main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/11/201812:51
Cartel do evento.
A Coruña

R apoia a Mobile Week Coruña con patrocinio, obradoiros e charlas

Entre os patrocinadores-impulsores principais do evento Mobile Week Coruña, que como indicamos comeza hoxe achegando un cento de actividades, atópase o operador de raizame galega R. Alén do patrocinio en si mesmo, a empresa de telecomunicacións vai colaborar na primeira edición do dito acontecemento con obradoiros de robótica para a rapazada e con charlas para educadoras e educadores sobre o emprego de novas tecnoloxías para a mocidade nada na era dixital. 

Organizado polo Club Financeiro Atlántico, a Mobile Week Coruña conta tamén co apoio do Concello e da Deputación da Coruña e máis da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

Polo que refire aos obradoiros tecnolóxicos Crea R que a empresa porá a disposición dos asistentes á Mobile Week, estes son de balde están concibidos para cativas e cativos de entre 7 e 13 anos que poderán potenciar a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor. Organizarase unha primeira quenda para nenos de 7 e 8 anos, de 10:30 a 12:30 h. Deseguido, a rapazada de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:30 a 14:30 h. E xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán esta xornada coa que, sobre todo, se procura que aprendan mentres se divirten. Durante o obradoiro, os cativos van crear un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. A intención de R é a de achegar aos participantes á programación “dun xeito natural e divertido”, mentres xogan cos enxeños que eles mesmos artellan paso a paso: coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido. 

Segundo engade R, o obxectivo é que “os nenos potencien a súa creatividade e esperten o seu espírito emprendedor ao tempo que adestran habilidades importantes como o traballo en equipo e a comunicación”. Ademais, engade a operadora, búscase que as nenas e nenos deixen de “ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e botan man dela, desta volta, para crear e aprender”. 

Tanto na cita de Mobile Week Coruña como nas anteriores xeiras de Crea R, a operadora contará coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo.

A outra acción coa que a operadora está presente no acontecemento coruñés que comeza hoxe é unha das súas charlas do ciclo Nativos R, tamén de balde. Nativos R é unha iniciativa para acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

En palabras da firma de cable, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros. Esta acción didáctica de R xa recalou en Cee e máis no Carballiño e este xoves farao en Verín; tralo seu paso pola Mobile visitará Sarria e A Guarda.

R tamén informa de que a día de hoxe xa están esgotadas as entradas tanto para os obradoiros Crea R coma para as charlas Nativos R. Ambas as dúas accións desenvolveranse o sábado 24 de novembro no edificio do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, CITIC, entidade que dende hai semanas vén colaborando activamente con R na preparación destas iniciativas para a Mobile Week Coruña. 

As actividades formativas e divulgativas de R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás, amais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

21/11/201812:45
Cartel do evento.
A Coruña

As empresas galegas mostrarán os seus casos de éxito TIC no Ecommerce Tour A Coruña

A Coruña ferve estes días de acontecementos tecnolóxico-dixitais que centran a atención mundial de profesionais, desenvolvedores e empresas na nosa terra. Así, á Mobile Week Coruña e as súas moitas actividades únese este xoves, en PALEXCO, a parada galega da xira Ecommerce Tour 2018, unha xornada para, en palabras dos organizadores, “dar a coñecer tendencias sobre comercio electrónico, loxística, transformación dixital, mercadotecnia dixital e comercio en liña”. 

Segundo avanza dende Ecommerce News, impulsora da xira, participarán máis de 200 profesionais mostrando os novos vieiros da actividade económica, produtiva, cultural e comunicativa. Amais, porase o foco en achegar recursos para facilitar a obrigada transformación tecnolóxica das nosas empresas. 

Haberá relatorios, mesas redondas e casos de éxito das diferentes empresas e institucións que lideran a transformación dixital e o comercio electrónico en Galicia, exemplos de éxito de empresarias e empresarios innovadoras/es da nosa terra como Minevera.com (startup que aposta por levar tuppersa domicilio ou oficinas), Fresco y del MarZapaterías KrackMariskito.comO PercebeiroTote Bebes,Brico4Pro ou Dromosport, aos que cómpre engadir contribucións estatais tan relevantes comoElectrocosto.com ou Vinopremier (que recentemente abriu sede de seu na Coruña). 

