O Concello de Mos inicia a segunda edición do seu obradoiro Coñece o teu móbil, dirixido, como o seu propio nome indica, a introducir a veciñanza (facendo fincapé na xente maior) nas principais vantaxes e utilidades duns aparellos que, cos novos modelos intelixentes (smartphones) do mercado a prezos máis ou menos accesibles, van moito máis alá da tradicional funcionalidade de facer e recibir chamadas. Como principal novidade con respecto da primeira achega (que se saldou cun importante éxito de participación), esta segunda convocatoria achega dous grupos formativos: un para iniciar aos participantes e outro de perfeccionamento. Segundo lembra o Concello, trátase dunha iniciativa de balde e directamente encamiñada a persoas maiores de 65 anos residentes en Mos (ou pensionistas maiores de 55 anos).
O grupo de iniciación recibirá clases ata o día 20 de decembro. En horario de martes e xoves de 11.30 horas a 13.00 horas. Neste grupo participan un total de 15 alumnos/as.
O grupo de perfeccionamento, formado por 15 veciñas e veciños, terá clase ata o 21 de decembro, en horario de luns e mércores de 11.30 horas a 13.00 horas. A iniciativa Coñece o teu móbildesenvolverase nas instalacións do centro Multiusos das Pozas. Vén da man da Concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón.
Pos obxectivos, como dixemos, é incrementar a marxe de uso dos dispositivos entre os maiores de Mos, facendo fincapé nas súas vantaxes comunicativas (cousas como estreitar as ligazóns con familiares, amigos, coidadores ou persoal médico) e nas posibilidades informativas e creativas (conexión á Rede, uso de aplicacións de gran utilidade, acceso a redes sociais e comunidades en xeral, emprego da cámara, etc). Segundo informa o Concello, a idea é desbotar a falsa crenza de que a telefonía móbil é complexa, excluínte e só está ao alcance dos nativos dixitais. O que se busca, polo tanto, é amosar a manchea de prestacións que fornecen os terminais, “cada vez máis doados de empregar”. O obradoiro, por estas e outras razóns, insírese por dereito propio no que se coñece como envellecemento activo (a aplicación de diversas metodoloxías, incluído o uso das novas tecnoloxías da información, para incrementar a calidade de vida das persoas de idade e loitar contra a incomunicación, a desatención ou a soidade).