
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Segue adiante (até pasadomañá) o evento Mobile Week Coruña con todo tipo de accións mobilizadoras e capacitadoras para familiarizar coa vangarda dixital a xentes de todas as idades. Entre os elementos activos da semana atópase o operador de raizame galega R. Alén do patrocinio en si mesmo, a empresa de telecomunicacións cooperou esta finde (na primeira edición do dito acontecemento), con obradoiros de robótica para a rapazada e con charlas para educadoras e educadores sobre o emprego de novas tecnoloxías para a mocidade nada na era dixital. Os talleres esgotaron as entradas dispoñibles.
En detalle, a contribución divulgadora de R á Mobile Week (como lembraremos, organizada polo Club Financeiro Atlántico en colaboración co Concello e da Deputación da Coruña e máis AMTEGA) deu comezo este sábado, cos obradoiros tecnolóxicos Crea R celebrados no Centro de Investigación TIC (CITIC), dúas citas concibidas para cativas e cativos de entre 7 e 13 anos e co obxectivo de estimular a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor. As actividades tiveron varias quendas: unha primeira, para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:30 a 12:30 h, outra para a rapazada de 9 e 10 anos, de 12:30 a 14:30 h, e, xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 h, unha máis para rapaces de 11 a 13 anos. Durante o obradoiro, os cativos tiveron ocasión de dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír estruturas.
O sábado, amais do devandito, R implicouse na Mobile Week Coruña cunha nova charla do ciclo Nativos R, tamén de balde. Nativos R é unha iniciativa para acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea, unha vez máis, foi mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
Como dixemos, ambas as dúas accións desenvolvéronse o sábado 24 de novembro no edificio do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, CITIC, entidade que dende hai semanas vén colaborando activamente con R na preparación destas iniciativas para a Mobile Week Coruña.
As actividades formativas e divulgativas de R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás, amais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na presentación das iniciativas de promoción turística que elaboraron os alumnos do obradoiro de emprego ‘Novicrea 4.0’ promovido o pasado ano pola agrupación de concellos de Celanova, Bande e Verea e centrado nas novas tecnoloxías da información. O acto contou tamén coa presenza dos alcaldes dos tres municipios promotores do taller.
Tres aplicacións informáticas e outros tres vídeos promocionais dos recursos patrimoniais e turísticos de cada un dos concellos, que xa están colgados nas redes, son o resultado final e visible dos 9 meses de traballo dos alumnos das especialidades de aplicacións web e de audiovisual.
Marisol Díaz afirmou que a iniciativa dos concellos promotores de apostar pola formación e a aprendizaxe nun sector tan de auxe como é o tecnolóxico “foi innovadora e creativa, a través da que os concellos promotores buscaron crear novas oportunidades laborais para as persoas desempregadas que participaron no obradoiro”. Ademais, subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral, ao tempo que se referiu á ‘Axenda Industria 4.0’ que apunta á necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria que cada día aposta máis pola innovación e a dixitalización.
A delegada territorial lembrou que este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que se invisten 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e a súa principal novidade consiste en que parte do alumnado ten a posibilidade de contar, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, e segundo sexa o caso, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando. Os 3 obradoiros restantes son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.
No acto proxectáronse os vídeos e o coordinador do obradoiro, Antonio Piñeiro, explicou o emprego das novas aplicacións que xa están colgadas no google play para que calquera persoa as poida descargar.
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na Coruña na xornada As TIC, saúde e seguridade, un encontro organizado pola Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña co apoio da Xunta co obxectivo de promover o uso responsable das tecnoloxías de información e da comunicación entre o estudantado.
No encontro, celebrado no Liceo La Paz, participaron expertos universitarios e profesionais tanto da informática como da saúde, así como representantes da Policía Nacional e da Garda Civil, que achegaron a súa visión sobre a ciberseguridade desde diferentes perspectivas.
A través da Escola Galega de Consumo, a Xunta traballa na mellora da formación en materia do consumo, prestando especial atención aos colectivos máis vulnerables, entre eles aos máis novos, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido. Así, desenvólvense iniciativas tanto no ámbito da formación regrada como da non regrada, a través de certames como Consumópolis ou Galicons.net, e proxectos como Lecer Consumo ou Infonadal Consumo, ademais do programa Cores.
