
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A cuarta edición das xornadas ‘Mulleres na ciencia’ celébrase este venres 14 ás 16.00 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Esta é unha iniciativa que organiza a Oficina de Igualdade de Xénero da USC coa Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).
O evento central das xornadas consistirá nunha mesa redonda co lema ‘Como promovemos as vocacións STEM femininas?’. Moderada pola profesora da USC Encina Calvo, intervirán Luz Castro Pena, de Imaxin Software; Soledad Torres Guijarro, da Universidade de Vigo; Joana Magalhaes, do Instituto de Investigación Biomédica; e Susana Ladra González, da Universidade da Coruña.
O investigador posdoutoral asociado ao Masssachusets Institute of Technology (MIT) Seth Benzell ofrece este venres 14 ás 13.00 horas no CiTIUS unha conferencia na que abordará os cambios previstos como consecuencia da automatización da economía e a transformación dixital, así como os seus efectos e os retos asociados á consolidación de novas tecnoloxías como a Intelixencia Artificial.
Nun contexto no que novas tecnoloxías como a robótica, a aprendizaxe automática ou o comercio dixital teñen modificado a concepción tradicional do traballo, a remuneración dos traballadores e os beneficios que perciben empresas e investidores, Benzell falará no seu relatorio ‘Novas tecnoloxías e economía: retos para os traballadores, xestores, investidores e gobernos’ sobre a natureza destas novas tecnoloxías así como das actuais liñas de investigación da economía para analizar as súas posibles consecuencias e solucións.
Doutor en economía pola Universidade de Boston, Seth Benzell estuda as relacións entre a automatización da economía, a dixitalización e as redes. Interésalle a política fiscal e a macroeconomía en xeral, e na actualidade investiga o xeito no que determinados avances tecnolóxicos (especialmente a Intelixencia Artificial) se propagan e dirixen a economía, ademais de predicir o seu impacto no mercado, os salarios e o benestar global.
Tras o éxito das edicións anteriores onde apoiamos 80 entidades, das cales 20 foron finalistas e onde se repartiron máis de 320k en axudas e premios pro bono, Ship2B e a Fundación Banco Sabadell xunto coa Fundación Juan Entrecanales de Azcárate, AFTERSHARE.TV e a Fundación PwC, lanzamos a 3ª edición de B-Value.
O programa, dirixido a entidades sociais sen ánimo de lucro que queiran ir cara a modelos de profesionalización e sustentabilidade, terá a convocatoria aberta ata o 27 de xaneiro de 2019 cando o comité de selección, composto por representantes das entidades impulsoras do programa, fará unha primeira selección de 40 entidades. Estas participarán na primeira fase "formación e conceptualización", onde concretarán a súa proposta a través dunha plataforma online de formación sobre innovación social, metodoloxía para o desenvolvemento e análise dos seus proxectos, webinars con expertos e workshops con profesionais expertos en distintas temáticas.
Para a segunda fase "desenvolvemento", o comité seleccionará ás 10 entidades finalistas para contrastar o seu proxecto con mentores, expertos e posibles colaboradores, así como traballar aspectos específicos. Ademais, participarán en workshops de traballo con profesionais de distintas áreas (finanzas, comunicación, estratexia de negocio) que os axudarán a seguir optimizando a súa proposta.
A finais de 2019, as entidades finalistas presentarán os seus proxectos no Demo Day, un evento público no que se presentarán os resultados do programa e entregaranse públicamente os premios e axudas de B-Value. Como novidade desta edición, os proxectos premiados contarán cun consello asesor, formado por mentores e expertos, co fin de seguir apoiando aos equipos finalistas tralo seu paso polo programa.
Un total de 80 entidades participaron nas dúas edicións de B-Value, programa de transformación, dirixido a entidades sen ánimo de lucro que queiran ir cara a modelos de profesionalización e sustentabilidade, impulsado por Ship2B e a Fundación Banco Sabadell xunto coa Fundación Juan Entrecanales de Azcárate, AFTERSHARE.TV e Fundación PwC.
Algunhas das entidades finalistas das dúas primeiras edicións do programa son Fundación Capacis, Videoxogos Sen Fronteiras, Música en Vea ou GUDWUD.
A Deputación de Lugo e a Fundación Uxío Novoneyra veñen de facer balance da súa frutífera relación, unha colaboración da que xurdiron iniciativas e eventos tan salientables como o impulso ao Proxecto SILO (unha plataforma destinada a facer avanzar a integración social de colectivos en risco a través dunha fórmula á que non se lle extraeu todo o potencial que leva dentro: a das literaturas europeas, incluída a galega) ou o curso sobre os novos vieiros da edición do que falamos recentemente. Onte, a deputada de Cultura Pilar García Porto informou que a dita colaboración fixo que a Fundación Uxío Novoneyra converteseuse na entidade cultural que máis proxectos europeos desenvolve en Galicia.
Fíxoo nun encontro co xerente da fundación, Uxío Novo Rey, no que deron conta das actividades que dita asociación desenvolveu durante este ano, financiadas con 20.000 euros da Deputación, e nas que participaron de xeito gratuíto unhas 1.500 persoas.
García Porto explicou que “grazas a esta colaboración da Deputación, a Fundación puido desenvolver durante o 2018 ducias de actividades de carácter cultural coas que dinamizar a nosa provincia”. Segundo engadiu, ao abeiro das mesmas puidéronse levar a cabo obras de mantemento e mellora na casa-museo do poeta, amais de impulsar proxectos de innovación cultural como o proxecto Creative Europe SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas), que conta con financiamento europeo e que, como dixemos máis arriba, é un programa de tres anos para levar a literatura a pequenos núcleos rurais da provincia, e outros colectivos vulnerables. García Porto, no seu balance, tamén recordou a cuarta edición do Festival dos Eidos, en Folgoso do Courel, “unha iniciativa de ocio pero tamén formativa, que dinamiza a vida cultural da comarca, cunha filosofía moi concreta sobre ensino permanente a través da literatura”.
Novo Rey, que agradeceu a “constante colaboración do Goberno da Deputación coa fundación”, puxo como exemplo o “éxito do Festival dos Eidos”, no que participaron ao redor dun milleiro de persoas.
Outras iniciativas
No marco das colaboracións entre a Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación, realizáronse outras actividades. Entre elas, destacan o devandito curso de edición de novas tendencias literarias que se celebrou entre abril e maio de 2018 no Obradoiro do Libro do CENTRAD, e que contou con escritores e editores galegos, co que os 20 participantes recibiron formación técnica e tecnolóxica e realizaron unha antoloxía de nova poesía luguesa, así como unha mostra expositiva da evolución dos soportes-libro.
Tamén se realizaron traballos para o desenvolvemento do Arquivo Novoneyra, co fin de adaptalo ao programa PARES do Ministerio de Cultura, sendo, en palabras das dúas entidades lucenses, o único arquivo galego (e o único dun escritor) que o conseguen.
Programas para 2019
En 2019, a Fundación Uxío Novoneyra, en colaboración coa Deputación, desenvolverá outros dous proxectos europeos: O Erasmus+ KA2, un programa de capacitación de mozas e mozos rurais para a súa formación como guías turísticos do seu patrimonio inmaterial en países europeos, en Vietnam e no Brasil; e o Le Flocon Build, que formará aos asistentes na rehabilitación do patrimonio rural coa técnica da pedra seca, recentemente declarada Patrimonio Inmaterial da Humanidade. No ámbito da literatura, continuaranse os traballos de tradución ao francés do ensaio Os Soños Teimosos de Novoneyra e que xa se presentou na súa edición inglesa no festival Winter Warmer de Cork.
Dende o pasado mes de outubro está operativo en Ribeira un innovador centro para o lecer e a formación da mocidade local. Estamos a falar do Espazo Xuvenil, emprazado no segundo andar do Mercado Municipal e posto en marcha polas concellerías de Xuventude e de Cultura. A idea, como dixemos, é a de xuntar dúas vertentes que non teñen por que estar contrapostas: por unha banda a vertente capacitadora (extraendo con obradoiros innovadores o talento que a mocidade leva dentro) e, pola outra, a vertente do ocio e o divertimento. A iniciativa, que vai dirixida a rapazas e rapaces de entre 14 e 19 anos, ten horario de 17.00 a 22.00 horas e, polo de agora, está funcionando os venres, sábados e domingos. Estes meses de novembro e decembro, o programa do Espazo Xuvenil fortaleceuse cunha serie de obradoiros sobre deseño e impresión, stop-motion, artes plásticas e creación audiovisual.
As actividades, todas elas de balde, responden directamente ás demandas e suxestións dos usuarios, seguindo a filosofía do propio Espazo Xuvenil, que tamén foi impulsado a raíz dunha serie de enquisas feitas nos centros educativos locais sobre as principais necesidades da mocidade ribeirense.
O mes de decembro (até o día 9) comezou co Obradoiro Aberto de Deseño e Impresión, destinado a brindar aos asistentes a oportunidade de achegarse á imaxe virtual e a todas as posibilidades da creacións 3D. O curso contou cunha máquina de prototipado (impresora 3D) coa que facer realidade os devanditos obxectos.
De maneira simultánea e co mesmo horario, desenvolveuse o Obradoiro de Stop Motion, que introduciu aos participantes na técnica de animación visual do mesmo nome, consistente en aparentar o movemento de obxectos estáticos mediante unha serie de imaxes fixas sucesivas. O taller tamén incluíu o deseño de decorados, elaboración e xeración de movemento dos personaxes ou, incluso, a dobraxe.
Na segunda quincena de decembro (días 15, 16, 22, 23, 29 e 30) haberá un Obradoiro Aberto de Artes Plásticas impartido por Lucía Romaní. Segundo informan os responsables do Centro Xuvenil, empregarase na actividade formativa todo tipo de materiais da contorna (elementos de refugallo, mesas e cadeiras…) para “xerar unha linguaxe artística”.
Accións en novembro
O novo Espazo Xuvenil aberto por iniciativa do Concello alcanzou en novembro o seu segundo mes de andaina cun obradoiro de fotografía e outro de iniciación á curtametraxe. O primeiro equipou ás mozas e mozos participantes de todo preciso para poder rodar un filme, rematando a liña formativa, o 30 de novembro, cunha gala (Alfombra vermella) de estrea na que se presentaron as películas gravadas.
O obradoiro de fotografía, pola súa banda, formou aos rapaces nas principais características da fotografía analóxica e dixital, nas técnicas de composición, enfoque e encadre, na fotografía con móbiles, no retoque dixital e na fotomontaxe. Ao rematar cada xornada os participantes puideron proxectar as súas capturas no propio Espazo Xuvenil.
Outra das actividades levadas a cabo estes días foi unha viaxe de aventura aos Canóns do Sil, que incluíu aloxamento no Esgos YouthHostel, unha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, unha xincana con GPS, unha ruta a pé polas pasarelas do río Mao e maila visita aos Canóns.
Ademais das actividades organizadas cómpre lembrar que o Espazo Xuvenil está dotado doutras propostas para o lecer dos seus usuarios, tales como xogos, mesas de traballo, ordenadores, espazo Wi-Fi, set de DJ, libros e moitos outros elementos.