main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/10/201915:30
Inauguración da exposición sobre os Premios María Josefa Wonenburger.
Lalín

A Xunta aposta por visibilizar e dar a coñecer a actividade das mulleres galegas referentes no ámbito da ciencia e a tecnoloxía

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe a exposición sobre os Premios María Josefa Wonenburger no Concello de Lalín

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe a exposición sobre as premiadas dos Premios María Josefa Wonenburger que alberga o vestíbulo da Casa do Concello de Lalín. O Goberno galego aposta coa elaboración desta mostra por visibilizar e facer chegar á sociedade as contribucións das mulleres galegas referentes na ciencia e na tecnoloxía que se adiantaron ao seu tempo e polas que foron merecedoras do premio que concede a Xunta.

A Xunta, a través da Unidade de Muller e Ciencia, outorga anualmente este galardón que recoñece o traballo das mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo da ciencia ou a tecnoloxía. O Premio María Josefa Wonenburger recaerá este ano na catedrática de Farmacia Mabel Loza.

A Unidade de Muller e Ciencia creouse co obxectivo de incrementar a presenza das mulleres galegas nos ámbitos científico e tecnolóxico e de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Entre outras iniciativas, instaurou o premio María Josefa Wonenburger para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos da ciencia e da tecnoloxía.

O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional nas ciencias e unha científica adiantada ao seu tempo.

18/10/201907:55
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

As empresas galegas superan á media estatal no uso da administración electrónica

  • O 93,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 74,1% das microempresas xestiona online coas administracións
  • Galicia ocupa a primeira posición do Estado no indicador de empresas de 10 ou máis traballadores con conexións contratadas de máis de 100 Mbps
  • As empresas galegas de máis de dez traballadores lideran o ranking nacional no uso de Cloud Computing e Big Data
  • A aposta polas conexións móbiles á Rede entre as empresas galegas continua o crecemento sostido dos últimos anos, converténdose na tecnoloxía principal de acceso para as microempresas

O 93,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 74,1% das microempresas interactuou coas administracións públicas a través de Internet. En ambos tipos de empresas a xestión online coa administración é superior ao do conxunto do estado e sitúa a Galicia nos primeiros postos entre as diferentes Comunidades Autónomas. 

Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2018/2019” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

As microempresas galegas decántanse pola banda larga móbil

A dispoñibilidade de conexión a Internet contratada entre as microempresas galegas achégase ao 72,8% das entidades, experimentando un aumento dun 6,9% no último ano, e superando amplamente o ritmo de crecemento estatal (1%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores Galicia practicamente converxe coa media estatal, con apenas dúas décimas de diferencia.

Entre as tecnoloxías de acceso, as empresas galegas apostan novamente pola banda larga móbil: o 77,3% das microempresas e o 87,7% das de 10 ou máis traballadores contratan este tipo de servizo. En ambos casos superan a media do conxunto do estado. 

Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, a banda larga móbil constitúe xa a primeira tecnoloxía de acceso, por diante de conexións fixas. Deste modo, un 74,7% das pequenas empresas dispón de banda larga fixa e un 77,3% de banda larga móbil. Cabe salientar que a contratación de banda larga móbil entre as microempresas medrou un 6,8% no último ano, o que sitúa a Galicia na quinta posición no ranking de Comunidades Autónomas neste tipo de conexión.

As empresas galegas con conexión a Internet superan á media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas: no caso das microempresas, o 74,1% relacionouse electrónicamente coa administración no último ano, cando a nivel nacional o fixo o 72,8%, o que posiciona ás empresas da nosa comunidade no quinto posto do ranking. Entre as de 10 ou máis traballadores a media galega das empresas que se relacionan electronicamente coa administración sitúase nun 93,5%, fronte ao 90,8% da media estatal, e ocupando o sétimo posto entre todas as Comunidades Autónomas.

As empresas galegas de 10 ou máis traballadores incrementan a velocidade de conexión

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de conexión a Internet (98,6%) e banda larga (100%), en valores semellantes á media estatal.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis asalariados (57,3%) conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps. Supera en máis de vinte puntos ao volume de empresas de similares características no conxunto do estado, ocupando Galicia a primeira posición comparativa entre todas as Comunidades Autónomas.

Destacar tamén que o 93,4% das empresas de 10 ou máis traballadores empregan algunha medida de seguridade no uso das TIC, por riba do total estatal, o que sitúa a Galicia na sétima posición do ranking autonómico. 

Galicia lidera o uso de Big Data e Cloud Computing

Como xa tiña acontecido no ano 2018, o uso de Big Data por parte das empresas galegas de 10 ou máis traballadores segue a medrar, pasando dun 9,4% ao 11,6% a proporción de empresas que analizaron Big Data. Galicia ocupa o primeiro posto entre todas as Comunidades Autónomas. En relación ás tecnoloxías cloud, o 37,8% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing, máis que duplicando o volume de empresas galegas do segmento do ano 2018 (14,5%), liderando os valores de todas as Comunidades Autónomas e superando amplamente ao uso de Cloud Computing entre a totalidade das empresas do conxunto estatal (22,2%).

17/10/201921:05
Participantes no evento.
Benidorm

O sector da industria dixital española premia á Xunta por incorporar a innovación e a tecnoloxía ao Camiño de Santiago

  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu hoxe este recoñecemento outorgado pola asociación AMETIC no marco do II Congreso Digital Tourist

 

O traballo da Xunta de Galicia na incorporación das tecnoloxías no Camiño de Santiago e a súa xestión na ruta xacobea veñen de ser recoñecidos pola asociación patronal representante do sector da industria tecnolóxica dixital en España AMETIC nos Premios Digital Tourist nos que se premia a empresas, entidades locais e institucións que destaquen neste ámbito.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu hoxe este premio no marco do II congreso Digital Tourist que se celebra hoxe e mañá na cidade de Benidorm. Como explicou a directora de Turismo, galardóns como este son “un gran aliciente para continuar traballando para adaptar a peregrinación ao século XXI ao tempo que se avanza para que manteña a súa esencia histórica e espiritual”.

Durante o acto recordou a aposta da Xunta por incorporar a innovación á ruta xacobea con eficaces ferramentas como unha APP específica con información en tempo real sobre a ruta, un portal especializado no Camiño de Santiago ou con servizos para peregrinos durante o percorrido como wifi gratis nos albergues da rede pública do Xacobeo.

Indicou, ademais, o traballo a prol da accesibilidade poñendo a disposición dos peregrinos habitacións especialmente adaptadas para persoas con necesidades especiais e sinalou vindeiras medidas como a instalación de pictogramas para persoas con discapacidade cognitiva ou mellorar o Camiño de Santiago para que sexa un espazo cardioprotexido co uso de drons para trasladar desfibriladores mais rapidamente, entre outras accións.

Os Premios Digital Tourist son convocados por primeira vez pola asociación AMETIC e enmárcanse no II Congreso Digital Tourist que se está celebrando en Benidorm. No encontro participan diferentes representantes do ámbito empresarial e institucional que afondan sobre diferentes temáticas asociadas ao turismo intelixente. Mañá venres Galicia tamén estará presente no encontro presentando as súas experiencias neste eido nun relatorio a cargo da directora de Turismo, Nava Castro.

17/10/201918:23
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A colaboración entre o CPEIG e R para converternos en referentes da ciberseguridade terá continuidade

Hoxe clausurouse oficialmente en Santiago, na Cidade da Cultura, o encontro Cybersec@Gal, o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. Na derradeira xornada do evento, que comezou o luns ofrecendo actividades na UVigo e na UDC, participaron o director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As primeiras xornadas de Cybersec@Gal 2019 foron adicadas ao alumnado dos nosos campus, e a de hoxe reservouse para a cuestión empresarial: a protección TIC nas empresas.

Isidro Fernández de la Calle salientou que “o traballo de Cybersec@GAL vén tan só de comezar a súa andaina”, e que a transformación da nosa terra nun referente en ciberseguridade (en desenvolvemento de ferramentas, en transformación, en cultura de protección dixital, etc.) é unha clara aposta de futuro para as entidades que impulsaron o congreso e participaron nel. A ciberseguridade, dixo, é “unha preocupación cada vez máis candente e na que todos debemos unir esforzos”, e adiantou tamén que os temas do talento, o financiamento, o liderado e a estratexia aplicados á salvagarda dos datos e das comunicacións serán as claves das vindeiras edicións deste foro. Mar Pereira destacou que “a ciberseguridade é un elemento clave no proceso de transformación dixital que estamos a vivir” e “un dos vectores sobre os que elaboramos a estratexia dixital de Galicia para a próxima década”. Tamén lembrou que “o esforzo da Administración autonómica céntrase en protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para universalizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas”. 

A xornada de hoxe estivo centrada, como dixemos, nas empresas. Ao fío deste obxectivo participaron profesionais como Mar López Gil, responsable da Unidade de Ciberseguridade e Desinformación do Departamento de Seguridade Nacional da Presidencia do Goberno, quen falou sobre a Estratexia Nacional de Seguridade. Mar López salientou que “no ciberespazo nada é casual” e explicou que o uso ilícito do ciberespazo ten tres vertentes principais: os ciberataques, a ciberespionaxe e a cibercriminalidade. Tamén resaltou que “España aposta por un ciberespazo aberto, plural, seguro e de confianza, tanto nas súas relacións bilaterais coma nas organizacións multilaterais, rexionais e internacionais”.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na súa intervención

Sobre ciberseguridade na transformación dixital versaron, nunha mesa de debate, os relatorios de voceiros de empresas e entidades como Balidea, Gradiant, Inditex, Abanca, Forensic & Security e Grupo Euskaltel. A responsable de Protección de Datos de R e do Grupo Euskaltel, Susana Rey, subliñou nesta mesa que “dixitalizar unha empresa sen atender a ciberseguridade é construír unha casa sen alicerces á que calquera mínimo tremor vai tirar ao chan”. Ao seu xuízo, “a cuestión primordial radica en se estamos preparados para minimizar o seu impacto no negocio e recuperarnos dos seus resultados ou se teremos que pechar a empresa ao primeiro criptovirus que nos chegue por correo”.

Pola súa banda, Eduardo Mastranza, socio executivo de Gartner, falou sobre a visión actual do mercado ante o tema da ciberseguridade e fixo fincapé en que “as empresas de tamaño medio e pequeno encaran os mesmos riscos que as grandes, porque son igualmente obxectivo de ataques; pero non dispoñen dos mesmos recursos, como tampouco dispoñen do poder de atracción de talentos e de competencias, por iso cómpre que loiten nun mercado que se fai cada día más competitivo e global”. Na súa opinión, “garantir a seguridade nas PEME é difícil, pero non imposible; cómpre sermos pragmáticos e intentar novas aproximacións”. Pola súa banda, Marina Martínez-García, punto nacional de contacto para o programa de Seguridade en Horizonte-2020 (Programa Marco de Investigación e innovación da Unión Europea, dependente do Ministerio de Ciencia) falou das novas oportunidades de apoio á innovación en ciberseguridade da Unión Europea, proxectos colaborativos nos que empresas, entidades de investigación públicas e privadas e usuarios finais terán ocasión de financiar e analizar desenvolvementos precomerciais: “Búscanse solucións eficientes de ciberseguridade aplicadas á protección de infraestruturas críticas, ferramentas que garantan protección a usuarios particulares, a microempresas e a PEME”. 

Catro xornadas de debate e formación

Cybersec@Gal achegou estes días catro xornadas de obradoiros, ciber-desafíos e charlas, nas que se falou de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital. O foro foi dirixido, por unha banda, a estudantes e recentemente licenciados e, pola outra, ao ecosistema empresarial (este xoves), da man de expertos estatais e internacionais que expuxeron diversos aspectos no terreo da seguridade TIC. Na xornada de clausura deste xoves, pola tarde, entregáronse un total de seis premios valorados en 2.600 euros en total: un premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade (700 euros), dous premios á Tese fin de Mestrado en Ciberseguridade na UDC e a UVigo(400 euros cada un), dous premios á Tese de Fin de Grao en Ciberseguridade na UDC e a UVigo (300 euros cada un) e un premio reto Gradiant - Hijos de Rivera (500 euros).

17/10/201916:16
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Talentia Summit'19 contará coa participación de máis de cen empresas

A semana que vén, o emprendemento e a innovación van ser protagonistas. A culpa disto tena o encontro Talentia Summit'19, que se celebra do 21 ao 23 de outubro en Compostela, co Palacio de Congresos e o Auditorio de Galicia como principais centros de operacións, e contando coa participación activa de máis de 100 empresas.

Estes e outros datos foron confirmados hoxe na sala de prensa de Raxoi, no transcurso dunha rolda que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; acompañado por Xabier Ferreiro, director e coordinador do evento; e por Bea García Cibe. Segundo sinalaron, o foro promete ser un fervedoiro de firmas potencialmente contratadoras e xente nova potencialmente contratable: só na primeira xornada, a do luns (o foro de conferencias estratéxicas que se desenvolve no Auditorio), están inscritas 900 persoas.

O alcalde explicou que en Santiago o 70% da poboación adulta menor de 30 anos é universitaria ou ten estudos superiores, polo que “solicita expectativas laborais á altura da súa formación”. Neste senso, dixo, Talentia ofrece á xuventude esa oportunidade, “procurando a cooperación e o entendemento entre empresas, emprendedores e persoas que buscan o seu futuro”. O rexedor tamén lembrou que Compostela é, xunto a Arteixo, “o concello que conta con máis solo empresarial”. Na súa opinión, “hai espazo para a gran aposta de futuro: emprendemento e innovación, en campos como a biotecnoloxía, ou a industria cultural”. Beatriz García Cibeiro, que exerceu de mentora na edición anterior de Talentia, salientou as altas expectativas do evento, que “debera ser unha cita necesaria e obrigatoria para as persoas que están buscando emprego e para quen quere emprender”. Represas, pola súa banda, enxalzou o labor levado polos mentores, de gran importancia para a afianzar a conexión entre demandantes e contratadores: “Orientamos ás persoas sobre a súa futura carreira profesional e ás empresas axudámolas na resolución dos problemas que se lles poidan presentar".

Para rematar, Xavier Ferreiro destacou as cifras de participación do evento: máis de 1.000 vacantes ofertadas; uns 900 asistentes confirmados na xornada inaugural do Foro Talentia; máis de 1.200 inscritos nas actividades da Feira do Talento, en cursos de formación, mentoring persoal, certificados oficiais, entre moitas outras. E un centenar de empresas presentes na Feira do Talento, durante os días 22 e 23 de outubro.

Programa de actividades

Talentia Summit ´19, promovido desde o Concello de Santiago, iníciase o luns 21 coa apertura de conferencias estratéxicas ás seis da tarde no Auditorio de Galicia. O martes e o mércores celebrarase a Feira do Talento, con actividades para a potenciación do talento e o emprego, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Estará aberta ao público durante toda a xornada do martes de 9:30 a 19:30 horas, e o mércores desde as 9:30 até as 14:00 horas. Segundo se fixo saber hoxe, “esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030”. Por este motivo, na xornada inaugural, o Foro Talentia de relatorios estratéxicos reunirá os grandes referentes do talento, a tecnoloxía e a administración de empresas nunha única xornada: Miguel Ángel Ruíz Ortega, responsable de Estratexia e Innovación en Samsung; Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell; Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera; Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030 das Nacións Unidas; José Luís Pérez-Pla, consultor e director en Cegos e responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica; Jaime de Nardiz Pérez, director de Diagnóstico Cultural de Great Place to Work; e Javier Sirvent, evanxelista tecnolóxico. O acto será conducido por Silvia Jato e contará coa presenza das seguintes autoridades institucionais; Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e Xosé Manuel Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS