, que permite supervisar e educar ao paciente no seu uso da terapia inhalada; ou as apps-ferramentas para o seguimento, clínico e asistencial, de pacientes con hipertensión arterial, EPOC ou asma (Control HTApp, Control-Asma).

 

En palabras de Josep Garcés Nafarrate, director xeral de Idemm Farma, "a nosa compañía basea a súa innovación na súa dilatada experiencia e no contacto directo e continuado con todos os actores do ámbito sanitario (médicos, enfermería, farmacia, tecnólogos, pacientes, Administración, etcétera), que nos permite coñecer, de verdade e sobre o terreo, a situación e problemática real que afecta o traballo asistencial diario". Segundo datos recentemente publicados, o 60 % dos maiores de 65 anos non ten acceso habitual a internet e, ademais, na poboación de crónicos maiores existen dificultades engadidas no acceso á tecnoloxía e, máis importante aínda, no manexo da mesma. O reto para Idemm Farma foi deseñar un sistema que, ademais das tabletas e os smartphones, incorporase ao televisor neste mundo do novas TIC. En definitiva, "demos un paso cara atrás, para dar varios adiante", afirma Garcés, e con iso intégrase a este amplo segmento da poboación que, en realidade, si necesita un control máis continuo das súas patoloxías crónicas e, ademais, unha atención máis ampla, de carácter socio-sanitario.

 

Plataforma @tendidos foi desenvolvida por Idemm Farma coa colaboración do seu socio tecnolóxico CSA.

 

Máis información sobre a Plataforma @tendidos na Web de Idemm Farma.

26/09/201811:55
Home escribindo nun caderno cun portátil á beira.
Madrid

Cisco lanza as súas Bolsas Dixitaliza para formar a mozos e mozas nas Tecnoloxías da Información e Comunicación

Segundo un estudo da Comisión Europea, en 2020 prevese que existirán contorna a uns 750.000 e 900.000 postos TIC sen cubrir na UE, dos cales 85.000 postos estarán en España. Por este motivo, Cisco lanzou un programa de aceleración de talento para tentar diminuír esa cifra.

Cisco Networking Academy (NetAcad) impartirá cursos gratuítos a mozos e mozas desempregados para formarse no mundo das tecnoloxías dixitais. Estes cursos online comezan en decembro de 2018 e finalizarán en maio de 2019, en total 20 semanas de duración e poderán cursalos mozos e mozas de entre 18 e 35 anos.

David De San Benito, Director de Responsabilidade Social Corporativa en Cisco España, recalca que "as organizacións teñen problemas para atopar persoal cualificado en tecnoloxías como IoT, intent-based networking ou ciber-seguridade, constituíndo un freo para a transformación dixital de España. A través de máis de 370 Academias e 700 profesores, Cisco NetAcad ten un sólido compromiso coa empregabilidad,e facilitando unha adecuada formación dos mozos e unha constante reinvención dos profesionais para que a dixitalización contribúa ao crecemento económico e o benestar social".

 

Curso e bolsas

Os cursos que se impartirán abarcará catro disciplinas: ciberseguridade, programación de redes, networking, IoT e big data. Así mesmo, os estudantes terán acceso a seminarios e webinars para reforzar os seus coñecementos. Os interesados deberán realizar un curso introductorio específico, da disciplina escollida, cunha duración de 15 horas, para poder pasar ao proceso de selección e a posterior adxudicación das bolsas.

En total 400 Bolsas Dixitaliza ofreceranse, 100 bolsas para cada curso. O prazo de inscrición e petición das axudas está aberto ata o próximo día 15 de outubro. Para todos os interesados poden informarse e rexistrarse na súa páxina web.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS