main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/12/201807:51
R DiCo Challenge.
Santiago de Compostela

A aceleradora de contidos dixitais de R e a Amtega lanzan 5 retos tecnolóxicos a emprendedores e empresas

  • As propostas abarcan iniciativas orientadas ao enriquecemento de contidos deportivos, aplicacións para Android TV, contidos formativos innovadores, big data aplicado ao consumo televisivo e retos abertos
  • Ata o vindeiro 8 de febreiro os interesados en participar poden presentar as súas iniciativas a través da web de startups R DiCo Challenge
  • Os cinco finalistas, que completarán o programa, recibirán formación, titorización e apoio económico para materializar a súa idea
  • O compromiso entre a administración e o operador galego implica tamén a creación dun espazo Startups R na Cidade da Cultura para o desenvolvemento das iniciativas
  • Startups R Dico Challenge enmárcase no Plan Dico Mindset da Xunta para conformar un sector galego dos contidos dixitais máis maduro e competitivo

 

A Amtega e R veñen de lanzar os 5 retos do programa startups R DiCo Challenge, que xa están publicados na web da aceleradora dixital do operador galego (http://www.startupsr.com/dico-challenge). Os emprendedores e empresas novas ou consolidadas que queiran participar poden presentar as súas propostas a través do formulario habilitado neste portal ata o vindeiro 8 de febreiro.

A posta en marcha desta aceleradora, que foi presentada a finais de novembro na Coruña polo director xeral de R e a directora da Amtega, enmárcase no Plan DiCo Mindset da Xunta, para contribuír a configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo.
 

Os retos

O primeiro dos retos busca conseguir propostas de sistemas para o enriquecemento de contidos deportivos. Trátase de lle tirar partido ás posibilidades dos datos e de internet para conseguir experiencias intensificadas na contorna do deporte na pantalla: xogos, publicidade, sincronización con aplicacións, elección de cámara...

O segundo reto procura aplicacións para Android TV. Dunha banda, na vertente de contidos xerados pola comunidade de usuarios (por exemplo, os vídeos compartidos) e doutra, o gaming, os xogos e as competicións en streaming dende a tele.

Sobre contidos formativos innovadores vai o terceiro reto de startups R DiCo Challenge. A idea é buscar solucións para ser quen de formar aproveitando todas as posibilidades do universo dixital: realidade aumentada, simulación tridimensional, audiovisual, gaming, a televisión conectada, etc.

A Televisión de Galicia patrocina o cuarto reto da aceleradora dixital de R e fala do big data aplicado ao consumo televisivo. No medio audiovisual, os datos, a información, tamén son esenciais. Con este reto búscanse ideas para recoller, ordenar a aproveitar os datos cara un consumo televisivo intelixente que nos permita tomar “decisións informadas”.

O quinto e último é o chamado reto aberto, pensado para os máis innovadores. A única condición que se esixe neste caso é que os proxectos acheguen algo novo no eido dos contidos dixitais (realidade aumentada, ioT aplicada a contidos dixitais, ferramentas de animación...)
 

Selección de proxectos

Unha vez rematado o período de presentación de propostas, un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda elixiranse os 5 proxectos definitivos. Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos.

Ao tempo, os 5 retos seleccionados no programa startups R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores de R e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.

Os que opten polo reto patrocinado pola TVG contarán, pola súa banda, cun mentor e cos medios e infraestruturas da Televisión de Galicia. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado.
 

Plan DICO Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase de xeito global nas actuacións do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, en concreto no seu eixo prioritarios de actuación E3. Colaboración e competitividade dixital.

Esta colaboración entre a administración autonómica e máis o operador galego forma parte, así mesmo, do protocolo asinado en 2013 entre a Xunta e máis R, xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas para potenciar o desenvolvemento dixital da comunidade.

En suma, innovación aberta e colaborativa en Galicia entre os sectores público e privado con emprendedores e empresas, para lle dar saída ao talento innovador de cara á plena dixitalización e desenvolvemento da sociedade galega.

11/12/201816:56
Ovidio Rodeiro na visita ás instalacións de Talendis Interesa SL.
Santiago de Compostela

A cuarta edición do programa Conecta Peme mobilizará en Santiago e comarca 8M€ en proxectos que impulsan a innovación e nos que participan 32 empresas

  • A convocatoria deste ano contou cun orzamento que medrou un 8%, ata os 27M€ en axudas; que tamén beneficiará a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación; e que xerará 72 empregos cualificados
  • O 93% das empresas beneficiarias son pemes que desenvolverán iniciativas relacionadas coa nanotecnoloxía, a enerxía e o medio ambiente ou a saúde e o benestar
  • O obxectivo é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia primando na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións

 

A Xunta vén de resolver a cuarta edición do programa Conecta Peme que, nesta convocatoria na área de Santiago financiará 32 proxectos cun investimento público de 4,7M€ que suporán un investimento total de 8M€. O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou, esta mañá, as instalacións de Talendis Interesa S.L., unha das beneficiarias destas axudas para informar sobre as mesmas. Esta empresa ten como obxecto a investigación industrial sobre embalaxe de madeira con madeira local.

O obxectivo desta iniciativa do goberno autonómico é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico. Na provincia da Coruña esta orde de axudas chegará a 90 empresas cun investimento público de 11,4M€ para mobilizar un total de 20,3M€.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina nesta convocatoria un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27M€ en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación que xerarán 72 empregos cualificados.

Os proxectos están relacionados co desenvolvemento experimental, con potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos, e coa investigación industrial. As iniciativas aprobadas desenvolveranse ata o 2020 e executaranse nun prazo de 2 ou 3 anos.

Entre as novidades desta convocatoria destacaron, ademais do incremento do orzamento, a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e do potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.

Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, Conecta Peme é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galegas.

11/12/201811:54
VolunCloud.
Madrid

"Voluncloud" a app para elixir o teu voluntariado

  • Varios centenares de mozos poderán probar a ferramenta durante a V Xira do Voluntariado
  • En España tan só 2,5 millóns de persoas fan voluntariado

 

A Plataforma do Voluntariado de España (PVE) lanzou a primeira ferramenta que conecta a toda a rede implicada na solidariedade: ONG, demandantes de voluntariado e persoas voluntarias. A presentación de Voluncloud (www.voluncloud.org) realízase na V Xira do Voluntariado 2018, o que permitirá que centos de mozos poidan probar a app e, sumarse á tarefa voluntaria.

En España tan só hai 2,5 millóns de persoas voluntarias, o que representa un 6,2% da poboación nacional. Tal e como declarou Luciano Poyato, Presidente da Plataforma do Voluntariado de España na presentación da App, a finalidade desta aplicación é "sumar máis persoas ao exército voluntario que estamos a construír". Na actualidade o perfil de persoas voluntarias en España correspóndese co dunha muller, de entre 25 e 34 anos, que conta con estudos superiores e ten un nivel socio-económico medio. 

Para aumentar o número de persoas voluntarias, nace Voluncloud, un espazo dixital accesible, onde desaparece o problema "de non saber onde dirixirse" xa que conecta directamente á persoa interesada coas organizacións sociais de total garantía. Desta maneira desde calquera dispositivo móbil pódese acceder a un amplo abanico de causas que solicitan axuda.

Voluncloud é unha aplicación intuitiva, moi sinxela que está dispoñible tanto para iOS como para Android. Tan só se necesíta unha conta de correo electrónico, encher os datos para darse de alta, seleccionar as áreas onde se queira realizar voluntariado e introducir a dispoñibilidade horaria. A partir dese momento, as persoas usuarias de Voluncloud terán acceso a unha multitude de ofertas de voluntariado que se adapten aos seus intereses e necesidades.

"Voluncloud é a única aplicación que garante que o voluntariado que ofrece é seguro e que cumpre cos dereitos e deberes das persoas voluntarias que establece a Lei do Voluntariado" asegurou Mar Amate, Directora da Plataforma do Voluntariado de España.

A V Xira do Voluntariado, que arrinca no Teatro Barceló de Madrid o 4 de decembro, coa actuación de Fredi Leis, Georgina e Mundo Chillón, é unha ocasión perfecta para difundir Voluncloud entre o público asistente. Durante o evento, haberá persoas que orienten ao público na procura do voluntariado que máis se adapta a cada persoa.

A Xira do Voluntariado é unha iniciativa que percorre distintas cidades españolas co propósito de promocionar o voluntariado a través da música. Nas súas cinco edicións participaron artistas da talla de Rozalén, Miss Cafeina, El Kanka, Bebe, Sidecars, Carmen Boza ou Second.

10/12/201814:23
Nenos nun aula CeMIT en videoconferencia con Papá Noel.
Pontevedra

Papá Noel falará cos nenos desde Laponia, a través do soporte técnico da aula Cemit

  • Beneficiaranse deste sistema os alumnos de Vilagarcía de Arousa, Catoira e Valga

As Aulas Cemit da Xunta de Galicia en Vilagarcía de Arousa, Catoira e Valga poñerán os seus soportes técnicos a disposición de Papá Noel para que poida conversar cos nenos destes municipios desde o seu fogar en Laponia por vídeoconferencia.

O intercambio de mensaxes será dunha media hora. A actividade comezará o martes 11 ás 10 da mañá no Cemit de Valga  para os alumnos do CRA de Valga (Infantil), que se repartirán en dúas sesións, xa que haberá outra ás 12 horas o mesmo día.

A conexión de Vilagarcía de Arousa con Laponia será o martes 18 e tamén haberá dúas sesións. A primeira delas será ás 12.30 horas para os nenos do colexio San Francisco. A segunda será ás 13 horas para os alumnos do Centro de Educación Especial.

Ao día seguinte, o mércores 19, a comunicación de Papá Noel por vídeoconferencia será na aula Cemit de Catoira, ás 12.30 horas, para os alumnos do colexio Progreso.

O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu undécimo aniversario e que conta con gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, será facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos, que poderán falar un por un e interactuar con el poucos días antes de Noite Boa, cando se atendan as súas peticións de agasallos. Desta forma, estas aulas multimedia convértense nun punto de encontro e dan a coñecer todas as posibilidades que ofrece a tecnoloxía.

10/12/201809:14
Un neno con síndrome de Down utiliza un smartphone.
Madrid

A Fundación Vodafone axuda a 65.000 persoas con discapacidade a través da tecnoloxía

A Fundación Vodafone España é unha das entidades que máis traballa en lograr unha sociedade dixital inclusiva a través da tecnoloxía, e os números mostran este compromiso. No último ano, máis de 65.000 persoas con discapacidade participaron nas actividades ou utilizaron a tecnoloxía desenvolvida pola fundación.

Xa sexa a través de programas de formación, de proxectos de transformación dixital ou das aplicacións creadas pola fundación, decenas de miles de persoas beneficiáronse durante os últimos doce meses da actividade desta entidade.

En concreto, máis de 4.000 persoas con discapacidade participaron nos programas de formación en tecnoloxía, mentres que a comunidade "Conectados pola accesibilidade" chegou a máis de 2.500 persoas.

Pola súa banda, as distintas aplicacións desenvolvidas pola Fundación Vodafone España, ás veces en colaboración con outras entidades, recibiron máis de 57.000 descargas.

Con cursos como o de piloto de drons para persoas con discapacidade, ou "Yo me prep@ro", dirixido a persoas con discapacidade intelectual para formalas no uso adecuado das novas tecnoloxías, a fundación logrou mellorar a vida de preto de 65.000 persoas.

Tamén as aplicacións, como EVA Facial Mouse, Medicamento Accesible Plus, Text2sign ou TUR4all, foron ferramentas que facilitaron a autonomía e melloraron a vida de miles de persoas con discapacidade no último ano.

Unhas cifras que demostran a importancia que estas fundacións, en moitos casos ligadas a grandes empresas, teñen para impulsar a inclusión na sociedade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS