
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia empezará a traballar na Axenda Dixital Post-2020, que contará cun polo Gaiás-Dixital e cun Comité de intelixencia artificial. “Estamos a falar dunha ferramenta para contextualizar a estratexia europea no ámbito dixital no noso contorno, para aproveitar a posición que a transformación dixital terá no novo marco de financiamento europeo 21-27 e aproveitar os avances dixitais experimentados na Comunidade”, explicou.
Durante o acto de inauguración da Mobile Week, Feijóo precisou que esta estratexia contará con tres obxectivos: reforzar o papel de liderado do sector público para buscar respostas novas ao desafíos actuais e futuros, empregando todo o potencial da tecnoloxía; impulsar a capacitación de novos perfís especializados adaptados aos cambios no mercado laboral e atraer talento dixital; e aproveitar o potencial das novas tendencias tecnolóxicas fomentando o emprendemento e o crecemento das ideas.
Nesa estratexia, aseverou que o polo Gaiás-Dixital será o nodo rexional de referencia nas redes transeuropeas e permitirá abrir portas cara á compartición de infraestruturas tecnolóxicas no marco do mercado dixital único que promove a Unión Europea.
Así mesmo, e para analizar o potencial que se atopa na intelixencia artificial, capaz de impulsar novos modelos de traballo ou de prestar servizos públicos, subliñou que se creará un comité de expertos en diferentes disciplinas que permitirá unha análise rigorosa que calibre as oportunidades de aplicación e desenvolvemento e as medidas lexislativas nas que cómpre adiantarse.
“Queremos que Galicia teña voz nas tendencias tecnolóxicas de futuro”, dixo, subliñando que o Consello da Xunta aprobou o Plan Galicia 5G e acaba de constituír un nodo rexional de cooperación con tres multinacionais e un operador público 5G.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico subliñou que a Axenda dixital de Galicia permitiu: máis conectividade, a través dunha lei galega que apoia estas infraestruturas e un investimento que en 2020 superará os 250 millóns de euros, o que converte a comunidade na terceira autonomía con mellor cobertura 4G; unha Administración máis dixital, que se consolidará coa aprobación nos próximos meses da Lei de Administración dixital; e unha educación máis dixital, con equipamento dixital en todas as aulas, desde quinto de primaria ata bacharelato.
Nesta liña, referiuse tamén aos avances nos novos modelos de coidados no fogar; á Rede dixital de emerxencias, que integra no mesmo sistema todos os colectivos de emerxencias e seguridade; ou á construción da Memoria Dixital de Galicia.
Feijóo incidiu en que o Goberno galego leva tempo comprometido co sector TIC, que concentra máis de 3.400 empresas e dá traballo a case 22.000 persoas na Comunidade. Sobre este punto, destacou tamén a importancia de eventos como a Mobile Week Coruña e insistiu no interese de Galicia por estar presente nos retos relacionados con esta materia.
A Universidade da Coruña colabora coa Mobile Week Coruña aportando numerosas actividades ao seu programa dirixidas a todos os públicos. A Mobile Week estará na cidade de A Coruña ata o próximo 28 de novembro convertendo a Galicia na comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña.
O xoves 22 de novembro, o Campus Innova celebrará o evento “Realidade virtual, aumentada e mixta. Realidades de hoxe” no espazo de intervención cultural NORMAL. O obxectivo do evento, que contará cunha zona expositiva con demostrables e cunha xornada de tarde con workshops e charlas, é analizar casos prácticos de éxito que están a axudar no presente en accións cotiás do día a día e analizar as perspectivas de futuro destas novas realidades. Para iso contará coa colaboración de diversas empresas e entidades entre as que se encontran Kabel, Duacode, Xoia, Isostopy, Mobgen e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do CIS Galicia.
Pola súa parte, a Facultade de Informática da UDC acollerá o venres 23 de novembro no seu salón de actos, a mesa de debate “Comunicación e democracia” que contará coa participación, entre outros, dos investigadores Amparo Alonso e Guillermo López Taboada e abordará asuntos de actualidade como as fake news.
Así mesmo, o sábado 24 de novembro esta facultade acollerá o obradoiro “A hora do código. Aprendendo a programar”, unha actividade dirixida a nenos e nenas que achegará a programación de computadores dunha forma natural, simple, intuitiva e divertida.
Tamén na xornada do sábado terá lugar na Fundación Barrié a mesa de debate “Futuro dixital, para tod@s?” na que participará Susana Ladra, profesora da Facultade de Informática da UDC e directora do Campus Innova.
Pola súa parte, o Paraninfo da Reitoría acollerá na tarde do sábado dúas charlas que reflexionarán sobre a ética e a tecnoloxía con participantes como Nieves Rodríguez Brisaboa, directora do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD).
Ademais, o Centro de Investigación CITIC organiza e acolle ao longo de toda a semana diversos obradoiros de robótica e intelixencia artificial.
Todas as actividades son de acceso gratuíto aínda que é necesaria a inscrición previa a través da páxina web da Mobile Week Coruña onde poden tamén consultarse todos os detalles do amplo programa.
Máis información: https://www.mobileweekcoruna.com/
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou hoxe, durante un encontro sectorial no Espazo Xove de Ourense, a aposta da Xunta por “reforzar a aprendizaxe dixital da xente nova como valor engadido no ámbito socio-laboral”. Cecilia Vázquez asistiu a este evento, que baixo o título A innovación como base de emprendemento: A Molinera, laboratorio de innovación dixital, reuniu a mozos e mozas con actores empresariais da zona coa finalidade de impulsar a aparición de oportunidades no campo da innovación dixital.
Ao respecto desta actividade que tamén contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a directora xeral explicou que estivo centrada no papel das ferramentas dixitais e tecnolóxicas para a sociedade actual do coñecemento e os novos profesionais. Trátase de reforzar o achegamento da mocidade á formación en competencias dixitais, “unha xeración que convive cas tecnoloxías da información desde a súa infancia”, apuntou. Nesta liña, engadiu que outro dos obxectivos do encontro é que a mocidade coñeza e valore as novas profesións relacionadas con este ámbito de actividade como posibles saídas profesionais, ademais de ofrecer un espazo para a adquisición de coñecementos que axuden ao desenvolvemento persoal e profesional.
Cecilia Vázquez lembrou que o Espazo Xove de Ourense conta cun Espazo Emprende aberto ao abeiro do programa europeo Lidera. Neste espazo os rapaces e rapazas poden impulsar os seus proxectos e ideas de negocio a través do coworking. Así, nestas instalacións as persoas usuarias dispoñen tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha das súas propostas. De feito, o vindeiro luns, día 26 de novembro, está programada neste Espazo Emprende unha sesión de coaching.
A Cidade da Cultura acolle hoxe unha Xornada de Ciberseguridade, a primeira actividade coa que a Xunta achega a Santiago as actividades da Mobile Week Coruña. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, xunto co presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez, inaugurou o encontro destacando a importancia da formación e a divulgación para xerar unha cultura da ciberseguridade no tecido empresarial, especialmente entre as pemes e os autónomos.
Pereira destacou que esta xornada non é una iniciativa illada senón que se enmarca nas actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega para achegar a tecnoloxía ás pemes e que no seu programa de actividades ten previstos máis seminarios, xornadas, e demostracións vinculadas á ciberseguridade cun enfoque práctico e asequible para que pemes e autónomos coñezan as posibles opcións para abordar esta cuestión.
A oferta en ciberseguridade para empresas reforzarase en 2019 cunha nova edición do Programa Reacción TIC, en colaboración co Igape que, entre os novos servizos que ofrecerá estarán os orientados ao ámbito da ciberseguridade nas pemes.
Ademais, a responsable autonómica avanzou que a Amtega asinará un convenio co Instituto Nacional de Ciberseguridade para desenvolver novas liñas de formación e ofrecer novos servizos para as pemes.
Peme segura
A xornada conta durante a mañá con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE (https://www.incibe.es/), e Enrique Serrano (https://www.enriqueite.com/), cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.
A ciberseguridade na túa casa
A sesión da tarde, “Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s” abordará temas como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberbullyng ou a fraude dixital da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.
Así, a asociación Pantallas Amigas (https://www.pantallasamigas.net/); Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartirán con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.
17 actividades da Coruña ao Gaiás
A xornada de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a Axencia pública autonómica contribúe coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.
As actividades complétanse con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.
A Aula CeMIT de Ribeira organiza para as vindeiras semanas dúas novas actividades de balde na súa sede de Cubeliños. En primeiro lugar, os días 26 e 28 de novembro haberá un curso de catro horas titulado Coidando a túa saúde: plataforma É-Saúde do Sergas que proporcionará moitas claves sobre este sitio telemático tales como por exemplo o acceso a través da Chave365, consultas da información persoal de saúde e acceso a túa historia clínica, ver a túa folla de medicación, informes de farmacia, calendario de citas… O curso desenvolverase de 16:00 a 18:00 horas en cadansúa xornada.
Ademais, o luns 3 de decembro terá lugar unha videoconferencia de balde dende a Escola Galega de Consumo sobre Telefonía móbil: contratación, facturación e reclamacións. Celebrarase de 12:00 a 13:30 horas e aínda hai prazas dispoñibles.