
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que no contexto de transformación dixital a ciberseguridade é esencial porque “nos xogamos vivir nunha contorna segura”. A responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou esta mañá a última xornada do Foro Cybersec@gal, organizado impulsado pola cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática.
Na súa intervención, Pereira sinalou que Galicia mira ao futuro e a Europa e por iso vén de aprobar a creación dunha nova estratexia para o período 2030, que pivota sobre a implantación das tecnoloxías disruptivas na Comunidade.
Nodo de ciberseguridade
Sinalou que o vindeiro ano porase en marcha o centro GaiásTech para dar servizo ao ecosistema dixital galego e que actuará de coordinador da rede de nodos de especialización tecnolóxica de Galicia. Neste sentido lembrou que a Comunidade xa conta cun nodo 5G e avanzou a creación dun nodo especializado en ciberseguridade e avogou pola cooperación entre institucións, empresas e sociedade para facer fronte ao reto de vivir nunha contorna segura.
Respecto ao papel da Xunta, destacou o labor desenvolvido tanto a nivel interno como para cidadáns e empresas. Como Administración pública que custodia unha gran cantidade de información sensible destacou o labor desenvolvido para garantir a seguridade dos servizos dixitais e lembrou a recente ampliación do Plan de Seguridade Tecnolóxica e cun orzamento de máis de 10 millóns de euros ata o 2021.
Respecto das medidas de acompañamento ao tecido empresarial, Mar Pereira apuntou iniciativas como o Reacciona TIC, en colaboración co Igape, que ofrece asesoramento a empresas para a súa dixitalización, incluíndo aspectos para mellorar a súa seguridade. Ademais, destacou as actuacións de concienciación para a sociedade e indicou que se está a pechar unha nova liña de colaboración co Incibe neste ámbito.
Cátedra R
Mar Pereira aproveitou a súa intervención para felicitar á Cátedra R por buscar a colaboración entre universidades e institucións para buscar e reter talento no ámbito da ciberseguridade en Galicia. Esta Cátedra, a primeira cátedra interuniversitaria de Galicia, desenvólvese en colaboración coas Universidades de Vigo (UVIGO) e da Coruña (UDC) e a Fundación Euskaltel Konekta. Persegue basicamente promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade.
A ferramenta Scratch, unha linguaxe visual de programación moi indicada para introducir á rapazada nas vertentes tecnolóxicas máis creativas (polo que ten sinxeleza e de capacidade para impulsar a creatividade e o pensamento lóxico), vai ser o eixe temático da quinta edición do Scratch Day, que se celebra este 26 de outubro no Hotel Los Abetos de Santiago da man, novamente, do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA. A cita será unha boa oportunidade para que as e os escolares de entre 7 e 15 anos aprenda a programar co seu ordenador. Ou sexa, a construír elas e eles tamén as ferramentas da era dixital.
Segundo informa o CPETIG, trátase dunha sesión práctica, na que se mestura aprendizaxe e entretemento, e na que a cativada debe asistir acompañada polos pais ou as nais, é dicir, un adulto con cada escolar, “co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade no fogar”. A edición deste ano inclúe tamén un obradoiro dirixido ao profesorado. Como novidade con respecto ás anteriores edicións, os escolares participantes (que deben levar ordenador portátil) traballarán esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.
O V Scratch Day ten como obxectivo “difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”. A maiores, o CPETIG pretende que “esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero”. Máis información e inscricións en http://scratchday.cpetig.gal.
O Camiño de Santiago será un dos temas protagonistas do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE, que terá lugar en Málaga do 23 ao 25 de outubro e que abordará, ademais, aspectos como o da mobilidade de pasaxeiros no futuro ou o da axuda que poden supoñer os robots a persoas maiores ou con discapacidade.
O encontro, que terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga, dedicará unha das súas mesas redondas a presentar "O Camiño de Santiago para todos", unha iniciativa coa que a Fundación ONCE pretende facilitar a peregrinación ás persoas con discapacidade amantes deste tipo de aventuras.
A mesa, titulada "Camiño de Santiago inclusivo", será o venres 25 de outubro, a partir das 12.30 horas, e nela a Fundación ONCE falará sobre as actuacións que está a levar a cabo para facer posible que as persoas con discapacidade sexan tamén peregrinas se o desexan.
Neste contexto, a entidade presentará a aplicación "Camiño de Santiago", unha iniciativa impulsada coa colaboración de Microsoft para que as persoas con discapacidade visual poidan percorrer autónomamente algunhas etapas do Camiño Francés.
Moderada por Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, e Mercè Luz, xefa do Departamento de Cultura e Lecer da Fundación ONCE, a mesa contará coa participación de Jarnail Chudge, arquitecto de deseño e innovación de Microsoft AI; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Rafael Olmedo, CEO de GEKO NAVSAT, e Carlos Busto, responsable da área informática do Centro de Información Xeográfica.
"O Camiño de Santiago para todos" é un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade dos distintos camiños, empezando polo francés, o máis visitado polos peregrinos, que inclúe unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade.
Congreso Tecnoloxía e turismo
Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo.
Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".