A axenda do evento tamén ten previsto analizar estratexias de optimización loxística para comercio electrónico a través de DHL Parcel e Correos Express; consellos para optimizar as vendas a través de mercadotecnia automática grazas a Emred; como sacar o máximo proveito ás redes de afiliación; pagos a través de canles de atención ao cliente como Whastapp ou Messenger grazas a Comercia Global Payments, e “moito máis”. 

O evento desenvolverase este 22 de novembro de 2018 de 10h a 14h en PALEXCO (Peirao de Transatlánticos, s/n, 15003 A Coruña, A Coruña).

21/11/201812:44
Varios mozos traballan nunha oficina.
Madrid

Empresas de tecnoloxía que lideran a inserción de persoas con discapacidade

Os premios Intrama buscan recoñecer o esforzo que fan moitas empresas pola integración e a diversidade, tanto en materia de discapacidade como de xénero, co obxectivo de lograr sociedades empresariais máis igualitarias.

Nesta edición entre as empresas premiadas atópanse algunhas tecnolóxicas como Zardoya Otis ou Ilunion, xunto a compañías doutros sectores como Coca Cola, CaixaBank, Accenture, Correos, Lilly, Metlife, MSD e Pfizer.

No caso de Zardoya Otis, o fabricante de ascensores e escaleiras mecánicas foi recoñecido polo seu programa "Todos somos todos", no que se inclúen nove iniciativas para poñer en práctica o seu compromiso coa diversidade de xénero, coas persoas con discapacidade e coas persoas en risco de exclusión social.

Cabe destacar o premio a Ilunión, xa que a compañía do Grupo Social ONCE recibiu o primeiro premio como claro referente da integración das persoas con discapacidade na empresa.

Ademais destas empresas, tamén resultaron galardoadas a presidenta de Sodexo, Carina Cabezas, co Premio Muller Inspira; e a directora de Diversidade, Talento e Desenvolvemento de Vodafone, Rebeca Navarro, co Premio Professional Diversity.

Estes premios concédeos a consultora de recursos humanos Intrama, que está especializada en formación, consultoría e organización de eventos sobre diversidade e xénero.

21/11/201807:44
O titular do Goberno galego visitou as instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA con motivo do seu XXV aniversario.
Santiago de Compostela

Feijóo remarca o traballo da Xunta por situar os centros tecnolóxicos galegos como ponte entre a investigación, a Universidade e a industria

  • Salienta que, desde 2013, se destinaron 12 millóns de euros para impulsar a actividade dos 9 centros tecnolóxicos da Comunidade
  • Resalta que hoxe, logo de cinco edicións convocadas, son 39 as unidades mixtas que se constituíron na industria galega, apoiadas por 28 multinacionais líderes e cunha mobilización de capital de 114 millóns de euros
  • Asegura que na segunda década deste século o CESGA desempeñará un papel indispensable, xa que a supercomputación, a informática de altas prestacións, é a gran ferramenta desta era dixital
  • Resalta que nestes 25 anos o Centro de Supercomputación de Galicia leva participado en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron máis de 550 millóns
  • Avanza que en 2019 se iniciarán os traballos para a licitación dun novo ordenador, co obxectivo de que o CESGA siga estando na elite dos centros de supercomputación
  • Destaca o compromiso dos 300 profesionais que hoxe forman parte deste centro

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe o traballo da Xunta por situar os centros tecnolóxicos galegos como ponte entre a investigación, a Universidade e a industria, subliñando que, con este fin, desde 2013, se destinaron 12 millóns de euros para impulsar a actividade dos 9 centros tecnolóxicos da Comunidade.

Durante o acto de conmemoración do 25 aniversario do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), Feijóo incidiu na importancia de que as empresas aposten por innovar e de que os centros tecnolóxicos ‘estean aí’, para actuar como interface entre a investigación e a empresa. “A industria galega xa entende que os centros tecnolóxicos e as empresas son dous aliados que se necesitan entre si, para seguir avanzando en modelos de fabricación e de produción máis innovadores e competitivos”, explicou, resaltando que hoxe, logo de cinco edicións convocadas, son 39 as Unidades Mixtas que se constituíron na industria galega, apoiadas por 28 multinacionais líderes e cunha mobilización de capital de 114 millóns de euros.

Nesta liña, aseverou que o CESGA leva 25 anos exercendo coma esa ponte; 25 anos apoiando a industria e os organismos de investigación galegos nos desafíos tecnolóxicos que afrontan. “No CESGA temos a proba palpable de que en Galicia a ciencia, a tecnoloxía e a innovación, é dicir, todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i, traballan na mesma dirección”, aseverou, avogando por consolidar este esforzo conxunto e conseguir que se traduza nun sistema máis competitivo e con maior capacidade de innovación.

Sobre este punto, salientou que na segunda década deste século o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia desempeñará un papel indispensable, xa que a supercomputación, a informática de altas prestacións, é a gran ferramenta desta era dixital. Non en van, está detrás da industria conectada, da Industria 4.0, e de todos os avances que comporta –como a robótica, a intelixencia artificial ou a impresión 3D-; da predición meteorolóxica; da previsión diaria do estado do mar; ou da secuenciación xenética. Todas elas, áreas de traballo nas cales o CESGA colabora con MeteoGalicia, con Portos do Estado, co Programa Europeo de Observación Terrestre Copernicus, coa Fundación Pública Galega da Medicina Xenómica, ou co Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA).

Con este fin, avanzou que en 2019 se iniciarán os traballos para a licitación dun novo ordenador “que adquiriremos entre o CSIC e a Xunta para que estea en funcionamento en 2020, co obxectivo de que o CESGA siga estando na elite dos centros de supercomputación”.

Así mesmo, lembrou que se en 1993, internet empezaba a abrirse paso timidamente en España e xa era posible enviar os primeiros mensaxes de texto (SMS), agora, un cuarto de século despois, Galicia quere ser territorio preferente para pilotar as primeiras solucións baseadas en tecnoloxías 5G; máis do 97% dos fogares galegos con nenos e estudantes dispoñen de internet; e o CESGA conta cunha plataforma, o Finis Terrae II, que multiplica por 4.000 a memoria RAM dun ordenador medio.

Feijóo resaltou que nestes 25 anos o CESGA leva participado en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron máis de 550 millóns de euros; presta o seu servizo de procesamento e almacenamento de datos a máis de 700 usuarios, entre empresas, grupos de investigación ou particulares; colabora actualmente con 48 departamentos de investigación das tres universidades galegas, con 33 departamentos de investigación do CSIC e presta servizo á práctica totalidade dos centros tecnolóxicos de Galicia; e só o pasado ano participou en 57 proxectos con 80 empresas galegas, por un importe total de 3 millóns de euros.

O titular da Xunta concluíu destacando o compromiso dos 300 profesionais que hoxe forman parte deste centro e garantiu o compromiso de seguir traballando para que siga consolidándose como soporte da I+D+i que en Galicia desenvolven as universidades, os centros tecnolóxicos, os departamentos de investigación do CSIC ou as empresas.

Pola súa banda, a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez López incidiu en que “a Xunta e o CSIC fixeron unha aposta de futuro. Mantivémola e confirmámola no novo plan de ICT, cuxo mapa se ratificou recentemente, e no que o CESGA participa ademais na Rede Española de Supercomputación”.

21/11/201807:33
Dúas mulleres traballando diante dunha pantalla.
Santiago de Compostela

A comisión de persoal da Xunta aproba o texto do anteproxecto da LEDIXGA co voto favorable de todas as organizacións sindicais

  • CIG, CCOO, CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación
  • O obxectivo da norma é acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva
  • Contempla a transformación das Oficinas de rexistro en Oficinas de atención á cidadanía, que prestarán asesoramento na xestión online
  • Créase a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa
  • Por primeira vez formúlase a creación dun marco galego de competencias dixitais para a cidadanía e un plan de capacitación dixital do empregado público

O Anteproxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA) continúa a súa tramitación tras ser aprobado na comisión de persoal da Xunta de Galicia co voto favorable de todas as organizacións sindicais. A CIG, CCOO, CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación.

A LEDIXGA busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva baseada en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.

O anteproxecto de Lei estrutúrase en oito títulos e 127 artigos que adaptan as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 á realidade do sector público autonómico para regular os aspectos fundamentais que permitan universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.
 

Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Nesta liña, o anteproxecto de Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
 

Capacitación dixital

A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apoio importante.

Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.

 

Posto de traballo dixital

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.

Neste eido xa está en marcha o Plan de xestión e dotación de medios TIC con medidas como a dotación de novo equipamento, a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipos.
 

Avaliación e seguimento

Para facilitar o seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no  funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos.

Ademais, aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS