main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/11/201809:19
Entrega de premios da Asociación Española de Fundacións.
Madrid

Fundación Telefónica, premio AEF á "Transformación dixital"

A Asociación Española de Fundacións (AEF) entregou á Fundación Telefónica o Premio AEF "Á transformación dixital" no transcurso do II Foro DEMOS, o foro das fundacións e sociedade civil que reuniu en MediaLab-Prado e Caixa Forum Madrid a máis de 800 persoas en busca de solucións que melloren o noso mundo. Un punto de encontro para inspirar, compartir e promover novos enfoques e proxectos que respondan ás necesidades actuais da sociedade.

  • A AEF premiou a Fundación Telefónica por "o seu decidido impulso para facer das transformacións tecnolóxicas un instrumento ao servizo da sociedade dixital, que responda as esixencias da igualdade de oportunidades e á difusión do coñecemento para todos e ao servizo de todos".

 

Os premios foron entregados polos actores de Campións, película candidata aos Óscar 2019; Antonio Garrigues, presidente da Fundación Garrigues; Rafael Matesanz, fundador da Organización Nacional de Transplantes; Araceli Pereda, presidenta da Asociación Hispania Nostra; e a nadadora paralímpica Teresa PeralesLucila Ballarino, responsable Global Transformación Dixital da Fundación Telefónica, subiu a recoller o galardón.

O xurado formárono Antonio Garrigues, presidente da Fundación Garrigues, Avogados e Asesores Tributarios; Ana María Llopis, fundadora e conselleira delegada de Global ideas4all SL.; Rafael Matesanz, fundador da Organización Nacional de Transplantes e Premio Príncipe de Asturias; Teresa Perales, nadadora paralímpica; Araceli Pereda, presidenta da Asociación Hispania Nostra; Bieito Rubido, director do diario ABC; e Eva Saiz, subdirectora do diario El País.

A xornada inaugural de DEMOS contou con Javier Nadal, presidente da AEF; Rosalía Arteaga, expresidenta de Ecuador; Michael Hastings, membro da Cámara dos Lores e xefe global de Cidadanía de KPMG Internacional; e Federico Buyolo, director xeneral Alto Comisionado Axenda 2030 en España. Máis de 80 expertos en sectores como o tecnolóxico, educativo, científico, deportivo ou filantrópico explicaron como superar os retos actuais e activar aos cidadáns. Todos eles puxeron de manifesto o papel protagonista da sociedade civil como motor de cambio e o optimismo como mellor saída: só os optimistas son capaces de afrontar os retos futuros e aproveitar as oportunidades para crear un mundo mellor.

 

A tecnoloxía como motor social

A Fundación Telefónica puxo en marcha en 2017 a estratexia global de Transformación Dixital co obxectivo de combinar intelixentemente a tecnoloxía dispoñible coa súa experiencia en acción social. Deste xeito, é posible conseguir un maior impacto social nos proxectos, ademais dunha maior eficiencia operativa e un incremento do beneficio e a capacidade de acción. Esta área estratéxica transversal envolve a toda a institución cun dobre alcance: un interno, en canto á transformación dos perfís, os procesos, as ferramentas de traballo que se utilizan, os sistemas e o ADN como organización; e, doutra banda, mirando cara fóra, a través dos proxectos que achega á sociedade. Á súa vez, está estratexia está a aplicarse a todos os proxectos nas catro liñas de intervención onde actúa a Fundación Telefónica: educativos, de emprgeabilidade, de voluntariado corporativo e de arte e cultura dixital.

Grazas á Transformación Dixital, a Fundación Telefónica está a evolucionar como organización cara a unha organización áxil, que realiza proxectos innovadores con persoas innovadoras, onde a tecnoloxía mellora a capacidade de achegar valor social, que toma decisións baseadas en datos e que aproveita as ferramentas tecnolóxicas para maximizar a eficiencia de procesos. O seu plan estratéxico baséase en tres alicerces principais: unha unidade de tecnoloxía e sistemas; unha unidade de innovación e dixitalización; e unha última de big data e analítica avanzada aplicada a todos os programas. Con estes tres alicerces e un forte compoñente de dixitalización, tanto de proxectos como de procesos e as persoas, conseguiuse este triplo impacto de máis eficiencia, máis impacto social e mellor posicionamento.

29/11/201808:48
Momento do evento.
Santiago de Compostela

O III Campus Abanca ilustrou á mocidade nas profesións do futuro

Abanca e a súa Obra Social, Afundación, organizaron a terceira edición do Campus Abanca, iniciativa para estimular o emprendemento, a innovación social e as competencias persoais entre a mocidade, integrándose nesta ocasión na I Feira de Innovación USC-Abanca no edificio CINC da Cidade da Cultura.

