
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Lugo está a organizar unha serie de programas para previr as drogodependencias e os malos hábitos asociados ás novas ferramentas tecnolóxicas entre a mocidade. Unha destas actividades celebrouse a semana pasada, no Vello Cárcere, e veu con feitura de debate sobre redes sociais e xuventude. Na cita, inaugurada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre, abordouse de cheo a problemática dun uso das TIC sen supervisión e asesoramento e da violencia en calquera das súas manifestacións ligada ás novas tecnoloxías.
Nesta iniciativa participaron tamén o delegado de participación cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e mailo presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, amais de representantes das ANPA de Lugo e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ademais, a charla contou coas intervencións e testemuños en primeira persoa de vítimas de ciberacoso e os seus familiares. A xornalista e redactora de Onda Cero, Lourdes Abuide, foi a encargada de moderar a mesa.
Esta actividade inseriuse no programa de obradoiros PREVILugo, destinados a levar valores educativos e de prevención de drogodependencias a centros educativos do concello. As xeiras de divulgación versan sobre educación afectivo-sexual, técnicas de estudo, novas tecnoloxías e bullying.
Tamén se ofrecen outras actividades como unha charla e documental, unha xornada sobre saúde na escola, un obradoiro dramatizado sobre o abuso das novas tecnoloxías ou un monográfico sobre a verdade do cannabis.
O programa foi presentado hai uns días pola propia Carmen Basadre, quen puxo o foco nun dos seus principais cometidos: fornecer á cidadanía, dende idades temperás, dunha ferramenta de traballo para fomentar en valores como a igualdade ou a non violencia. A iniciativa, amais de actividades como a desenvolvida no Vello Cárcere da que falamos antes, achega catro sesións diferentes para o alumnado de ESO e Bacharelato, a disposición dos centros participantes: sesións de educación afectivo-sexual, de técnicas de estudo, de acoso (bullying) e de novas tecnoloxías (facendo fincapé nos aparellos tecnolóxicos, nas redes sociais e nos xogos de apostas).
Así mesmo haberá charlas formativas, con material audiovisual e un debate sobre a temática exposta. Todos os centros interesados en solicitar estes obradoiros ou en obter máis información poden facelo na área de xuventude, no teléfono 982 297 269, ou ben na conta de correo da técnico deste servizo, mariajose.pena@concellodelugo.org.
As diferentes formas de dixitalizar as nosas iniciativas empresariais, adestrándonos para tirar o máximo proveito das moitas ferramentas que poñen as redes e a informática á nosa disposición, están estes días á vista na Mobile Week Coruña, o evento que enche estes días a cidade galega (e a súa área metropolitana) dun amplo abano de actividades transversais, interxeracionais e capacitadoras. Entre as accións que máis puxeron o foco na transformación tecnolóxica das empresas e dos empregos figurou a cita moderada este venres por Mundiario e na que participaron Eva López Barrio, Edita de Lorenzo, Tomás González Caballero, Juan José Delgado, José Manuel Valiño e José Luis Sancho, contando con José Luis Gómez, editor do dito xornal como moderador.
Como dixemos, o fío temático foron as novas oportunidades que ofrecen as ferramentas e servizos da revolución dixital e as metodoloxías máis acaídas para subirnos ao carro destas ferramentas e servizos. Tamén se fixo fincapé en como abordar esta transformación e en como acadar o máximo proveito da flexibilidade laboral que pon en xogo a dixitalización das empresas.
Nun plano máis concreto, recordouse que as novas tecnoloxías poñen de manifesto que hai moitos traballos que, por repetitivos e rutinarios, xa non é preciso que sexan as persoas quen os desenvolva, senón sistemas informáticos e máquinas con sobrada capacidade para levalos a cabo. A idea, sinalouse na mesa redonda, “é que o noso cerebro fique dispoñible para facer outras cousas” máis creativas e satisfactorias persoal e laboralmente. “Humanicémonos, evolucionemos e adaptémonos aos novos tempos”, sinalou Edita de Lorenzo, doutora enxeñeira de Telecomunicacións amais de profesora do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, ademais de vicedecana do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
Pola súa banda, Tomás González, director xeral da Asociación Data Economy España, fixo unha proclama para perdermos o medo a romper co analóxico e mergullarnos no dixital: “O primeiro que cómpre facer no plan estratéxico de dixitalización é mentalizar aos profesionais da organización das vantaxes que supoñen para eles e para a empresa os datos, cuxa análise e aproveitamento son un camiño aberto para a eficiencia dos procesos produtivos, a competitividade e unha mellor posición o mercado e nos buscadores”. E engadiu: “Hai que ir máis a traballar esa barreira das persoas: o medo ao cambio e sacarlles da súa zona de confort”.
Na mesa tamén se tocou o tema da fenda de xénero no ámbito TIC. Eva López, que dirixe o Programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela, subministrou un dato preocupante que convida á reflexión: cada ano segue descendendo de maneira exponencial o número de mulleres que se matriculan en Enxeñaría Informática ou escolas de enxeñaría. “Se as mulleres non estamos nas escolas de enxeñaría moito menos imos estar logo nas empresas”, sinalou.
Até que punto pode, quen non naceu no miolo da revolución dixital, vivir plenamente a revolución dixital? A operadora galega R quere transmitirnos a mensaxe de que as revolucións son para todos os públicos e que, de feito, para selo plenamente, deben chegar a todas as idades e sectores de poboación. Co fin de demostralo (e impulsar as capacidades de xente non familiarizada coas TIC), a empresa de telecomunicacións está a desenvolver pola nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Sarria, este 28 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da Casa da Cultura (rúa Marqués de Ugena s/n).
Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido A Guarda, logo do seu paso pola XGN de Silleda, Cee, O Carballiño, Verín e, esta pasada finde, a Mobile Week Coruña.
Segundo explica a operadora galega con máis detalle, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.
Para asistir á charla de nativos R en Sarria cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado día 20 e ata o mesmo 28 de novembro na tenda R da localidade luguesa (rúa Calvo Sotelo 64).
As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.
Sabes cales son os perfís dixitais máis demandados na actualidade en España? En que provincia podes orientar a túa procura de emprego segundo a túa formación? Que habilidades necesitas para as novas profesións? Fundación Telefónica presentou, o luns 26 de novembro, o Mapa da Empregabilidade, unha ferramenta dentro do programa "Conecta Emprego" que orienta ao usuario sobre as mellores opcións de formación dixital en función das súas habilidades e competencias.
A plataforma, baseada en intelixencia artificial, mapea os 23 perfís dixitais máis demandados en España, orienta na procura de emprego dixital por provincia, asesora a aqueles que queiran formarse nestas novas profesións e forma, a través de cursos presenciais e online, nas competencias dixitais requiridas para dedicarse a estas profesións do presente, moitas delas aínda por definir.
Actualmente, o 80% dos mozos que está a estudar atopará traballo en algo que non existe. Nos dous últimos anos tan só o 15 % das empresas contratou a profesionais dixitais para levar a cabo unha adecuada transformación, cifra que ascende ao 41 % nas empresas de cincuenta ou máis empregados. Doutra banda, o 47% das grandes empresas aumentará a contratación destes perfís nos próximos dous anos, segundo datos dunha enquisa realizada por InfoJobs. Por este motivo, a Fundación Telefónica, na súa aposta estratéxica por impulsar e fomentar a formación dixital, lanza unha web baseada en IA con datos obtidos maioritariamente de InfoJobs, que ofrece unha radiografía da empregabilidade dixital en España en tempo real: mapadelempleo.fundaciontelefonica.com.
Cada vez hai máis empresas do sector tecnolóxico que demandan profesionais en empregos emerxentes, aqueles que apenas existían a comezos da década. Son empregos vinculados á innovación, a tecnoloxía ou a transformación dixital que adoitan ter un baixo nivel de competencia. Entre eles, segundo datos do Informe Anual de InfoJobs 2017, destaca o de analista de datos, un emprego do cal en 2008 apenas había 200 ofertas e do que en 2017 houbo case 1.500 vacantes. Entre estes postos destacan tamén Data Scientist e outros en auxe, como especialista en robótica, ciberseguridade, Agile/Scrum ou User Experience.
Como che axuda a nova ferramenta de #ConectaEmpleo?
Acordo de colaboración con InfoJobs
Esta plataforma é o resultado dun traballo de 9 meses que non sería posible sen a colaboración de terceiros e de InfoJobs, como colaborador principal que nos permitiu acceder aos seus datos e incorporalos na nosa plataforma para poder crear o mapa da empregabilidade dixital en España. Desde a súa creación en 1998, InfoJobs revolucionou a procura de emprego e talento, ofrecendo un servizo único, eficaz e transparente para a xestión dixital dos procesos de selección, que, nos seus 20 anos de traxectoria, permitiu pechar máis de 10 millóns de contratos no noso país. En 20 anos máis de 550.000 empresas publicaron en InfoJobs preto de 28 millóns de vacantes. Actualmente, 7 de cada 10 ofertas publicadas en internet están en InfoJobs, e o 76% dos profesionais que buscou unha nova oportunidade laboral en 2017 utilizou InfoJobs.
O Auditorio de Castellana 81, sede do IV Congreso Nacional de Dano Cerebral Adquirido, organizado pola Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), que se celebrou durante os días 22 e 23 de novembro en Madrid, foi o escenario escollido para a presentación de DCApp , a primeira aplicación dixital para Android e iOS deseñada para facilitar os trámites e a procura de recursos existentes para persoas con dano cerebral adquirido, unha vez abandonan a etapa hospitalaria.
A ferramenta DCApp, desenvolvida pola Fundación Gmp, FEDACE e a Fundación Polibea, en colaboración coa consultora dixital MO2O, cobre desta forma unha das grandes necesidades que teñen as persoas despois de sufrir unha lesión cerebral derivada dun accidente cerebrovascular, un traumatismo cranioencefálico, un tumor ou unha infección.
DCApp inclúe, nunha única ferramenta, toda a información necesaria para realizar un test de diagnóstico, coñecer as axudas dispoñibles (Lei de Dependencia, Cheque Servizo...), establecer un mapa de recursos e centros de axuda, ademais de crear un rexistro de todos os trámites e estados actualizados. Todo iso, por suposto, en función dun perfil personalizado e adaptado ás necesidades reais de cada usuario en función da súa idade, sexo, patoloxía...
En definitiva, a aplicación está pensada e desenvolvida co obxectivo de facer realidade o obxectivo de mellorar as condicións de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido, así como dos seus familiares, para unha plena inclusión familiar, escolar, laboral e social. Segundo revela o estudo "Coñecemento do DCA na Sociedade Española", realizado hai apenas un mes pola Fundación Gmp, a empresa de estudos de mercado GfK Spain e a Plataforma Española polo Dano Cerebral Adquirido, na actualidade, un 12% dos fogares españois ten algún membro con esta patoloxía, o que se traduce en que, como mínimo, máis de 650.000 persoas están afectadas no noso país por un DCA. Iso, unido a que o dano cerebral é a primeira causa de discapacidade en España, pon de relevo a importancia de que se desenvolvan ferramentas como esta aplicación. A app xa está dispoñible nas plataformas de distribución dixital Google Play e Apple Store. A súa descarga é completamente gratuíta.
Quen é quen detrás de DCApp
A Fundación Gmp é unha institución privada sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Educación, Política Social e Deportes baixo o nº 28-1541. Ten como obxectivo fundamental mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down, dano cerebral e/ou con outros tipos de discapacidade intelectual, para lograr a súa plena integración familiar, escolar, laboral e social e cun especial interese na infancia con discapacidade intelectual.
A Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) representa e dinamiza ao movemento asociativo de persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e as súas familias en España. É unha Entidade de ámbito estatal declarada de Utilidade Pública que, desde hai case 25 anos, apoia ás persoas con Dano Cerebral Adquirido e ás súas familias no exercicio dos seus dereitos de cidadanía e na súa plena inclusión na comunidade.
A Fundación Polibea foi creada no ano 2005. Está dedicada á atención de persoas con discapacidade e as súas familias, e reúne máis de 35 anos de coñecemento e experiencia de profesionais na xestión e rehabilitación de persoas con discapacidade.
MO2O é unha consultora que garante a optimización do negocio dixital dos nosos clientes e axúdaos nos seus procesos de transformación. Cun percorrido de máis de 10 anos de experiencia, ofrece solucións integrais e diferenciais que abarcan a conceptualización, a estratexia e a execución de proxectos.