main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/10/201910:49
Un mozo con discapacidade visual utiliza a app Clew e o seu bastón para moverse dentro dun edificio.
Santiago de Compostela

Clew: Unha tecnoloxía "sinxela" pero útil para a mobilidade de persoas con discapacidade visual

A maioría das solucións que se están desenvolvendo para o guiado de persoas con discapacidade visual en interiores de edificios adoitan implicar tecnoloxía avanzada. Con todo, a app Clew ten un funcionamento relativamente sinxelo baseado na tecnoloxía de realidade aumentada.

A pesar da súa sinxeleza, esta aplicación pode ser moi útil para moitas persoas con discapacidade visual, especialmente para moverse por edificios aos que acceda habitualmente, como pode ser o centro de estudos, de traballo ou similar.

En primeiro lugar, o usuario debe realizar o percorrido que quere gardar na aplicación gravando co móbil o camiño seguido. Unha vez realizado o traxecto, volve a realizalo en sentido contrario.

Unha vez feito este paso, a aplicación poderá guiar ao usuario en calquera momento que queira volver percorrer ese camiño.

Por exemplo, na universidade pode almacenar o percorrido desde a súa aula ata a cafetería. Unha vez gardado, a app guiará ao usuario en calquera momento entre estes dous puntos.

A guía realízase mediante son e con imaxe, marcando cunha frecha o punto de control ou a meta á que se dirixe o usuario.

Como dicimos trátase dunha aplicación sinxela e que aínda está en desenvolvemento, pero que os usuarios de iOS poden atopar de forma gratuíta na tenda de aplicacións e que nalgúns casos pode resultarlles moi útil.

21/10/201910:07
Duplicado virtual dun barco.
Santiago de Compostela

As tecnoloxías intelixentes no naval, ao detalle o día 28 da man da AETG

Ao abeiro do acordo formalizado entre a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no que se recollen actividades de formación, divulgación e asesoramento á sociedade en xeral, dende a asociación veñen de anunciar o vindeiro desenvolvemento dunha xornada sobre Industria 4.0 no ámbito naval: a conferencia Xemelgos Dixitais e o reto dos buques intelixentes, impartida por Donato Martínez Pérez de Rojas, Juan Ignacio Silvera Vez e Carlos Blanco Seijo.

Durante a sesión, os relatores, enxeñeiros expertos na materia, ofrecerán unha visión xeral do plan de transformación que dará lugar ao xemelgo dixital no entorno da construción naval, abordarán os retos e oportunidades desta tecnoloxía e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo, finalizando cunha exposición dun caso de aplicación nos futuros buques da Armada Española. A xornada celebrarase o 28 de outubro ás 11:15 h. no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura, Monte Gaiás - Santiago de Compostela. A conferencia comezará cunha sesión de presentación a cargo de Rosa Ménez Calvo, directora da Área Sociedade Dixital de AMTEGA, e Julio Sánchez Agrelo, presidente da AETG. A continuación serán os relatorios de Donato Marinez (Retos da construción naval no século XXI), Juan Ignacio Silvera (Retos e oportunidades dos xemelgos dixitais e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo) e Carlos Blanco (Aplicacións desta tecnoloxía nos futuros buques da Armada Española).

21/10/201910:02
Cartel da iniciativa.
A Coruña

A Coruña impulsa un novo programa de formación dixital en feminino

O Concello da Coruña vai poñer o foco no novo emprendemento feminino dende unha óptica innovadora e tecnolóxica. Disto, de potenciar novos proxectos comandados por mulleres (e de optimizar a formación tecnolóxica avanzada das profesionais) vai tratar o programa #SheMeansBusiness, impulsado pola área de Promoción Económica e Comercio do Concello, zona From Facebook, GDOCE e CEPYME.

Trátase dun programa gratuíto de formación para mulleres (traballadoras por conta propia ou autónomas e traballadoras por conta allea de PEME) concibido para axudalas a desenvolver e xestionar redes de contactos con ferramentas dixitais de Facebook. O obxectivo concreto, en palabras da organización, é “promover a confianza e habilidades para utilizar as ferramentas da economía dixital e potenciar así os seus negocios”. Os obradoiros incluídos no programa constan de 4 horas de formación divididas en 3 módulos formativos onde se desenvolven as actividades en equipos de traballo e de forma dinámica: un módulo sobre Facebook, un módulo sobre Instagram e un módulo sobre creatividade. Tras rematalos, as asistentes recibirán un certificado de asistencia xunto con máis información útil para seguir mellorando as súas competencias dixitais. 

As mulleres, tanto traballadoras por conta propia como por conta allea, que desexen inscribirse aos talleres poden facelo enchendo o formulario específico. O prazo para realizar a inscrición remata o 27 de outubro. A actividade celebrarase nas instalacións do Centro Municipal de Empresas Agrela (rúa Galileo Galilei, 62. 15008 A Coruña) o dia 26 de novembro de 2019. Están previstos dous horarios, en función da demanda (de 9:30 a 13:30 horas ou de 16:00 a 20:00 horas).

21/10/201909:45
Cartel do evento.
Meira

Máis de noventa axentes do sector agrogandeiro galego participan este martes nunha nova xornada sobre o proxecto Primare

  • A Xunta organiza un novo encontro para dar a coñecer o proxecto de inspeccións intelixentes avanzadas para a automatización dos controis no campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC)
  • Os responsables de explotacións agrarias coñecerán tamén outras futuras aplicacións que lles ofrecerá a plataforma Primare
  • A xornada inclúe unha demostracións con drons para a captura de información

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organiza o próximo 22 de outubro no concello de Meira (Lugo) a xornada “Primare Demo-Day” para dar a coñecer as oportunidades e retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ para a automatización dos controis no campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).

Trátase da segunda das xornadas previstas, trala celebrada o pasado 17 de setembro en Forcarei (Pontevedra), para que responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), e outros axentes do ámbito agrario coñezan de primeira man o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC. 

O programa inclúe ademais a presentación de futuras aplicacións para que os agricultores se involucren de forma activa nos procesos de inspección da PAC e se beneficien de servizos de valor engadido para facilitar a xestión das explotacións agrarias. 

Así mesmo, incorpora unha actividade de campo para os que estean interesados en coñecer o funcionamento do uso de medios aéreos non tripulados – drons - para a captura e xestión de información xeográfica, territorial e agroambiental xeorreferenciada das explotacións.

A asistencia á xornada é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/ 

Proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos).

Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative“.

18/10/201918:35
Entrega dos Premios Digital Tourist 2019.
Benidorm

Nava Castro salienta a aposta de Galicia pola innovación turística e o big data para unha xestión ordeada do destino

  • A directora de Turismo de Galicia participou hoxe no II Congreso Digital Tourist que se celebra na cidade de Benidorm ao redor do turismo intelixente

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no II Congreso Digital Tourist no que expuxo o traballo levado a cabo pola Xunta na implantación das novas tecnoloxías e a innovación no eido turístico.

Durante a súa intervención, salientou a aposta de Galicia neste eido como unha estratexia “necesaria de presente e futuro” para converterse nun destino cada vez máis competitivo. “O noso traballo pasa por empregar a innovación e tecnoloxía de xeito que nos axude a xestionar mellor o impacto social, cultural e medioambiental do turismo e afondar nunha correcta planificación e ordeada xestión dos nosos recursos”, dixo.

Puxo de manifesto as diferentes ferramentas que Galicia pon a disposición dos turistas, como as apps temáticas e especializadas ao redor do destino ou de diferentes recursos naturais, así como portais web e perfís participativos nas redes sociais ou servizos de wifi gratis nos albergues de peregrinos da rede pública do Camiño de Santiago, entre outras.

Recordou, ademais, o impulso da Xunta para fomentar entre o sector turístico o uso das tecnoloxías para mellorar o coñecemento do cliente, a comercialización ou a fidelización poñendo como exemplo a ferramenta de xestión impulsada para os balnearios galegos ou a plataforma online de comercialización de experiencias enoturísticas en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia que se atopa en fase de desenvolvemento.

Premio á Xunta dos profesionais do sector

Nava Castro referiuse tamén á importancia que Galicia dá á innovación no ámbito dos datos estatísticos. Neste sentido falou das liñas de traballo en marcha relacionadas coas estratexias de big data, como o proxecto europeo para o desenvolvemento da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés-Xurés, no que se empregarán datos de compañías telefónicas de ambos países para identificar movementos e perfís dos visitantes da zona, ou o proxecto posto en marcha xunto a rexión Norte de Portugal e varias universidades para dispor dun sistema de intelixencia turística baseado en datos con orixe no big data.

A directora de Turismo salientou tamén a aposta de Galicia por incorporar a innovación no Camiño de Santiago que vén de recibir o premio da organización do congreso, a asociación patronal representante do sector da industria tecnolóxica dixital en España AMETIC.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS