
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Esta semana, a partir de mañá, comeza na Coruña e na súa área metropolitana a aprimeira edición da que será, seguramente, a semana galega máis tecnolóxica do ano: a Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona, responsable, tamén, da organización do Mobile World Congress. O evento, un espazo de arte, ciencia e tecnoloxía, vén cun relevante programa de actividades transversais, para todos os públicos, que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos, a repartir entre o termo municipal coruñés, a Área Metropolitana e Compostela, na Cidade da Cultura. En termos concretos, desenvolveranse preto dun cento de accións TIC. Amais, impulsando a semana co seu patrocinio ou apoio atópanse máis de 60 empresas e institucións.
Os comezos da semana
A Mobile Week Coruña comezará a facer ruído entre tres espazos concretos: o mércores ás 9.15 horas na Cidade da Cultura de Santiago con conferencias e debate sobre ciberseguridade, ás 10.00 horas no MUNCYT da Coruña coa apertura da exposición Campus Vigo, Investigar na Universidade, e a partir das 10.00 horas no Club Financeiro Atlántico coas exposicións Colectivo Papermoon 2.0, Neuronal Landscape, Arte Matemático Dixital 3D, Environment Dress 2.0, A máquina do amor e Sen-tence Peza de visuais xenerativos. De xeito paralelo, a aula CeMIT de Abegondo abrirá fogo a partir das 10.30 do mércores 21 cun obradoiro práctico sobre alfabetización dixital. Máis tarde, a partir das 11.30 horas, o IES Díaz Pardo de Sada súmase ás celebracións co obradoiro E eu que pode ser de maior?
Patrocinadores
O patrocinador principal de Mobile Week Coruña é ABANCA, que amais implícase de cheo na programación. De feito, o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, será un dos encargados de pechar o acto de clausura o día 28. Amais, a sede da fundación da entidade, Afundación, acollerá o día 22 a conferencia Tecnoloxías da Información: a construción dun espazo de aprendizaxe, do catedrático da Universidade de Sevilla, Julio Cabero, unha actividade que precederá (tamén no salón de actos de Afundación) aos seis mWeekTalks previstos durante a Mobile Week Coruña. O director xeral de IT da entidade financeira galega, José Manuel Valiño, tamén participará na mesa de debate A revolución dixital no traballo, e, por outra banda, a Escola de Negocios Afundación (IESIDE) acollerá o día 26, na súa sede da Ronda de Nelle, catro conferencias TIC sobre persoas, tecnoloxías, clientes e management.
Tamén son patrocinadores da semana Estrella Galicia e Accenture Dixital. A marca cervexeira tomará parte na programación da man de Juan José Delgado, responsable do ámbito dixital da empresa e co-impulsor de The Hop, programa de emprendemento colaborativo de Estrella Galicia.
Pola súa banda, Accenture achegará un obradoiro sobre como construír modelos de Intelixencia Artificial para móbiles e IoT (Internet das Cousas). Ademais, o seu director xeral para España, Portugal e Israel, José Luís Sancho, será un dos seis relatores na mesa de debate Revolución dixital no traballo.
Entre as empresas máis implicadas tamén se atopan Gadis, Intasa e R, todas elas patrocinadoras do evento. A operadora de cable, ademais, participará na programación con obradoiros de robótica para os máis novos e unha charla para pais e avós sobre o uso de internet que fan a mocidade. PALEXCO, Cega, Lexus, Auren, Plam e Lifesice son empresas que tamén colaboran para que a Mobile Week Coruña supere as 100 actividades ao longo de sete días. Ademais, o evento conta co apoio e patrocinio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de AMTEGA, e a Deputación da Coruña. Todas elas tamén participan con eventos na programación da Mobile. Outras institucións como a Universidade da Coruña, o CESGA ou o Club Financeiro Atlántico tamén se sumaron á iniciativa. Boa parte do peso da organización do evento, con todo, recae na Mobile Word Capital Barcelona, cuxo director executivo (CEO), Carlos Grau, salientou na presentación da cita que A Coruña “está dentro da liga das cidades do futuro”, poñendo o o foco “na oportunidade que supón o seu porto como laboratorio activo de retos de futuro”.
Como dixemos, tamén está mergullada no desenvolvemento da semana a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, que este mes de novembro formalizou un convenio de colaboración co Club Financeiro Atlántico, aproveitando este acto para mostrar os detalles da súa participación e, tamén, achegar información relevante sobre o programa. Segundo fixo saber a axencia que dirixe Mar Pereira, a través do dito acordo fornecerase á Mobile Week Coruña con 30.000 euros. Ademais, ampliarase a súa área de influencia cunha vintena de actividades na propia cidade herculina e nos Concellos de Abegondo, Betanzos, Sada e Santiago de Compostela.
O apoio da AMTEGA á Mobile Week ten un obxectivo de base, segundo indicou na formalización do acordo Mar Pereira: “Irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade”. Pereira tamén lembrou o tipo de actividades que inclúe o programa: cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en Internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais, entre outras xeira de traballo e obradoiros. A programación está dispoñible na web da MWC (www.mobileweekcoruna.com), na que tamén están as actividades previstas na Cidade da Cultura. O polo tecnolóxico do Gaiás súmase á Mobile con dúas xornadas sobre Ciberseguridade o 21 de novembro, una dirixida ás PEME e outra á cidadanía.
As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o “Corazón Dixital de Galicia”, para o que os interesados se poden inscribir a través de correo electrónico. A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas. Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente chave da dixitalización do territorio, a Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.
Volven os Coruña Bloggers
A celebración da Mobile Week Coruña suporá tamén o regreso dos encontros Coruña Bloggers, propio dos últimos mércores de cada mes, que de xeito excepcional celebrarán un par de sesións os días 26 e 27 de novembro (luns e martes respectivamente) ás 19:00 horas na Fundación Barrié. Como é habitual, para acudir a estas citas os participantes deberán achegar como mínimo 1 quilo de alimentos non perecedoiros que se doarán á Cociña Económica e, tras o encontro formal continuarase cunha sesión de networking nun local de hostalaría próximo. Desta volta, a inscrición ás actividades terá lugar a través da propia plataforma da Mobile Week Coruña.
O CPEIG participará con xornadas e obradoiros
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar da súa presenza activa na programación da Mobile Week Coruña. Na cita o CPEIG ofrecerá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias.
Celebraranse o venres, 24 de outubro, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas en ExpoCoruña. Por outra banda, o Colexio organizará ao abeiro de Mobile Week Coruña un obradoiro sobre o pilotaxe de drons para nenos e nenas, o venres 24 de novembro, ás 16:00 horas en ExpoCoruña. E finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Abendaño, participarán na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, o venres, 24 de novembro, no Paraninfo da Universidade da Coruña. Máis datos en www.cpeig.gal.
O CITIC contribúe con actividades creativas para nenas e nenos
O Centro de Investigación TIC (CITIC), con sede no Campus de Elviña, contribuirá á Mobile Week Coruña con actividades creativas e interactivas de robótica para nenas e nenos. Segundo lembra o CITIC, o evento MWeekCoruña será unha boa oportunidade para albiscar as tendencias futuras do desenvolvemento dixital en todas as súas vertentes, e tamén para incrementar a colaboración multidisciplinar entre profesionais de toda índole (artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria) arredor das tecnoloxías e da ciencia. As accións do CITIC celebraranse o 22 de novembro (ao abeiro de mWeek Kids, no CEIP Eusebio da Garda da Coruña), o 23 (no marco da mWeek Kids no CEIP Escolapios da Coruña), o 24 (conxuntamente coa operadora R, na sede do CITIC, realizaranse os obradoiros Crea R) e o 26 (ao abeiro de mWeek Labs, con obradoiros de Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT, xunto con Accenture na sede do CITIC).
A Cidade da Cultura entregou esta tarde os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco ás mellores ideas emprendedoras do ano no sector das industrias culturais e creativas. Nesta edición, o xurado decidiu premiar unha iniciativa para dar visibilidade á loita pola igualdade de xénero e dous proxectos que actualizan, a través do deseño e da tecnoloxía, elementos tradicionais da cultura galega. Os galardóns, que impulsa a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contan co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape.
Os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco entregáronse esta tarde no Museo Centro Gaiás, nun acto que contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, do director xerente de AFundación, Pedro Otero e do xerente de Igape Nova, Guillermo Viña. Ademais, a escritura e divulgadora Elsa Punset, referencia internacional no eido da intelixencia emocional, puxo o broche final á gala cunha charla inspiradora sobre como estimular a creatividade.
Produto galego moderno
A artesá Sandra Vilas é a promotora de Boina Galega, idea que resultou vencedora na modalidade de proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica. A súa intención é poñer no mercado a primeira “boina galega do século XXI”, reinterpretando os modelos tradicionais con materiais de alta calidade e modernizando a produción, xa que na actualidade non hai empresas dedicadas á súa fabricación. Ademais de promover a recuperación dun produto culturalmente simbólico para Galicia, Sandra Vilas quere proxectar a súa boina galega no mundo cun modelo de negocio que inclúe clientes a nivel internacional.
Na outra modalidade a concurso, a de proxectos en internet e desenvolvemento de aplicacións informáticas no sector cultural, o xurado decidiu outorgar dous premios en igualdade a Gaita Galega MIDI e a Minervas Voice.
O primeiro é unha idea do músico e enxeñeiro informático lugués Alejo Pacín Jul, que quere fabricar a primeira gaita electrónica, baseada en software e hardware libre, que ofreza unha simulación, o máis fiel posible, do son da gaita galega. A día de hoxe non existe ningún produto que cumpra as esixencias dos usuarios, asegura Alejo Pacín, pero el aspira a conseguilo coa colaboración de Luis Latas Vilanova, artesán gaiteiro, e Pepe Vaamonde Manteiga, gaiteiro profesional de recoñecido prestixio.
Por outro lado, Minervas Voice é unha plataforma web de contidos que reunirá información, investigación, documentación e producións audiovisuais que promovan a igualdade de xénero e a exemplaridade daquelas mulleres consideradas inspiradoras ao longo da historia. O proxecto contempla tamén a realización de experiencias de realidade aumentada para introducir ao usuario na historia das mulleres. Detrás de Minervas Voice están María Ignacia Cevallos, produtora audiovisual con ampla experiencia e fundadora de Zenit Televisión, e todo un equipo de profesionais con formación en innovación e xestión empresarial, publicidade, enxeñería informática e finanzas.
Apoio económico e acompañamento experto
A través dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia apostan por apoiar os emprendedores e emprendedoras galegos desde que dan os seus primeiros pasos. Un apoio que se materializa non só na achega económica dos galardóns, senón tamén no acompañamento e asesoramento de expertos que poñen o seu coñecemento e experiencia ao servizo dos novos emprendedores.
Cada proxecto galardoado recibirá un premio en metálico –3.000 euros para cada modalidade, que se repartirá por igual no caso dos dous vencedores da categoría tecnolóxica– e a posibilidade de incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Os emprendedores e emprendedoras disporán no coworking do Gaiás dun espazo de traballo para lanzar os seus proxectos, beneficiándose dun ambiente de traballo innovador e cooperativo e dun programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para transformar as súas ideas en empresas sostibles e competitivas.
Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, a posta en marcha de catorce proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales seguen a día de hoxe como empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean do médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego en Galicia.
A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias colaboran na extensión da Administración dixital aos concellos poñendo á súa disposición o catálogo de servizos dixitais da Xunta. Así se recolle nun convenio asinado recentemente entre o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
A sinatura deste acordo dá continuidade á colaboración que estas entidades veñen mantendo desde o ano 2010 para facilitar a dixitalización dos municipios, poñendo á súa disposición un catálogo de servizos dixitais que se ten ido ampliando nestes anos. Os concellos interesados en empregar as solucións da Xunta asinan un acordo de adhesión a través da Fegamp para poder empregalas. O catálogo de servizos dixitais está dispoñible no portal Eido Local, no que se actualizan as novas incorporacións e se ofrece información detallada de cada un deles.
Servizos
O catálogo ofrece un amplo abano de servizo dixitais que abarcan desde os servizos máis básico como as comunicacións ou rexistros a aqueles que esixen as leis 30 e 40/2015 para garantir unha Administración integramente dixital como poden ser a interoperabilidade, a través da Plataforma Pasaxe!, as notificacións electrónicas a través de notifica.gal ou relativos á contratación como a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, os Sistemas de Licitación Electrónica e de Facturación.
Integración progresiva
O catálogo de servizos dixitais da Xunta está a facilitar a dixitalización progresiva das entidades locais. No último ano duplicouse o número de concellos que accede á plataforma de Contratos de Galicia e un 78% os concellos do espazo de transparencia. O uso das notificacións electrónicas, a través do sistema notifica.gal da Xunta creceu un 34% entre outubro de 2017 e outubro de 2018.
O Catálogo de Servizos Dixitais é unha das iniciativas do Plan de Administración de Goberno Dixital 2020 dentro da aposta da Xunta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais, entre os tres niveis administrativos. Para facilitar a prestación conxunta de servizos dixitais, o anteproxecto de lei de Administración dixital de Galicia, en tramitación, prevé a creación dunha Comisión de coordinación interadministracións.
Grao de implantación da dixitalización
O último informe sobre “Administración electrónica nos concellos galegos”, do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito Amtega sinala que o 79,3% dos concellos galegos que dispoñen dun sitio web contan con sede electrónica, o que supón un incremento do 49,9% nos últimos dous anos.
Tres de cada catro concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico, mentres que o procedemento que conta cunha menor implantación na sede electrónica dos concellos é o de “Pago electrónico: tributos, multas, etc.”.
O “Rexistro de documentos” e a “Solicitude e obtención de certificados” son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción. Ademais, o 27,7% de concellos galegos contan cun catálogo de procedementos dispoñible a través de Internet, sendo especialmente significativo entre os concellos con máis de 50.000 habitantes (57,1%).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de servizos web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libra da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/archam-web/).
Con esta nova liberación búscase poñer a disposición dos desenvolvedores, tanto particulares, empresas ou outras administracións o esqueleto común que se emprega na Amtega para o desenvolvemento de servizos web, favorecendo a reutilización e fomentando a estandarización dos mesmos. Así mesmo, permitirá tamén que o traballo de liberación das novas solucións que se desenvolvan tomando como base este arquetipo sexa moito máis áxil e sinxelo.
Este arquetipo é o segundo que se libera por parte da Amtega, que xa ten liberado o ano pasado o arquetipo para o desenvolvemento de aplicacións web Java. O código fonte liberado non só inclúe o esqueleto para o desenvolvemento de novos servizos web, senón que tamén se liberan novas versións de compoñentes transversais que se empregan dentro da Amtega e que poden ser reutilizados en moitos casos de uso.
Arquetipo de para o desenvolvemento de servizos web
O Arquetipo pódese entender como un esqueleto base común para a creación de servizos web, que inclúe xa unha base a partir da cal se poden desenvolver funcionalidades máis específicas.
Este arquetipo xurde como un obxectivo interno de homoxeneizar e estandarizar todos os servizos web que se desenvolven internamente, cumprindo tamén cos estándares Java da Amtega, o que facilita tamén o traballo aos provedores tecnolóxicos, e fomentar tamén na comunidade o desenvolvemento e reutilización de compoñentes transversais.
Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).
Un paso fundamental para promover o uso da tecnoloxía entre as persoas vulnerables, como moitas persoas con discapacidade, é a formación daqueles que traballan en organizacións sen ánimo de lucro, para que poidan trasladar eses coñecementos a quen máis o necesitan.
Por esta razón, a Unión Europea, dentro do seu programa Erasmus+, está a preparar un proxecto para desenvolver as competencias dixitais nas Ong, como un medio para expandir o coñecemento e a formación na tecnoloxía e que poida chegar ás persoas que máis o necesitan.
Así, o obxectivo deste programa, chamado Dlngo polas súas siglas en inglés, é formar en novas tecnoloxías ás persoas que traballan en entidades sen ánimo de lucro, co fin de que poidan ensinar a persoas vulnerables conceptos e habilidades informáticas básicas que lles permitan desenvolver novas oportunidades sociais, laborais e económicas.
París acolleu a primeira reunión dos membros do consorcio do proxecto Dlngo, entre os que se inclúe pola parte española Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade.