
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O reitor Antonio López Díaz presidirá este mércores 12 a entrega dos premios do XVI Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras nun acto a partir das 11.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Na mesma sesión intervirán ademais as secretarias xerais de Igualdade e de Emprego, Susana López Abella e Covadonga Toca Carús, respectivamente; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e o presidente do xurado, o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC José L. Villaverde Acuña.
Este concurso premia a aquelas emprendedoras e emprendedores con ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Nesta edición resultaron premiadas cinco propostas entre as que figuran unha pulseira para detectar drogas, unha impresora 3D para enxeñaría de tecidos, un novo cepillo para mostras en citoloxía cervical, unha aplicación móbil para propiciar unha visión de xénero da cidade ou unha proposta para explotar comercialmente o huitlacoche.
As cinco propostas premiadas foron seleccionadas tendo en conta a súa viabilidade e factibilidade, carácter innovador, grao de madurez, mercado potencial e a presenza de políticas de igualdade. A esta convocatoria concorreron un total de 190 ideas promovidas na súa maioría por mulleres (o 54% das propostas presentadas).
O proxecto solidario Humble Bundle estrea hoxe un novo lote de aplicacións informáticas centradas no mundo do vídeo, de xeito que poden adquirirse a prezos case simbólicos ferramentas de edición audiovisual á vez que se realiza contribucións caritativas (desta volta a entidade beneficiaria será Hilarity for Charity, que traballa no loita contra o Alzheimer).
Os usuarios que realicen unha contribución mínima de 1 dólar recibirán a aplicación de edición rápida de vídeo Fastcut Plus Edition, así como un cupón de 9,99 dólares para Producer Planet; por unha achega superior á media (18,23 dólares no momento de escribir estas liñas) poden conseguirse as aplicacións Sound Forge Audio Studio 12 e Vegas Movie Studio 15; e xa por 25 dólares recibiremos o Vegas Pro 15 Edit (un completo programa de edición de vídeo valorado en 399 dólares), o Vegas DVD Architect (que facilita a creación de menús para entregar as producións dun xeito profesional en formato DVD ou Blu-ray) e o lote de efectos HitFilm Movie Essentials.
Temos así que este lote de aplicacións valorado en 788 dólares pode conseguirse por só 25 dólares, á vez que se contribúe a unha causa solidaria.
O foro está especialmente dirixido a alumnos de segundo de bacharelato e de FP, quenes poderán coñecer as profesións do futuro da man dos profesionais. Trátase, en definitiva, dunha xornada que achega unha visión real das profesións e que ten como principais obxectivos: ampliar a perspectiva laboral, coñecer de primeira man as principais tendencias do mundo profesional, atopar resposta ás inquietudes dos asistentes, debater sobre as habilidades imprescindibles da nova empregabilidade e tomar contacto con contornas profesionais reais e potenciais para o seu futuro profesional.
Conecta Emprego:
Martes 18 - 10:35h As novas habilidades para unha nova empregabilidade.
Mércores 19 - 13:30h Tutorial da plataforma Conecta Emprego.
Alí, o director de empregabilidade da Fundación Telefónica, Luís Miguel Olivas, intervirá o martes 18, ás 10:35, e o mércores 19 ás 13:30, para falar sobre as habilidades para esta nova empregabilidade. Despois, comezará un tutorial cos asistentes ao foro para ensinarlles a navegar e interactuar na nova plataforma de Conecta Emprego. Plataforma que mapea en tempo real os 23 perfís dixitais máis demandados en España, orienta na procura de emprego por provincia, define as competencias necesarias para estes empregos e forma nas profesións dixitais aos que busquen traballo ou queiran reciclarse.
Fundación Telefónica, como pioneira no uso da Intelixencia artificial, mapeou a situación do emprego en España por territorios e presentará en "O País co teu futuro" a súa nova plataforma de Conecta Emprego, para que aqueles que se atopen na procura de emprego (ou que queiran cambiar) coñezan o programa; non só os mozos, senón persoas inquietas a partir de 18 anos en diante. Conecta Emprego, o programa de formación dixital da Fundación Telefónica, por e para as persoas, responde a unha nova empregabilidade que require, ademais de coñecementos dixitais, habilidades transversais e emprendedoras.
O Foro poderase seguir en redes co hashtag #ConectaEmpleo e #ConTuFuturo.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) participan xunto coas empresas Aldaba, Geriatros-DomusVI e a Clínica Cobián no proxecto Geria-TIC. Os resultados da fase de desenvolvemento deste proxecto déronse a coñecer esta mañá no Centro DomusVi de Carballo. Pola tarde tivo lugar o acto de presentación no centro de Oleiros. A iniciativa ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través do uso de tecnoloxías wearables.
O proxecto Geria-TIC, que se puxo en marcha en 2016, está impulsado por un consorcio formado por Aldaba, Geriatros-DomusVI, a Clínica Cobián e a UDC a través do CITIC e o INIBIC, para desenvolver un modelo de medicina participativa con persoas maiores a través de pulseiras de medición de actividade física e sono e dunha aplicación personalizada que permite recoller as ocupacións e percepcións dos usuarios participantes. A iniciativa centrouse na mellora de tres aspectos: a prevención de caídas, o insomnio e a incontinencia urinaria. Participaron na fase de desenvolvemento 25 usuarios dos Centros DomusVi Carballo e Oleiros e os datos obtidos permitirán, nunha segunda fase, definir perfís de usuarios e predicir cambios de comportamento aplicando técnicas de intelixencia artificial.
Investigadores da área de percepción, cognición e interacción do CITIC, liderados polo subdirector do centro, Javier Pereira, foron os encargados de desenvolver os aspectos tecnolóxicos e de investigación do proxecto, realizando a recollida de datos das probas piloto e a análise da información a través da plataforma ClepIO, que ten como obxectivo crear un novo modelo de prestación de servizos sociosanitarios, no que os residentes tomen conciencia do autocoidado e a responsabilidade na propia saúde, facéndoos partícipes do seu benestar. Ademais, permite que os familiares poidan estar informados en tempo real do estado e as melloras na saúde dos seus maiores.
O proxecto Geria-TIC, presupostado en 765.191 euros, está co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Programa Conecta PEME 2016 e conta con fondos FEDER da Unión Europea. Na súa avaliación acadou a segunda mellor cualificación de Galicia entre as case 200 solicitudes presentadas.
A operadora galega R quere lembrar que é posible unha navegación axeitada e segura entre os menores de idade e que hai unha serie cousas que as nais e os pais poden facer para garantilo. Co fin de seguir recordándoo, a empresa de cable está a desenvolver na nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Santiago, este 14 de decembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da aula CeMIT de Santiago (rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n, San Lázaro). Será impartida, novamente, por un pedagogo especializado.
Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. No caso concreto da cita de Santiago, do que se trata é de coñecer cando os rapaces fan un bo uso de Internet, das redes sociais e dos móbiles, sobre todo agora nestes tempos de revolución tecnolóxica, en que os máis novos chegan a pasar tantas horas diante dos dispositivos que xa non semellan ser conscientes dos seus pros e dos seus contras, sinala R, lembrando que nestas charlas achegarásenos a clave para saber como afrontar os retos que formulan as novas tecnoloxías no día a día dos nosos fillos. Quen estea interesado acudir á cita, cuxa asistencia é libre e gratuíta, pode facelo a través do blog da operadora galega.