Máis información sobre TTD-Congress 2019.
Málaga converterase en capital internacional do turismo e a tecnoloxía durante o Congreso da Fundación ONCE, que terá lugar a próxima semana na capital malagueña do 23 ao 25 de outubro e que contará coa participación de case un milleiro de expertos procedentes de Europa, Asia, África e América.
O III Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, foi presentado o mércores no Concello Málaga, o seu alcalde, Francisco de la Torre, e o director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, Jesús Hernández.
Na súa intervención, de la Torre puxo de manifesto o nivel dos relatorios que se debaterán neste encontro e que demostran "a ambición do Congreso". "Un Congreso que conta co apoio da cidade para conseguir un turismo para todas as persoas. Esperamos conseguir un turismo accesible, sustentable e de inclusión".
Pola súa banda, Hernández expuxo a importancia que teñen as novas tecnoloxías para que as persoas con discapacidade poidan gozar de todos os dereitos fundamentais establecidos por Nacións Unidas na súa convención, entre os que figura o dereito ao lecer e ao goce da cultura. "Non debemos esquecer o forte impacto que isto ten para as economías locais, posto que as persoas con discapacidade gastan un 30% máis que as persoas sen discapacidade", afirmou. Neste sentido, proseguiu Hernández, "quixemos traer a Málaga a grandes referentes internacionais, tanto do ámbito da tecnoloxía como do turismo e a accesibilidade, para coñecer de primeira man as súas experiencias, o que fai que contemos con récord de participación, con case mil asistentes".
O acto contou tamén coa presenza de Gema del Corral, concelleira de Accesibilidade; Rosa Sánchez, concelleira de Turismo e Promoción da Cidade; Susana Carillo, concelleira de Innovación; José Miguel Luque, director da ONCE en Málaga, e Leonor Basallote, vicepresidenta do Consello Territorial da ONCE en Andalucía.
Málaga, capital internacional do turismo e a tecnoloxía grazas ao Congreso
O Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo celebrarase no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga e fará posible que Málaga poida ser a capital internacional do turismo e a tecnoloxía, grazas ao evento.
Constará de conferencias, mesas redondas e demostracións nas que se abordarán temas como a importancia da accesibilidade para que as cidades sexan intelixentes, o reto da innovación nos transportes ou a necesidade de contar con ferramentas inclusivas tamén no lecer dos videoxogos.
A conferencia inaugural do evento correrá a cargo de Ricardo Chavarriaga, profesor e principal investigador da Ecole Polytechnique Fédérale de Lausana, en Suíza, que disertará sobre a Interacción Cerebro-Computador (Brain Computer Interaction en inglés), unha tecnoloxía que se basea na adquisición de ondas cerebrais para daquela ser procesadas e interpretadas por unha máquina ou computador.
Ademais, o congreso acollerá tamén na súa primeira xornada unha conferencia motivacional de "O Langui" sobre como a tecnoloxía impacta no día a día das persoas con discapacidade, principalmente no goce do seu tempo de lecer, e unha análise de como o deseño para todos está presente na industria do videoxogo.
Pola tarde haberá unha demostración de videoxogos inclusivos, amenizados por Nia Cosplay, na que youtubers sen discapacidade como BMG e Ely Shuri xogarán unha partida de Fornite xunto a "gamers" con discapacidade.
Durante a segunda xornada, os especialistas debaterán sobre a mobilidade dos pasaxeiros no futuro e achega do avance da normalización no sector turístico. Igualmente, haberá tempo para disertar sobre a xestión inclusiva de emerxencias e a accesibilidade nas Smart cities e para ver demostracións de robots que melloran a calidade de vida das persoas con discapacidade e aplicacións que facilitan a navegación e mobilidade.
Por último, o encontro finalizará o venres 25 con mesas que abordarán aspectos tales como o modelo formativo actual na Universidade, a importancia de que o Blochchain sexa tamén unha ferramenta útil para as persoas con discapacidade ou "O Camiño de Santiago para todos", unha estratexia da Fundación ONCE para facilitar a peregrinación a todos os afeccionados a este tipo de turismo.
Máis información do Congreso nesta ligazón TTD-Congress 2019.
Unha das causas máis frecuentes en persoas con discapacidade física son lesións na medula espinal que cortan a conexión entre o cerebro e distintos músculos do corpo. Agora, un equipo da universidade estadounidense de Brown está a estudar como a tecnoloxía pode axudar a recuperar esa conexión e, polo tanto, a mobilidade.
O equipo de investigadores está a ver como aproveitar a tecnoloxía de intelixencia artificial de Intel para lograr unha conexión entre os extremos da parte danada da medula espinal para recuperar a conexión neuronal e poder enviar de novo sinais de movemento desde o cerebro aos músculos.
A idea sería crear unha especie de baipás intelixente formado por dúas guías de eléctrodos situados a ambos os dous lados da lesión para tratar de que os nervios danados volvan poder comunicar en tempo real.
A utilización desta tecnoloxía seguramente non ofrecerá unha solución inmediata, pero si que facilitará o estudo sobre estas conexións da medula espinal que permitan avanzar en novos tratamentos.