A Xunta celebrará os días 28 e 29 de novembro catro talleres formativos nas catro provincias galegas para impulsar entre as pemes modelos de xestión competitivos e sustentables. A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que forma parte da primeira fase de Responsabilízate, tratará de achegar ás pemes participantes neste programa os coñecementos e ferramentas útiles para desenvolver con éxito un modelo de negocio baseado na Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Os talleres desenvolveranse o 28 de novembro na Coruña, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e en Lugo, na Fundación CEL; mentres que o 29 terán lugar en Vigo, na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), e en Ourense, na Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
Con este programa formativo búscase xerar a sensibilidade e coñecemento sobre a RSE, achegar formación e información actual, práctica e rigorosa en materia de RSE e fomentar a autonomía da peme no desenvolvemento e implantación da RSE. Este programa formativa complétase con formación on line que na actualidade estase a impartir a través dunha plataforma de teleformación. Este tipo de formación combinada permite realizar un seguimento personalizado das pemes para coñecer o seu avance de forma individual e así adaptarse a cada ritmo de aprendizaxe.
Os talleres dividiranse en tres módulos: A responsabilidade social empresarial, a RSE&Competitividade e a RSE&Reputación. Nos talleres prácticos repasarase a parte teórica de cada un dos módulos e levaranse a cabo cinco casos a través dos que se porán en práctica os coñecementos adquiridos. A iniciativa será impartida por unha das titoras do programa Responsabilízate, Sandra Fernández. Ao finalizar a sesión presencial, cada participante recibirá un certificado.
A Consellería de Economia, Emprego e Industria, a través do programa Responsabilízate, está a impulsar entre as pemes galegas un novo modelo produtivo más eficiente, sustentable e integrador para incrementar a súa competitividade.
O Grupo GTI da Universidade de Vigo vén de ser seleccionado pola Unión Europea para desenvolver un proxecto abeirado a unha das tecnoloxías chamadas a revolucionar o mundo das comunicacións tal e como o coñecemos: a tecnoloxía 5G. Trátase do proxecto FastFlow 5G, elixido para a primeira chamada aberta de propostas para ORCA, financiado pola Unión Europea (ao abeiro do programa H2020) co obxectivo de converternos en líderes mundiais da quinta xeración de tecnoloxías de telefonía móbil. Como está previsto superar este reto? Pois, por exemplo, facendo realidade as ferramentas que posibilitarán a transmisión de vídeo de ultra definición ou conectar millóns de dispositivos (Internet das Cousas).
O proxecto FastFlow5G do Grupo de Tecnoloxías da Información do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC) da Universidade de Vigo foi reclamado para a categoría Excelencia Científica, o que lles permitirá aos investigadores vigueses poñer en valor unha parte dos resultados máis recentes do seu traballo no ámbito das comunicacións 5G, concretamente os referidos a tecnoloxías de virtualización dos núcleos de rede ou o control de tráfico, entre outras liñas de desenvolvemento.
Polo que se refire a ORCA, busca que os investigadores académicos e industriais leven os escenarios de probas até os límites e que creen experimentos complexos que logren que a tecnoloxía avance ata acadar os obxectivos marcados para as redes 5G. FastFlow5G, segundo explican os seus desenvolvedores, é un proxecto que estuda como se pode reducir a latencia extremo-a-extremo dun fluxo de datos en tempo real. Grazas a isto, engaden, será posible realizar tarefas de control remoto a través de redes celulares, por exemplo de drones e robots industriais, ou poderanse crear aplicacións de realidade virtual ou aumentada que funcionen sobre terminais móbiles moi sinxelos. No proxecto participa Felipe Gil-Castiñeira xunto aos tamén investigadores de GTI David Candal, Pablo Fondo, Francisco Javier González Castaño, Carlos Pérez, Juan García e Rubén Pérez Vaz. Para acadar o seu obxectivo, FastFlow5G desprega nos bancos de probas (testbeds) de ORCA un sistema completo e funcional de comunicación 4G/5G.
Unha das súas principais características é que, no caso de detectarse que a latencia que proporciona o sistema é demasiado alta para a aplicación que está utilizando a rede, móvense os elementos necesarios do núcleo de rede ao extremo da mesma, “sen que as e os usuarios se decaten, nin teñan que realizar ningunha acción específica”, explican.