Durante a xornada desenvolveuse o congreso Campus Abanca, que tivo como máximo expoñente un par de mesas redondas nas que se achegaron moitas das novas oportunidades profesionais que poden xurdir na actualidade, que se afastan dos empregos tradicionais, pero que poden ser un exemplo inspirador para a orientación do futuro laboral da mocidade actual. Na primeira mesa redonda da mañá participaron exemplos de profesionais que souberon dedicarse ao que lle apaixona, como o bicampeón de España de kickboxing Manu Míguez, os artistas Marcos M. PuhingerÁlex Rivas de Gamerswalk e o localizador de videoxogos Ramón Méndez. Precisamente estes dous últimos, ao dedicarse ao sector dos videoxogos, foron os que captaron a maior atención do público, entre o que non faltaban estudantes que querían orientar a súa carreira a ese sector, con dúbidas de se en Galicia habería industria que puidese acollelos.

A segunda mesa redonda, coa que completáronse as actividades da mañá, xuntou a profesionais que chegaban de ámbitos moi dispares, pero que actualmente viven en boa medida da súa reputación pública e do público que congregan, o que nuns casos lévalles a conseguir patrocinios e noutros contratacións, pero que finalmente podemos dicir que é xente que vive de traballos que até hai poucos anos parecería imposible.

Por exemplo, María Olveira explicou como puido orientar a súa actividade ao mundo da moda na Internet, aproveitando a ocasión para advertir dos riscos que supoñen o uso de plataformas de comunicación globais como Instagram (xa que hai poucas semanas a súa conta de usuario foi secuestrada); por outra banda Luzía Piñero explicou como orientou a súa carreira profesional de educación física ao personal training e á nutrición grazas á Rede, en vez de seguir as canles tradicionais e dedicarse á docencia; o emprendedor Marcos Pérez explicou como a través dos seus traballos pode tecer unha rede que o leva a establecer comunicacións coas persoas e empresas que rematan contratándoo para atender as súas necesidades; e finalmente os youtubeiros FatiVazquez e TOBBALink, con máis de 600.000 e 1,5 millóns de subscritores respectivamente, serviron de exemplo de como abandonar traballos tradicionais para realizarse cunha actividade coa que gozan máis, como é a produción de contidos para plataformas en liña como YouTube.

Completouse así unha xornada que para os mozos foi principalmente un xeito de ver como hai profesionais que viven de actividades que na súa meirande parte nin sequera existían hai unha década, polo que cómpre ter iso en consideración á hora de explorar oportunidades de cara ao futuro laboral.

28/11/201809:43
Viñedos.
Monforte de Lemos

A Xunta porá en marcha unha aplicación para telefonía móbil gratuíta que permitirá ter información fitosanitaria para o viñedo en tempo real

  • O proxecto piloto AppFitoVit será desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) e permitirá obter boletíns de avisos fitosanitarios territorializados en toda Galicia

 

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolverá o proxecto piloto “AppFitoVit”, que consiste no desenvolvemento dunha aplicación para telefonía móbil que dará servizo de información fitosanitaria para o viñedo a tempo real. Esta acción está inserida dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75% con fondos Feader ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.

Este proxecto piloto presentouse esta mañá durante a xornada técnica “Financiamento e logros na innovación do sector vitivinícola galego”, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e á que acudiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. Neste evento colaboraron o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Agacal e a Fundación Juana de Vega.

Esta iniciativa dá resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego de contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia. A súa consecución permitirá contar cunha ferramenta fundamental para predicir episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas derivadas de tales fenómenos.

Para o seu desenvolvemento, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia conta cos servizos dunha empresa especializada no deseño de plataformas dixitais para a agricultura e viticultura de precisión, así como coa colaboración de 33 entidades entre as que se atopan os cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia.

A aplicación AppFitoVit desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prevé rematar no ano 2019, establecerase unha rede interna entre os técnicos correspondentes ás entidades colaboradoras co obxecto de deseñar e validar a estrutura da aplicación móbil. Nunha segunda fase comprobarase a validez dos datos climatolóxicos, edafolóxicos e fenolóxicos manexados e comezará a emisión de boletíns de avisos fitosanitarios territorializados de forma interna. Na derradeira fase do proxecto, e unha vez validado o funcionamento da aplicación, pasará a ser pública e aberta ao sector totalmente de balde.

28/11/201809:33
Cartel da iniciativa.
A Coruña

O primeiro MOOC lanzado pola Universidade da Coruña finalista ao premio Innovación Educativa MiríadaX 2018

O primeiro MOOC (Massive Open Online Courses) lanzado pola Universidade da Coruña, en colaboración coa Universidade de Cádiz, “Música para o S.XXI: achegas do sotfware libre á educación musical“, está entre os dez finalistas ao premio Innovación Educativa MiríadaX 2018. O MOOC foi seleccionado entre un total de 89 candidaturas de 44 universidades de 8 países diferentes.

Miríadax é unha plataforma de MOOC's iberoamericana que aposta por impulsar o coñecemento en aberto no ámbito rexional da Educación Superior. Neste senso, o concurso busca impulsar o acceso universal e de calidade á educación universitaria en español e portugués fomentando a difusión do coñecemento en aberto no Espazo Iberoamericano de Educación Superior a través da notoriedade dos seus mellores MOOC.

O premio está dirixido a docentes ou equipos docentes de calquera universidade ou institución iberoamericana con iniciativas que promoven a aprendizaxe dixital e a inclusión social.

Entre outros indicadores, o concurso valora o deseño atractivo e a adaptación dos contidos co fin de que sexan accesibles para persoas con discapacidade visual ou auditiva, a orixinalidade e capacidade da proposta para transmitir con rigor, extensión e claridade os contidos, a capacidade de dinamización da comunidade creada nos foros de discusión de cada curso ou o número de participantes que finalizan o curso, así como a súa valoración.

Nunha primeira fase analízanse as enquisas de opinión do alumnado, a taxa de finalización acadada, o deseño e a dinamización titorial. Ademais faise unha revisión por pares realizada por docentes que impartiron cursos MOOC. Na segunda fase, un comité editorial analiza e avalía a documentación da primeira fase e escolle aos 10 finalistas que optarán ao galardón.

O proceso de deseño, gravación e edición do curso MOOC da Universidade da Coruña “Música para o S. XXI: achegas do sotfware libre á educación musical” foi coordinado desde a Unidade de Teleformación do CUFIE. Ademais, para este primeiro curso MOOC, contouse coa colaboración do servizo técnico de audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación, así como co alumnado bolseiro desta mesma facultade.

28/11/201809:32
Pantallazo da web.
Madrid

Unha plataforma baseada en intelixencia artificial axuda a buscar traballo e formarse para empregos dixitais

Unha ferramenta baseada en intelixencia artificial creada para fomentar a nova empregabilidade e dirixida a todas as persoas que queiran reciclarse para atopar oportunidades laborais en empregos dixitais. Así é a plataforma Conecta Emprego que presentou a Fundación Telefónica.

Servíndose de intelixencia artificial, a plataforma define en tempo real os vinte e tres perfís dixitais máis demandados, mostra as vacantes por provincia, asesora a través dun orientador profesional virtual a aqueles que buscan emprego e ofrece formación online e presencial para adquirir as habilidades e coñecementos necesarios para acceder a estes postos. A plataforma conta con datos de InfoJobs.

Cada vez hai máis empresas do sector tecnolóxico que demandan profesionais en empregos emerxentes, aqueles que apenas existían a comezos da década. Son empregos vinculados á innovación, á tecnoloxía ou á transformación dixital que adoitan ter un baixo nivel de competencia.

 

Perfís máis demandados

Entre eles, segundo datos do Informe Anual de InfoJobs 2017, destaca o de analista de datos, un emprego do cal en 2008 apenas había 200 ofertas e do que en 2017 houbo case 1.500 vacantes. Entre estes postos destacan tamén "data scientist" e outros en auxe, como especialista en robótica, ciberseguridade, Agile/Scrum ou user experience.

En primeiro lugar, a plataforma Conecta Emprego detecta en tempo real os vinte e tres perfís dixitais con maior demanda de emprego en España e mostra un vídeo sobre cada un deles para coñecer o seu uso e as súas aplicacións na sociedade. Entre os máis demandados, atópanse o de desenvolvedor Java (máis de 5.000), "back end", "frontend", "fullstack" e "bases de datos".

En segundo lugar, a web ofrece un mapa interactivo de España que mostra ao usuario os perfís dixitais máis demandados por provincia. Neste momento, Madrid é a provincia con máis oferta laboral nestes perfís con 20.045 postos, o primeiro dos cales é desenvolvedor Java con 4.718. Séguelle Barcelona con 8.391 vacantes dixitais, a maioría de desenvolvedor back end, e Valencia con 1.286 e Sevilla con 1.222 de desenvolvedor Java.

 

Orientador virtual

A plataforma ofrece un orientador profesional virtual que facilita recomendacións personalizadas de formación en competencias para que o usuario elixa. Solicita información de ofertas de emprego, detecta cales son as máis repetidas e, polo tanto, as máis demandadas; identifica cales son os coñecementos técnicos máis comúns nas ofertas sobre cada unha desas profesións e indica que cursos, tanto gratuítos como de pago, son necesarios para formarse nestes coñecementos.

Así, o orientador, a través da intelixencia artificial, vai aprendendo da interacción cos usuarios, dos cales solicita información para ir mellorando as súas respostas e ofrecer a formación adecuada ás necesidades de cada un. Segundo informa a Fundación Telefónica, o orientador atópase na actualidade en fase de desenvolvemento e a súa eficacia irá aumentando coa participación de cada usuario.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS